
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Cámara de Comercio de Santiago quere familiarizarnos ao máximo coa Internet das Cousas, un ámbito cheo de posibilidades profesionais e de desenvolvemento (agora que comezamos a vivir a cuarta revolución industrial, a dos obxectos conectados e intelixentes), facendo fincapé en divulgar a importancia do eido IoT (Internet of Things) entre as e os menores de trinta anos (fomentando a súa empregabilidade futura). Estamos a falar do programa Constrúe o teu Futuro. Internet das Cousas (IOT) e Emprendemento, que comeza o 16 de abril e que vén da man da entidade cameral, en colaboración (co-financiando) do Concello de Santiago e a Fundación INCYDE a través do Fondo Social Europeo.
A formación está destinada a mozos e mozas menores de 30 anos, en desemprego pero con arela de pór en marcha a súa propia iniciativa de mercado ou ben de atopar traballo nunha empresa do sector. Tamén se dirixe a persoas interesadas en ampliar e consolidar os seus coñecementos no campo da creatividade dixital. O programa ten por obxecto ensinar “os distintos modelos de negocio baseados e realizados baixo este paradigma, con especial atención aos sectores máis puxantes e considerar as novas solucións que comercializaron as startups no ámbito nacional e internacional”. Segundo apunta a Cámara acerca da importancia de adestrarnos no eido IoT, hoxe en día son innumerables os ámbitos de actividade onde comezan a ter vital importancia as tecnoloxías das cousas conectadas: saúde, docencia, industria, agro, turismo, deporte ou lecer.
O obradoiro debullará as tecnoloxías vencelladas á Internet das Cousas e que tipo de requisitos son básicos para construír un modelo de negocio analizando e realizando un estudo de mercado, dará a coñecer as ferramentas necesarias e distinguirá casos de éxitos das empresas que xa triunfaron no ámbito IoT. Desenvolveranse conceptos de información masiva (Big Data), uso de aplicacións móbiles e conceptos de ciberseguirdade e benchmarking.
O programa, no que poderán participar un máximo de 25 persoas, celebrarase ata o 25 de maio no viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago (Polígono de Costa Vella. Rúa República Checa nº 40. Santiago), luns e xoves en horario de 10:00 a 12:00 horas. Tamén inclúe titorías individuais entre o alumno e o consultor, sempre dentro do horario de apertura do viveiro de empresas (de 8:00 a 22:00 horas). As persoas interesadas en participar poden poñerse en contacto coa Cámara de Comercio de Santiago (981596800; vivero@camaracompostela.com) ou consultar o programa completo e inscribirse na web www.camaracompostela.com.
Onte pola mañá celebráronse na Facultade de Dereito do Campus de Ourense uns encontros que puxeron de relevo a importancia de protexer o noso dereito á privacidade e a información persoal das traballadoras e traballadores dunha empresa, por moito que vivamos nunha sociedade dixital onde todo tende a estar conectado e compartindo datos a tempo continuo. As Xornadas Dereito á Intimidade e Protección de Datos no Ámbito Laboral viñeron da man da dita facultade, o Consello Galego de Relacións Laborais e o Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense. Xuntaron unha manchea de profesionais dos eidos da xudicatura, a universidade e a inspección de traballo, e máis representantes das organizacións sindicais e empresariais máis sobranceiras en Galicia co obxectivo de analizar o estado actual da protección da información persoal dos equipos de traballo e os inminentes cambios normativos.
O encontro foi inaugurado polas responsables das devanditas entidades, Marta Fernández, Verónica Martínez e Susana Soneira, respectivamente. Segundo sinalaron, a decisión de abordar esta cuestión débese á importancia que recobrou nos últimos anos, polo espallamento dos medios dixitais, a cuestión do tratamento, límites e ámbito da intimidade na relación laboral. Segundo se lembrou nas xornadas, o artigo 4.2.e) do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras dispón que na relación de traballo, os traballadores e traballadoras teñen dereito ao respecto da súa intimidade e á consideración debida á súa dignidade. Ademais, o artigo 20.3 desta norma establece que o empresario ou empresaria poderá adoptar as medidas que estime máis oportunas de vixilancia e control para verificar o cumprimento polo traballador ou traballadora das súas obrigas e deberes laborais, gardando na súa adopción e aplicación a consideración debida á súa dignidade.
Yolanda Maneiro, profesora da Universidade de Santiago de Compostela encargada de arrancar a quenda de intervencións, salientou que o impacto das novas tecnoloxías “pon en xaque” dereitos fundamentais do traballador e traballadora como son a intimidade e a protección de datos. “O límite do control do empresariado estarían”, apuntou recorrendo ao sinalado polo Tribunal de Dereitos Humanos da UE, “no principio de proporcionalidade, no requisito de necesidade e na idoneidade da medida de control, entre outros aspectos”.
Durante a xornada tamén se afondou no Regulamento (UE) 2016/679, do 27 de abril de 2016, Regulamento Xeral de Protección de Datos, que entra en vigor o vindeiro 25 de maio e que segundo se destacou na xornada “vai cambiar o panorama da protección de datos para as empresas, que deberán ser máis dilixentes no axeitado” tratamento de datos persoais. Segundo se fixo saber, “no ámbito da relación laboral vai desenvolver efectos importantes, posto que introduce novidades en relación co reforzo do consentimento, un máis esixente deber de información, a obriga de notificar os fallos de seguridade ou un encarecemento das sancións polo incumprimento, que van depender do volume de facturación da empresa”, detallaron desde a organización da xornada.
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, adiantou esta tarde no pleno do Parlamento que a Xunta instalará nove caixeiros Ticpesc máis nos peiraos galegos. Estes dispositivos sumaranse aos 58 xa existentes nos portos autonómicos e constitúen unha ferramenta de acceso á administración electrónica que se pon a disposición do sector para que non teñan que desprazarse ás oficinas da Xunta para realizar as xestións correspondentes da súa actividade diaria.
Neste sentido, a conselleira explicou que esta ampliación do número de caixeiros telemáticos se realiza dada a súa boa acollida. Así, trasladou que os Ticpesc evitaron case 280.000 desprazamentos dos profesionais do mar ás confrarías e ás dependencias da Administración.
Ademais, Rosa Quintana tamén avanzou que está previsto mellorar e actualizar o software de 30 dos caixeiros xa instalados, coa finalidade de mellorar a súa operatividade. Ademais prevese instalar en determinados terminais un sistema de pesaxe para aportarlle funcionalidade e axilidade, permitindo que se poidan pesar os produtos da pesca e do marisqueo no mesmo momento no que se realiza o desembarque das capturas.
A conselleira aproveitou para resaltar a importancia que ten a trazabilidade dos produtos do mar. De aí, explicou, que se considerase a necesidade de ampliar a rede de terminais para que os profesionais poidan estar atendidos as 24 horas do día dos 365 días do ano sen depender dos horarios das oficinas das confrarías, das lonxas ou doutras entidades.
Nesta liña, a titular de Mar puxo de relevo o traballo realizado desde a Xunta na materia e agradeceu ao sector a achega de datos día a día. Neste aspecto explicou que a Xunta dispón de mecanismos como a Plataforma Tecnolóxica da Pesca (www.pescadegalicia.gal) a través da que se pode acceder a rexistros administrativos como os dos buques, os dos permisos de explotación do marisqueo a pé ou o das descargas e primeiras vendas de produtos do mar frescos, entre outros. A maiores, esta aplicación web tamén lle permite ao sector tramitar a alternancia de artes e xestionar telematicamente os documentos de transporte, recollida, orixe e rexistro desde calquera ordenador, sen necesidade de desprazarse.
Finalmente, Rosa Quintana fixo un balance “sumamente positivo” da evolución en materia de trazabilidade e comercialización grazas aos caixeiros Ticpesc e á aplicación web. Así, especificou que no 2017 se emitiron máis de catro millóns de notas de venda e que os documentos expedidos polo sector aumentaron un 42% na última década, ata acadar a cifra dos 314.000.
A boa noticia é que estes novos empregos estarán moi ligados á tecnoloxía, o que, en teoría, facilita a súa accesibilidade para todas as persoas.
Con todo, é necesario que empresas e organismos públicos se conciencien sobre a importancia de facer realidade este obxectivo, para evitar un incremento na brecha de emprego que xa sofren as persoas con discapacidade e as persoas maiores.
O estudo apunta a que estes máis de tres millóns de novos empregos compensaría a perda de postos de traballo que provocará a robotización de moitas profesións, que supoñerá a desaparición de 1,4 millóns de empregos.
O que é fundamental é que estes 1,4 millóns de empregos perdidos pola automatización derivada da robotización non afecten especialmente a sectores nos que as persoas con discapacidade teñen unha maior presenza.
E, sobre todo, que os máis de 3 millóns de novos empregos estean preparados para que poidan ser cubertos por todas as persoas.
O futuro debe ser inclusivo en todas as súas facetas, pero especialmente no emprego, xa que, pola contra, será unha ocasión perdida que será moi difícil de recuperar. E para iso, as novas tecnoloxías xogan un factor primordial e é necesario que todos esteamos concienciados niso.
As persoas que están incapacitadas para seguir realizando o seu traballo habitual, ou mesmo calquera actividade laboral (por mor dunha ou varias patoloxías ou sufrir un accidente), ven abocadas a solicitar unha pensión por incapacidade permanente. Con todo, segundo as estatísticas, a Seguridade Social mantén unha política estrita respecto diso, denegando cada ano máis de 25.000 casos que logo son recoñecidos grazas aos tribunais. Na actualidade, 948.393 persoas cobran cada mes unha pensión deste tipo -tan só un 0,5% da poboación española-. Os bufetes de avogados especializados na materia están cambiado este panorama, levando moitos destes expedientes aos xulgados. Alí a lei finalmente adoita recoñecer habitualmente a invalidez permanente aos solicitantes, se se comproba que existen causas para unha resolución positiva.
Esta tendencia foi consecuencia de que, á fin e ao cabo, a Seguridade Social achega escasa información sobre os requisitos para acceder a unha pensión por incapacidade permanente. Engadindo o hándicap de que cada caso levaría un estudo por separado. De modo que os potenciais pensionistas non saben que posibilidades teñen de obtela. Para axilizar esta situación, o despacho de Barcelona Campmany Avogados desenvolveu unha ferramenta exclusiva en España: unha calculadora de incapacidade permanente. Mediante este sistema, totalmente gratuíto, os usuarios introducen os seus datos para saber en poucos minutos se poderían beneficiarse ou non dunha pensión por invalidez permanente, ademais da contía para percibir.
O obxectivo desta ferramenta, é "democratizar o acceso á información legal e médica, para que calquera se poida informar e así coñecer cales son os seus dereitos en materia laboral", declara Jorge Campmany, socio director de Campmany Avogados. "A nosa firma non é un despacho de avogados ao uso", engade, "senón que utilizamos as novas tecnoloxías para poder axudar ao maior número de persoas posible. Sen distinción entre clientes e aqueles a quen agora -co lanzamento da "calculadora"- poderiamos chamar seguidores".
Este proxecto comezou cando a empresa detectou que a maioría dos empregados con longas baixas laborais por unha enfermidade ou accidente, quería coñecer se cumpría os requisitos para solicitar unha incapacidade laboral. E, tras un longo período de investigación e desenvolvemento, habilitouse a ferramenta en forma de calculadora de incapacidade permanente na web do bufete. "É moi satisfactorio ver como estamos a conseguir axudar a unha comunidade de persoas a quen a Seguridade Social dá as costas, sen ofrecer alternativa algunha. Alégranos que a xente se senta agradecida pola nosa iniciativa no que é, seguramente, un dos peores momentos da súa vida", conclúe o director de márketing de Campmany Avogados, Borja Prieto.
Máis información na Web da Calculadora Incapacidade Permanente de Campmany Avogados.