
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, participou esta mañá en Lugo no acto inaugural da iniciativa Atlantic Brainstorming: Creativity & Jobs Conferencia Europea da Creatividade, que reúne hoxe e mañá en Galicia a representantes de 14 entidades de catro países (España, Portugal, Francia e Reino Unido). Durante dous días, expertos e mozos e mozas analizarán o mundo da creatividade e a implicación da mocidade nos procesos creativos, ao tempo que debaterán sobre o futuro do sector cultural como motor de emprego.
Cecilia Vázquez, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro Orol, fixo un chamamento á confianza nas ideas transformadoras que chegan da man da mocidade e reivindicou o papel que deben xogar os mozos e mozas como revulsivos da cultura e da economía. Ademais, destacou que esta Conferencia Europea estimula “a creación de novas oportunidades a través do intercambio de experiencias para fortalecer as posibilidades artísticas e laborais dos novos creadores buscando fórmulas para que todos os cidadáns poidamos desfrutar da súa arte”. “É unha aposta máis pola creatividade xuvenil como fórmula previa ao emprendemento”, engadiu.
A titular do departamento autonómico rematou a súa intervención sinalando que “iniciativas como esta Conferencia Europea é un exemplo de unión de esforzos e medios entre entidades de varios países europeos para ofrecer á xuventude ferramentas para o desenvolvemento das súas capacidades creativas e ampliación das súas oportunidades”.
As actividades da Conferencia, que descorrerán no edificio multiusos da Xunta de Galicia en Lugo e no Complexo Residencial Xuvenil LUG2, están divididas en seis bloques: o primeiro, Atlantic Brainstorming, se centrará no emprego, o emprendemento e a economía circular; o segundo, Atlantic Océano, abordará os problemas dos residuos plásticos no Océano Atlántico; o terceiro, Creative Jam, será un espazo interactivo onde os mozos e mozas poderán participar en varios workshops innovadores e prácticos, e no cuarto, AYCH Hackaton, daranse a coñecer as novidades tecnolóxicas creadas pola xuventude.
O programa de actividades conta tamén con outros dous espazos: Creative Space, onde empresas e creativos poderán ensinar os seus proxectos e traballos, e +14, para centros escolares a través dun xogo de rol creativo.
Cooperación internacional
Esta Conferencia Europea da Creatividade é un dos 45 proxectos aprobados na primeira quenda do programa europeo Interreg Atlantic Area, que promove a cooperación trasnacional en 36 rexións atlánticas de 5 países europeos (Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal), e descorre no marco do proxecto Atlantic Youth Creative Hubs (acrónimo AYCH), que conta cun orzamento de 4.227.620 euros e unha duración de tres anos.
Son socios do proxecto as seguintes entidades: Devon County Council; Plymouth College of Art; Playmouth County Council; Playmouth Culture; Pacifistream Enterprise Solutions CIC; Brest Metropole; Ayuntamiento de Gijón; Ashton Community Trust; Gran Angouleme; Vida Láctea; Conference of the Atlantic Arc Cities; Cámara Municipal de Santo Tirso; e L´Ecole de Desing Nantes Atlantique.
Todos eles buscan a creación de produtos e de redes de incubadoras creativas internacionais e de intercambios profesionais, así como a posta en marcha dun programa de formación, dunha mentorización internacional e de iniciativas de estancias creativas.
A Universidade Complutense de Madrid e a ONCE presentan o primeiro Editor Matemático Accesible EDICO, desenvolvido grazas ao traballo conxunto entre ambas as entidades e que permite a un estudante cego seguir as clases máis complexas de matemáticas ou ciencias en tempo real, grazas á transcrición automática a braille, voz ou vista adaptada de todo tipo de fórmulas ou aprendizaxes.
A presentación será hoxe, Xoves 12 de abril, ás 12.00 horas, na aula Miguel de Guzmán da Facultade de Matemáticas da UCM (Pza. das Ciencias, 3. Cidade Universitaria).
EDICO facilita tamén que as persoas con discapacidade visual poidan interactuar con outras sen discapacidade, á hora de compartir a edición e representación das matemáticas, a física e a química, ademais de dispoñer dun compendio de ferramentas e/ou recursos didácticos para facilitar a aprendizaxe destas materias.
O vindeiro 25 de abril vaise celebrar o Día das Redes Galegas, co epicentro no Campus de Pontevedra. Trátase dunha xornada con dous obxectivos definidos: por unha banda reivindicar a figurar dos responsables de comunidades virtuais ao abeiro do rápido espallamento das redes sociais nas nosas vidas e, pola outra, mostrar o importante potencial do alumnado (futuras/os profesionais) da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Na organización do evento atópase o profesor Xavier Martínez Rolán, en colaboración coa dita Facultade, a Vicerreitoría do Campus, a Área de Normalización Lingüística da Universidade (ANL) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A xornada contará un ano máis cun panel de conferenciantes moi destacable: as/os tituladas/os de Ciencias Sociais e Comunicación.
Entre as relatoras figuran (entre outras) Lucía Gómez, directora de mercadotecnia de contidos e medios sociais de Elogia, a referencial axencia de márketing con sede en Vigo; Cristina García, responsable de comunicación dixital en Esmerarte Industrias Creativas, firma centrada en promoción cultural ao abeiro das novas ferramentas e en facer comunidade arredor do fenómeno creativo; ou Jorge Medal, redactor e guionista de formatos televisivos.
Xunto ás devanditas relatoras, o Día das Redes Galegas contará tamén coa presenza activa de Cristina Rodríguez, técnica de normalización lingüística da ANL, que abordará neste evento a experiencia de Youtubeir@s, proxecto promovido polos servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, nove concellos e a Deputación da Coruña e dirixido a dar visibilidade ao uso do galego a través dun concurso nesta rede social.
Segundo engade Martínez Rolán, o Día das Redes Galegas é un evento aberto a todo o público interesado que manterá, ademais, o formato de edicións anteriores, de tal xeito que trala súa inauguración (prevista para ás 10.00 horas) cada conferenciante falará da súa experiencia en proxectos para, por último, completar a xornada cun coloquio, moderado polo profesor Alberto Dafonte. “Non podemos falar de redes sociais sen ter en conta a bidireccionalidade da comunicación”, sinala nese senso Martínez Rolán, dun evento no que tamén se promoverá o debate a través da rede social Twitter, co cancelo #redesgalegas, e que será retransmitido por UVigo TV.
O centro tecnolóxico CiTIUS, emprazado no Campus Sur de Santiago, vai dar acubillo este 12 de abril, a partir das 17.00 horas, a un relevante encontro coas cousas que poden facer as tecnoloxías de intelixencia artificial e aprendizaxe das máquinas para mellorar a calidade de vida das persoas con algún tipo de lesión, doenza ou característica que reduce a súa mobilidade ou lles impide ter a máxima autonomía e independencia. Estamos a falar da conferencia Robótica de rehabilitación: aplicación da enxeñaría para a rehabilitación motora, que correrá a cargo de Eduardo Rocón, investigador do Centro de Automática e Robótica do CSIC.
Na conferencia tocaranse temas como as novas tendencias dos avances da robótica cara unha meirande interacción co ser humano, o xurdimento dos wearable robots (dispositivos mecatrónicos cuxas articulacións e ligazóns corresponden dalgunha maneira aos do ser humano e están unidos ao paciente) e os detalles legais, sanitarios e regulamentarios que o espallamento deste tipo de tecnoloxías implica.
Segundo explica o CiTIUS, o aspecto distintivo destes robots é a dupla interacción, física e cognitiva, co usuario. A función principal da interacción física é a xeración de forzas que suplementen a dos membros do home alén dos seus límites físicos, sexan estes naturais ou causados por unha doenza ou trauma. O papel da interacción cognitiva é asegurar que o usuario recibe información da interacción do robot coa súa contorna á vez que lle permite comandalo.
Na conferencia tamén se botará luz sobre a seguinte xeración destes dispositivos, un estado de cousas no que todo apunta a un esvaecemento da liña que separa o sistema robótico do ser humano.
A charla, máis en detalle, estará centrada en describir os principais avances neste ámbito e no desenvolvemento da próxima xeración dos robots carrexables para a rehabilitación e asistencia de persoas maiores e con diversidades funcionais, unha poboación crecente cunhas necesidades especiais dentro da sociedade europea.
O vindeiro mes de maio, do 2 ao 5, Ourense volverá ser o epicentro das novidades do audiovisual e da cultura na cuarta edición da Ourense ICC Week, o Marco das Industrias Culturais e Creativas que organiza a Deputación. Indo ao encontro en cuestión, contará cunha gran variedade de actividades: música, videoxogos, humor e historia mesturando a innovación dos temas a tratar, coa tradición de senlleiros lugares da provincia de Ourense (mosteiros de Rocas e San Clodio, a Casa Museo Otero Pedrayo ou o Campus de Ourense) que acollerán ditas actividades. A presentación da programación da Semana das Industrias Culturais e Creativas en Ourense, celebrábase onte no Centro Cultural Marcos Valcárcel e nela participaban o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e os coordinadores da Ourense ICC Week, Juan Rivas e Manuel Araujo.
Emporiso, a inauguración da Semana das Industrias Culturais e Creativas, na que se falará dos Mundos deseñados, será o mércores, 2 de maio, ás 18 horas, no Centro Cultural Marcos Valcárcel. A presentación e apertura da xornada correrá a cargo do presidente da Deputación de Ourense. A continuación, a fotógrafa e deseñadora, Bárbara Ouka Leele; o axitador cultural, Paco Clavel; e o documentalista e comisario cultural, Juan Sánchez, falarán da Arte nas portadas, e despois, será a quenda para a ilustradora, deseñadora gráfica e Motion Grapher, María Grande e o deseñador gráfico, Javier Mariscal, quen exporán a cuestión da Cultura do deseño. Ese mesmo día, a partir das 21 horas, será a quenda para o apartado musical da xornada, co grupo Morgan, no Teatro Principal da Deputación de Ourense.
O xoves 3 de maio, ás 9.30 horas, a programación retomarase no mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos), onde terá lugar unha mesa redonda sobre o Patrimonio rupestre europeo. Investigación, xestión e difusión. A xornada será presentada polo presidente da Deputación de Ourense e coordinada polo profesor de arqueoloxía da Universidade Autónoma de Madrid, Jorge López Quiroga, e pola arquitecta e profesora da Universidade de Florencia, Carmela Crescenzi. Ás 10 horas, Carmela Crescenzi falará do itinerario polo patrimonio rupestre mediterráneo; ás 10.30 horas, o director do Museo do Territorio de Palagianello (Italia), Domenico Caragnano ofrecerá un relatorio sobre a pintura nas igrexas rupestres de Puglia e Basilicata. Ás 11.30 horas será a quenda para o profesor de Historia do Dereito da Universidade de Bari, Antonio G. Mastrangelo, quen falará da propiedade na área rupestre de Gravine (Taranto); e ás 12 horas, Jorge López Quiroga exporá o tema da aplicación das novas tecnoloxías en San Pedro de Rocas. Pola súa banda, o doutor en física e profesor na Universidade do Pireo (Grecia), Theodoros Ganetsos, exporá un relatorio sobre as análises físico-químicas non destrutivas das pinturas e frescos, a partir das 12.30 horas, e media hora despois, o espeleólogo, escritor e profesor, Alexey Zhalov, falará das vivendas medievais escavadas na rocha en Bulgaria, para rematar a actividade cun debate.
Pola tarde, ás 17 horas, a programación trasladarase ata o Centro Cultural Marcos Valcárcel para falar da supervivencia na xungla dixital. Participarán o músico e compositor, Nacho García Vega e o músico e compositor, Luis Mendo. Neste mesmo centro, a partir das 19.00 horas será a quenda para o humor e a cultura, na que se darán cita o humorista, Rober Bodegas; o humorista, Alberto Casado; a humorista, blogueira e ilustradora, Raquel Córcoles; e o humorista e xornalista, Juan Ramón Monet, para falar do sentido da creatividade. A mesa será moderada polo xornalista Manuel de Lorenzo.
O venres, 4 de maio, as actividades trasladaranse ao mosteiro de San Clodio (Leiro), onde a partir das 10.30 horas, falarase da creatividade e do sector TIC, baixo o título Unha viaxe cara a sociedade do coñecemento. Abrirá a xornada a directora de Imaxin Software, Luz Castro, quen falará da gamificación e software galego. Ás 11.30 horas, será a enxeñeira e deseñadora gráfica, Cynthia Gálvez, quen fará un relatorio sobre AV. VR. MR.: Alén da tecnoloxía, e rematará, ás 12.30 horas, a avogada e policy manager, Sara Rodríguez, para falar da economía colaborativa.
Os máis pequenos terán unha cita coa cultura contemporánea ás 16.30 horas, pois levarase a cabo o ICC Kids no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Primeiro coa actividade Xogas ou traballas?, a cargo dos youtubeiros @Chincheto77 e @Tonacho que explicarán como fixeron da súa paixón a súa profesión; e a partir das 17 horas, estará a E-Cuarela, unha instalación de pintura dixital ao aire libre para que os nenos poidan pintar con auga este panel. Ás 18 horas, as actividades trasladaranse ao Liceo de Ourense onde será protagonista o sector audiovisual. Alí o presidente da AGAG (Asociación Galega de Guionistas), Nico Campos, e a directora e guionista de cine, Gracia Querejeta, falarán Do papel á pantalla: a traxectoria dunha muller creativa. E, nese mesmo centro, ás 19.30 horas, será a quenda para Autores e Creadores, coa entrega do galardón Premio MUSA SGAE a cargo do presidente da SGAE, José M. Fernández Sastrón, ao autor e compositor de Los Suaves, Yosi Domínguez. A xornada rematará, ás 21 horas, no Teatro Principal, co concerto de Mikel Erentxun.
O sábado, 5 de maio, ás 11 horas as actividades comezarán na Casa Museo Otero Pedrayo (Amoeiro), cunha xornada adicada á xestión cultural co tema Xestión de públicos: non quero que veñan, quero que volvan; a cargo da subdirectora artística do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Carlota Álvarez Bassó. O acto será presentado pola xornalista, Marta Gómez. Ás 12 horas, será a entrega dos Premios Rodolfo Prada Chamochín, un galardón instaurado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, co obxectivo de recoñecer o labor que realizan os xestores culturais en Galicia.
Ás 10.30 horas, nos Xardíns Padre Feijóo estará novamente o panel da E-Cuarela, no marco da ICC Kids, e completará a programación o obradoiro Emojinarium que será ás 12.00 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel a cargo de María Grande no que analizarán os emojis, a linguaxe universal das expresións e crearán os seus propios personaxes. E, ás 12.00 horas, nese mesmo lugar, dará comezo a ICC Show Vermú, na que actuarán Rufus T. Firefly, Esposa, Bifannah e Silvia Superstar DJ. O humor volverá a ser protagonista, nesta ocasión no Teatro Principal, a partir das 20.00 horas, co espectáculo de Pantomima Full.
ICC Gamers
De maneira paralela a estas actividades, os días 3, 4, 5 e 6 de maio, o Campus de Ourense, acollerá a ICC Gamers que inclúe dúas actividades: a ICC Technium R Encounter e a ICC eSports. ICC Gamers, escaparate das últimas tendencias en videoxogos e deportes en liña, contará coa colaboración da Deputación de Ourense, a Universidade de Vigo, R Euskaltel, a Federación Galega de Automobilismo e Mahou.
Indo ao miolo desta vertente de lecer dixital, a xuntanza ICC Technium R Encounter botará a andar o día 3 de maio ás 18 horas e rematará o 6 de maio á mesma hora, no Pavillón Universitario de Ourense. A edición 2018 da quedada informática terá catro grandes torneos: League Of Legends, Counter Strike Global Offensive, Hearthstone e Super Smash Bros Brawl. Haberá 4.000 euros en premios en torneos ou en outras actividades lúdicas dentro da party.
A xeito de curiosidade lembrar que na pasada edición, o moañés Aarón González Santomé, acadou un novo récord Guinness do xogo Final Fantasy 10, logo de permanecer 40 horas consecutivas competindo.
Volvendo ao apartado de xogos, este completarase coa devandita actividade ICC eSports, que tamén se celebrará no Pavillón Universitario de Ourense, o 5 de maio ás 10 horas até o 6 de maio ás 15 horas. Dentro desta celebración os torneos que se disputarán serán: FIFA 18, Clash Royale, e GT Sports. A entrada aos mesmos pode adquirirse estes días en Ticketea (podéndose acceder a ela a través da web www.technium.es). Neles poderán participar xente de fóra da ICC Technium R Encounter, así como as persoas da propia party.