
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Álvaro, María, Javier, Raquel, Daniel forman parte dun grupo de 13 mozos traballadores, en formación ou en procura de emprego.
Desde outubro, todos os venres acoden ás instalacións da Facultade de Educación da Universidade Complutense de Madrid a un obradoiro de programación con Scratch para desenvolver un videoxogo.
No seu día a día, hai unha circunstancia engadida: son persoas con síndrome de Down. E poida que o primeiro grupo de persoas deste colectivo que desenvolvan un videoxogo en España, baixo o nome Block Down.
Desde o pasado outubro, Voluntarios Telefónica e Down Madrid, co apoio de "Jóvenes Inventores", puxeron en marcha unha serie de obradoiros de programación con scratch para traballar nun videoxogo sobre a reciclaxe dirixida a nenos.
Con iniciativas como esta, a Fundación Telefónica e Down Madrid colaboran para aumentar a conciencia social para a inclusión e a autonomía deste colectivo.
A partir deste proxecto, desenvolverase unha metodoloxía propia sobre como ensinar a programar con Scratch a persoas con síndrome de Down e mostrar que a tecnoloxía, e en concreto a programación, non son barreiras para ninguén:
"A programación é un elemento clave na sociedade actual e o proxecto achega esta nova linguaxe a un colectivo que ata agora tivo pouco acceso a iso.
Os alumnos pensan de maneira independente e toman as súas propias decisións. Os voluntarios temos un rol de consultores tecnolóxicos, e só cando eles precisan a nosa axuda, nós botámoslles unha man para que a súa aprendizaxe sexa o máis óptima posible", comenta Héctor Sánchez Martínez, voluntario de Telefónica implicado no proxecto.
Unha vez máis, e xa van catro, a capacidade das nosas empresas e grupos de investigación para impulsar o fluxo do coñecemento avanzado duns grupos a outros, e dos grupos ás empresas, e das empresas e grupos á sociedade, vai ter recompensa. Estamos a falar dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2018, convocados novamente pola Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta. Segundo puidemos saber, o prazo para presentarmos candidaturas xa está aberto (até o 31 de maio), introducíndose este ano unha importante novidade: unhas bases significativamente máis accesibles, co obxectivo de facilitar o proceso de presentación de proxectos.
Como exemplo desta simplificación, habilitouse a tramitación de candidaturas de xeito totalmente telemático. Segundo informa a RAGC, “isto facilitará a concorrencia de grupos de investigación, PEME e grandes empresas”. A cuarta edición edición mobiliza unha contía total de 28.000 euros netos para repartir en premios. O obxectivo do certame: recoñecer casos de éxito en transferencia de coñecemento en Galicia e difundilos entre a cidadanía e, en particular, investigadores e empresarios.
Modalidades
A primeira modalidade dos premios está dirixida a grupos científicos que desenvolvan investigación aplicada e que estean adscritos a centros tecnolóxicos ou de investigación emprazados en Galicia. Entre as candidaturas presentadas seleccionarase “a que mellor represente a contribución dun traballo de investigación ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia a través da transferencia dos seus resultados ao mercado”. A dotación do premio ascende a 6.000 euros netos, aos que se suma unha axuda de 4.000 euros para a formación dun membro do equipo gañador, durante unha estancia de entre dous e tres meses nun centro de investigación de fóra da nosa terra.
As dúas modalidades empresariais buscan “os casos de éxito máis representativos de innovación acadada a partir da transferencia de tecnoloxía”. A primeira delas vai dirixida ás PEME galegas (incluíndo as microPEME) que acrediten innovacións procedentes da adquisición dunha patente, dun proxecto conxunto con un ou varios grupos de investigación ou outro mecanismo calquera de transferencia. Neste caso, a dotación do galardón ascende a 12.000 euros netos. No caso das grandes empresas, o premio toma como referencia os mesmos méritos que se valoran nas PEME, coa diferencia de que o premio para a empresa ten carácter honorífico e o grupo de investigación percibirá 6.000 euros netos en concepto de apoio ao seu traballo no eido da transferencia de coñecemento.
A CRTVG, en colaboración coa AMTEGA, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, creará unha canle temática dirixida á comunidade educativa non universitaria de Galicia. Esta acción encádrase dentro da Área de Innovación da CRTVG e enlaza co territorio de comunicación da Corporación con vistas ao novo contexto dixital, coa estratexia de ampliar canles de comunicación cos sectores de audiencia máis novos e os novos hábitos de consumo.
O acordo entre as dúas institucións inclúe tamén a creación dun modelo de análise de datos que procese o consumo e os comportamentos da mocidade galega ante os contidos audiovisuais dixitais e ante as novas tecnoloxías. O novo proxecto terá unha duración inicial de tres anos nos que as dúas institucións públicas, CRTVG e AMTEGA, desenvolverán tanto a plataforma tecnolóxica necesaria para o seu funcionamento coma os contidos que se publiquen nela.
No seu desenvolvemento utilizaranse os modelos narrativos dixitais nativos que teñen o maior impacto no consumo audiovisual e multimedia da poboación infantil e xuvenil, como por exemplo as narrativas dos youtuber e dos influencers, ou das diferentes plataformas de vídeo baixo demanda que operan nos mercados internacionais, como emisións en directo de grandes eventos e conferencias con persoas de prestixio internacional. Tamén se incorporarán as novas tendencias no consumo audiovisual, como a incorporación de elementos creados con realidade aumentada ou con realidade virtual.
O proxecto contempla a creación de programas que poden ser emitidos en canles tradicionais coma a televisión ou a radio. Para iso incorporaranse á experiencia de usuario novidades como as segundas pantallas complementarias á formación con contidos de realidade aumentada e realidade virtual para dispositivos móbiles, sincronizados con programas que se emiten actualmente.
Eido educativo
Esta canle dixital, transmedia e interactiva, complementará o Programa Abalar de integración das TIC na práctica educativa de Galicia, e permitirá aos docentes e aos estudantes de primaria ou secundaria obter recursos audiovisuais baixo demanda relacionados cos diferentes contidos das materias que se imparten na formación entre 6 e 16 anos.
Nesta nova canle, os dispositivos móbiles serán utilizados, fundamentalmente, como visualizadores avanzados de contidos multimedia que permiten aos estudantes e ao profesorado unha ampliación de información e de entretemento sobre os obxectos de estudo, como por exemplo a posibilidade de que o dispositivo móbil etiquete e describa monumentos de referencia en Galicia a través da realidade aumentada, ou de que se recreen sucesos naturais ou históricos a través da realidade virtual. No eido formativo preténdese, en definitiva, ofrecer a posibilidade dun modelo educativo envolvente, que permita achegar a información necesaria no momento no que sexa demandado tanto polo estudante coma polo profesor.
A Asociación Comunidade Redes de Telecentros participará na "All Digital Week", campaña internacional impulsada desde a rede europea do mesmo nome co obxectivo de sensibilizar á poboación acerca da importancia da competencia dixital en todos os ámbitos da vida, especialmente no laboral.
Durante a semana do 19 ao 25 de marzo de, os membros de All Digital organizan accións e eventos pensados para xerar confianza na tecnoloxía mediante o desenvolvemento dun pensamento crítico. A campaña ten un enfoque transversal que expón a formación ao longo da vida como unha constante que manteña as nosas competencias dixitais actualizadas nun contexto en continua transformación.
Esta campaña anual de empoderamento dixital desenvolvida en espazos TIC, telecentros, bibliotecas, escolas, centros comunitarios e organizacións sen fins de lucro en toda Europa, atrae a 100.000 europeos cada ano en atractivos eventos online e offline que abordan a transformación dixital e os seus efectos.
A Semana ALL DIGITAL ofrece ferramentas e enfoques para mellorar as habilidades dixitais e axudar a potenciar as habilidades laborais. A campaña pretende:
Para tratar estes temas haberá unha serie de eventos e actividades que abarcarán unha variedade de temas, desde a alfabetización dixital ata seguridade en liña e ciberseguridade, ata a programación de código.
Neste sentido, as redes de Telecentros de Estremadura (Plan de Alfabetización Tecnoloxía), Castela e León, (Espazos CyL Dixital), e a Fundación Dédalo e a Fundación Esplai organizaron unha serie de actividades aberta á participación de todos os telecentros.
A operadora de telecomunicacións Orange España e ILUNION Sociosanitario lanzarán o próximo 2 de abril 'Serena', un servizo de atención para persoas maiores que, por primeira vez, combina todas as vantaxes das telecomunicacións e a teleasistencia, tanto en casa como fóra dela.
A presentación deste servizo tivo lugar este martes no auditorio de Torre ILUNION, en Madrid, nun acto no que interviñeron o director xeral de ILUNION Sociosanitario, Joaquín Leizaola, e o CMO-Chief Márketing Officer de Orange España, Samuel Muñoz.
'Serena' permitirá que os usuarios (principalmente persoas maiores de 65 anos e dependentes, o que supón unha poboación superior aos 9 millóns de persoas en España), poidan gozar de todos os servizos que ofrece a teleasistencia, así como dunha atención cualificada e inmediata en caso de necesidade urxente, tanto no seu domicilio como fóra del, grazas ao seu dispositivo móbil e á app desenvolvida para ese efecto.
Desta forma, a través de 'Serena', os usuarios terán un servizo de teleasistencia en mobilidade en todo o ámbito nacional, as 24 horas de día, os 365 días do ano, tan só accionando un botón, que estará dispoñible tanto no seu terminal móbil como na propia 'app'.
Funcionalidades
Ademais de funcionalidades como os avisos de emerxencias, a comunicación con persoal cualificado experto en teleasistencia mediante chat, chamadas de acompañamento ou xeolocalización, os usuarios deste servizo contarán cun sistema de notificacións de axenda persoal e familiar, como as relativas á medicación, as citas médicas ou os eventos familiares, entre outras.
Así, tanto o propio usuario do servizo como os seus familiares terán a tranquilidade que supón un contacto con asistencia inmediata e especializada en todo momento, e atención constante a través dos servizos dos profesionais de ILUNION Sociosanitario. Todo iso a través dun servizo fácil de usar e grazas ao cal os usuarios poderán sentirse máis independentes e tranquilos.
'Serena' poderase solicitar tanto a través do teléfono 1470 de atención ao cliente de Orange como nas tendas da operadora por 15,90 euros ao mes, sen custos de alta ou instalación, sen permanencias e sen necesidade doutro terminal que o propio móbil do cliente, facilitando así unha asistencia completa e especializada ao alcance de todos. O cliente poderá contratar o servizo na súa modalidade 'Esencial' (simplemente configurando o botón físico dispoñible no seu terminal móbil tradicional de teclas asociado) ou 'Total' (a través dun smartphone coa app de 'Serena'). En ambos os casos, o prezo é o mesmo e o usuario unicamente deberá ser cliente dunha tarifa móbil de contrato de Orange. 'Serena' intégrase, por outra banda, na liña de negocio de Orange, desde a cal se xestionan todos os servizos dirixidos a usuarios senior. Ademais de 'Serena', inclúense na categoría seniors de Orange outros servizos que completan a súa aposta por unha xestión especializada para este segmento, como son O meu Fixo, Esencial Tablet, o servizo de atención ao cliente especializado en usuarios maiores ou os obradoiros gratuítos formativos que Orange imparte a estes clientes nas súas tendas para familiarizalos co uso de dispositivos móbiles e co servizo 'Serena'.
Atención inmediata e humana
'Serena' incluirá un servizo de atención inmediata ante situacións de emerxencia que precisen a mobilización dos recursos públicos, privados e persoais máis adecuados. Tamén recibirán periodicamente chamadas de seguimento e atención de persoal experto de ILUNION Sociosanitario, que lles ofrecerá información de interese, como recomendacións de hábitos tanto físicos como alimenticios para manter unha vida saudable. Doutra banda, 'Serena' contará cun microsite dirixido a familiares dos usuarios, cun rexistro das interaccións co servizo de 'Serena', unha área para visualizar documentación do seu interese particular, facturas e un espazo para ver os avisos que recibe o usuario. 'Serena' combina a tecnoloxía en telecomunicacións de Orange coa atención personalizada, profesional e humana do servizo de teleasistencia de ILUNION, cuxo obxectivo é proporcionar autonomía, tranquilidade e seguridade aos usuarios e os seus seres queridos. O servizo de teleasistencia en mobilidade de ILUNION, composto por un equipo de profesionais altamente cualificados e cunha gran calidade humana, outorga unha grande importancia á promoción da autonomía persoal, á prevención de situacións de risco por mor da idade e á socialización das persoas maiores para combater a soidade.
A tecnoloxía ao servizo das persoas
Os promotores da iniciativa destacan que a unión de ILUNION e Orange no lanzamento de 'Serena' é unha mostra clara de como a tecnoloxía se pon ao servizo das persoas para ofrecer servizos útiles e sinxelos que lles permiten gozar da súa vida. "En 'Serena' conflúe, en definitiva, o obxectivo común de Orange e ILUNION de utilizar a tecnoloxía para conectar aos usuarios a aquilo que queren ou necesitan. Neste caso, un persoal especializado, que, mantendo unha relación próxima e clara cos clientes máis senior, dálles a tranquilidade e seguridade necesarias para facer máis fácil a súa día a día", conclúen.