
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), en colaboración coa Obra Social ”la Caixa” a través do programa Incorpora, pon en marcha a II edición do “Programa de Empoderamento e Activación para o Emprego” para mulleres con discapacidade, iniciativa da que xa se beneficiaron máis de 400 mulleres con discapacidade de oito provincias de España.
“O programa reafírmate como persoa, reforza as túas capacidades e ensínache a valorarte máis. Cada unha das participantes tiñamos unha discapacidade, pero tamén temos mil capacidades que podemos explotar. Ter unha discapacidade non che incapacita para realizar unha actividade, para poñerche obxectivos e para ter o teu proxecto de vida”, explica María José Sánchez González, participante da primeira edición en Navarra.
O obxectivo principal do programa é fomentar o empoderamento e potenciar a integración sociolaboral dun colectivo que tradicionalmente se enfronta a unha dobre discriminación: o feito de ser muller e ter unha discapacidade. Agora, a partir da intervención individual e grupal e de itinerarios personalizados de inserción sociolaboral, preténdese empoderar ás mulleres con discapacidade para fomentar a súa autonomía social e económica, de forma que deixen de ser “obxecto doutras persoas” e convértanse na “persoa protagonista da súa propia historia”.
“O Programa de Empoderamento e Activación para o Emprego resultoume moi útil para coñecerme a min mesma e para alcanzar uns obxectivos laborais dignos e reais, que me fixeron sentir autónoma e independente”, afirma M.R.C. sobre a súa experiencia como participante na I edición na provincia de Alacante.
Na mesma liña, Salomé Fernández, de Galicia, asegura que formar parte do programa “supuxo unha oportunidade laboral”. Segundo as súas palabras: “Despois de estar durante cinco anos sen traballar, sen expectativas de atopar traballo, con inicios de depresión porque cría que a culpa de todo o malo era miña, entrei a formar parte deste programa cando mo comunicaron desde COGAMI. Aos dous meses, roldando xa os 50 anos, chámanme dunha empresa para traballar como administrativa. Formar parte deste programa serviume para rexurdir, para valorarme, para crer en min”.
Preto de 500 mulleres con discapacidade das provincias de Ourense, Alacante, Barcelona, Cádiz, Huesca, Madrid, Pamplona e Teruel, participarán en 2018 no programa. Con elas realizarase un itinerario personalizado de inserción sociolaboral; sesións grupais de apoio psicosocial; intervención grupal orientado ás habilidades prelaborales e alfabetización tecnolóxica, así como o seguimento a nivel individual para a consecución de obxectivos e metas específicas expostas con cada beneficiaria.
Ademais, traballarase de forma coordinada co Programa Incorpora de ”la Caixa”, no que tamén colabora COCEMFE e que ofrecerá orientación laboral e intermediación para o emprego ás beneficiarias do programa en procura activa de emprego.
As mulleres con discapacidade interesadas no programa, poden poñerse en contacto coa coordinadora do mesmo, Isabel Jiménez, a través do correo electrónico igualdad@cocemfe.es (link sends e-mail) e o teléfono 91 744 36 00.
Máis información na Web de COCEMFE e na Web da Obra Social ”la Caixa”.
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou na mañá do luns o novo Espazo Emprende -anteriormente denominado Espazo Xove- de Lalín onde os mozos poderán impulsar os seus proxectos de emprendemento a través de procesos de coworking. Nestas instalacións, os usuarios dispoñerán tanto de medios como de asesoramento personalizado e formación para a posta en marcha dos seus negocios e ideas.
A representante da Consellería de Política Social, que estivo acompañada neste acto polo alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, destacou a importancia deste espazo para converter á mocidade en motor da dinamización económica de Lalín e a súa contorna. Aludiu á existencia dun firme compromiso do Goberno galego cos novos emprendedores, "que non son só o noso capital de futuro senón tamén do presente", afirmou. En consonancia, dixo, esta iniciativa vai encamiñada a darlles un espazo onde desenvolver os seus proxectos, pero tamén onde atopar unha serie de apoios que van desde o asesoramento para a constitución de empresas, acceso a financiamento e mercadotecnia ata accións formativas, de titorización e asesoramento individualizado e formación e coaching persoal.
Ideas de negocio
Os mozos que se animen a utilizar o Espazo Emprende terán a oportunidade de impulsar e potenciar a viabilidade das súas ideas de negocio desde un primeiro momento, aínda que as accións continuadas de acompañamento que se desenvolverán permitiranlles continuar cunha dinámica de crecemento e avance. O prazo para que se inscriban nesta iniciativa ábrese este mes.
Ademais, ao longo do presente ano organizaranse encontros sectoriais para a creación dunha dinámica de diálogo e coñecemento entre a mocidade e os axentes económicos do territorio, en Galicia pero tamén no norte de Portugal. Así mesmo, estas relacións estableceranse coas empresas galegas e lusas co fin de reforzar o achegamento dos emprendedores novos á realidade dos seus tecidos empresariais e que poidan valorar os seus recursos e potencialidades.
Xunto co centro de Lalín, Galicia contará cunha rede de Espazos Emprendedores, emprazados nas localidades de Betanzos, Carballo, Curtis, Noia, Pontedeume, Ourense, Chantada, Vilalba, Viveiro, Lalín, Tui e Vilagarcía de Arousa, aínda que esta rede alcanzará tamén o norte de Portugal a través da Oficina transfronteiriza de información xuvenil Galicia- Norte de Portugal situada no municipio ourensán de Verín e os centros de atención cos que conta o Instituto Portugués do Deporte e da Mocidade e a Federación Nacional de Asociacións Xuvenís Portuguesas en Minho-Lima, Cádavo, Ave, Grande Porto, Támega e Alto Tras os Montes.
Os Espazos Emprende enmárcanse no proxecto Lidera, Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xuvenil transfronteirizo (acrónimo Lidera), que forma parte da actividade Crece de impulso do traballo xuvenil en rede. Foi aprobado no marco do Interreg V A España Portugal 2014-2020 (Poctep) e conta cun orzamento de 1.428.692 euros e financiamento dun 75 % do Feder e unha duración de catro anos (2016-2019).
Son socios do referido proxecto transfronteirizo: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela, a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega), o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociacións Xuvenís Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do AVE.
A Fundación MAPFRE, xunto coa IE Business School, lanzou un concurso de startups que pretende axudar na consolidación de ideas innovadoras que xeren impactos positivos nas comunidades, achegando servizos de mentoring e financiamento de 30,000 euros aos gañadores.
Aberta ata o 30 de abril, a convocatoria contará con tres semifinais (en Brasil, México e España), para pechar a competencia cun evento en Madrid en outubro próximo, no que se definirán aos proxectos gañadores en tres categorías: Mellora da saúde e tecnoloxía dixital; Innovación aseguradora Insurtech e Mobilidade e seguridade viaria.
A competencia valorará especialmente a capacidade e experiencia dos participantes, respecto da súa demostración con probas piloto ou prototipos que levasen a cabo e que acrediten que o proxecto pode ser unha realidade. Tras un filtro dos proxectos rexistrados en cada país, as semifinais comprenderán 27 participantes en total, é dicir, tres aspirantes por categoría e rexión. A final presentará un só candidato por categoría de cada semifinal.
Durante esta primeira fase poden inscribirse para competir colectivos, empresas e usuarios, tanto independentes como integrantes do ecosistema emprendedor, así como as redes de incubación con que IE e MAPFRE colaboran.
O espazo Coworking de La Molinera puxo en marcha unha nova edición para a xestión de novos proxectos empresariais. Neste sentido, o Concello de Ourense está a pechar xa os 22 proxectos emprendedores que tutelará, xunto coa Deputación provincial e a Escola de Organización Industrial (EOI). Presentáronse a este edición un total de 40 candidatos. Do total de ideas emprendedoras presentadas, un 55% foron por mulleres e un 53% por mozos con estudos universitarios, segundo a memoria que difunde o Concello.
Por idades, un 25% son menores de 30 anos e un 28% aínda non cumpriron os 40. Do total de presentados, un 42% son desempregados, un 30% son autónomos e o 28% restante traballadores por conta allea. Como en edicións anteriores, a maioría das ideas emprendedoras que optan a estar en La Molinera pertencen ao sector servizos, sobre todo en aspectos relacionados co turismo.
Unha vez se poña en marcha a nova edición dos proxectos —concluído o proceso de selección—, La Molinera poñerá a disposición dos participantes no Coworking o centro de innovación social para desenvolver o concepto e deseño de cada proxecto e poder levar a cabo un primeiro test da súa viabilidade.
Este venres 6 de abril o Concello de Oleiros lévanos da man ás vantaxes e aos riscos do espallamento das redes sociais entre a mocidade, vantaxes e riscos que teñen relación directa co tipo de uso que se lle dea aos servizos dixitais. Trátase da xornada Redes sociais e adolescencia, que se celebra no auditorio da Fábrica ás 19.30 horas en formato de charla aberta, dirixida sobre todo ás familias. A cita fundamenta un dos seus piares no seguinte dato: as comunidades e servizos en liña son xa o lugar preferido para o lecer do 90% da mocidade. Polo tanto, tendo en conta esta elevada porcentaxe, “é fundamental que as nais e os pais teñan información para previr moitos dos problemas no futuro”, sinala o Concello.
Porén, explica a organización, o contido desta charla non é de ciberseguridade na Rede coma outras semellantes que se organizan desde os centros educativos para as familias, nin as que teñen como destinatarios/as o propio alumnado. “Esta xornada”, engade o Concello, “está enfocada ás familias, co obxectivo de coñecer os comportamentos e as relacións que manteñen os rapaces e as rapazas nesa idade, etapa fundamental no desenvolvemento e na que configuran a súa personalidade e identidade, así como as súas crenzas”.
O Goberno local tamén explica que “as redes sociais están a xogar un papel moi importante” entre as mozas e mozos, e son xa un dos elementos de socialización máis importantes para eles e elas, “polo que as familias deben coñecer de preto que hai detrás, que está a pasar nas relacións que manteñen a través desas canles, como inflúen na súa vida, no seu desenvolvemento, nas relacións entre iguais e coa súa familia”.
Logo da charla abrirase un coloquio co público asistente no que poderán realizar preguntas ás relatoras, Virginia Pañeda e Sara Vierna, educadoras especialistas en redes sociais, xénero, intelixencia emocional e adestramento educativo, que nos achegarán á realidade que están a vivir os menores de idade nestes intres nas redes.