main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

03/04/201808:52
Mans de neno sobre o teclado dun portátil.
A Coruña

As adicións dixitais e as maneiras de evitalas, polo miúdo na Coruña

O Centro Cívico Monelos da Coruña, en colaboración con ACLAD (Asociación Cidadá de Loita Contra a Droga), vai organizar os vindeiros días unha actividade divulgativa para mozas e mozos de entre 11 e 13 anos que busca capacitalas/os para inculcar usos racionais e seguros das novas tecnoloxías da información. Taller de prevención e abordaxe de adicións dixitais desenvolverase os días 23 e 25 de abril ás 16.30 horas, no devandito local social. A actividade, que é de balde, xorde como resposta aos crecentes datos que alertan sobre o emprego non axeitado das novas ferramentas e as súas consecuencias.

Farase, polo tanto, especial fincapé nos colectivos máis vulnerables (os menores) e nos principais problemas derivados do mal uso das TIC (acceso a contidos inadecuados, cesión de datos persoais, suplantación de identidade, ciberacoso, ciberchantaxes, etc). Dende ACLAD e o CCM sinalan que “é preciso establecer estratexias tanto de tipo preventivo como asistencial que aborden as devanditas consecuencias”. O taller tamén tocará temas como o uso-abuso-dependencia de TIC, a privacidade, a identidade dixital e a reputación en liña, o ciberacoso escolar, as prácticas do sexting e o grooming, a xestión da información e o acceso a contidos apropiados.

29/03/201810:00
Cartel do programa.
Santiago de Compostela

A Amtega, Orange e a EOI presentan o vindeiro 3 de abril o programa formativo “Sé + Digital”

  • Ofrece seis semanas de contidos formativos online gratuítos para mellorar as habilidades dixitais no eido profesional
  • A xornada de presentación retransmitirase desde o Centro Demostrador TICA a 11 aulas da Rede CeMIT, a través de videoconferencia
  • Pódese formalizar a inscrición de xeito automático na páxina web de CeMIT

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración co operador Orange como aliado dixital do Plan de Inclusión, e coa Escola de Organización Industrial (EOI), organiza o próximo día 3 abril a xornada de presentación do programa "Sé+Digital”, que se retransmitirá desde as instalacións do Centro Demostrador TIC Galicia a través de videoconferencia a 11 aulas CeMIT en horario de 12.30 a 13.30 horas.

 

“Sé+Digital”, un programa para mellorar profesionalmente

“Sé+Digital” é un curso online gratuíto de 6 semanas de duración que ofrece a oportunidade de profundar nalgúns dos conceptos presentados na anterior edición “Sé Digital” cun enfoque máis práctico e orientado ao día a día dos cidadáns e os seus negocios.

Este programa inclúe vídeos explicativos e testemuños sinxelos, accesibles a través dunha plataforma de teleformación. Os contidos, de 20 horas de duración, ofrecen a empresarios e emprendedores as ferramentas dispoñibles para mellorar a súa actividade profesional e as aplicacións da tecnoloxía para dixitalizar e desenvolver os seus negocios desde os seus municipios. Ao final do programa os participantes poden obter un certificado da EOI.

Desde o seu lanzamento en 2016, “Sé Digital” formou a máis de 7.500 alumnos de toda España, co apoio de institucións e corporacións local e finalizou en febreiro de 2018. Agora, “Sé+Digital” consolida e amplía os conceptos do emprendemento dixital, sen ser necesario realizar o curso anterior para participar.

 

Inscrición

As persoas interesadas en seguir esta xornada poden acercarse á aula do Centro Demostrador TIC en Santiago de Compostela, inscribíndose previamente, ou ben a calquera das aulas CeMIT das seguintes localidades, que mostraron o seu interese en retransmitir a través de videoconferencia dita xornada e así poder evitar desprazamentos innecesarios: BandeBearizCarballedoCuntisFisterraMarínO VicedoOrosoOrtigueiraSanta Comba e Valga.

 

Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 - Aliad@s Dixitais

O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

Esta estratexia estase a desenvolver grazas á cooperación, e implicación dos axentes do ecosistema dixital. Actualmente o Plan de Inclusión Dixital conta con preto de 800 aliados dixitais, entre os que se inclúe a Orange, a cal ven colaborando coa Xunta de Galicia dende 2017 como aliado dixital.

 

Orange

Como mecenas e aliado dixital do Plan de Inclusión Dixital, Orange traballa para fomentar a transformación do tecido empresarial dos concellos e localidades, co fin de lograr unha rápida e efectiva adaptación destas poboacións e os seus habitantes aos retos que expón a nova economía dixital global.

Ademais, Orange colabora como aliado dixital realizando actividades dixitais dirixidas a persoas maiores, coa iniciativa “Ao lado dos nosos maiores”, dando formación sobre o manexo dos teléfonos móbiles e trabletas, e tamén para mozos e mozas co programa de “SuperProgramadores” co obxecto de sensibilizalos e inicialos na programación dun xeito lúdico.

28/03/201808:36
Logo ICC Week.
Ourense

A Ourense ICC Week mostrará os novos roteiros dos videoxogos e os deportes en liña

Os videoxogos e as competicións de e-sports serán temas fundamentais de debate, análise e demostracións na cuarta edición da Ourense ICC Week, levada a cabo pola Deputación de Ourense. O encontro, celebrado do 2 ao 5 de maio, contará con novidades como un novo apartado, a ICC Gamers, que inclúe dúas actividades: a ICC Technium R Encounter e a ICC eSports. O apartado ICC Gamers xorde da colaboración entre a Deputación de Ourense, a Universidade de Vigo, R euskaltel, a Federación Galega de Automobilismo e Mahou.

Indo ao miolo, a xuntanza ICC Technium R Encounter botará a andar o día 3 de maio ás 18 horas e rematará o 6 de maio á mesma hora, no Pavillón Universitario de Ourense. O pre-rexistro dará comezo o día 28 de marzo e a inscrición á party será o 30 de marzo, sendo a elección de sitios o día 7 de abril. A entrada ten un custe de 25 euros, contando cunha inscrición de balde aos torneos da ICC Technium R Encounter, acceso a todo o recinto e ás actividades da party. Engadir que tanto o rexistro como a inscrición poderán realizarse a través da páxina www.technium.es. Cómpre dicir que desta volta a quedada informática terá catro grandes torneos: League Of LegendsCounter Strike Global OffensiveHearthstone Super Smash Bros Brawl, que se celebrarán ao longo deste evento. Haberá 4.000 euros en premios en torneos ou en outras actividades lúdicas dentro da party.

A xeito de curiosidade lembrar que na pasada edición do ICC Technium, o moañés Aarón González Santomé, acadou un novo récord Guinness do xogo Final Fantasy 10, logo de permanecer 40 horas consecutivas competindo.

Volvendo ao apartado de xogos, este completarase coa ICC eSports, que tamén se celebrará no Pavillón Universitario de Ourense, o 5 de maio ás 10 horas até o 6 de maio ás 15 horas. Dentro desta celebración os torneos que se disputarán serán: FIFA 18, Clash Royale, e GT Sports. A entrada aos mesmos poderá adquirirse nas vindeiras semanas en Ticketea (podéndose acceder a ela a través da web). Neles poderán participar xente de fóra da ICC Technium R Encounter, así como as persoas da propia party.

En canto ao torneo de Clash Royale, dividirase en dúas modalidades: o torneo Profesional invitacional por equipos no que se darán cita os mellores clubs a nivel nacional (Valencia CF Esports, Giants, Movistar Riders, Teamqueso, Artic Gaming ou Team Heretics) e no que se repartirán máis de 4.000 euros en premios. O torneo de FIFA 18, no que participarán 128 persoas, ten un custe de entrada de 5 euros e os premios serán para o primeiro clasificado unha PlayStation 4, para o segundo clasificado un mando de PlayStation 4, e para o terceiro clasificado unha tarxeta PSN de 20 euros. No torneo de GT Sports poderán participar 32 persoas, e os premios deste torneo serán un Thrustmaster T-GT para o primeiro, unha tarxeta PSN de 50 euros para o segundo, e unha tarxeta PSN de 20 euros para o terceiro.

Este novo adianto de programación da Ourense ICC Week 2018 complementa as propostas presentadas até o de agora, que aglutinan novas tecnoloxías, humor, músico e incluso premios para xestores culturais de Galicia. En concreto, no que se refire aos novos sectores emerxentes e ás TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación), o 4 de maio as mulleres tecnolóxicas serán as protagonistas da xornada, facendo fincapé no epígrafe da actividade (Unha viaxe cara a Sociedade do Coñecemento), na participación das profesionais Sara Rodríguez, Cynthia Gálvez e Luz Castro, e tamén no cometido da xornada: visualizar ao máximo o importante papel despregado polas nosas mulleres referentes e expertas en tendencias de máxima actualidade, como por exemplo a realidade virtual, a realidade aumentada, o mundo do software, a chamada gamificación (aplicar en actividades da vida real metodoloxías propias dos videoxogos, estimulando a creatividade e a cooperación) ou a economía colaborativa.

28/03/201808:27
Os premiados en Exporecerca.
Barcelona

O dispositivo para axudar aos golfiños premiado en Galiciencia estará na maior feira STEM de Europa

Os nosos novos investigadores están a facer ruído a nivel galego, estatal e, tamén europeo. Por exemplo os responsables do proxecto gañador do certame Galiciencia (impulsado pola Tecnópole), dirixido a espertar vocacións científicas e tecnolóxicas a través dunha gran feira de achados, un completo programa de obradoiros, campamentos e exhibicións e un concurso para premiar os mellores proxectos. Pois, ben, segundo puidemos saber, o equipo responsable do proxecto gañador da última edición de Galiciencia representará a España na meirande feira científica de Europa. A chave para acadar este pase foi a súa vitoria en Exporecerca. 

A orixe do éxito deste proxecto hai que rastrexala en 2017, cando se impulso no certame Galiciencia 2017 e logo, gracias ao dito recoñecemento, participou en Exporecerca 2018 representando ao Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Agora, Carlos Fole, Jaime Alonso, Miguel Herranz e Mateo Martínez, do Colexio Montecastelo de Vigo, volven de Catalunya co primeiro premio da que sería, en palabras da Tecnópole, a feira científica máis relevante de España.

Cal é o seguinte paso? Pois, o vindeiro mes de xullo, Carlos, Jaime, Miguel e Mateo representarán a España no certame europeo Expo-Science Europe, que se celebrará na cidade polaca de Gdynia. O seu enxeño, a razón dos seus éxitos e recoñecemento, é unha tecnoloxía cun gran compoñente medio ambiental e de responsabilidade co medio mariño. Trátase dun dispositivo para salvar vidas de golfiños varados que, ademais, inclúe unha aplicación móbil para facer comunidade de usuarios-colaboradores arredor de proxecto e permitir que calquera persoa poida fotografar unha manda de golfiños na costa ou mesmo un varamento e enviar a imaxe cos datos de situación. As vantaxes disto son claras e evidentes: amais de salvar a vida de moitos golfiños, trázanse mapas de tránsito de arroaces nas nosas costas e contribúese a limitar o tráfico marítimo en contornas concretas. 

Segundo explica a Tecnópole, o dispositivo salvavidas de golfiños varados tivo un papel moi destacado entre os 112 traballos presentados en Exporecerca, 42 deles procedentes de Brasil, China, México, Paraguai, Bélxica e Turquía. Ademais do primeiro premio, os estudantes fixéronse co accésit ao mellor proxecto na categoría ciencia en sociedade. O enxeño, bautizado co nome de SISEDE (Sistema de Seguimento de Delfíns), inclúe a programación dun hidrófono para ser mergullado no mar e, mediante a captación do son que emiten os golfiños, facer seguimento dos cetáceos e emitir alertas á Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) e ao 112 cando se detecte que entran en zonas de perigo de varamento.

 

Máximo recoñecemento dos participantes
Ademais, a alumna de Aulas Tecnópole Iria Ollero logrou que o seu proxecto fose votado como o preferido polos participantes na devandita feira celebrada en Catalunya. O seu Baby safety levou o recoñecemento máximo outorgado polos seus compañeiros e, ao mesmo tempo, rivais no certame. O sofisticado dispositivo foi concibido nas Aulas Tecnópole e consiste nun enxeño múltiple para a prevención da morte súbita dos lactantes. A partir dos parámetros indicados polos pediatras, deseñou catro dispositivos que permiten controlar os factores de maior risco. Dous deles fan seguimento da posición do bebé no berce mediante uns sensores de presión e unha cámara de IR, outro controla de xeito simultáneo a temperatura da habitación e do bebé e un cuarto sistema consiste nun body que mide as pulsacións do lactante mentres dorme. Cando algún dos sensores rexistra unha situación de risco, actívase unha alarma sonora que avisa aos pais de xeito inmediato. 

Ademais, Laura Costas e Inés Castro, do Colexio Alborada de Vigo, levaron un terceiro premio na Exporecerca co mesmo proxecto que fora recoñecido como o máis innovador na Galiciencia 2017. Trátase dun invernadoiro con autorrego de auga de mar, con forma de piscina cuberta.

27/03/201813:21
Persoa con discapacidade usando Mouse4all nunha tableta.
Madrid

Mouse4all, que da accesibilidade á tecnoloxía a persoas con discapacidade, Premio G5 Innova

  • Mouse4all, unha solución de accesibilidade á tecnoloxía que permite utilizar unha tableta ou teléfono Android sen tocar a pantalla, gaña o primeiro premio da IV edición dos Premios G5 Innova.
     

Mouse4all, unha solución de accesibilidade que permite utilizar unha tableta ou teléfono Android sen tocar a pantalla para facilitar o acceso a Internet, redes sociais, xogos ou calquera outra aplicación a persoas con mobilidade reducida, converteuse no proxecto gañador da IV Edición do Premio G5 Innova.

José Ángel Jiménez Vadillo, un dos enxeñeiros e creadores desta startup, recolleu o galardón: 6.000 euros cos que poder impulsar o seu proxecto.

Mouse4all está formado por unha caixa de conexións e unha app Android que se pode utilizar cun ou dous pulsadores, un rato de bóla ou unha panca destinado a persoas con discapacidade física que teñan dificultade para utilizar unha pantalla táctil: parálise cerebral, lesión medular, tetraplejia, esclerose múltiple, ELA ou enfermidade neuromuscular.

Calquera persoa que conte cun mínimo de mobilidade que lle permita accionar un pulsador con algunha parte do seu corpo, poderá traducir esa pulsación a accións de movemento en pantalla: desprazar, pulsar, arrastrar... Trátase de aumentar a privacidade e autonomía das persoas con discapacidade física, permitíndolles estar conectados cos seus amigos e familia.

O Madrid Internacional Lab do Concello de Madrid acolleu a entrega do Premio G5 Innova, onde os tres finalistas, Rithmi, Farmidable e Mouse4all presentaron mediante un elevator pitch de sete minutos os seus proxectos ante o xurado, composto por Víctor Molero, director académico de ISDI; José María Palomares, director de Comunicación, Relacións Institucionais e Responsabilidade Corporativa de Laureate International Universities en España e Portugal; Macarena Franco, conselleira técnica da Oficina de Innovación Social, Concello de Madrid; Miguel Ángel Valero, director do Ceapat, Imserso; Rafael Pérez, team manager en F-Iniciativas; Emiliano Díez, membro investigador do Instituto Universitario de Integración na Comunidade (INICO); José Luís López, CEO de Insulclock, gañador da terceira edición dos Premios G5 innova; Estrela Martín, subdirectora xeral de Emprendedores e Pemes na Dirección Xeral de Comercio e Emprendimiento da área de Goberno de Equidade, Dereitos Sociais e Emprego do Concello de Madrid; Tomás Merín, expresidente de Grupo 5; Arancha Blanco, técnico contable de Grupo 5 e membro do Grupo G5 innova da devandita empresa, e Guillermo Bell, presidente executivo de Grupo 5, quen entregou o premio ao gañador.

Mouse4all impúxose sobre Rithmi, un dispositivo wearable non invasivo e de uso estendido, encargado de rexistrar os datos e detectar arritmias en tempo real, e Farmidable, un modelo de consumo e comercio responsable e sustentable no que as tres partes involucradas intégranse de forma colaborativa para que todos gañen.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS