
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Microsoft, xunto ás súas empresas colaboradoras agrupadas no capítulo español da International Association of Microsoft Channel Partners (IAMCP), uníronse á Fundación ONCE para desenvolver o Proxecto TICTEA, co obxectivo de promover o emprego das persoas con Trastornos do Espectro Autista (TEA) na industria das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, para o que se contou coa Confederación Asperger España.
Esta iniciativa enmárcase dentro do convenio marco que renovaron recentemente os máximos responsables de Microsoft e a Fundación ONCE, co fin de promover a accesibilidade e a plena inclusión das persoas con discapacidade. Así, celebrouse unha reunión de traballo en Madrid, á que asistiron representantes de cada unha das entidades arriba mencionadas.
Durante o encontro expuxéronse mecanismos concretos para facilitar a identificación de potenciais candidatos con TEA para cubrir postos de alta cualificación técnica, e déronse a coñecer as principais liñas de traballo do proxecto TICTEA.
IAMCP España, entidade que agrupa aos principais partners de Microsoft no noso país -que representan máis de 3.000 empregos tecnolóxicos de alta cualificación- impulsará a adopción de medidas nesta liña para favorecer a inserción laboral de persoas con Trastornos do Espectro do Autismo. Igualmente, Microsoft modificará os seus procesos de selección e recrutamento en España co fin de ter en conta estes perfís. A subsidiaria española da compañía desenvolverá un proxecto piloto para a incorporación de persoas con TEA, que se estenderá posteriormente ao resto de Europa.
Pola súa banda, a Fundación ONCE, da man de Inserta Emprego e a Confederación Asperger España achegarán a súa experiencia na inserción laboral de persoas con discapacidade e asesorarán ás empresas participantes no proxecto. As persoas con TEA veñen demostrando unha grande capacidade para tarefas de programación, análise de datos e desenvolvemento de código, pero en ocasións non é sinxelo detectar estas capacidades nun proceso de selección estándar. A experiencia de Microsoft na incorporación de persoas con autismo no seu persoal demostra que uns mínimos cambios no proceso de recrutamento poden xerar oportunidades para persoas con síndrome de Asperger e outros TEA en postos de alta cualificación técnica. Pola súa banda, a experiencia da Fundación ONCE e de Inserta Emprego, co apoio do Fondo Social Europeo, demostrou que o talento das persoas con discapacidade é unha oportunidade e unha vantaxe competitiva para as empresas e para a creación dunha economía inclusiva.
Recrutamento, acompañamento e formación
O proxecto TICTEA vén continuar a experiencia desenvolvida por Microsoft en Estados Unidos para a incorporación de persoas con autismo, lanzada fai xa tres anos. Neste tempo, máis de 50 persoas con TEA incorporáronse con éxito á compañía, nunha diversidade de posicións, que inclúen desde enxeñeiros de software a científicos de datos. Unha das principais accións que se implementaron para facilitar estas incorporacións foi modificar o procedemento de recrutamento -para evitar que as persoas con TEA fosen descartadas nas primeiras fases dos procesos de selección- ampliar os plans de acompañamento durante os primeiros meses na organización -para asegurar a correcta adaptación ao posto- e implementar formacións específicas para os empregados -co fin de garantir unha experiencia inclusiva para as persoas con TEA.
"Afrontar as necesidades dunha sociedade na que a maior parte dos coidadores de dependentes son persoas maiores e propoñer accións e solucións para mellorar este contexto". Este será un dos principais eixos temáticos da 11ª edición do Salón Internacional das Persoas Maiores, Galisenior, que se celebrará en Expourense o días 9 e 10 de maio. Á devandita finalidade súmanse as das últimas edicións desta: promover o envellecemento activo e a detección precoz da dependencia.
Para perfilar as actividades que van ter lugar en Galisenior 2018 reuniuse en Expourense o comité organizador do salón. Unha ducia de profesionais e persoas expertas propuxeron os temas que se van a abordar neste punto de encontro para os maiores, as súas familias e os profesionais do sector. Participaron nesta reunión, entre outros, a técnica de Servizos Sociais do Concello de Ourense, María José Valeiras; a director da área de Benestar da Deputación Provincial de Ourense, José Juan Cerdeira; o coordinador do Programa Universitario de Maiores no Campus de Ourense, Alberto Vaqueiro, e o codirector da Cátedra Cruz Vermella Nacional da USC e representante do Instituto Xerontolóxico Galego, José Manuel Mayán.
Tamén asistiron a esta reunión representantes do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia; da Secot (Seniors Españois para a Cooperación Técnica); de empresas do sector como Caser Residencial e de entidades como Cruz Vermella Ourense, as Aulas da Terceira Idade de Ourense (Ategal), Asociación Diabética Auriao a Federación Galega de Asociacións de Familiares de Persoas con Alzheimer (Fagal).
Como é habitual Galisenior virará sobre tres eixos: as xornadas técnicas dirixidas aos profesionais, ás actividades dirixidas aos maiores e a área expositivo onde participarán entidades e empresas para presentar produtos e servizos especializados.
Xornadas técnicas e profesionais
Durante a primeira reunión deste comité perfiláronse os temas sobre os que versarán as xornadas técnicas profesionais e que estarán divididos en dous bloques. O primeiro deles será o xa mencionado sobre as persoas dependentes ao cargo de maiores e incluirá tamén outros aspectos como o empobrecemento das persoas maiores, a calidade asistencial ou a prevención e tratamento do Alzheimer.
O segundo bloque de conferencias estará orientado a fomentar o envellecemento activo presentando experiencias como as que poden achegar os membros da Secot nas que seniors apoian a emprendedores. Estas xornadas tamén recollerán testemuños vivenciais sobre como viven as persoas maiores nos casos nos que supoñen o principal sustento económico dunha familia ou que son os principais coidadores dos netos.
Entre as actividades dirixidas aos maiores, Galisenior 2018 ofrecerá un circuíto sensorial cognitivo organizado pola Cruz Vermella ou clases e talleres de cachibol ou pilates. Pola o seu parte, a Asociación Diabética Auria organizará actividades orientadas a controlar e previr a diabetes.
Galisenior é a única feira destas características que se celebra no noroeste peninsular e que está especialmente dirixida a un núcleo de poboación que representa o 25% da demografia galega, ás súas familias e aos profesionais que traballan neste sector.
As Termas Centro Comercial e o Concello de Lugo presentaron na mañá deste 10 de abril a segunda edición do seu certame conxunto de innovación, o concurso Wonderful. Segundo fixeron saber, a nova convocatoria do certame vai dirixida a apoiar unha vez máis a posta en marcha (da man de empresas ou persoas de Lugo) de iniciativas que marquen un antes e un despois (no económico, no produtivo pero tamén no social) na contorna da que xorden, a lucense. Ou sexa, que do que se trata é de recoñecer o esforzo dos lucenses a prol de dar forma a cadansúa visión de futuro empresarial. A iniciativa foi dada a coñecer pola concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico de Lugo, Ana Prieto, e o xerente do Centro Comercial As Termas, Esteban Patiño.
As propostas candidatas poden participar en catro categorías diferentes. A primeira é a de Solucións Innovadoras para tendas e centros comerciais; a segunda, Solucións Innovadoras que melloren a calidade de vida do cidadán con respecto á súa cidade (Smart Cities); a terceira é a de Negocios ou tendas innovadoras, e a cuarta, Ideas Innovadoras.
Segundo informaron, as tres primeiras están concibidas para empresas ou startups que traballan con innovación nos ámbitos das Cidades Intelixentes, as vendas ao por maior (retail) ou do comercio. A última diríxese sobre todo a emprendedores e universitarios con ideas de negocio innovadoras en calquera ámbito e coa posibilidade de plasmar os seus proxectos ou mesmo participar mediante os seus traballos de fin de grao.
Os gañadores conseguirán un conxunto de premios orientados a axudarlles nas fases iniciais, grazas aos patrocinadores e impulsores de Wonderful: Bstartup de Banco Sabadell, BizSpark de Microsoft, El Economista, IBM, a Universidade Francisco de Vitoria ou Indra. Os premios terán unha contía de 5.000 euros en metálico que entregará Lar España (propietaria, precisamente, do Centro Comercial As Termas), unha entrevista nun medio de comunicación do eido estatal, o acceso a financiamento bancario e investimento privado, axudas de software e novas tecnoloxías, consultoría estratéxica, formación e asesoramento personalizado. Ademais, os gañadores das categorías de innovación en retail participarán no Wonderful Summit 2018, presentando os seus proxectos no segundo Encontro Nacional de Innovación en Centros Comerciais e Retail que se celebrará en xullo de 2018.
Na cita de hoxe tamén se lembrou que Wonderful desenvólvese en Lugo grazas ao impulso de As Termas que, xunto co Concello de Lugo e outras entidades locais, colaboran no fomento da innovación na provincia. “Este tipo de iniciativas son clave para axudar ao desenvolvemento económico e social da nosa cidade e o das empresas ou emprendedores que están a innovar, xa que toda axuda é importante nos difíciles momentos iniciais”, sinalou Esteban Patiño.
Desde este 10 de abril e até o 31 de maio os emprendedores ou empresas poderán participar, presentando os seus proxectos de negocio a través do portal www.proyectowonderful.es.
A Fundación TIC da Deputación de Lugo anunciou hoxe un importante fortalecemento da súa actividade formativa e divulgativa, un proceso que tamén pon en xogo un relevante reforzamento das súas ramificacións na provincia, abranguendo o rural. Segundo fixeron saber os responsables da entidade lucense, esta incrementará nun 60% o número de cursos e obradoiros de novas tecnoloxías para maiores no segundo trimestre do ano, dos que 12 impartiranse na provincia. Os datos foron achegados este martes polo presidente da Deputación, Darío Campos, durante a presentación da nova programación do InLugo, na que estivo acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. O prazo de inscrición xa está aberto en www.fundaciontic.org e en www.deputacionlugo.gal, ou chamando ao teléfono 982 225 186.
Campos Conde subliñou que “como alcalde dun concello pequeno, o da Pontenova, coñezo de primeira man a utilidade das novas tecnoloxías na vida cotiá dos maiores que residen no rural e as posibilidades que ofrece esta ferramenta nas súas relacións con familiares e amigos”. Por iso, engadiu, “este trimestre imos facer un esforzo especial para retomar as actividades do InLugo na provincia”. Desta volta, o programa inclúe 12 obradoiros, maioritariamente de Internet e de uso do móbil, que, segundo fixo saber, son os máis demandados. “A nosa vontade é que, en función dos nosos recursos, cheguemos a toda a provincia en futuras edicións”, engadiu.
Entre as novidades desta nova tempada, o presidente da TIC destacou “o importante incremento de actividades”. E apuntou: “Neste segundo trimestre haberá 81 cursos e obradoiros, con 1.085 prazas, fronte aos 51 cursos e 713 prazas da edición anterior, o que supón un incremento do 60%. Queremos dar resposta así á alta demanda que hai destas actividades. De feito, vemos como en cada edición as prazas se cobren nas primeiras horas de apertura de inscrición”.
Darío Campos dixo que tamén se están a atender as demandas dos usuarios coa incorporación de novas materias, como por exemplo un curso de Instagram, “unha rede social que está moi de moda e na que os maiores poderán compartir as súas fotos”, ou outro obradoiro de Word que, por primeira vez, estará enfocado á Memoria Dixital, a iniciativa da Deputación para dinamizar tecnoloxicamente as comarcas lucenses a través da recuperación e posta en valor do seu pasado (dixitalizando contidos e todo tipo de materiais achegados pola veciñanza). Segundo explicou o titular da Deputación, a incorporación do curso de Word responde a un interese concreto das usuarias e usuarios de Memoria Dixital, que precisaban de ferramentas que lles permitisen dar conta por escrito das súas historias e anécdotas, que agora poderán engadir ao banco de recordos dixital. Por outra banda, os cursos con máis demanda, os de móbil, Internet e tabletas, ampliarán o número de horas. Deste xeito, os de móbil e Internet pasarán a ser de 4 días, e o de tabletas, de tres. Tamén aumentará o número de cursos de reforzo e os obradoiros de memoria.
Esta semana estase a celebrar na Coruña o salón de emprego Laboralia 2018, organizado polo consello social da Universidade da Coruña e coa sede de Afundación como centro de operacións. Este ano, incluíuse unha importante novidade que nos toca de preto: a inclusión dun programa especialmente centrado na relación entre as novas tecnoloxías dixitais e o emprego. Esta edición de Laboralia, polo tanto, está a ser un evento especialmente acaido para toda persoa (empresarias/os, emprendedoras/es, profesionais, estudantes, tituladas/os) que queira facer sondaxes de por que vieiros tecnolóxicos vai discorrer o mercado de emprego.
O programa desta convocatoria inclúe obradoiros e unha xornada formativa na que se celebrarán conferencias e mesas redondas. Os relatores dos obradoiros son Yaiza Rubio, primeira muller hacker de España en participar en Def Con & Black Hat en Las Vegas; Álvaro Núñez, máster en Seguridade Informática e membro de Telefónica Dixital España e de Hackers Club Academy; Ángel Hernández, experto en Intelixencia Artificial e desenvolvemento e adestramento de chatbots; Félix Brezo, analista de intelixencia en Eleven Paths; Pablo González, hacker e responsable de negocio tecnolóxico en Telefónica Digital España e Ignacio Villoch, construtor de ecosistemas de innovación aberta en BBVA.
A xornada formativa, prevista para o día 13 de abril, contará coa presenza de relatores relacionados co ámbito universitario e con Juan Antonio Rosell, director de Talento e Transformación de Everis.