main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

27/03/201807:54
Emojis discapacidade Apple.
Santiago de Compostela

Apple deseña novos emojis para representar ás persoas con discapacidade

  • Apple deseñou un total de 13 novos emojis para representar a persoas con diferentes tipos de discapacidades, desde problemas de audición ata cegueira ou quen usa prótese de extremidades.
  • A compañía solicitou a Unicode que os inclúa na lista estándar de emojis.

 

Pronto o teu iPhone, iPad ou dispositivo Android recibirán novos emojis, exactamente 157 deles. A idea da compañía é axudar a representar cada vez máis persoas con emojis, indiferentemente do seu xénero ou cor de pel.

Entre os emojis atópase un para representar a lingua de acenos, un para representar os cans guías e persoas en cadeiras de rodas tradicionais e eléctricas.

Tamén hai emojis para representar as próteses mecánicas de pernas e brazos.

Aínda que son 13 emojis (entre versións masculinas e femininas), cada un dos que representan a persoas terá diferente tons de pel, o que significa que en total son 43 novos emojis, incluíndo varios tons de pel para o emoji dun oído con audífono para problemas de audición.

Estes son todos os novos emojis que poderiamos ver chegar aos smartphones e tablets no futuro próximo. Segundo Apple, este é apenas un primeiro paso na representación de cada vez máis persoas con discapacidades.

Acceso á noticia na web: es.gizmodo.com.

26/03/201812:27
Breaking Sound Barriers.
Madrid

Breaking Sound Barriers, unha 'app' para alumnos con discapacidade auditiva

  • Investigadores da Universidade Politécnica de Madrid desenvolveron unha aplicación para o móbil que facilita a integración nas aulas das persoas con discapacidade auditiva.
  • O prototipo é capaz de subtitular as clases e gravalas en vídeo para a súa posterior revisión.

 

Preto de 32 millóns de nenos sofren xordeira no mundo e en España hai case un millón de persoas con problemas de hipoacusia, aínda que na maior parte dos casos, son persoas que teñen máis de 65 anos. Con todo, cando os estudantes con algún tipo de discapacidade auditiva chegan ás aulas, o obxectivo debe ser que poidan seguir os estudos con normalidade sen verse discriminados respecto ao resto dos seus compañeiros.

Con esa finalidade nace Breaking Sound Barriers, unha app deseñada para romper barreiras na contorna educativa e en cuxa creación e desenvolvemento colaboraron investigadores da Universidade Politécnica de Madrid (UPM).

A aplicación, que busca facilitar aos mozos o seguimento dunha clase, foi desenvolvida dentro do grupo Mercator do Instituto de Investigación do Automóbil (INSIA) e do departamento de Intelixencia Artificial da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Informáticos da UPM.

"Consiste nun prototipo de contorna educativa capaz de subtitular a clase para estudantes con discapacidade auditiva. A clase emítese en vídeo e queda gardada para que os alumnos poidan consultala no futuro, así como facer preguntas ao profesor e aos compañeiros. Ademais, o sistema permite a xestión de diversas materias e salas de impartición", explica Francisco Serradilla, un dos investigadores da UPM que participaron no seu desenvolvemento.

Totalmente personalizable, Breaking Sound Barriers permite o recoñecemento de voz en múltiples idiomas, facilitando ao alumno a posibilidade de realizar preguntas e respostas, e de recibir o contido exposto polo profesor a través de imaxes e subtítulos.

"Esta última funcionalidade é a máis demandada dado que moitos estudantes con algún tipo de discapacidade auditiva saben ler os beizos, pero nunha clase poden darse moitas situacións e momentos nos que o profesor non está a mirar directamente ao alumno", explica Serradilla.

 

Un repositorio de apuntamentos

A aplicación funciona tamén como un repositorio de apuntamentos que permite establecer filtros e acceder a un foro. Para poder utilizar a aplicación, tanto os alumnos como os profesores deben descargala nos seus tablets ou smartphones. "Contar cunha ferramenta como esta tamén é útil para o profesor, posto que facilita xestionar alumnos, salas e materias; realizar preguntas; emitir subtítulos e acceder ao foro, entre outras funcionalidades", engade.

Breaking Sound Barriers foi desenvolvida nun dos LABS do Programa Talentum de Telefónica. Pola súa banda, Ericsson e a Fundación Adecco tamén participaron neste programa que busca impulsar o talento novo.

O seguinte paso para o equipo de investigadores é realizar pilotos máis amplos para optimizar o funcionamento e rendemento da aplicación. "Queremos tamén centrarnos no desenvolvemento dunha app máis lixeira que centrada só na subtitulación das clases, a función que ata agora parece ser a máis demandada", conclúe Serradilla.

26/03/201809:17
Cartel do evento.
Ourense

As mulleres tech serán as protagonistas da Ourense ICC Week

En maio, do 2 ao 5, chega unha das grandes citas galegas coa creatividade e a innovación, a cuarta entrega da Ourense ICC Week. O evento sobre industriais culturais e creativas de Ourense, organizado pola Deputación, contará novamente (coma nas anteriores edicións) cun importante recanto adicado ás novas tecnoloxías da información. Desta volta, o recanto das TIC enriquecerase e cubrirá novos horizontes coa entrada en xogo dunha óptica feminina: a das mulleres techTrátase da xornada Unha viaxe cara a Sociedade do Coñecemento, prevista para o 4 de maio.

Neste encontro coa cultura dixital participarán mulleres referentes e expertas en tendencias de máxima actualidade como por exemplo a realidade virtual, a realidade aumentada, o mundo do software, a chamada gamificación (aplicar en actividades da vida real metodoloxías propias dos videoxogos, estimulando a creatividade e a cooperación) ou a economía colaborativa. 

Nesta xornada de mulleres tech, Sara Rodríguez, Cynthia Gálvez e Luz Castro contarán de primeira man o que están a facer e mostrarán o que está por vir en materia de tecnoloxías e, por suposto, en materia de tecnoloxías impulsadas dende o ámbito feminino e con vontade de romper calquera fenda de xénero, incluídas as dixitais.

Por outra banda, na mesma xornada do 4 de maio o presidente da AGAG (Asociación Galega de Guionistas), Nico Campos, falará das novas sobre o futuro dos contidos, os guións e a dirección, achegando as vivencias do sector da man da directora e escritora, Gracia Querejeta, autora de filmes tan destacables como A derradeira viaxe de Robert Rylands ou a máis recente Felices 140.

26/03/201809:13
Participantes nas Lanzadeiras de emprego.
Santiago de Compostela

As lanzadeiras galegas de Telefónica compartiron éxitos de empregabilidade en Santiago

O Centro de Novas Tecnoloxias de Santiago de Compostela acolleu este venres unha xuntanza entre as/os participantes das Lanzadeiras de Emprego que desde novembro operan na Coruña, Pontevedra e Santiago, impulsadas (na nosa terra e no ámbito estatal) pola Fundación Telefónica e a Fundación Santa María A Real, contando co co-financiamento do Fondo Social Europeo e, na súa actividade, cunha marcada vertente de formación en innovación. Na cita participaron as 60 persoas desempregadas ás que dan servizo as tres ditas lanzadeiras, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, a responsable de Empregabilidade Europa en Fundación Telefónica, Laura Castela, e a vogal da Fundación Santa María A Real, Soraya de las Sías. 

Estas lanzadeiras comezaron en novembro a súa nova andaina, achegando formación e empregabilidade a persoas sen traballo de diversas idades, perfís formativos e traxectorias laborais, activando e optimizando a súa procura de traballo durante un período de cinco meses, coa orientación de técnicos especializados e o uso de novas tecnoloxías e ferramentas de comunicación, marca persoal e promoción profesional, “acordes ás necesidades do mercado laboral actual”, informaron hoxe os responsábeis da iniciativa estatal, facendo fincapé nos éxitos acadados xa polas edicións en curso: “Froito de todo o aprendido, do esforzo individual e colectivo desenvolvido nestes meses, hai 20 participantes que atoparon traballo por conta allea en diferentes sectores: enxeñaría, arquitectura, administración, sector servizos, educación, terceiro sector, tecnoloxías, industria, hostalaría ou comercio, entre outros”. Na xuntanza de hoxe, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, puxo en valor as Lanzadeiras de Emprego sinalando que son un bo mecanismo para atopar un traballo porque “axudan a adquirir confianza e unha posición activa e comprometida” e porque “poñen de manifesto a importancia que ten hoxe en día a formación”. Ao fío disto, Conde apuntou que a cualificación é a antesala do emprego, "a clave para conseguir un tecido empresarial competitivo".

26/03/201808:59
Participantes no DemoDay.
Lugo

Os proxectos de ViaGalicia Lugo luciron potencia innovadora

ViaGalicia, a aceleradora do Consorcio da Zona Franca de Vigo, celebrou este venres Lugo a xornada DemoDay para esculcar as moitas posibilidades de mercado de cada unha das iniciativas aceleradas na vertente norte de ViaGalicia (vertente que vai pola súa terceira edición e que está a ser xestionada pola Fundación CEL). Na xuntanza déronse cita unhas oitenta persoas. A sesión serviu para para que cada un dos proxectos que participaron e remataron con éxito a fase de academia do programa, moitos deles proxectos directamente dixitais ou apoiados no uso das novas tecnoloxías, se presentasen por vez primeira e de forma pública da man das persoas que os puxeron en marcha. 

Foron xeiras de presentación breves, en formato elevator pitch, desenvolvidas perante o comité técnico da aceleradora (CZFV, GAIN, Xesgalicia e Vigo Activo) e as entidades colaboradoras do mesmo, así como ante observadores convidados do ecosistema galego de emprendemento. A xornada tivo continuidade este sábado na sede de ViaGalicia en Vigo.

Os DemoDays servirán, en última instancia, para que o comité técnico cualifique cada proxecto e seleccione, de entre os 40 participantes iniciais nas dúas fases de academia celebradas en Lugo e Vigo, os 15 como máximo (en total, de ámbalas sedes) que pasarán á última fase do programa, a de aceleración, onde xa recibirán unha proposta formal de financiamento por parte da Xunta e o CZFV, en forma de préstamos participativos e subvención a fondo perdido, e máis formación e titorías. Entre os proxectos que superaron a fase de pre aceleración ou academia con éxito atópanse: 

  • Besherpa (TIC/Turismo), ferramenta en liña para venda de escapadas de aventura recomendadas por usuarios reais, dirixida a xente sen tempo para planear o seu tempo libre.
  • Bisquato (Agroalimentario/Pesca), taller lácteo artesanal adicado á produción de queixos (pasta branda e cortiza lavada) e á súa comercialización, transformando leite galego en produto de alto valor engadido.
  • CC Datos (TIC/Industria 4.0), deseño, produción e comercialización de produtos e servizos para o seguimento de procesos utilizando tecnoloxías de fonte aberta (open source).
  • Exclusive Cellar (Enerxía, recursos naturais), adegas domésticas para conservación e goce do viño activadas mediante intercambiadores xeotérmicos aire-terra 100% autosuficientes e sustentábeis.
  • Emérita Legal (TIC/Legaltech) Comparador cualitativo de avogados. Permite aos usuarios atopar o mellor avogado para o seu caso, baseado en datos públicos de millóns de resolucións xudiciais para coñecer de maneira obxectivo a taxa de éxito dos avogados.
  • Experiencias del destino (TIC/Turismo), plataforma en liña de produtos turísticos e de lecer (experiencias); aplicados en tempo real, para todo tipo de público e en todas as provincias de España.
  • A Gran Faba (Agroalimentario/Pesca), comercialización da faba de Lourenzá e produtos de quinta gama.
  • Legalmit (TIC/Legaltech), servizos para avogados que permite a dixitalización das tarefas dun bufete. Celebración de acordos legalmente vinculantes mediante videoconferencia que funciona como firma dixital avanzada. Transformamos o MP4 da videoconferencia en PDF.
  • LudoApp (TIC/Educación), aplicación móbil orientada á educación das crianzas dunha maneira divertida e coa que aprenden de forma natural, a esforzarse, valorar as cousas e a ser máis autónomas mediante a gamificación das relacións entre pais e fillos.
  • Noukee (TIC/Industria 4.0), solución de Internet das Cousas (IoT), software e hardware, de control de accesos e seguimento de activos da industria de forma segura, sen necesidade de conexión a Internet.
  • Netfeeling (TIC/comercio), servizos avanzados para sector retail (grandes comerciantes polo miúdo, franquías, etc.), achegando a creación de programas de mantemento no tempo de clientela, e servirse das opinións e a bagaxe xerada polos usuarios para segmentar e obter a percepción de valor do cliente dunha forma altamente precisa e pouco intrusiva.
  • Orballo, té de Galicia (Agroalimentario/Pesca), produción e comercialización do primeiro té ecolóxico certificado e producido en Europa que poida ofrecer ao consumidor un sabor propio, unha orixe única e as garantías de produción que esixe a normativa europea tanto a nivel laboral como sanitario.
  • Osigris (TIC/Agroalimentario) é unha startup de agricultura de precisión, baseada na utilización de SIX (Sistemas de Información Xeografía) e na mellora da precisión para aumentar a cantidade de datos que se poden recoller de calquera cultivo. Como resultado obtense unha mellor resposta ás incidencias e un maior coñecemento dos datos de cada parcela.
  • RocketForms (TIC), software-servizo enfocado na xeración de formularios en liña e a súa integración de forma sinxela en calquera web para a validación, captura e priorización de leads ou potenciais clientes que logo se integran noutras aplicacións para axilizar o procesameento da información.
  • SCS Logistics, servizos B2B de aluguer, desenvolvemento e xestión 360º de embalaxe industrial reutilizable.
  • SmartWood (TIC/Agrícola-Forestal) é a plataforma de apoio á decisión dentro do ámbito das parcelas rurais. Propietarios e empresas poden obter a información crítica para pór en valor as súas parcelas agrícolas e forestais de xeito sinxelo e cómodo, así como contratar os traballos relacionados con esas producións.
  • Tidyant cloud utilities (TIC/Outros servizos), solución dirixida a empresas e servizos técnicos. Xestiona, automatiza e optimiza os procesos rutineiros de postventa. Utiliza os dispositivos móbiles como canle de comunicación cos clientes.
  • Tractus (TIC/agroalimentario), ferramenta para a xestión integral do proceso produtivo e de elaboración en empresas alimentarias, desenvolvido nativamente en web, cun manexo cómodo, visual e fluído. Permite un manexo doado dos distintos pasos na transformación de alimentos, a través dun computador/móbil/tableta, non só por unha programación pensada nun manexo moi visual, senón tamén pola instalación de controladores para control de procesos e recollida de información que é tratada automaticamente por Tractus. 

Os proxectos seleccionados de Lugo e Vigo que pasen a aceleración terán acceso a un financiamento de ata 125.000 euros para lanzamento. En total, ViaGalicia mobiliza nesta edición até 1.875.000 euros de financiamento para emprendedores, entre préstamos participativos e achegas a fondo perdido. Desde a Fundación CEL destácase que é, por tanto, “unha gran oportunidade para os emprendedores seleccionados, non só polo acceso a financiamento senón tamén e sobre todo pola evolución positiva e maduración que experimentan as empresas participantes”.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS