main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

21/03/201807:47
O presidente da Xunta recibiu ao conselleiro delegado de Orange España.
Santiago de Compostela

O operador Orange garante á Xunta que cumprirá o obxectivo de dotar de conexións de máis de 100 Mbps a 811 centros educativos públicos de Primaria e Secundaria

  • O conselleiro delegado de Orange, o operador adxudicatario da iniciativa “Escolas Conectadas”, reuniuse hoxe co presidente da Xunta para dar conta da evolución do proxecto
  • Esta medida, sumada ás realizadas pola Xunta, permitirá que o 100% dos máis 1.200 centros de primaria e secundaria galegos teñan conexións ultrarrápidas

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recibiu hoxe ao conselleiro delegado de Orange España, Laurent Paillassot, quen lle explicou o estado dos traballos para dotar de conexións ultrarrápidas a máis de 800 sedes de centros educativos públicos de primaria e secundaria de Galicia.

Este era o obxectivo da iniciativa Escolas Conectadas, da que Orange resultou adxudicatario e que se desenvolve na Comunidade grazas á colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Ministerio de Educación, Cultura Deporte e Red.es, a entidade estatal responsable da licitación.

Esta actuación, sumada as que xa tiña en marcha a Administración autonómica, posibilitará que o 100% das sedes dos centros públicos de primaria e secundaria da Comunidade, máis de 1.200, dispoñan de redes ultrarrápidas.

 

Ata 500 Mbps de velocidade

Laurent Paillassot trasladoulle ao presidente da Xunta que están abordando a fase final do proxecto, que prevé completar en abril os traballos nos últimos 22 centros –dun total de 811-.O 63% destes centros disporán de velocidades de 500 Mbps e o 37% restante de 150 Mbps. Ademais, Orange proporcionará wifi a 400 centros e a Xunta a outros 400. O investimento público destas actuacións xunto co custe do mantemento das liñas supoñen un orzamento de 19,7 millóns de euros.

A Xunta farase cargo do mantemento das liñas, unha vez que se complete a fase de validación dos centros, que garante que as velocidades de conexión son as estipuladas nos pregos. Esta fase non se completará previsiblemente ata despois do verán. Desde a Xunta trasladóuselle a operador a necesidade de acurtar os tempos de resposta ante as posibles incidencias técnicas nas conexións.

 

Investimentos de Orange na Comunidade

Por outra banda, Laurent Paillassot avanzou ao presidente galego os obxectivos da súa compañía en Galicia. O conselleiro delegado do operador sinalou que a finais de 2019 a compañía terá investido en Galicia máis de 92,5 millóns de euros no despregamento da súa rede de na comunidade, acadando unha cobertura aproximada do 53% sobre o conxunto de vivendas principais da Comunidade galega, distribuídas en 40 municipios.

De forma paralela á construción desta rede de fibra, Orange destinou ata o momento 202 millóns de euros para despregar a tecnoloxía móbil 4G na Galicia, aos que se sumarán outros 5,3 millóns máis este mesmo ano para completar o despregamento destas redes.

21/03/201807:42
Foro Emprego.
Ourense

Unha vintena de entidades participa no terceiro Foro Emprego da ESEI de Ourense

Esta semana, entre hoxe e mañá, celébrase na Escola Superior de Enxeñaría en Informática do Campus de Ourense unha nova edición (a terceira) do Foro Emprego. A cita, un espazo común para empresas do sector TIC e alumnado (onde poder establecer contacto e achandar o terreo para máis que posibles colaboracións laborais) desenvólvese a partir das 10.00 horas no salón de graos do Edificio Politécnico. No foro están a participar arredor dunha vintena de compañías e entidades, todas elas co nexo común de demandar profesionais do eido tecnolóxico. Segundo apuntou a Escola na inauguración (hoxe pola mañá) do encontro, “o que diferenza este foro de emprego doutros é que o alumnado participa nel consciente das vantaxes que lle dan as elevadas taxas de empregabilidade destes titulados e tituladas”.

O obxectivo da iniciativa, explica Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, é duplo. Por unha banda,“ao alumnado permítelle coñecer o mercado laboral, contactar con empresas do sector e ver que proxectos están a desenvolver na actualidade”. Por outra banda, sinalou, “ás empresas permítelles contactar co alumnado de mestrado e de grao desde etapas temperás, antes da súa saída ao mercado laboral”. O director da ESEI tamén lembrou as “altas taxas de empregabilidade do sector, superiores ao 90% unha vez remata a titulación”. Repetindo moitas delas de anteriores edicións, o foro conta coa participación de empresas e entidades como Bahía Software, Tecnologías Plexus, Grupo Cuevas, Balidea Consulting, Viewnext, Gradiant, Altia, Redegal, Arbentia Consulting, Optare Solutions, Imatia Innovation, Sivsa Soluciones, Coremain, Everis e Indra Sistemas. 

A programación permite ao alumnado asistente asistir a presentacións de cada unha destas entidades e por outra realizar entrevistas individuais cos representes destas empresas, entrevistas nas que os estudantes poden entregarlles os seus currículos e establecer contacto. A primeira das presentacións correu a cargo de Bahía Software, empresa de consultaría tecnolóxica de software a medida nada en 1999 e que na actualidade conta con arredor de 180 traballadores e traballadoras. Iria Vázquez, técnica de selección da entidade, e Álvaro Suárez, responsable da delegación en Ourense, foron os encargados de explicar ao alumnado presente as características da empresa, dalgúns dos perfís tecnolóxicos que están a procurar e de proxectos que na actualidade están a desenvolver en diferentes eidos, sobre todo no da saúde.

20/03/201814:26
O astronauta Scott Kelly, coa camiseta oficial de VermisLab.
Santiago de Compostela

VermisLab converterá Santiago nun campamento espacial para escolares

VermisLab, o proxecto educativo galego impulsado por Vermis Project (estudo galego de deseño e desenvolvemento) destinado a equiparar as posibilidades educativas e laborais da mocidade da nosa terra con respecto á dos países máis avanzados en divulgación e capacitación STEM, vai organizar este mes un campamento espacial para nenas e nenos de máis de seis anos. A iniciativa Colonizando Marte, que se vai celebrar na sede de VermisLab en Compostela entre o 26 e o 28 de marzo, segue en boa medida o ronsel de éxito de Gastrociencia, o campamento do ano pasado, unha experiencia que converteu Santiago (durante cinco días) en obradoiro gastronómico e laboratorio. 

Para a cita deste ano contarase coa participación de Scott Kelly, o astronauta estadounidense que máis tempo pasou no espazo, que achegará aos alumnos a súa experiencia a través dun vídeo feito ex profeso. Amais, haberá moitas outras actividades innovadoras, como por exemplo a simulación dun lanzamento espacial en vivo. 

Un dos obxectivos básicos é “converter ás nenas e nenos en auténticos astronautas”. Para isto, terán que conseguir viaxar a Marte e desenvolver as condicións necesarias para poder facer vida neste planeta. Por temáticas, as accións propostas tocan un amplo abano de cuestións de gran actualidade e interese, como por exemplo bioloxía, bioenxeñaría, física, electrónica ou robótica. Como dixemos, os astronautas disporán dun transbordador espacial real a través do cal simularán o lanzamento dunha nave espacial con rumbo a Marte, o obxectivo será chegar sans e salvos ó planeta vermello.

VermisLab, explorando novas posibilidades
VermisLab é un proxecto de innovación educativa (cuxa sede sitúase na rúa do Tambre, número 61, en Santiago de Compostela) que explora novas posibilidades no eido da formación, co obxectivo de “potenciar a creatividade e estimular a curiosidade do alumnado polas novas tecnoloxías, o deseño ou a ciencia”. Este proxecto está formado por máis de vinte profesionais galegos de diferentes ámbitos, como a enxeñaría, a física, o deseño, a arquitectura, a comunicación ou a psicoloxía, os cales colaboran para desenvolver novas propostas formativas á vangarda da educación.

20/03/201814:19
Presentación do programa.
Pontevedra

As mulleres galegas e a súa memoria contarán este ano con nova web

A Concellería de Patrimonio Histórico de Pontevedra vén de facer un repaso polos froitos acadados e por acadar do programa A Memoria das Mulleres, que entra no seu quinto ano e que conta co pulo, precisamente, do tipo departamento do Concello. Foi precisamente Luís Bará, o responsable da Concellería, quen deu a coñecer a pasada semana os obxectivos do programa para este ano. Fíxoo ademais na compaña de tres colaboradoras, Carmela Sánchez Arís, Montse Fajardo e María Abelleira. Bará lembrou os obxectivos básicos da iniciativa (investigación de fontes documentais e orais, divulgación off-line e dixital e visualización dos coñecementos acadados) e fixo saber que un dos grandes retos previstos para este ano é crear unha páxina web, que será presentada ao remate do ano.

O espazo en liña, sinalou, “será o grande escaparate do feito ao longo destes anos”. Ou sexa, que a web servirá entre outras cousas para mostrar a coñecemento público toda a información xerada polo programa A Memoria das Mulleres, en forma de biografía, artigos, fotos, vídeos… Outra das previsións é potenciar a presenza feminina nos espazos cidadáns mediante unha publicación do Roteiro en feminino de Pontevedra, a través da sinalítica urbana e co incremento de nomes de muller en prazas rúas e espazos públicos. Por outra banda elaboraranse homenaxes concretas, como unha lembranza a María Vitoria Moreno (homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas) na súa faceta como mestra, como escritora, tradutora e, tamén, “como muller comprometida social e politicamente”.

A encargada do desenvolvemento da web será a investigadora María Abelleira, que porá o foco en visualizar o traballo realizado ao abeiro do programa e facelo botando man de múltiples formatos e fontes de información. A idea é que a páxina estea rematada a finais de 2018.

20/03/201814:11
GeriaTIC.
A Coruña

O CITIC impulsa unha iniciativa para mellorar a calidade de vida das persoas maiores

Javier Pereira, investigador do Centro de Investigación TIC da Universidade de A Coruña, é un dos artífices do proxecto Geria-TIC, que xa está en marcha en diferentes centros DomusVi da provincia de A Coruña. O obxectivo é desenvolver un modelo de medicamento participativo con persoas maiores mediante o uso de dispositivos wearables: pulseiras de medición de actividade e acelerómetros. O propio Pereira cóntanos deseguido en que consiste o proxecto e cal é o seu alcance para unha Comunidade coma a nosa, cunha das poboacións máis envellecidas de Europa. 

-Que é Geria-TIC e cales son os seus obxectivos?
-Geria-TIC é un proxecto de desenvolvemento tecnolóxico e industrial que fomenta o empoderamento da cidadanía facéndoa co-partícipe e co-responsable da xeración e acceso dos seus datos de saúde. Promove un modelo onde as persoas podemos achegar datos que poden ser útiles e que se poidan usar por parte do sistema sanitario para elaborar plans máis personalizados de tratamento e mellora de calidade de vida mediante un envellecemento san e activo.
Aprovéitanse as posibilidades da tecnoloxía actual de rexistro de datos fisiolóxicos a través de trebellos que podemos levar postos (wearables) como son os reloxos intelixentes; pulseiras que miden os pasos, sono, ritmo cardíaco; básculas ou termómetros, etc., para crear perfís de saúde que poden ser mellorados mediante diferentes actuacións.

-Como nace esta iniciativa?
-A iniciativa xorde do interese de tres empresas que uniron esforzos para mellorar servizos que estaban a prestar. Por unha banda, a empresa Aldaba Servicios Profesionales, que leva xa anos desenvolvendo solucións que permiten que a cidadanía poida rexistrar datos de saúde a través da súa plataforma ClepIO. Nesta plataforma, a Clínica Cobián, especializada en servizos sanitarios, principalmente en xinecoloxía e obstetricia, estaba interesada en propor solucións innovadoras para mellorar o problema de incontinencia urinaria que sofren un elevado número de mulleres a medida que avanzan en idade. 

Por outra banda, DomusVi, fornecedora de servizos a persoas maiores, tamén coincidiu en detectar este problema entre os seus usuarios, así como outros dous problemas como son as caídas e a mala calidade do sono que sofren as persoas maiores. Entre estes socios e coa colaboración do grupo de investigación da Universidade da Coruña RNASA-IMEDIR, a través do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e o Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC) definiuse o proxecto Geria-TIC, que foi presentado á convocatoria Conecta-PEME 2016 da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia e apoiado cunha importante axuda económica cofinanciada con fondos FEDER da UE (IN852A 2016/10).

 

-De que forma colabora o CITIC?
-O CITIC, en colaboración co INIBIC, está a colaborar coa investigación, encargándose de definir os protocolos de investigación, a recollida de datos das probas piloto e a análise da información. Desde o grupo do CITIC estableceuse o protocolo e os requisitos sobre a recollida de datos e definíronse os contidos de interese para a avaliación do impacto da participación de usuarios no proxecto mediante o estudo da calidade de vida

-Cal é o teu papel no proxecto?
-Son o investigador responsable do equipo de traballo do CITIC, que xunto con profesor Alejandro Pazos a través do INIBIC, coordinamos co resto dos socios empresariais o desenvolvemento da iniciativa. 

-En que centros está xa en marcha?
-O proxecto estase a executar mediante estudos piloto en tres centros de DomusVi: A Coruña (Oleiros), La Ciudad (A Coruña) e Carballo. Nestes centros, os profesionais de DomusVi e de Clínica Cobián xunto con persoal do noso grupo, están a desenvolver as probas piloto das intervencións e medicións de datos que son recollidas mediante o sistema ClepIO. Estes datos son consultados polos propios participantes e familiares que se autoricen.

 

-Como funciona a plataforma ClepIO?
-ClepIO é unha plataforma que permite o rexistro (automático ou manual) de datos persoais de saúde. Trátase dun PHR (rexistro persoal de saúde) con servizos avanzados como neste caso, onde quedan rexistrados datos de saúde pero tamén datos de tests moi personalizados para as persoas maiores como son a súa apreciación de estado de saúde, temores a caídas, aspectos de alimentación, etc. Dende Aldaba e ClepIO pódense consultar en detalle todos os seus servizos.

-Como beneficiará aos usuarios dos centros e ás súas familias?
-Os beneficios dos usuarios é inmediato, xa que están integrados nunha intervención que mellora os aspectos que se traballan: caídas, insomnio e incontinencia. Por outra banda, tamén se ven partícipes do traballo e resultados, xa que poden consultar en todo momento os datos dos que se fai seguimento. Os familiares poden ver o traballo feito polas persoas maiores, comprobar a súa actividade física, a calidade e cantidade de sono de cada día, etc., a través da app ClepIO instalada nos seus teléfonos móbiles.
Todo os detalles do proxecto estamos a publicalos en www.geriatic.udc.es.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS