
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe unha achega de máis de 26 millóns de euros para a formación de 8.700 persoas a través de 580 cursos especializados no naval, no metal e na automoción; na docencia de formación profesional para o emprego, e para as accións vinculadas coas competencias dixitais.
Máis polo miúdo, investiranse 6,65 millóns na realización de 145 cursos para cualificar a 2.175 persoas sen emprego nos sectores do metal, o naval e a automoción. En competencias clave, levaranse a cabo 58 cursos para cualificar a 870 persoas e, con preto de 4 millóns de euros desenvolveranse accións de formación sobre competencias dixitais para 305 desempregados.
Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo lembrou que nesta convocatoria, ao igual que na anterior, tamén se dará prioridade: aos cursos vinculados coa Industria 4.0; aos idiomas, coñecementos financeiros, xurídicos e ás especialidades con maior demanda ou maior inserción laboral. “Para iso, destinarase 13 millóns de euros”, dixo, incidindo en que a Xunta seguirá apostando por este tipo de programas formativos xa que na edición do ano 2016, un 60% dos alumnos que se cualificaron nestes cursos acadaron un emprego, catro puntos porcentuais máis que nos dous anos anteriores.
Cómpre recordar que as accións formativas, que empezarán a partir de setembro e se estenderán ao longo de 12 meses, enmárcanse na folla de ruta do Goberno galego en materia laboral: a Axenda 20, coa que tamén se está apoiando este ano outro tipo de programas dirixidos á cualificación para desempregados. Neste eido, destacan as unidades formativas na empresa cun compromiso mínimo de contratación do alumnado que se forme.
O terminal chámase phoneKid e a pesar de ter unha aparencia dun smartphone normal e corrente, no seu interior incorpora o software desenvolvido pola compañía que permite aos pais manter o control sobre o uso do dispositivo.
Este control tamén é especialmente interesante para pais con fillos con distintos tipos de discapacidade, xa que permite facilitar o uso do terminal, deixando só dispoñibles as aplicacións principais, e dá unha maior tranquilidade coas opcións de seguridade.
Ademais de decidir as aplicacións á que o seu fillo pode acceder, os pais poden utilizar unha función denominada 'Escóitame', pola que se conxela o móbil para que o usuario faga caso aos seus proxenitores.
En canto aos sistemas de seguridade, o teléfono ten a xeolocalización sempre activa de maneira que os pais poden saber a localización do neno. Tamén incorpora un botón SOS e a posibilidade de realizar chamadas de emerxencia ocultas, para que o pequeno as utilice en caso de situacións de perigo.
Un teléfono moi interesante pensado para cubrir ese momento no que os nenos xa reclaman aos seus pais un móbil pero estes queren controlar o seu uso. E tamén unha opción para o seu uso por nenos con discapacidade xa que ten unhas funcións de personalización e de seguridade moi valiosas.
Os galardóns empresariais da Deputación da Coruña vanse entregar o vindeiro 23 de marzo. Estamos a falar do Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial e das súas tres categorías, dotadas con 25.000 euros cada unha: Mellor Iniciativa Empresarial Nova (para proxectos emprendedores con menos de 12 meses de antigüidade, Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada (para empresas que conten con máis de cinco anos de actividade), e Mellor Iniciativa Socialmente Responsable (que premiará as firmas que contribúan ao medre sustentable da provincia). Segundo fai saber a Deputación da Coruña, coma na anterior convocatoria hai unha nutrida presenza de iniciativas tecnolóxico-dixitais entre as candidaturas presentadas. Estes e outros datos foron dados a coñecer esta semana, na xuntanza do xurado dos galardóns na sede da entidade que preside Valentín González.
Como dixemos, os gañadores daranse a coñecer o vindeiro venres 23 de marzo, nun acto que contará coa presenza do presidente da Deputación e o deputado de Promoción Económica, José Luis García, e representantes do tecido empresarial da provincia.
A Deputación convocou este premio por segundo ano consecutivo dentro das accións do Plan de Emprego Local (PEL), co obxectivo de recoñecer o traballo realizado polas pequenas e medianas empresas, autónomos e emprendedores comprometidos co desenvolvemento económico dos concellos coruñeses.
Na xuntanza desta semana fíxose saber que un total de 78 empresas da provincia presentaron as súas candidaturas ás tres categorías coas que conta o galardón. O xurado estivo presidido polo deputado de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, mentres que o secretario foi Rafael Díaz-Aguado, Xefe do Servizo de Promoción Económica, Turismo e Emprego. Así mesmo, participaron especialistas de diferentes ámbitos relacionados co mundo da empresa e representantes de asociacións e outras organizacións de empresarios con presenza nos concellos coruñeses, entre as que se inclúen a Asociación de Empresarios Novos da Coruña, a USC, a UDC, a CEC ou a Cámara de Comercio de Santiago.
Os dez membros do xurado avaliaron as candidaturas seguindo criterios como “a orixinalidade do negocio, a formación do seu promotor, o seu grao de innovación, a participación en redes de traballo ou a implantación de medidas de RSC, entre outros”.
En canto aos ámbitos de actividade das empresas, salientan as adicadas ás novas tecnoloxías da información e á programación informática, así como as empresas de servizos de enxeñaría e consultoría, comercio en liña e desenvolvemento de aplicacións. Tamén concorren a este segundo premio empresas dos sectores da alimentación, hostalería, cosmética e estética, educación, turismo e actividades de servizos sociais.
A Fundación GoodJob inicia a súa segunda edición de Certificado de Profesionalidade de Seguridade Informática para persoas con discapacidade. Dado o interese da temática e a falta de profesionais formados, desde GoodJob afirman que o 60% dos alumnos que finalizan as prácticas, acaban sendo contratados polo Centro Especial de Emprego da Fundación para pasar a formar parte do persoal de empresas do sector.
A entidade aposta por un sector clave na economía do noso país, como é o da seguridade informática, abordando temáticas de prevención de riscos asociados ao contexto dixital, como poidan ser roubos de identidade, protección de datos, etc.
O curso, impartido de maneira presencial na sede da Fundación GoodJob, ten unha duración de 420 horas cunha parte de prácticas de 80 horas. O certificado que reciben ao final do curso, acredita aos que o superen en capacitación para garantir a seguridade dos accesos e usos da información rexistrada en equipos informáticos, así como do propio sistema. A finalidade é que teñan coñecementos para protexer ás empresas de posibles ataques e exposición a vulnerabilidades.
Coincidindo con esta segunda edición, a Fundación GoodJob e o ISMS Forum Spain asinaron un acordo de colaboración para realizar actividades comúns que favorezan a integración das persoas con discapacidade no ámbito da Seguridade da Información e de protección de datos. Ambas as organizacións desenvolverán actividades conxuntas para favorecer o acceso a postos de traballo de persoas con discapacidade.
Os vindeiros 13 e 14 de abril celebraranse no IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela a nova edición, a número 17, das Xornadas de Tecnoloxía da Asociación de Profesorado de Tecnoloxía de Galicia, APETEGA. Trátase, para quen non o saiba, dun acontecemento divulgativo e formativo encamiñado a achandar no ámbito docente o camiño da investigación tecnolóxica e científica. A metodoloxía empregada, basicamente, é formar a formadores e alumnado e intercambiar recursos e capacidades. O obxectivo, en última instancia, é estimular o noso talento.
Haberá 120 prazas, habilitadas sobre todo para o profesorado de Secundaria e Bacharelato, homologadas pola Consellería de Educación como actividade de formación do profesorado por un total de 12 horas. A inscrición pódese facer na páxina da APETEGA.
Respecto do programa de actividades, estas comezan o día 13 cunha visita ao CiTIUS, no Campus Sur da USC, centro referencial a nivel galego e estatal en materia de novas tecnoloxías de comunicación. Pola tarde, logo do xantar, celebrarase o acto inaugural, unha charla sobre satélites e un coloquio sobre escenas de cinema e debates tecnolóxicos. Ao día seguinte, o programa arranca cunha charla-coloquio sobre unidades didácticas de tecnoloxías e prosegue con comunicacións didácticas e exposición de proxectos. Logo, ao mediodía, será a quenda dos primeiros obradoiros, que proseguirán pola tarde, logo do xantar. Por temáticas, os obradoiros porán o foco nas seguintes cuestións: deseño en 3D, téxtiles intelixentes, galgas extensiométricas con Arduino, realidade aumentada, drons, robótica e aproveitamento e reciclaxe de material tecnolóxico. Ademais, introducirase aos participantes na iniciativa AppInventor, unha contorna de desenvolvemento de software creado por Google Labs para a elaboración de aplicacións dirixidas ao sistema operativo Android, lanzado por Google.