
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O vindeiro 30 de xuño, de 9:00 a 15:00 horas, celebrarase en Santiago un gran acontecemento ligado á intelixencia artificial, a automatización, as máquinas con capacidade de aprenderen (e de sorprendernos) e, sobre todo, ao espírito argalleiro e creador da nosa rapazada. Estamos a falar da cuarta edición local da WRO, a Olimpíada Internacional de Robótica, na Cidade da Cultura no Gaiás, iniciativa organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e Arkitas Robótica.
Segundo nos conta o colexio profesional que preside Fernando Suárez, a WRO é unha olimpíada na que nenos e nenas de Educación Primaria, ESO e Bacharelato compiten cos seus robots en distintas categorías e retos segundo idades. Esta competición conta cunha fase local, unha nacional, que este ano será en Platja d'Aro, Girona, e a internacional, que terá lugar en Tailandia en novembro de 2018. Na segunda edición, clasificouse un colexio da Coruña na nacional en Logroño, conseguindo unha praza na internacional de Nova Delhi.
Para informarrnos sobre os retos da WRO e a realización de inscricións, o CPEIG recorda que podemos dirixirnos www.wroboto.es.
Ademais da WRO e, pensando naqueles que non compitan nesta e queiran probar outras especialidades, celébrase o II Campionato de Sumo Arkitas e o I Campionato de Bolos Robóticos. Para informarnos sobre as bases e inscribirse ao Campionato de Sumo ou ao de Bolos, ou para calquera dúbida ou ampliación de información sobre a WRO, desde Arkitas Robótica, como socios locais da WRO e organizadores das distintas actividades do evento do 30 de xuño, están á nosa disposición a través da conta de correo info@arkitas.es.
Coñecémolo máis polos seus móbiles, pero hai tempo que a ambición de Xiaomi fixo que o seu catálogo de produtos chegue a moitas outras industrias, e entre elas está a da saúde ou a monitoraxe da actividade física.
A nova proposta do fabricante así o demostra: o chamado Xiaomi iHealth Smart Blood Glucose Meter (idéntico ao dispositivo iHealth Align) é un glucómetro conectado desenvolvido por iHealth Labs que nos permite medir os niveis de azucre en sangue e rexistralos cunha aplicación móbil que nos revela se todo vai ben neste importante índice. O dispositivo é unha alternativa interesante para persoas con diabetes.
Pequeno e funcional
O deseño deste glucómetro de Xiaomi e a empresa estadounidense iHealth é desde logo curioso: trátase dun dispositivo pequeno de 52 x 30 x 9,5 mm que pesa tan só 10,3 gramos e que destaca por esa forma de pinga e por contar co conector de 3,5 mm que tradicionalmente asociamos aos auriculares pero que Xiaomi leva tempo usando para algúns dos seus accesorios para móbiles.
Os fabricantes fixeron uso dun polímero PMMA que segundo eles faino totalmente hixiénico, e no seu interior atopamos un pequeno procesador Cypress que se encarga da calibración do algoritmo de medición e de achegar a máxima precisión á hora de ofrecer eses datos sobre os niveis de azucre en sangue.
Este glucómetro fai uso dunha pila de botón (CR1620) non recargable que se pode substituír facilmente. O dispositivo apenas consome enerxía, o que fai que estas pilas aguanten moito tempo sen necesidade de ser cambiadas.
A información do glucómetro sempre ao teu alcance
A medición dos niveis de azucre en sangue realízanse de forma idéntica ás doutros glucómetros: o dispositivo inclúe 25 packs de papeis de proba, agullas recolectores de sangue e sabas desinfectantes, ademais dun bolígrafo recolector no que colocamos esas agullas cando as imos usando.
Unha vez colleitamos unha pequena pinga de sangue e introducímola no glucómetro, poderemos conectar este dispositivo ao noso móbil a través da toma de auriculares.
A aplicación desenvolvida por Xiaomi para facer o seguimento deses niveis está dispoñible tanto para iOS como para Android, e en cinco segundos ofrecerá a información sobre a proba realizada.
Xiaomi non fabrica, esta vez só revende
O dispositivo que está a comercializar Xiaomi está deseñado e desenvolvido por iHealth Labs, unha empresa estadounidense con presenza europea na que Xiaomi investiu 25 millóns de dólares en 2014.
Esta empresa tamén o comercializa co nome de iHealth Align por 19,95 euros coa súa propia aplicación, e de feito dispón dun modelo superior de 69,95 euros que non depende do smartphone.
Podémolo atopar en tendas chinesas online baixo a marca de Xiaomi, pero tamén está á nosa disposición por exemplo en Amazon, onde custa 19,95 euros máis 2,99 euros de gastos de envío.
Este dispositivo está orientado a pacientes de diabetes e o fabricante indica que foi aprobado polas autoridades regulatorias, incluídas as europeas, e iso permite que conte co selo CE, ademais de estar clinicamente validado co protocolo ISO 15197:2013.
Máis información | iHealth Labs
SmartPEME, a rede de formación e asesoramento TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra, vai ofrecer este mes de abril na súa sede pontevedresa (o edificio administrativo da entidade provincial) un total de oito actividades de capacitación tecnolóxica para os profesionais, os traballadores, as PEME e os emprendedores locais. A primeira cita do mes na oficina SmartPEME de Pontevedra desenvolverase este mércores, co curso Vén a descubrir que son e para que serven as redes sociais.
Tras este primeiro obradoiro, esa mesma semana, o 6 de abril, impartirase Como utilizar Instagram para promover a túa empresa. A seguinte semana terán lugar dous novos obradoiros: o martes 10 de abril, Prestashop I: comeza a crear a túa propia tenda online e, o 12 de abril, Como mellorar a reputación online do teu establecemento de hostalería.
Pola súa banda, a seguinte semana, os obradoiros continuarán en Pontevedra o luns 16 de abril con Prestashop II: xestión dunha tenda online e Mellora a calidade das túas imaxes con editores online, o xoves 19 de abril. Por último, o luns 23 de abril Pontevedra acollerá o obradoiro Aprende a crear vídeos promocionais para o teu negocio e rematará o mes con Colabora co teu equipo dun xeito máis sinxelo.
Todos os obradoiros realizaranse a partir das 19 horas, agás os días 6 e 12 de abril, que serán ás 17 horas, e as inscricións poden facerse chamando ao 886 202 020 ou ben a través do correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou da páxina web www.smartpeme.depo.es.
A Deputación de Pontevedra lembra que o proxecto SmartPEME comezou 2018 afrontando unha nova etapa na súa andaina, un novo treito no que o programa verá aumentados os servizos a fornecer, abrindo tres novas grandes liñas como son o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), que estará situado no viveiro de empresas de Barro, SmartPEME Impulsa e TurisTIC, que se irán facendo dispoñibles para as persoas autónomas e empresas a partir dos vindeiros meses. A través do Centro Provincial de Economía Dixital vaise mostrar ás empresas as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes que a economía dixital ofrece. Para iso, o CPED apoiarase nas instalacións do FabLab que a Deputación de Pontevedra ten instalado no viveiro de Barro. Doutra banda, SmartPEME Impulsa abrirá novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización, “unindo deste xeito os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos”, explica a Deputación, engadindo que TurisTIC, como indica o seu nome, presentarase como “un punto de apoio tecnolóxico para o o sector turístico”. Trátase dun servizo enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas e que pretende potenciar o sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e (agora tamén) Barro, abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos denetworking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
Uns 40 nenos e nenas de Celanova participaron esta semana Santa nos talleres e actividades organizadas polo Concello celanovés a través da aula de informática, incluída na Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (Cemit) de Galicia.
No último, celebrado onte mesmo en colaboración coa biblioteca pública, os menores tiveron a oportunidade de elaborar debuxos para participar no concurso "Un conto de H. C. Andersen en cómic" coincidindo co Día do Libro Infantil e Xuvenil. "Os nenos e nenas sempre veñen moi contentos á aula, porque é unha oportunidade que teñen para xogar e achegarse as novas tecnoloxías", apuntaba Laura Fernández, responsable das instalacións.
Curros e A Chaira
Durante as vacacións escolares, as instalacións municipais situadas no parque das Triguerizas, albergaron diferentes actividades adaptadas segundo a idade. A estes obradoiros hai que engadir a oferta lúdica relacionada coa literatura local organizada pola Fundación Curros Enríquez na Casa dous Poetas, así como a programación de lecer e de natureza deseñada desde o Centro Terapéutico, Cultural e Educativo A Chaira de Amoroz.
Unha empresa española creou a primeira aplicación de móbil pensada para facilitar as doazóns a causas solidarias, co obxectivo de acelerar e simplificar os trámites das persoas que queren colaborar en todo tipo de proxectos, como o apoio a persoas con discapacidade ou a persoas maiores.
Esta aplicación, que se chama Helpin.Name, é un exemplo máis de como a tecnoloxía pode axudar, aínda que sexa de forma indirecta, a mellorar a calidade das persoas que teñen unha situación máis complicada.
A idea desta aplicación naceu das dificultades que os seus fundadores atoparon para realizar unha doazón a través dun teléfono móbil, momento no que decidiron desenvolver unha solución que permita simplificar este tipo de transaccións.