
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Universidade de Vigo vén de facer reconto do acadado até agora, en materia de participación, pola nova edición da Feira Internacional Virtual de Emprego Finde.U, a terceira, que se celebra entre o 16 e o 18 de abril. Segundo fai saber a institución educativa galega, xa se inscribiron 1.200 demandantes de emprego (procedentes sobre todo de ámbalas beiras da raia galego-portuguesa pero tamén doutros países europeos como Francia e Reino Unido, entre outros) e a previsión é acadar os 3.500 da anterior edición. Ademais, está previsto que concorran máis de 120 expositores, 30 máis ca en 2017. Destes expositores, 90 son empresas con necesidades de contratación de persoal, 17 son servizos/puntos de información relacionados con emprego e mobilidade e 12 son espazos de atención dos diferentes países participantes no ámbito da rede Eures.
A feira vén da man das universidades de Vigo, Porto, UTAD (Trás-os-Montes e Alto Douro) e a Universidade Católica Portuguesa – Oporto, en cooperación con IEFP / EURES Portugal e EURES Transfronterizo Galicia-Norte de Portugal. Segundo informan as entidades organizadoras, a cita da vindeira semana será o primeiro gran acontecemento da fieira Finde.U no ano 2018, acontecemento que se completará cos eventos presenciais que terán lugar no mes de outubro: en Porto, os días 16 e 17, e en Vigo, o 23 e 24 . En palabras de Alejandro Martínez, director da Área de Emprego e Emprendemento, a feira permite a aquelas persoas egresadas que estean a buscar un emprego, “presentar a súa candidatura a ofertas de traballo e a oportunidades de investigación, coñecer empresas e/ou expertos no mercado laboral dalgúns países europeos e mesmo ser convidado ou convidada a entrevistas de tipo laboral”. A maiores, sinala, “as persoas participantes tamén terán á súa disposición un programa cunha ampla oferta de obradoiros e sesións informativas sobre competencias transversais e desenvolvemento persoal, emprendemento, empregabilidade a nivel europeo, así como presentacións de empresas e institucións sobre as súas necesidades de contratación de persoal”.
Polo que se refire a ofertas de traballo, xa se publicaron preto de 300, dando acceso a máis de 700 empregos. Porén, a maior parte das contribucións iranse publicando ao longo desta semana. “O perfil máis demandado é o tecnolóxico e o sanitario, pero, en xeral, búscanse profesionais cualificados en practicamente todas as áreas, sobre todo nos países nórdicos”, explica o director da Área de Emprego e Emprendemento, engadindo que a nivel internacional as ofertas chegan de países como Reino Unido, Bélxica, Alemaña ou Dinamarca. “Hai moita demanda de especialistas nas diferentes ramas do mundo da enxeñaría (mecatrónica, eléctrica, telecomunicacións...), pero tamén no da medicina, enfermaría e fisioterapia”, informa, incidindo na importante presenza de empresas do sector TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), do turismo, da saúde e da alimentación. Entre as firmas galegas que xa achegaran ofertas salientan nomes como Televés, con sede en Santiago de Compostela e máis de 800 persoas no seu cadro de persoal, e Vegalsa-Eroski, con máis de 200 puntos de venta, repartidos ao longo de Galicia, Asturias e Castela-León e 6.000 persoas contratadas.
O certame Youtubeiras.gal, o concurso encamiñado a encher YouTube de vídeos en galego, rematou prazo de presentación de candidaturas o pasado 15 de marzo e, tres semanas despois, logo dos membros do xurado visualizaren as 229 propostas desta edición 2018, xa foron elixidas as 26 propostas que chegarán directas á final. O xurado (composto por Adrián Dios, Anxos Sobriño, Estela Romasanta, Iván Capón e Laura Cruxeiras) e as entidades impulsoras deste certame (os servizos de normalización lingüística dos Concellos da Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove; as Universidades de Coruña, Santiago e Vigo; e da Deputación da Coruña) darán a coñecer as achegas finalmente recoñecidas o 20 de abril, nunha gala no Teatro Colón da Coruña.
Segundo puidemos saber dos datos achegados pola organización do certame, esta edición ten un marcado acento compostelán. Por que motivo? Pois porque Santiago, con 38 candidaturas, é o municipio con máis participantes: 20 inscribíronse na categoría video-facermos, 13 na video-opinarmos e 5 na de canles.
Volvendo ao evento do 20 de abril, lembrar que será presentado pola compañía teatral A Panadaría, ou sexa, polas Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman. O público poderá acceder de balde á gala, tras reservar previamente as súas entradas a través da ligazón da web do Teatro Colón.
Os finalistas desta edición 2018 son:
Categoría de vídeo-facermos
Categoría de vídeo-opinarmos
Categoría de canle
Categoría de creatividade
Categoría de eficiencia comunicativa
Categoría de calidade técnica
Categoría de calidade lingüística
Categoría de proposta youtubeira
Máis detalles desta segunda edición
Os galardóns artelláronse este ano, logo da primeira edición de 2017, en cinco categorías: video-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica, calidade lingüística e o premio do público. A estes cinco apartados puideron concorrer todas as persoas maiores de 14 anos a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego subidos a Youtube de xeito independente ou nunha canle.
Na edición presente hai 5.500 euros en premios. Este repartiranse as ditas categorías, que incrementan o seu número con respecto ao ano pasado. O premio do público, chamado #propostayoutubeira, é unha das grandes novidades deste ano. Como temos sinalado noutras ocasións, a través deste recoñecemento, os membros de Facebook poderán propoñer a través dun comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayotubeira.
Segundo puidemos saber, a convocatoria 2017 saldouse cunhas importantes cifras de convocatoria, con máis de 200 vídeos presentados da man de internautas de idades comprendidas entre os 17 e os 30 anos. Todas estas pezas salientaron pola súa riqueza temática, tocando temas que oscilaron entre a crítica de cine e as cuestións de actualidade, pasando por titorías con trucos e consellos no ámbito da tecnoloxía, a mecánica ou a cociña. Ademais, lográronse altos niveis de implicación por parte de diferentes asociacións e colectivos, e de persoas de idades moi diversas.
ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, a empresa social da ONCE e a súa Fundación, está a realizar un estudo para unha entidade bancaria que traballa na mellora da súa accesibilidade web e nas súas aplicacións móbiles.
Para realizar o estudo lanzouse unha enquisa cuxo fin é coñecer como é a experiencia das persoas con discapacidade visual ao realizar operacións bancarias a través de aplicacións móbiles.
Para realizar a enquisa non tardarás máis de 10 minutos e colaboras a derrubar barreiras nas accións e ferramentas web e móbiles da banca.
Ao terminar a enquisa hai que pulsar Gardar para que se salve a enquisa. Aquelas preguntas con asterisco deben contestarse de forma obrigatoria para continuar e finalizar a enquisa.
Na seguinte ligazón tedes acceso á enquisa sobre accesibilidade na banca online e en aplicacións móbiles.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) fai hoxe un novo chamamento a prol dun uso responsable das novas ferramentas dixitais e (sobre todo) a prol dun maior coidado no emprego dos nosos datos persoais ao abeiro delas. A proclama insírese no Día Internacional da Internet das Cousas, este 9 de abril, unha celebración mundial impulsada polo IOT Council co obxectivo de garantir unha evolución racional das tecnoloxías que conectan uns obxectos cos outros e a nós con eles (co fin de garantir espazos privados e públicos con meirande calidade de vida, mellor conectados, mellor xestionados e máis sustentables).
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) súmase a este acontecemento cun manifesto onde considera “de vital importancia” que a sociedade galega “sexa consciente dos dispositivos da Internet das Cousas que emprega e faga un uso responsable e seguro dos mesmos de cara o envío de datos persoais e a súa publicación en Internet”. Segundo lembra o colexio que preside Fernando Suárez para poñernos en situación, coñécese como Internet das Cousas todo ecosistema de dispositivos que procesen datos e información e están conectados entre eles e con Internet.
A entidade tamén recorda que hoxe en día calcúlase que máis de 8.400 millóns de dispositivos conectáronse a Rede en 2017 (algunhas consultoras como Gartner calculan que no ano 2020 serán 20.000 millóns de dispositivos, sen contar teléfonos móbiles, tabletas ou ordenadores). “O medre da Internet das Cousas”, engade o CPEIG, “traerá evidentes melloras sociais e económicas e, segundo a tecnoloxía avance, poderanse obter mellores produtos e servizos para a sociedade, por exemplo, no eido da teleasistencia ou do control continuo de variables de saúde”. Por outra banda, continúa, “as empresas posuirán cada vez máis datos dos usuarios e poderán anticipar as súas necesidades e proporcionarlle servizos que axuden á toma de decisións e a aforrar cartos e tempo, como no ámbito do fogar cos dispositivos de control de consumo e de medición dos parámetros ambientais”.
Por todos estes motivos, o CPEIG considera que os cidadáns deben tomar conciencia dos dispositivos que manexan e que se conectan a Internet para o envío de datos ou seguimento de diversas actividades, como termostatos intelixentes, cámaras web intelixentes, Smart TV, teleasistencia, pulseiras de control deportivo ou reloxos intelixentes. “Todos estes aparellos poden ser unha fonte de ataques á privacidade e á seguridade dos cidadáns; por exemplo, no ámbito da seguridade están documentados ataques masivos a cámaras web dos fogares ou a televisións intelixentes; e no ámbito da privacidade a publicación sen control de datos de pulseiras deportivas (tipo fitbit) con información sensible como as rutas xeográficas nas que practica deporte ou a súa actividade sexual”, explica o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
O colexio recomenda usar estes dispositivos de forma segura, protexendo os nosos datos persoais e a súa difusión mediante a lectura e comprensión das cláusulas de contratación que son aceptadas na instalación e uso dos mesmos. Tamén incide na necesidade de reforzar as conexións dos dispositivos conectados, sobre todo no fogar, mediante instalacións profesionais con redes seguras e inhabilitar calquera tipo de opción de conexión que non sexa precisa para o bo funcionamento do servizo.
A robótica ofrece interestantísimas solucións para persoas con discapacidade e maiores, tanto mediante robots como coa utilización de exoesqueletos que axuden ao movemento. Por esta razón, a mostra Global Robot Expo é unha cita marcada no calendario.
Nesta edición, Global Robot Expo trasladarase ao recinto feiral de IFEMA en Madrid entre os días 18 e 20 de abril para mostrar os avances en robótica en áreas como a Industria 4.0, a robótica industrial, os drones, as tecnoloxías intelixentes, a educación, a saúde e a impresión 3D.
É na área de saúde no que se mostrarán as solucións máis interesantes, cun grande protagonismo, unha vez máis, dos exoesqueletos deseñados para axudar na rehabilitación de persoas que perderon a súa capacidade de andar ou que teñen dificultades para facelo.
Tamén a impresión 3D ofrece grandes oportunidades para persoas con discapacidade xa que permiten personalizar distintos obxectos de maneira que se adapten ás necesidades específicas de cada un.
Sen dúbida una das citas máis interesantes do ano para coñecer novas solucións relacionadas coa robótica.