
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración co operador de telecomunicacións Orange, organizan un ano máis a iniciativa “Ao lado dos nosos maiores”, un ciclo formativo sobre o uso de dispositivos móbiles. Serán un total de 17 talleres prácticos e gratuítos de dúas sesións de dúas horas de duración ,que se realizarán de forma presencial entre o xoves 19 de abril e o mércores 27 de xuño en diversas localidades da Rede de aulas CeMIT de Galicia.
O obxectivo principal desta actividade, impartida por persoal de Orange en calidade de aliado dixital, é ensinar aos participantes as pautas básicas do funcionamento das tabletas e móbiles así como solucionar as dúbidas que poidan ter para facer a súa experiencia máis doada, que adquiran maior autonomía persoal e que se familiaricen coa tecnoloxía móbil.
Durante as 4 horas de actividade ensinarase a enviar fotos, vídeos e mensaxes por WhatsApp, gardar contactos, facer chamadas, acceder e navegar por Internet e resolver todas aquelas dúbidas que lles poidan xurdir no uso do teléfono e/ou tableta.
Para asistir á actividade non é necesario ser cliente de Orange. É preferible que os participantes leven os seus propios terminais para acadar un maior aproveitamento do taller e no caso de que algún dos asistentes non acuda cun dispositivo móbil, os formadores disporán de 2 tabletas e 2 smartphones dispoñibles para o seu préstamo.
As persoas interesadas en asistir a estes talleres gratuítos poden inscribirse nas aulas CeMIT das seguintes localidades que amosaron o seu interese en participar:
Aula CeMIT
Sesión 1
Sesión 2
Xoves 19 de abril de 16:00 a 18:00
Martes 24 de abril de 16:00 a 18:00
Mércores 25 abril de 16:00 a 18:00
Mércores 2 de maio de 16:00 a 18:00
Venres 4 de maio de 11:30 a 13:30
Venres 11 de maio de 11:30 a 13:30
Luns 07 de maio de 17:00 a 19:00
Luns 14 de maio de 17:00 a 19:00
Martes 8 de maio de 10:00 a 12:00
Martes 15 de maio de 10:00 a 12:00
Martes 8 de maio de 11:00 a 13:00
Martes 15 de maio de 11:00 a 13:00
Venres 11 de maio de 11.30 a 13:30
Martes 15 de maio de 11.30 a 13:30
Martes 22 de maio de 10:00 a 12:00
Martes 29 de maio de 10:00 a 12:00
Mércores 23 de maio de 16:00 a 18:00
Mércores 30 de maio de 16:00 a 18:00
Xoves 24 de maio de 10:00 a 12:00
Xoves 31 de maio de 10:00 a 12:00
Martes 29 de maio de 16:30 a 18:30
Xoves 31 de maio de 16.30 a 18:30
Mércores 6 de xuño de 11:00 a 13:00
Mércores 13 de xuño de 11:00 a 13:00
Martes 12 de xuño de 10:30 a 12:30
Mércores 13 de xuño de 10:30 a 12:30
Martes 12 de xuño de 17:00 a 19:00
Martes 19 de xuño de 17:00 a 19:00
Mércores 13 de xuño de 10:00 a 12:00
Mércores 20 de xuño de 10:00 a 12:00
Luns 18 de xuño de 11:30 a 13:30
Luns 25 de xuño de 11:30 a 13:30
Mércores 20 de xuño de 11:00 a 13:00
Mércores 27 de xuño de 11:00 a 13:00
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos e 53 comarcas e está integrada por 98 aulas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel ce coñecemento.
Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias.
Paralelamente, os centros da Rede contan cun servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios e usuarias para a utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.
Orange
Como mecenas e aliado dixital do Plan de Inclusión Dixital de Galicia, Orange traballa para combater a fenda dixital no marco das telecomunicacións loitando contra a exclusión relativa ás TIC ao tempo que fomenta a dinamización social onde se sitúa esta iniciativa que pretende achegar ás persoas maiores á tecnoloxía co fin de facerlles a vida más doada.
Ademais, Orange colabora noutras actividades como aliado dixital coa iniciativa “Sé + Digital” un curso online de 20 horas que ofrecen a empresarios e emprendedores as ferramentas dispoñibles para mellorar a súa actividade profesional e as aplicacións da tecnoloxía para dixitalizar e desenvolver os seus negocios desde os seus municipios. E co programa de “SuperProgramadores” para mozos e mozas co obxecto de sensibilizalos e inicialos na programación dun xeito lúdico.
En 2020 máis de 330.000 galegos de 258 concellos terán acceso a redes ultrarrápidas, grazas ás iniciativas da Xunta e do Estado. O Plan de Banda Larga de Galicia, cun investimento de 14,2 millóns de euros, facilitará o acceso a redes de máis de 100Mbps a 74.400 galegos de núcleos de menos de 300 habitantes. As 258.000 persoas restantes beneficiaranse das medidas do Estado para chegar a núcleos de maior tamaño, cun investimento público de 21 millón de euros.
Con estas actuacións en 2020 o 74% dos galegos terán acceso a redes de máis de 30 Mbps, unha porcentaxe que se incrementará coas novas convocatorias anunciadas polo Estado no marco do seu Plan 300x100. Esta iniciativa ten como obxectivo estender fibra óptica ao 100% dos núcleos de poboación de España cun investimento de 525 millóns de euros para o período 2018 – 2021.
A directora da Amtega, Mar Pereira, avanzou estes obxectivos durante a súa comparecencia na Comisión 6ª do Parlamento de Galicia para dar conta da evolución da Lei 3/2013, do 20 de maio de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia.
A máxima responsable da política tecnolóxica da Xunta destacou que esta Lei foi unha das iniciativas clave de Galicia no ámbito das TIC, desde o punto de vista normativo, para facilitar o impulso e a extensión das infraestruturas de telecomunicacións na nosa Comunidade.
Pereira lembrou que coa aprobación desta Lei hai cinco anos Galicia converteuse na primeira Comunidade de España en apostar por unha iniciativa desta envergadura, que complementa a normativa estatal e evita a duplicidade de esforzos e investimentos nas administracións.
Lei galega de impulso ás infraestruturas de telecomunicacións
A Lei que se sustenta na coordinación, a planificación, e a anticipación para axilizar os despregamentos de telecomunicacións en Galicia, ten xa publicados tres decretos e hai un cuarto adicional en marcha, que se prevé publicar neste ano 2018. Estes desenvolvementos normativos establecen as condicións axeitadas para un despregamento territorial áxil en estradas e edificios de titularidade autonómica, fogares e polígonos industriais.
No referente ás estradas autonómicas, a Lei garante a incorporación de canalizacións para as telecomunicacións en todos os proxectos de estradas de titularidade autonómica, evitando que se levanten as estradas en reiteradas ocasións grazas a unha mellor coordinación e planificación.
En canto aos os edificios da Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico, a norma establece que conten coas infraestruturas necesarias para ofrecer uns servizos dixitais de calidade coas máximas garantías de seguridade e dispoñibilidade.
Con respecto aos fogares, o obxectivo da Lei é garantir que as novas vivendas dispoñan das infraestruturas necesarias para ter acceso a servizos dixitais avanzados do Fogar Dixital, tanto sociosanitarios, como de eficiencia enerxética, domótica, seguridade ou confort.
No caso dos polígonos industriais, a Lei busca garantir que ningún novo polígono industrial se proxecte sen ter en conta a necesidade de acceder a redes ultrarrápidas, obrigando a incluír as infraestruturas necesarias para as conexións de banda larga de alta velocidade durante a fase de construción.
Banda larga en polígonos, empresas e centros educativos
A extensión de fibra en núcleos de poboación é a terceira actuación do Plan de Banda Larga 2020, que se suma á de polígonos e á de axudas á empresas illadas do rural.
Este ano completarse a conexión de 81 polígonos industriais a redes de ata 350 Mbps, que sumados aos que xa contan con redes ultrarrápidas serán un total de 130 superficies empresariais, que representa o 93% da superficie empresarial ocupada.
Ademais, máis de 30 empresas de zonas illadas das catro provincias puideron conectarse a internet de entre 50 e 350 Mbps grazas á outra liña de axudas do Plan con case 400.000 euros tamén cofinanciados con FEADER.
No ámbito educativo, en colaboración co Estado, estase a desenvolverse a iniciativa “Escolas Conectadas” que está na recta final para dotar a máis de 800 centros educativos públicos con redes de máis de 100 Mbps. Unha vez finalizada esta actuación, nos próximos meses, o 100% dos centros públicos de primaria e secundaria terán acceso a redes ultrarrápidas.
A Fundación máshumano lanza a XIII edición do Premio Novos máshumano, a través dunha convocatoria aberta nacional, dirixida a mozos de idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos, que presenten ideas ou proxectos construídos desde a base da innovación e a Responsabilidade social que contribúan a mellorar as empresas e a sociedade.
A través do Premio Novos máshumano, a Fundación pon de relevo o seu compromiso e aposta por unha xeración de mozos con espírito emprendedor que lideren o cambio e a transformación necesaria das organizacións e a sociedade do século XXI.
O premio recoñece e premia as propostas dos mozos en materia de emprendemento e RSC, e achégaas a empresas e profesionais que apoien o seu crecemento e sustentabilidade, promovendo así o talento e o emprego novo, mediante propostas socialmente responsables que poidan lograr un impacto positivo.
Este ano, o Premio Novos máshumano recibiu o Selo Talento Novo Injuve outorgado á Fundación máshumano polo Instituto da Mocidade e o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, que recoñece a súa firme aposta e apoio a máis de 5.000 mozos durante trece anos.
Un xurado designado pola Fundación máshumano será o encargado de seleccionar os finalistas de cada unha das seguintes categorías establecidas, que á seguinte fase:
Este premio ofrece ao finalistas acceso a un intensivo programa de formación e mentorización, e os gañadores de cada categoría poderán obter financiamento para o seu proxecto, asesoramento legal por parte de Arrabe Integra e consultoría de analistas expertos en investimento da plataforma Socios Investidores. Ademais, PONS IP ofrecerá un servizo completo de "Due Diligence" para definir a estratexia de propiedade industrial e intelectual para un dos proxectos e IBM outorgará un premio especial para a mellor solución tecnolóxica ao servizo das persoas e a sociedade.
Tanto as empresas como a administración pública apoian e comparten o propósito do Premio Novos máshumano, que conta o apoio do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, INJUVE, Bankinter e El Corte Inglés e IBM, e a colaboración de Arrabe Integra Asesores, Socios Investimentos, Pons IP, Comunidade de Madrid, Bridge for Billions, Fundación Empresa & Sociedade, Secot, TEAMLABS, Impact Hub, i-Answer, PANGEA, INES&CO, ¡HOLA!, O que de verdade importa, Universidade Francisco de Vitoria UFV Madrid.
O Concello de Ribeira, a Cámara de Comercio de Santiago e a Fundación INCYDE van por en marcha en Ribeira un programa formativo dirixido a mozos e mozas interesados en adquirir novos coñecementos enfocados á animación 2D e 3D. Esta iniciativa, moi axeitada para optimizar, completar e actualizar a capacitación e os coñecementos de participantes de cara ao mercado laboral, desenvólvese baixo un epígrafe que fala por si só dos obxectivos do obradoiro: Constrúe o teu futuro: animación2D 3D e emprendemento. A actividade é de balde e está dirixida a persoas menores de 30 anos inscritas no Sistema de Garantía Xuvenil.
Desenvolverase en Ribeira entre o 23 de abril e o 1 de xuño de 2018 e comporase de sesións grupais, titorías individuais e tarefas de asesoramento e seguimento. O horario das xeiras en grupo é a seguinte: de luns e xoves, de 10:00 a 12:00 horas, agás o 17 de maio, en que a sesión do xoves pasará ao mércores. Ademais, do 21 ao 25 de maio, o horario será luns e xoves, de 10 a 14 horas. As actividades realizaranse no Viveiro de Empresas do Concello de Ribeira.
As titorías individuais levaranse a cabo no horario que acorde o alumnado co seu consultor. Serán, tamén, no Viveiro de Empresas local (horario de mañá) ou nas Aulas de Formación da rúa Cristóbal Colón (horario de tarde). As persoas interesadas e que cumpran os requisitos (menores de 30 inscritos/as en Garantía Xuvenil) poden inscribirse na web da Cámara de Comercio de Santiago.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a posta en marcha de Saúde Móbil e Contacte, dous novos servizos dixitais que facilitarán aínda máis o acceso á sanidade pública.
Máis polo miúdo, Feijóo explicou que Saúde Móbil, que xa está dispoñible para a súa descarga, engloba todas as aplicacións que xa ofrecía o Sergas: E-Saúde, Sigue, Urxencias Sanitarias de Galicia e Vacgal.
Deste xeito, a nova aplicación funcionará como xanela única para os servizos dixitais da sanidade pública galega. E permitirá coñecer as últimas novas relativas ao Sergas, ás redes sociais dos organismos que dependen da consellería e ofrecerá unha opción para recibir novas e avisos.
Pola súa banda, Contacte funcionará como canle única para realizar achegas ou reclamacións ao sistema público de saúde, dándose así un importante paso para canalizar as valoracións dos cidadáns sobre a atención que reciben.
Co lema Ti consultas, ti reclamas, ti suxires: nós respondemos, Contacte permitirá aos usuarios trasladar preguntas, críticas ou suxestións de maneira anónima ou identificada de modo dixital, sexa con certificado, co DNI electrónico ou con Chave365. Así mesmo, estará accesible na web do Sergas, na plataforma E-Saúde ou na app Saúde Móbil. E facilitará aos cidadáns levar un seguimento da tramitación da súa achega e realizar cambios.
Balance do uso dos servizos dixitais por parte da cidadanía
Feijóo concluíu lembrando que, hoxe, xa máis do 40% dos galegos solicitan cita previa no centro de saúde a través de Internet, en lugar de facelo por teléfono ou de xeito presencial.
Diante da boa acollida destes servizos dixitais á Administración autonómica apostou por seguir introducindo novidades que faciliten a relación co Sergas a través de Internet, como por exemplo: a plataforma É-Saúde, que permite aos cidadáns xestionar as súas citas, revisar os seus tratamentos e coñecer a súa historia clínica e máis de 43.000 cidadáns empregan esta ferramenta de xeito habitual; Sigue, unha aplicación que xa rexistra 16.000 descargas e mellora a orientación dos usuarios a través dos hospitais Álvaro Cunqueiro e Lucus Augusti e recoller a quenda de espera; Urxencias Sanitarias de Galicia, que permite a consulta online cos profesionais do 061 e a localización de farmacias, centros de urxencias ou desfibriladores e que foi descargada 3.700 veces; e Vacgal, que facilita o seguimento do calendario vacinal de nenos e adultos.