
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
As mulleres galegas entre os 16 e os 54 anos superan aos homes no uso de Internet e a partir dos 55 anos evidénciase a fenda dixital de xénero. Esta é unha das principais conclusións do estudo monográfico “A Sociedade da Información dende una perspectiva de xénero”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O informe constata que en Galicia, a fenda dixital de xénero no uso de Internet continúa a reducirse de forma lenta pero constante, experimentando unha diminución de 0,8 puntos no último ano. Pola contra, a nivel estatal increméntase 0,7 puntos porcentuais respecto ao ano anterior.
Posición no contexto europeo e estatal e evolución
O 75,5% dos homes e o 72,5% das mulleres galegas utilizaron Internet nos últimos tres meses. Mentres que en Galicia, o uso de Internet nos últimos tres meses é 3 puntos porcentuais maior entre os homes que entre as mulleres, no conxunto do Estado a diferenza é de 3,9 puntos.
Con respecto á media europea, a fenda dixital de xénero no uso de Internet en Galicia está 1 punto por debaixo da media da Unión Europea (4 puntos) e ao mesmo nivel de países como Alemaña ou Bélxica. Cabe salientar que a fenda de xénero en Galicia é inferior á que se rexistra en Croacia (8 puntos), Austria (7 puntos) e Italia (6 puntos). No extremo oposto, os países con menor fenda de xénero respecto á media europea como Dinamarca, Finlandia e Irlanda (-2 puntos, con vantaxe das mulleres) e Lituania (-1 punto).
Factores influentes na fenda de xénero
A fenda de xénero no uso de Internet presenta unha tendencia marcada pola idade, sinalando unha ruptura dixital arredor dos 55 anos. Así, entre os máis novos as mulleres superan ou igualan aos homes no uso de Internet, mentres que a partir dos 55 anos as distancias aumentan sensiblemente en detrimento do uso feminino da Rede ata chegar aos 9,4 puntos porcentuais entre os maiores de 65 anos.
Atendendo ao nivel formativo, a fenda dixital de xénero afecta con máis intensidade ás persoas con menor nivel de estudos, para igualarse a partir da formación secundaria. Estudantes e ocupadas son os grupos laborais que rexistran unha menor fenda dixital de xénero, achegándose á universalidade entre as primeiras e cun alto grado uso entre as segundas. Pola contra, as mulleres dedicadas ás tarefas do fogar, con algunha discapacidade ou xubiladas son as máis afectadas polas diferenzas de sexo á hora do acceso á Rede.
Respecto á influencia do hábitat na fenda dixital segundo o sexo, a fenda de xénero é máis acusada nas vilas galegas de máis de 20.000 habitantes, onde supera os 4 puntos porcentuais. Pola contra, os concellos de menos de 5.000 habitantes amosan menor diferenza.
As mulleres empregan máis a administración electrónica
O estudo analiza tamén a interacción coas Administracións Públicas a través de Internet, observándose como as internautas galegas relaciónanse a través da Rede, en maior medida, coas Administracións Públicas que os homes.
O uso do comercio electrónico en termos globais é 2 puntos superior entre os homes que entre as mulleres galegas, aínda que sensiblemente inferior á fenda que se rexistra no conxunto do Estado (6,1 puntos porcentuais). Novamente as diferencias entre idades son notorias. Mentres que entre as mulleres de 25 a 34 anos o uso de comercio electrónico é dun 52,5%, superando en 4,4 puntos aos homes (48,1%), as diferenzas vanse acortando ou invertendo a medida que aumenta a idade.
Plan de Inclusión Dixital de Galicia
A mellora das infraestruturas de telecomunicación e as iniciativas para dinamizar o uso das TIC a través do Plan de Inclusión Dixital teñen contribuído en boa medida ao incremento no uso das TIC en Galicia. A rede de aulas públicas CeMIT conta con máis de 74.000 usuarios dos que o 58% son mulleres.
A formación pública en colaboración con outros axentes públicos e privados está a contribuír a achegar as TIC ao tramo de poboación galega con máis dificultades no acceso ás TIC: os maiores.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vai poñer en marcha o Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia, DICO Mindset, aprobado no último Consello da Xunta. A estratexia define actuacións en tres eixos: o reforzo do capital humano, o desenvolvemento de proxectos tractores e o fomento da competitividade dixital para configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo, que neste momento aglutina en torno a 900 empresas con preto de 5.400 empregados.
Proxectos tractores
Desde a Administración autonómica impulsaranse iniciativas en diferentes ámbitos, que ademais de dar resposta a demandas concretas, buscan ter un efecto de estímulo para o sector.
Entre os proxectos previstos a Amtega colaborará coa CRTVG para incorporar tendencias interactivas nas súas emisións, avanzando no posicionamento da televisión pública autonómica nos novos hábitos de consumo de contidos con tres liñas de actuación:
Con estas iniciativas darase un paso máis na adaptación da oferta da televisión pública autonómica á experiencia de usuario que esixe a audiencia, incorporando as posibilidades de interactividade, personalización e especialización que facilita o contexto dixital e internet.
Ademais, en colaboración co sector audiovisual e o sector TIC crearase un centro de produción de contidos dixitais e dentro da iniciativa de Memoria Dixital apostarse pola aplicación da innovación tecnolóxica a todo o ciclo de vida de preservación, xestión e promoción do patrimonio cultural galego.
Capital humano dixital: mellora das capacidades dos profesionais do sector
As actuacións deste eixo céntrase en facilitar o acceso á formación do capital humano vinculado ao sector dos contidos dixitais para que conten coas ferramentas necesarias para afrontar procesos de renovación e reorientación empresarial.
Para iso apostarase pola xeración e atracción de talento a través de programas de bolsas para prácticas non laborais; formación específica para directivos como o Programa AceleraTIC para construír un perfil directivo no sector que manexe o dixital desde un punto de vista estratéxico e a convocatoria de actividades divulgativas orientadas a que os máis novos se orienten profesionalmente cara ao eido dos contidos dixitais.
Colaboración e competitividade dixital
As actuacións deste eixo buscan establecer colaboracións entre empresas, que permitan abordar retos tecnolóxicos e definir novos contidos audiovisuais que poidan rendibilizarse noutros mercados.
A través do programa DICO Challenge, porase en marcha unha aceleradora de contidos dixitais, na que unha empresa tractora presentará retos e demandas ao sector para súa resolución.
Facilitarase o acompañamento ás pemes do sector dos contidos dixitais co programa ReAcciona Digital Content, que presentará un catálogo de servizos que permita ás empresas deste perfil a incorporación ao seu proceso produtivo de novas tendencias tecnolóxicas.
Para facilitar o acceso ás novidades neste ámbito prevese a posta en marcha dun centro de análise e vixilancia das tendencias tecnolóxicas, en colaboración cos Clústers TIC e Audiovisual, que favoreza e fomente o contacto e a transferencia de coñecemento entre os axentes do ecosistema dos contidos dixitais.
Orzamento
A execución do Plan obedece a unha filosofía de coordinación e colaboración entre distintas entidades do ámbito público (Amtega, Igape, CRTVG, Agadic, etc.), que se estende tamén aos actores do ámbito privado (Clúster TIC, Clúster Audiovisual, empresas tractoras, etc.). En total, DICO Mindset conta cun investimento de máis de 13 millóns de euros, dos que máis de 1,6 millóns de euros se corresponden con capital privado, no período 2018-2020.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a posta en marcha da estratexia para impulsar os contidos dixitais e configurar un sector na comunidade máis potente e competitivo, un sector que, neste momento, aglutina en torno a 900 empresas con preto de 5.400 empregados.
Feijóo explicou que este plan define actuacións en tres eixos: o desenvolvemento de proxectos tractores, o reforzo do capital humano e o fomento da competitividade dixital. No tocante ao primeiro eixo, precisou que o obxectivo é impulsar desde a Administración autonómica iniciativas en diferentes ámbitos que, ademais de dar resposta a demandas concretas, busquen ter un efecto de estímulo para o sector.
Así, un dos máis importantes será a colaboración prevista coa CRTVG para incorporar tendencias interactivas nas súas emisións, avanzando no posicionamento da televisión pública autonómica nos novos hábitos de consumo.
Para elo, incorporaranse á experiencia de usuario novidades como: as segundas pantallas con contidos de realidade aumentada e realidade virtual para dispositivos móbiles, sincronizados con programas que se emiten na actualidade; empregaranse modelos de análise de datos, baseados en técnicas de Big Data, para crear canles multimedia adaptados aos comportamentos da audiencia; e crearase unha canle temática interactiva capaz de albergar e producir produtos audiovisuais para o ámbito educativo, como complemento para o Programa Abalar.
Neste mesmo eido, o presidente da Xunta destacou ademais outras iniciativas como crear un centro de produción de contidos dixitais que poidan servir aos sectores que os requiran. Así mesmo, dentro da iniciativa de Memoria Dixital, apostarase pola aplicación da innovación tecnolóxica a todo o ciclo de vida de preservación, xestión e promoción do patrimonio cultural galego.
Sobre o segundo eixo de actuacións, dirixido a facilitar e mellorar a formación do capital humano vinculado ao sector dos contidos dixitais, cómpre resaltar dúas liñas de actuación: a creación dun programa de bolsas para prácticas non laborais, que permita orientar ás novas xeracións que se forman nesta disciplina; e un programa de formación específica para directivos para construír un perfil directivo no sector que manexe o dixital desde un punto de vista estratéxico.
Finalmente, e co fin de buscar unha maior competitividade dixital, estableceranse colaboracións entre empresas, que permitan abordar retos tecnolóxicos e definir novos contidos audiovisuais que poidan rendibilizarse noutros mercados.
Neste eido, poñerase en marcha unha aceleradora de contidos dixitais, na que unha empresa tractora presentará retos e demandas ao sector para súa resolución. Así mesmo, aprobarase un programa de acompañamento ás pemes do sector dos contidos dixitais, que presentará un catálogo de servizos que permita ás empresas deste perfil a incorporación ao seu proceso produtivo de novas tendencias tecnolóxicas.
Feijóo concluíu aseverando que, cun investimento de máis de 13 millóns de euros ata 2020, bota andar un plan cunha filosofía fundamental que é a colaboración entre entidades do ámbito público e do ámbito privado; e co obxectivo claro de crear contidos dixitais que impulsen o sector tecnolóxico pero que, sobre todo, permitan dixitalizar tamén outros sectores económicos.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por seguir impulsando e apoiando as vocacións científico-tecnolóxicas para acadar a plena incorporación da economía galega á revolución dixital. “É necesario que as institucións e as empresas sigamos confiando e apoiando o talento galego”, aseverou.
Neste sentido, recordou que, segundo o informe avaliado onte no Consello da Xunta sobre o impacto das tecnoloxías 4.0 no sector produtivo galego, mentres no eido da automoción hai unha implantación moi importante das tecnoloxías 4.0, no resto de sectores un 40% das empresas galegas as están empregando, o que significa que aínda queda moito traballo por diante.
Durante a inauguración da xornada La era tecnológica: un desafío para las empresas y sus líderes, o titular da Xunta incidiu en que aplicar ás empresas os avances da era dixital serve: para captar máis investimentos, para optimizar os procesos e para aumentar as vendas.
Fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as mulleres
Ao longo do acto, Feijóo referiuse tamén ao reto de aumentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as mulleres. Ao respecto lembrou que nos últimos catro anos, por exemplo, se duplicou a taxa de participación das mulleres nas axudas da Xunta destinadas á innovación, pasando do 27% en 2013 ao 53% en 2017. Ao que engadiu que o apoio da Administración autonómica á igualdade na I+D+i se plasma, ademais, en documentos como o Plan galego de muller e ciencia, en vigor desde 2016; e no impulso a programas de referencia internacional como Innopharma, para o desenvolvemento temperán de fármacos, e un proxecto sobre nanomedicina contra o cancro metastásico, liderados por Mabel Loza e María José Alonso, respectivamente.
Así mesmo, Feijóo subliñou que este esforzo non o está liderando en solitario o Goberno galego, ao contar co compromiso das universidades e das empresas. Non en van o 47% das persoas que traballan en I+D+i nas universidades son mulleres (por riba da media nacional); “e, aínda que a porcentaxe segue sendo menos do que nos gustaría, hoxe, hai un 36% máis de mulleres traballando en innovación nas e empresas que hai unha década”.
O responsable do Goberno galego valorou as moitas iniciativas que están a brotar da comunidade escolar e universitaria galega para impulsar as vocacións STEM entre as mozas galegas como: Estalmat Galicia, un proxecto que leva xa dez anos impulsando os talentos matemáticos entre nenas e nenos de 12 e 13 anos, amosándolles desde as idades máis temperás que na súa vocación non debe haber diferenzas de xénero. E, coa iniciativa Donas do código, alumnas e alumnos de 6º de primaria do colexio de Laredo, en Redondela, investigaron e deron a coñecer as figuras de nove mulleres de referencia nos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía.
Ao fío disto, expresou tamén a necesidade de que as mozas con vocación científica coñezan ás mulleres que viñeron antes e lles abriron o camiño. E, con este fin, recordou o premio María Wonenburguer.
O Concello de Brión vén de anunciar o vindeiro desenvolvemento de actividades formativas para rachar coa fenda dixital e incrementar, con capacitación dixital, a empregabilidade da cidadanía. Máis polo miúdo, vai organizará cursos de balde de informática básica para persoas desempregadas, a celebrar na data que concreten os propios participantes e en canto haxa un mínimo de 8 persoas inscritas. Trátase dunha actividade que, en palabras do Concello, “busca que o alumnado adquira coñecementos básicos de informática de cara a mellorar a súa empregabilidade”.
En detalle, as persoas que participen aprenderán nocións básicas do manexo dun computador, do sistema operativo Windows, a manexar un procesador de textos, así como crear e manexar contas de correo electrónico e navegar por Internet. O curso terá lugar na aula CeMIT local, de martes e xoves, en horario de 10:30 a 12:30 horas, na data que concreten as persoas que estean interesadas. A inscrición, polo tanto, estará aberta durante todo o ano na Casa da Cultura, no teléfono 981 50 99 08 ou en empregobrion@gmail.com.