main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

16/04/201809:24
Logo dos premios.
Santiago de Compostela

O COETG-AETG convoca os seus premios á investigación e ás TIC solidarias

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) veñen de convocar unha nova edición dos seus galardóns encamiñados a distinguir, visualizar e reivindicar o espírito innovador, creativo, dixitalizador e socialmente responsable das/os nosas/os investigadoras/es, profesionais e empresas. Estamos a falar dos Premios Galicia Telecomunicacións e Sociedade da Información 2018, que collen pulo con dous galardóns concretos: o Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao Sector TIC 2018 e máis o Premio Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais. Os recoñecementos entregaranse no transcurso da XXIII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, prevista para o 1 de xuño. O prazo de presentación de memorias para todos os premios remata o vindeiro 2 de maio ás 10:00 horas.

Polo que respecta ao Premio Gradiant, vén da man do COETG-AETG en colaboración coa Fundación Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia (Gradiant). Ten unha dotación con 1.500 euros e o seu obxectivo é “fomentar a realización de teses de doutoramento con potencial de aportar valor no mercado como vehículo de xeración de coñecemento e recoñecer a aqueles investigadores das universidades galegas que teñan completada a súa tese doutoral nun eido aplicable ao sector TIC”. Polo que atinxe á edición 2018 do Premio Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2018, foi convocado en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Trátase dun premio de carácter honorífico e está destinado a “recoñecer os mellores proxectos no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) que contribúan e aporten beneficios á sociedade”.

16/04/201809:16
Presentación dos obradoiros.
A Coruña

A Coruña lanza un programa de obradoiros para loitar contra as adicións dixitais

O Concello da Coruña quere combater os malos hábitos derivados dun uso non axeitado das novas tecnoloxías, poñendo o foco no expostas que están as novas xeracións. Por este motivo, vén de activar un programa divulgativo para a prevención de adiccións dixitais para menores e familias que ten, entre outros obxectivos, a vontade de facilitar recursos á cidadanía para que sexa quen de detectar os primeiros síntomas do devandito problema. Ese é o obxectivo dos obradoiros que comezarán o vindeiro 15 de abril e que se desenvolverán, nun primeiro treito, até o 15 de xuño en varios centros cívicos da cidade, impulsados polo departamento municipal de Xustiza Social.

Os destinatarios desta proposta son crianzas e adolescentes, de 11 anos en diante, e as súas familias, a quen se lles achegará información sobre as Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC, e os perigos que se derivan dun uso indiscriminado das mesmas. Os obradoiros, que se inclúen dentro do Programa de Prevención de Drogodependencias, dividirán aos participantes por franxas de idade para informar dos usos correctos e incorrectos, así como dos riscos que estes últimos poden xerar, do ámbito dixital. A asociación de loita contra a droga, ACLAD, será quen imparta estas actividades de divulgación, un total de 40 obradoiros (de 20 prazas cada un) que se prevé que cheguen a 800 persoas e nos que se falará de protección da privacidade, xestión da información ou videoxogos, ademais de ciberacoso, ciberchantaxe (sexting e outras modalidades) ou estafas de índole económica, entre outros contidos. As persoas interesadas en asistir a estes talleres deberán anotarse nos centros cívicos nos que se desenvolverán. Toda a información está na web do Concello.

16/04/201809:05
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

O Cluster TIC Galicia celebra unha xornada tecnolóxica para presentar productos innovadores galegos

O Cluster TIC Galicia, en colaboración co IGAPE, celebrará o próximo xoves, 19 de abril, unha xornada para dar a coñecer novos productos innovadores do sector tecnolóxico en Galicia

A xornada terá lugar na Sala Eisenman da Cidade da Cultura, a partir das 9:30 h., coa inauguración a cargo de Antonio Rodríguez, presidente do Cluster TIC Galicia, e de Norberto Penedo, director da Área de Competitividade do IGAPE. 

A empresa viguesa Xesol Innovation será a encargada de abrir o encontro coa ponencia “O coche do futuro: tecnoloxía para unha nova automoción”. Esta compañía crea solucións para o sector da mobilidade intelixente e sostenible, como o software de codución autónoma Xesol Drive, que utiliza a intelixencia artificial para detectar outros vehículos, peatóns, semáforos, etc., e un novo programa no que están traballando para detectar a fatiga e as distraccións do conductor.

Tras a súa intervención, a empresa coruñesa de desenvolvemento de software Tecalis explicará os últimos avances na aplicación do blockchain ó mundo das transaccións. Esta tecnoloxía a utilizan na compañía como base dun dos seus produtos máis innovadores, a ferramenta de firma electrónica Signen, coa que garantizan unha maior seguridade, accesibilidade e rapidez á hora de asinar acordos entre varios usuarios.   

A continuación, o director do IGAPE, Juan Cividanes, moderará a rolda de presentación de productos innovadores. Nesta mesa presentaranse productos como a tecnoloxía de xeolocalización en interiores de Situm, a plataforma de gamifación Dogoplay de Cleventy, a plataforma de Business Intelligence OBSIDIAN de Ozona, creación de televisión automática de Cinfo, a plataforma cocoERP Alimentación de AVA  e a plataforma para xuntanzas virtuais e presenciais con validez legal de Councilbox.   

conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, será o ecargado de clausurar o evento. Ademáis, está prevista a asistencia de grandes clientes potenciais e investidores privados.

16/04/201808:53
Mans de adolescentes con teléfonos móbiles.
Oleiros

Oleiros acolle un obradoiro para combater nas familias a incomunicación dixital

O Concello de Oleiros quere afondar na problemática do mal uso das redes na adolescencia, un emprego inaxeitado da comunicación (por cantidade de uso e, tamén, por falta de protección á hora de acceder a determinados sitios e contactar con determinados usuarios) que está a levar (de maneira paradoxal) á incomunicación no ámbito familiar e docente. Se os días pasados o Goberno local organizou unha xornada na Fábrica para afondar nos pros e contras do espallamento das canles dixitais entre os menores, desta volta o equipo de Goberno local lanza un obradoiro (Conéctate á adolescencia 3.0) que fornece de ferramentas para salvar atrancos comunicativos coa mocidade.

Segundo informa o Concello máis en detalle, “o obxectivo é contribuír a dotar de ferramentas e recursos para mellorar as relacións nos contornos familiares; non perder a comunicación entre xeracións e seguir mantendo relacións de calidade nun mundo cada vez máis tecnolóxico no que, sorprendentemente, cada vez estamos máis comunicados pero cada vez máis illados”. Asemade, o Executivo local quere salientar a importancia que teñen as TIC e as redes sociais nas etapas máis temperás de vida, etapas nas que se forman as personalidades e os temperamentos e que teñen unha relevancia crucial para todo o que acontece nos anos vindeiros na vida das persoas. A idea, polo tanto, é axudar ás familias a preparar o terreo para que as rapazas e rapaces teñan os mellores hábitos posibles con respecto á Sociedade do Coñecemento. “A través de técnicas de adestramento educativo, de mindfulness e de educación emocional buscaremos reforzar e manter unhas relacións de calidade nas familias e que non se perda o contacto”.
A actividade será impartida por Virginia Pañeda e Sara Vierna, profesionais con ampla experiencia en todos os devanditos eidos de actividade así como no traballo con adolescentes.

O obradoiro desenvolverase en 8 sesións, de dúas horas de duración cada unha delas, os mércores, en horario de 19:00 a 21:00 h, no último andar da Casa da Cultura de Perillo. Serán un total de 15 prazas, que se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición, dirixidas a pais e nais de menores con idades entre os 9 e os 17 anos de idade que figuren empadroados/as no Concello de Oleiros.

O proceso de inscrición será única e exclusivamente a través da web municipal, www.oleiros.gal, na pestana nun clic, dentro do apartado de catálogo de trámites, no taller Conéctate á adolescencia 3.0. O prazo vaise abrir o luns 7 de abril ás 10:00 h ata o venres 13 de abril ás 14:00 horas.

16/04/201808:19
Moza cun modelo de estrutura molecular.
Santiago de Compostela

Román Rodríguez anuncia unha gran feira Stem para poñer en valor os proxectos dos centros educativos

  • O conselleiro de Educación explica no Parlamento que o evento se celebrará os próximos días 20 e 21 en Santiago, contará cunha área de exhibición e espazos maker para alumnado e familias
  • Enmarca esta iniciativa no plan da Consellería para fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado galego, sendo “a estratexia máis ambiciosa de todo o Estado e unha das máis significativas de Europa”
  • Non en balde, a Estratexia galega para a educación dixital conta cun orzamento de 50 millóns de euros ata 2020

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou esta tarde a celebración dunha gran feira STEM –que terá lugar os próximos 20 e 21 de abril no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela– para poñer en valor os diferentes proxectos que están realizando os centros galegos neste eido. O evento, que leva por nome STEMlab Galicia, é a primeira vez que se organiza e contará cunha área de exhibición de proxectos de 18 centros, así como espazos maker para alumnado e familias, conferenciantes de prestixio e formación específica para o profesorado.

Tal e como resaltou o titular do departamento educativo no Parlamento galego, esta feira demostra o compromiso da Consellería co impulso dos coñecementos científico-tecnolóxicos entre o alumnado, un compromiso recollido na Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020, que conta cun orzamento de 50 millóns de euros ata 2020. Precisamente, este plan céntrase na potenciación do proxecto dixital nas aulas –E-Dixgal ou libro dixital– e no fomento dos coñecementos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Segundo manifestou Román Rodríguez, “Galicia conta coa estratexia STEM máis ambiciosa de todo o Estado e unha das máis significativas de Europa; unha estratexia integral que é moito máis que unha acción ou un grupo de accións illadas, e que afecta á totalidade da comunidade educativa”.

Neste sentido, o conselleiro lembrou que no curso pasado 2016/17 entregáronse kits de Robótica en todos os centros de secundaria. Tras o éxito desta medida, no curso actual optouse por estender os kits tamén a primaria, que chegan a máis de 10.000 alumnos de 4º, 5º e 6º de Primaria de 111 centros. A maiores, na actualidade hai máis de 5200 alumnos matriculados en Programación, Robótica e Identidade dixital (esta última pioneira en España). Pola súa banda, os clubs de ciencia esténdense este ano a 30 centros e, por primeira vez o pasado outono, púxose en marcha a Semana STEM, un campamento científico-tecnolóxico dunha semana de duración no que participaron 300 alumnos, maioritariamente mozas.

 

Formación do profesorado

A formación do profesorado neste ámbito é unha liña primordial para a Consellería, que dispón dun plan específico en robótica, programación e impresión 3D dirixido aos docentes vinculados ás ensinanzas tecnolóxicas.

Desde xaneiro de 2017 realizáronse un total de 262 actividades neste campo, cun total de 2535 docentes participantes en preto de 5000 horas. Tamén se realizaron 174 actividades de formación nos centros da rede (cursos, xornadas, encontros) da mesma temática, con máis de 3000 horas e case 2400 docentes participantes.

 

STEMlabGalicia

Deste xeito, a feira STEMlabGalicia nace co fin de mostrar o traballo innovador que están realizando os centros no ámbito STEM, uns proxectos vinculados coas accións e dotacións de equipamento da Consellería. En concreto, o venres día 20 haberá stands de exhibición de proxectos dun total de 18 centros, así como obradoiros e espazos maker para familias. Tamén se organizarán conferencias de persoeiros de prestixio como o científico Ángel Carracedo ou a directora do CINBIO, África González, entre outros. O sábado 21 estará centrado en formación específica para o profesorado.

Os centros que expoñerán os seus traballos son o CPI de Atios (Valdoviño), CPI Virxe da Cela (Monfero), IES David Buján (Cambre), IES de Ortigueira (Ortigueira), IES Urbano Lugrís (Malpica), IES de Fene (Fene), CPI a Xunqueira (Fene), CIFP Ferrolterra (Ferrol), IES de Meaño (Meaño), IES Xulián Magariños (Negreira), IES Fraga do Eume (Pontedeume), CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo), CEIP de Laredo (Redondela), CEIP Santo Paio de Abaixo (Redondela), IES Xunqueira II (Pontevedra), CEIP Valle Inclán (O Grove), CEIP de Noalla-Telleiro (Sanxenxo) e o IES Francisco Daviña Rey (Monforte).

Os centros que queiran visitar a feira poden apuntarse no web www.stemlab.gal.

 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS