main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

06/04/201807:44
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

O 26 de abril celebramos o Día Internacional das Rapazas nas TIC

Este 26 de abril temos unha nova cita coas mulleres e as novas tecnoloxías da información. Estamos a falar do Día Internacional das Rapazas nas TIC, unha celebración que, no que a nosa terra se refire, volverá ter (un ano máis) o epicentro de actividades na sede do Centro de Supercomputación de Galicia (o CESGA), con ramificacións (en liña) cos centros educativos. Trátase, para que non o saiba, dunha iniciativa orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC como un ámbito axeitado e acaido para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.

Volvendo aos actos do CESGA, en Santiago, pola mañá (de 11:00 a 12:30 horas) celebrarase como vén sendo costume un coloquio virtual con varias mulleres emprendedoras galegas: emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), ás que as/os estudantes que participen dende os seus centros de secundaria/primaria conectados vía streaming coas salas do CESGA poderán facer calquera pregunta sobre os seus campos profesionais ou razóns persoais que as levaron a traballar no ámbito tecnolóxico-dixital. As convidadas deste ano son:

  • María José Durán. Enxeñeira en Informática e fundadora da tenda en liña Potingues Verdes.
  • Ana Cidre. Experta en desenvolvemento de tecnoloxía, organizadora de GDG Vigo e fundadora do grupo GalsTech. Ten un grao en Belas Artes e un máster en negocios e economía internacional. A día de hoxe é unha desenvolvedora de software especializada en Angular.
  • Susana Rey. Enxeñeira en Telecomunicacións, máster en Seguridade da Información e responsable de Seguridade en R.
  • Cecilia Grela. Enxeñeira en Informática, máster en Consultoría en Software Libre e desenvolvedora de programas en múltiples proxectos de I+D+i (entre outros, o ICT-Go-Girls!), así como formadora en TIC. 

O CESGA informa que as persoas interesadas en participar no evento da mañá dende o seu centro, deberán poñerse en contacto co centro cubrindo un formulario e recibindo logo unhas instrucións para a conexión no día. O evento durará aproximadamente 1 hora e media, até as 12:30. Pola tarde, de 17:00 a 19:00 horas, celebrarase unha xornada de portas abertas con actividades TIC divertidas para mozas e mozos de entre 10 a 14 anos: demostracións e obradoiros de impresión 3D, realidade virtual e aumentada, arte dixital, programación, robótica, e, por suposto, unha visita guiada ao corazón do CESGA, o supercomputador Finis Terrae 2. Para máis información, podemos consultar o Facebook de ICT Go Girls, o Twitter ou mesmo o Youtube

Para esta actividade cóntase co apoio das seguintes entidades: Xunta de Galicia (GAIN, Secretaría de Igualdade, Consellería de Educación e AMTEGA), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Universidade de Santiago de Compostela (Facultade de Educación, Oficina de Igualdade de Xénero, Woman Emprende), a Universidade da Coruña (Facultade de Informática) e GalsTech, o Grupo de mulleres interesadas en tecnoloxía de Galicia. O evento a nivel internacional vén da man da entidade International Telecommunications Union (ITU). O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) é impulsor do proxecto europeo ICT-Go-Girls! (promoción do emprendemento das rapazas de Secundaria a través das TI) xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A iniciativa diríxese ás rapazas dos primeiros anos de Secundaria para proporcionarlles unha imaxe “máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico” e lograr así unha maior presenza feminina no eido das TIC. Amais das ditas entidades, tamén ten colaborado nas actividades o Concello de Santiago, sumándose deste xeito a esta fronte común contra a fenda dixital de xénero.

05/04/201818:35
Alberto Núñez Feijóo.
Santiago de Compostela

A Xunta destinará máis de 500 millóns ata 2021 para impulsar os servizos públicos dixitais e reforzar a cohesión dixital da Administración

  • Precisa que, entre os fins estratéxicos, destacan tamén: a capacitación dixital; promover a economía dixital; o crecemento do ecosistema dixital; a dispoñibilidade dos servizos públicos dixitais; e as medidas instrumentais e de eficiencia

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación no Consello do contrato de xestión plurianual da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia que disporá de máis de 500 millóns de euros ata 2021 para desenvolver 50 programas e responder aos fins estratéxicos entre os que destacan: reforzar a cohesión dixital da Administración; promover os servizos públicos dixitais; fomentar a capacitación dixital; promover a economía dixital; apoiar o crecemento do ecosistema dixital; garantir a dispoñibilidade dos servizos públicos dixitais; e aplicación de medidas instrumentais e de eficiencia.

O presidente da Xunta destacou que o reforzo da cohesión dixital da Administración afectará tanto ao funcionamento interno da Administración como á súa relación coa cidadanía.

En relación aos servizos públicos dixitais, sinalou que afectará a ámbitos como o comercio a empresa e a industria, a xustiza, a Administración ou o ámbito social. No tocante á xustiza, lembrou o compromiso de implantar un modelo de sala de vistas totalmente dixital; así como estender a sinatura dixital e o sistema de xestión de arquivos e obxectivos relacionados cos delitos ao 95% dos órganos xudiciais.

No eido da Administración, destacou a necesidade de mellorar a sede electrónica e poñer en marcha a carpeta do cidadán ou incrementar nun 60% a porcentaxe de accesos. E no ámbito social, consolidarase a Historia Social Única Electrónica, ademais de avanzar no modelo de Fogar Dixital.

Sobre o fomento da capacitación dixital, o titular da Xunta subliñou o compromiso de promover o talento no eido das TIC; avanzar no Plan de Inclusión Dixital; ou a extensión das redes de alta velocidade nos centros de ensino e da educación dixital, co obxectivo de chegar aos 20.000 alumnos.

Así mesmo, e para promover a economía dixital ofreceranse ferramentas dixitais ao sector turístico e mellorarase a rede de oficinas; poñeranse as TIC ao servizo da xestión dos arquivos, museos e o patrimonio; dixitalizaranse tamén os sectores primarios; e modernizarase o transporte por estrada, para facilitar o transporte baixo demanda.

Para apoiar o crecemento do ecosistema dixital, destacou o obxectivo de estender a banda larga, para que o 96% da poboación teña acceso a redes de 30 megas.

Garantir a dispoñibilidade e a seguridade dos servizos públicos dixitais, co desenvolvemento do Plan de Seguridade da Xunta; e implantar medidas instrumentais e de eficiencia, como a aprobación definitiva da Lei de Administración dixital, a consolidación da contratación centralizada, e a mellora das infraestruturas, sistemas e redes corporativas que dan servizo aos 3.000 centros da Administración autonómica, son outros obxectivos que se atopan dentro desta estratexia.

05/04/201813:35
Cartel de relatores da ICC Week.
Ourense

A Ourense ICC Week celebrará o espírito gamer e o talento TIC das mulleres galegas

Quen queira creatividade e espírito argalleiro aplicado ás múltiples facianas do dixital, vaino ter en Ourense a primeira semana de maio, a conto da cuarta edición do evento Ourense ICC Week, organizado un ano máis pola Deputación de Ourense, desta volta co engadido extra (un engadido extra moi destacable) de poñer o foco nas importantes contribucións pasadas, presentes e futuras das mulleres á innovación, ao coñecemento avanzado e a todas as cousas que nos transforman para mellor e nos fan a vida máis doada e sustentable. As actividades previstas para os días comprendidos entre o 2 e o 5 de maio inclúen unha quedada informática, a ICC Technium R Encounter, e máis unha competición a gran escala de seareiros dos deportes dixitais, a ICC eSports. 

Estas accións, abeiradas á etiqueta ICC Gamers, compleméntanse coa que ao noso parecer é a actividade estrela do programa: a xornada Unha viaxe cara a Sociedade do Coñecemento, prevista para o 4 de maio. Será, como dixemos antes, unha apaixonante viaxe ás importantes achegas das mulleres tech

Volvendo a ICC Gamers, escaparate das últimas tendencias en videoxogos e deportes en liña, contará coa colaboración da Deputación de Ourense, a Universidade de Vigo, R euskaltel, a Federación Galega de Automobilismo e Mahou.

Indo ao miolo desta vertente de lecer dixital, a xuntanza ICC Technium R Encounter botará a andar o día 3 de maio ás 18 horas e rematará o 6 de maio á mesma hora, no Pavillón Universitario de Ourense. A edición 2018 da quedada informática terá catro grandes torneos: League Of LegendsCounter Strike Global OffensiveHearthstone Super Smash Bros Brawl. Haberá 4.000 euros en premios en torneos ou en outras actividades lúdicas dentro da party.

A xeito de curiosidade lembrar que na pasada edición, o moañés Aarón González Santomé, acadou un novo récord Guinness do xogo Final Fantasy 10, logo de permanecer 40 horas consecutivas competindo.

Volvendo ao apartado de xogos, este completarase coa devandita actividade ICC eSports, que tamén se celebrará no Pavillón Universitario de Ourense, o 5 de maio ás 10 horas até o 6 de maio ás 15 horas. Dentro desta celebración os torneos que se disputarán serán: FIFA 18, Clash Royale, e GT Sports. A entrada aos mesmos pode adquirirse estes días en Ticketea (podéndose acceder a ela a través da web www.technium.es). Neles poderán participar xente de fóra da ICC Technium R Encounter, así como as persoas da propia party.

Alén destas actividades ligadas ao lecer dixital, a Ourense ICC Week 2018 será moito máis. Haberá, de feito, achegamentos diversos ás novas tecnoloxías, ao humor, á música e mesmo premios para xestoras/es culturais de Galicia. En concreto, no que se refire aos novos sectores emerxentes e ás TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación), o 4 de maio as mulleres tecnolóxicas serán as protagonistas da xornada coa actividade Unha viaxe cara a Sociedade do Coñecemento, que contará coa presenza de diversas expertas-profesionais do noso ámbito innovador. O cometido desta celebración será visualizar ao máximo o importante papel despregado polas nosas mulleres referentes e expertas en tendencias de máxima actualidade, como por exemplo a realidade virtual, a realidade aumentada, o mundo do software, a chamada gamificación (aplicar en actividades da vida real metodoloxías propias dos videoxogos, estimulando a creatividade e a cooperación) ou a economía colaborativa. 

Nesta xornada de mulleres tech, Sara Rodríguez, Cynthia Gálvez e Luz Castro contarán de primeira man o que están a facer e mostrarán o que está por vir en materia de tecnoloxías e, por suposto, en materia de tecnoloxías impulsadas dende o ámbito feminino e con vontade de romper calquera fenda de xénero, incluídas as dixitais.

Por outra banda, na mesma xornada do 4 de maio o presidente da AGAG (Asociación Galega de Guionistas), Nico Campos, falará das novas sobre o futuro dos contidos, os guións e a dirección, achegando as vivencias do sector da man da directora e escritora, Gracia Querejeta, autora de filmes tan destacables como A derradeira viaxe de Robert Rylands ou a máis recente Felices 140.

05/04/201812:32
Facultade de Matemáticas da USC.
Santiago de Compostela

MeLiSA introdúcenos nas posibilidades do software libre para uso científico

O vindeiro 12 de abril celébrase na Universidade de Santiago un evento destinado a pór de relevo a potencialidade dos programas e plataformas libres no ámbito da investigación. A Xornada de presentación de Software Libre para uso científico terá lugar na aula magna da Facultade de Matemáticas do Campus Vida, sendo o seu obxectivo concreto “compartir coñecementos e experiencias arredor do software libre” e máis presentar a versión 5.0 de EpiLinux. A cita vén da man da Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA), e conta co apoio da axencia AMTEGA e da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.

O acceso é libre, e a inscrición de balde, que pode realizarse en liña na ligazón específica habilitada por MeLiSA. O comezo da xornada está previsto para as 9.30 horas, coa intervención de Rafael Rodríguez Gayoso, que presentará as liñas de actividade da asociación e as vantaxes de contarmos e dispoñermos de licenzas libres. A continuación falarán María José Ginzo Villamayor (que afondará nas posibilidades do software matemático e estatístico, salientando os de meirande uso e potencial) e Miguel Ángel Rodríguez Muíños (que presentará a edición 5.0 de Epilinux, sistema operativo libre de gran rendemento, lixeireza e marxe de uso, baseado en GNU/Linux e orientado ao emprego de ferramentas de análise epidemiolóxica e bioestatística).

05/04/201809:37
Eyesynth.
Castelló da Plana

Eyesynth, as lentes 3D "made in Castelló" que traducen o que ven en sons comprensibles para persoas cegas

Segundo os últimos datos da OMS no mundo hai 253 millóns de persoas invidentes das cales 36 millóns son totalmente cegas. En España temos máis de 72.000 afiliados á ONCE dos cales o 19% sofre cegueira total. A tecnoloxía é unha poderosa ferramenta e tamén o é para estas persoas, con todo a mellor axuda seguen sendo opcións tan básicas como o can guía ou o bastón.

Para ofrecer unha solución máis avanzada chega Eyesynth, un proxecto 100% español con base en Castelló e cuxo produto pretende crear segundo as súas propias palabras "unha experiencia de sentido aumentado". O seu sistema consiste nunhas lentes que rexistran o espazo en tres dimensións, procésase a información e tradúcese en sons comprensibles para a persoa invidente.

O usuario recibe o audio desde as propias lentes e consegue facerse unha idea do que sucede e ten ao seu redor. Antonio Quesada, CEO de Eyesynth, explícanos o proxecto, a súa saída ao mercado este mesmo ano, as probas en usuarios potenciais e como foi o desenvolvemento destas lentes para invidentes.

 

Máis aló do bastón; as lentes Eyesynth poden detectar obxectos que non están no chan

Con catro anos ás súas costas, Eyesynth pretende axudar ao usuario invidente naqueles momentos onde un bastón ou o can guía non chega. Pero é importante sinalar que estas lentes non pretenden substituír o bastón, senón complementalo. En caso contrario ao cabo de oito horas, a súa duración da batería, o usuario quedaría sen axuda.

Como funcionan? Temos unhas lentes con dúas cámaras encima dos ollos que gravan o que se atopa diante. Esta información procésase nun miniordenador incorporado e tradúcese directamente en sons para a persoa. O sistema actualízase ata 60 veces por segundo e o tempo de resposta de quen utiliza as Eyesynth é suficiente como para reaccionar a tempo.

son que se transmite á persoa cega ten diversas intensidades e vén desde varias direccións. Isto permite ao usuario saber se por exemplo hai alguén á dereita ou á esquerda, arriba ou abaixo ou se é máis grande ou pequeno. Ao principio estes sons parecen inintelixibles pero ao cabo dun tempo permite descubrir que se ten diante.

As Eyesynth pódense graduar en función de onde as vaiamos a utilizar. Se é para interiores transmitirá o que detecte a 0,7 metros, mentres que se se utilizan en exteriores o seu alcance é de dous ata 6 metros. Outro factor para configurar será a maneira en que viremos a cabeza. Estas lentes gravan o que apuntamos coa cabeza e para iso está o modo captura virando a cabeza ou panorámica no que o campo de 'visión' será máis amplo.

Que achega entón respecto ao bastón? Basicamente amplitude de visión. Os creadores de Eyesynth explícannos que coas súas lentes 3D pódense detectar obxectos que non están no chan como extintores e non só permite identificar formas e espazos, tamén medir a profundidade a unha distancia máis grande que non a obtida co bastón.

 

Condución ósea para recibir instrucións e seguir escoitando a contorna

O son das Eyesynth transmítese a través de condución ósea. Unha tecnoloxía utilizada por múltiples auriculares e dispositivos nos que o son se transmite a través dos ósos da cabeza. Isto ten varias vantaxes, por unha banda evita a fatiga do oído e por outro permite á persoa seguir escoitando o que pasa ao seu redor. Vital para as persoas cegas.

A información que recibe a persoa invidente é constante, aínda que se pode silenciar ou apagar se así se desexa. O audio que se escoita é como un siseo envolvente que vai cambiando de dirección e intensidade. Ao principio é moi abstracto xa que non se utilizan palabras pero o cerebro acaba por interpretar e entendelo ao cabo dun tempo.

Tivemos a oportunidade de probalo e si que é difícil de definir. A idea é que a través de sons créase como unha envoltura da contorna e se por exemplo alguén pasa preto noso á dereita, o son que percibimos desde esa zona magnifícase. Tamén puidemos ver como a taxa de refresco é suficiente como para que alguén camiñe diante noso e o detectemos, aínda que sexa por un par de segundos.

Dependendo da habilidade de cada usuario e o que se esforce en tentar comprender o sistema, apréndese entre unhas horas ou un par de días. Antonio Quesada explícanos que se realizaron tests tanto en nenos como en persoas maiores e funciona mellor, que non exclusivamente, en persoas cegas de nacemento máis afeitas orientarse co oído.

 

Obxectivo: afastarse do ortopédico

As lentes 3D de Eyesynth non son precisamente pequenas e minimalistas, pero si teñen un toque de deseño moderno que as afasta dos produtos ortopédicos clásicos. Son como unha lentes de sol ao uso con dúas pequenas lentes de apertura f/1.8, 3,6mm e campo de visión de 76 graos. Contan con sensores infravermellos para captar a imaxe, un procesador de dobre núcleo e unha matriz de portas programables no interior que é a responsable de aplicar os cálculos e algoritmos que logo se traducen en sons.

A montura das súas lentes foi deseñada por Marcelo Alegre de Alegre Design e están fabricadas en aluminio, plástico e acetato. O dispositivo que probamos non era o prototipo final, pero si é certo que esa sensación de 'gadget' existía.

Eyesynth busca afastarse do estilo habitual nos produtos para invidentes. En palabras de Antonio Quesada: "Nós vendemos tecnoloxía para cegos. Non hai un estándar de mobilidade e en Eyesynth buscamos un gran deseño, con boa calidade de materiais. Buscamos o oposto ao ortopédico."

 

Investigación desde Castelló da Plana

Eyesynth dispón dun equipo dunhas quince persoas e gran parte do traballo realízano desde o Centro Europeo de Empresas Innovadoras (CEEI) de Castelló da Plana, na Comunidade Valenciana. Alí recibiron ademais o apoio da ONCE de Castelló e colaborando co Hospital Nisa Rei Don Jaime.

Precisamente no hospital de Castelló é onde participaron nos estudos do neurólogo Antonio Belenguer. O investigador foi un alicerce nas probas das lentes con usuarios reais e as conclusións é que o seu uso estimula a cortiza visual.

Os beneficios destas lentes 3D para invidentes parecen bastante claros pero non son os únicos en desenvolver un produto deste tipo. Outros centros como o 'Center for Research and Advanced Studies (CINVESTAV) en México teñen solucións similares pero baseadas en ultrasons. Traballos que evolucionaron independentemente e en paralelo aínda que desde Eyesynth explícannos que apostaron máis pola vertente comercial de cara ao usuario final e non unicamente quedar en prototipos para laboratorio.

 

Horizon2020: chega o financiamento da Unión Europea

Ata chegar a ter un prototipo viable que poñer á venda fixeron falta varios anos de desenvolvemento e procura de financiamento. Como calquera startup que desexa medrar optaron por diversos métodos, sendo un deles o crowdfunding. A finais de 2015 tentaron conseguir 100.000 euros en KickStarter pero quedaron moi lonxe do obxectivo.

Non o tomaron como un non definitivo e seguiron traballando ata que o ano pasado foron elixidos no proxecto Horizon2020 Fase II, o maior programa de innovación da Unión Europea e unha via de financiamento suficiente para finalizar o prototipo e empezar a comercializalo. Despois do impulso da Unión Europea, Eyesynth está a captar a atención do sector como así o mostra a súa inclusión nos Startup Europe Awards 2017. Eyesynth foi elixida xunto a outras 17 startups españolas nestes premios promovidos pola Comisión Europea e a Fundación Finnova.

Eyesynth atópase en fase de produción e xa están dispoñibles para reservar. O seu prezo oficial son 2.420 euros pero os cen primeiros usuarios poden conseguilas por 1.695 euros cunha reserva inicial de 499 euros que será descontado no momento de recibilas. Setembro de 2018 é a data fixada para o envío das primeiras unidades aos clientes.

Unha fase inicial con varios atrasos e dificultades pero na que esperan atopar persoas invidentes que se animen a probar estas lentes que permiten "visión a través do oído". Unha startup española que ofrece un produto diferente, con moito traballo de investigación e desenvolvemento detrás e enfocado a un sector concreto onde a tecnoloxía pode representar un verdadeiro salto na vida destas persoas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS