
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Quen queira formarse nunha das industrias de meirande proxección e maior potencial creativo do noso tempo, os videoxogos, vai ter en Compostela unha boa oportunidade para facelo. Estamos a falar do programa Constrúe o teu Futuro. Videoxogos e emprendemento, organizado pola Cámara de Comercio en Santiago en colaboración (achegando financiamento) coa Cidade da Cultura de Galicia e a Fundación INCYDE a través do Fondo Social Europeo. A iniciativa arrinca o 16 de abril no Centro de Emprendemento do Gaiás e está especialmente dirixida a menores de 30 anos, preferente no paro e sen cursar actividades de ensino no presente. O obxectivo é achegarlles claves de valor para convertérense en emprendedoras/es do lecer dixital ou, simplemente, para ampliar coñecementos e capacidades.
A formación inclúe as principais disciplinas vinculadas á creatividade, innovación e tendencias dentro do mundo do videoxogo (produción de imaxe en 3D, desenvolvemento visual, efectos visuais ou simulación), modelos de negocio, dirección de proxectos, roles de equipo técnico e tecnoloxía, área de mercadotecnia (Google Analytics, SEO, SEM, Growth hacking), área xurídico-fiscal, finanzas e área de dirección de proxecto final.
O programa, no que poderán participar un máximo de 25 persoas, celebrarase ata o 25 de maio no Centro de Emprendemento de la Cidade da Cultura de Galicia (Monte Gaiás, s/n), de martes a xoves en horario de 16:00 a 18:00 horas. Amais do devandito, abrangue titorías individuais entre o alumno e o consultor, sempre dentro do horario de apertura do centro de emprendemento do Gaiás (de 8:00 a 22:00 horas). As persoas interesadas en participar poden poñerse en contacto coa Cámara de Comercio de Santiago (981596800; vivero@camaracompostela.com) ou consultar o programa completo e inscribirse na súa páxina web.
O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) acolle, o día 13 de abril, un seminario práctico (https://cdtic.xunta.gal/asesores-dixitais) para mostrarlles ás pemes como solicitar a súa inscrición no Rexistro de Asesores Dixitais de Red.es.
Esta actividade está dirixida a profesionais do ámbito dixital interesados no asesoramento a empresas en materia de economía dixital. Para participar na xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/asesores-dixitais) ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.
O seminario, de carácter eminentemente práctico, será impartido por un técnico de Red.es que exporá ás persoas asistentes todos os detalles do programa Asesores Dixitais de Red.es e nela, ademais, realizarase, a modo de exemplo, unha solicitude para formar parte do Rexistro de Asesores Dixitais.
O programa Asesores Dixitais
Red.es, entidade pública empresarial dependente do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, puxo en marcha o Programa Asesores Dixitais co obxectivo de ofrecer ás pemes un asesoramento individualizado no seu proceso de transformación dixital.
Este servizo concretarase na realización, por parte de axentes especializados (os asesores dixitais), dun plan de dixitalización para a incorporación das TIC nos seus procesos (xestión do negocio, relación con terceiros, comercio electrónico, dixitalización de servizos e solucións).
Para a posta en marcha deste programa habilitarase proximamente unha convocatoria de axudas de ata 5.000 euros por peme.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade.
Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Universidade Sénior da Coruña colaboran no marco do Plan Dixital de Galicia nun itinerario formativo destinado á capacitación dixital de persoas maiores de 50 anos.
Dentro das actividades previstas para este ano, o vindeiro día 10, de 11.00 a 13.00 horas, celebrarase unha xornada de presentación da plataforma É-Saúde do Sergas nas instalacións da Universidade en Ferrol (Edificio de Apoio o Estudo- Campus de Esteiro), que se retransmitirá por videoconferencia a seis aulas da Rede CeMIT : Abegondo, Leiro, Pontevedra, Ribadeo, Santa Comba e Valga.
A presentación ten un enfoque eminentemente práctico co obxectivo de mostrar as facilidades da xestión online que ofrece a plataforma con exemplos prácticos sobre a solicitude das citas médicas, o acceso á historia clínica do paciente ou a consulta da medicación dende calquera dispositivo sen necesidade de desprazamentos aos centros de saúde.
Actividades en 2018
Esta é a segunda presentación da plataforma do Sergas que se fai tras o boa acollida que tivo a primeira celebrada o pasado 19 de marzo e que se retransmitiu en 19 aulas CeMIT, coa participación de máis de 150 persoas.
O pasado 1 de marzo realizouse a primeira das actividades planificadas no marco do proxecto europeo: Proxecto Erasmus+ KA204 “TICTac +55 - Técnicas de aprendizaxe combinadas na ensinanza das TIC para persoas maiores de 55 anos”, baixo o título: As TIC como unha destreza de vida nas persoas adultas e maiores europeas.
Ao longo de 2018, a Universidade Sénior da Coruña, na súa labor como aliad@ dixital, ten prevista a convocatoria de diferentes charlas informativas, presentacións e talleres que terán lugar de forma presencial nas súas instalacións e que, a través dos medios técnicos da Rede CeMIT, poderán ser seguidas ao longo de todo o territorio galego sen necesidade de realizar desprazamentos a través do sistema de videoconferencia.
Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 - Aliad@s Dixitais
O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.
Esta estratexia estase a desenvolver grazas á cooperación, e implicación dos axentes do ecosistema dixital. Actualmente o Plan de Inclusión Dixital conta con preto de 800 aliados dixitais, entre os que se inclúe a Universidade Sénior da Universidade da Coruña, a cal ven colaborando coa Xunta de Galicia dende 2016 como aliado dixital e anteriormente como entidade colaboradora do Programa de Voluntariado Dixital.
Universidade Sénior da Universidade da Coruña
A Universidade Sénior da Coruña centra a súa actividade en ofrecer estudos a un sector da sociedade maior de 50 anos que concluíu a súa vida laboral e demanda un novo tipo de formación actualizada e axeitada ás súas inquedanzas formativas e intereses culturais, onde as TIC teñen un papel fundamental.
No presente curso académico, conta con 945 alumnos e alumnas entre o campus de A Coruña e Ferrol.
Unha das maiores novidades para esta campaña é o lanzamento dunha aplicación, dispoñible tanto para dispositivos Android como iOS, que permite aos usuarios realizar a declaración a través do teléfono móbil.
Probamos a aplicación co VoiceOver dos dispositivos iOS e a compatibilidade é bastante boa, polo que esta app pode ser unha opción interesante para persoas con discapacidade visual.
Ademais desta nova canle, a Axencia Tributaria puxo tamén en marcha o servizo telefónico "Chamámolo". Este plan permite aos usuarios concertar unha cita previa para que un representante deste organismo se poña en contacto por teléfono co interesado e lle axude a realizar a declaración.
Esta opción telefónica é tamén moi interesante para persoas maiores ou para aqueles con dificultades de mobilidade, xa que evita que se teñan que trasladar ata a sede da Axencia Tributaria.
Onte pola mañá o Pazo de Cultura de Carballo acolleu a celebración das actividades da Zona Pro do Carballo Interplay, que comezaron cun panel sobre A televisión e os contidos nativos de Internet: experiencias e novas plataformas, na que participaron representantes de Playz, Flooxer, CRTVG e Mtmad, deixando clara a demanda de novas plataformas audiovisuais para recoller o público que abandona a tiranía da grella televisiva tradicional, á vez que que manifestaron as dificultades de facerse un oco dentro da inmensa oferta de contidos actual.
Abriron o panel o subdirector de contidos e transmedia de RTVE, Alberto Fernández, e Agustín Alonso G., responsable de webseries de Playz, que deron conta dos contidos cos que están a traballar actualmente e insistiron na necesidade de ter unha boa oferta dixital para non deixar de lado un novo sector da audiencia para a que «Netflix é a nova tele».
Flooxer: consolidándose entre o público novo
O director de Flooxer, Emilio Sánchez Zaballos, deu conta da evolución da súa plataforma, que durante os últimos anos foi todo un referente estatal, xa que esta plataforma de Atresmedia foi das que máis forte apostou polos novos formatos, e que pasou de ser unha plataforma de vídeo de curta duración con formatos estrela, contidos selectos e alto valor publicitario a converterse na marca de Atresmedia para os mozos, con contidos de maior duración, optimización dos formatos adaptados á construción da grella e incluso coa creación de marcas segmentadas.
Actualmente Flooxer conta cun millón de usuarios únicos ao mes, xerando 3 millóns de visualizacións de vídeo e cunha audiencia que nun 72% está en España, é un 59% masculina, ten entre 18 e 24 anos de idade no 46% dos casos e consómese nun 70% dende dispositivos móbiles, o que contrasta bastante cos medios tradicionais, máis envellecidos e ligados ao consumo no televisor. Sánchez salientou a necesidade de manter a liberdade dos creadores, á vez que tamén quixo matizar que non buscan competir co que certos influencers fan nas súas canles habituais, senón que cando os fichan prefiren diferenciarse e, por exemplo, no caso de AuronPlay, en vez de publicar monólogos fronte a webcam, optan por un formato de entrevistas.
A CRTVG apostará polos cativos e a educación
José Pereira Fariña, director da Área de Innovación e Negocio da CRTVG, reflexionou sobre o feito de que a televisión tradicional aínda ten moito que dicir e, de feito, continúa a ser líder grazas á súa forza en concorrencia e cobertura, superando sobradamente os volumes de audiencia dos das novas plataformas dixitais, pero recoñecendo que no caso do público máis novo as plataformas dixitais están máis presentes, e por iso explicou que a canle dixital educativa para Internet que está a preparar a CRTVG, que están a desenvolver en colaboración coa AMTEGA, busca precisamente achegarse ao público máis permeable aos contidos dixitais.
Pereira sostén que no contorno dixital os contidos de lecer están máis que cubertos, mentres que os informativos e formativos non teñen a mesma presenza, de aí que optasen polo ámbito educativo e polas escolas como canle para chegar aos pequenos, aínda que non desbotan explorar outros públicos e formatos nos vindeiros anos.
Mediaset confía na realidade
Pecharon o panel Jesús Gómez Carbón e Clara Gavilán de Mtmad, plataforma de Mediaset que busca atrapar as novas audiencias que non están na televisión, para o que apostan por fuxir da ficción e centrarse no lecer e na realidade, o que parece estar a darlles bos resultados.
Expuxéronse así distintas fórmulas tan diferentes como complementarias, que deixan en evidencia a evolución das plataformas dixitais, quedando agora nas mas dos creadores o desenvolver contidos e formatos que poidan callar entre os públicos emerxentes que cada vez están máis abertos a propostas innovadoras.