
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Esta semana celébrase en Carballo a nova edición (a quinta) do festival Interplay de webseries, referente galego, estatal e internacional en materia de contidos dixitais e en todas as cousas que teñen que ver co audiovisual e a súa confluencia cos novos xeitos tecnolóxicos de facelo, distribuílo e, por suposto, velo. O certame, que non as proxeccións, comezou xa hoxe, coa presentación do mesmo e coa posta en marcha do Campamento Kamikaze, que converte a praia de Razo nun innovador e dinámico encontro de creadoras e creadores. O Carballo Interplay, que durará até este sábado 7 de abril, abranguerá tamén unha sección oficial con webseries de todo o mundo, xuntanzas, obradoiros, concretos, debates ou vídeo conferencias. A cita foi dada a coñecer polo alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro, que enxalzou o potencial do certame para situar Carballo no mundo. E tamén “para poñer o mundo en Carballo”.
Na rolda tamén participou o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, que salientou “a perspectiva de xénero que ten o evento” e como este foi concibido (este ano máis ca nunca) para “reivindicar a figura da muller na Historia”, abranguendo a historia da tecnoloxía e da innovación. Esta vontade de visualizar o pulo creativo feminino percíbese en múltiples dos elementos que acompañan esta edición, por exemplo a imaxe gráfica do Interplay ou o propio programa da gala de clausura, que presentará a actriz e cómica Akira Valero co título Mulleres e tecnoloxía: unha unión imposible? A idea, segundo sinalou o edil, é reivindicar a figura de creadoras e investigadoras fundamentais para o audiovisual e as invencións técnicas que son habitualmente ignoradas: Hedy Lamarr (precursora da tecnoloxía móbil, GPS e Wi-Fi), Ada Lovelace (matemática e escritora británica), Alice Guy (primeira persoa en dirixir un filme de ficción), Ángela Ruiz Robles (inventora do e-book), Delia Derbyshire (pioneira da música electrónica), Margaret Hamilton (científica computacional, matemática e enxeñeira), Radia Perlman (percursora de Internet), Mary Allen Wilkes (enxeñeira programadora), Susan Kare (pioneira no deseño de interfaces de usuario) e Agnès Varda (cineasta cunha carreira dende a Nouvelle Vague ata a autoficción dixital).
Na cita cos medios tamén interveu Sonia Méndez, directora do festival, quen fixo un percorrido polo roteiro do programa do Interplay, que arrancou hoxe co Campamento Kamikaze, cuxo resultado, por certo, poderá verse con formato de webserie este mércores ás 20.30 horas no auditorio do Pazo de Cultura. O día seguinte, 5 de abril, celebrarase unha xuntanza para profesionais (Día Pro) na que estarán presentes (partillando coñecemento e propostas) directivos e directivas de PlayZ (RTVE), Flooxer (Atresmedia), MTMAD (Mediaset), CRTVG, Vice, Globomedia, 2btube, Hitsbook ou Infomix. Os responsables destas compañías participarán nun networking con profesionais acreditados no que terán ocasión de coñecer máis de 32 proxectos.
María Yáñez, coordinadora de actividades do festival, destacou os esforzos do evento para pór en valor contidos da nosa terra, salientando o Premio a proxecto de webserie en galego, que o ano pasado gañou Hai vida en Bran?, a creación de Ángela Andrada cuxa estrea pechará a xornada do 5 de abril, xusto despois de que as propostas finalistas deste ano defendan os seus proxectos.
42 webseries
Até 42 webseries de todo o mundo compiten finalmente na sección oficial da quinta edición do Festival de contidos dixitais Carballo Interplay, que repartirá máis de 5.000 euros en premios. Así nolo contaron os días pasados as principais impulsoras do certame, Sonia Méndez e Sandra Lesta, xunto co Concello de Carballo, engadindo que a quinta edición do concurso elixiu (entre máis de 250 propostas chegadas de todo o mundo) un total de 3 propostas galegas e en galego, 12 do resto do ámbito estatal e 27 do resto do mundo.
Noutras palabras: os que acudamos ao festival, teremos a sorte e o privilexio de ver, dende o corazón de Bergantiños, achegas audiovisuais innovadoras (por formato, por contido) de Arxentina, Australia, Canadá, Chile, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Holanda, Italia, Líbano, México, Nova Zelanda, Reino Unido, Suíza, Uruguai e, por suposto, España. Cada unha das tres categorías repartirá 800 euros en premios. O xurado do certame estará composto polo guionista e realizador Carlo Padial, a crítica Desirée de Fez, o xornalista Iago Fernández, a actriz María Tasende, o guionista Óscar Cruz e a directora Anxos Fazáns. Ademais, o público decidirá cos seus votos (entre todas as contribucións) un premio de 400 euros e, por vez primeira nesta edición, un xurado novo entregará outro premio de 400 euros. Conforman este xurado a youtubeira Nuria Espasandín, o músico Cristian Andrade, a ilustradora Laura Tova e o picadiscos e programador do Xiria Pop Maikel Pérez.
A Aula TIC PEME do Campus de Lugo (Universidade de Santiago) vén de pór en marcha a edición número once do seu obradoiro sobre novos e eficaces xeitos de vender nas redes, de facermos empresa e de comunicarnos cos nosos clientes. A vindeira edición do seu Taller Online sobre Xestión de Tendas con Pretashop é o novo paso dunha referencial actividade formativo-tecnolóxica, referencial polos recursos de axuda que ten posto en xogo para novos empresarias/os e emprendedoras/es, e tamén polos éxitos de participación acadados. De feito, a onceava convocatoria do obradoiro é unha consecuencia directa da boa acollida que tivo a última edición.
O curso tamén é unha resposta a un desafío concreto: o reto de acadar da maneira máis simple e eficaz a dixitalización da actividade das nosas empresas, e máis tendo en conta até que punto, nos últimos anos, disparáronse as cifras correspondentes ás vendas de comercio electrónico sobre o total das vendas a nivel galego e estatal. Segundo informa a Aula TIC do Campus de Lugo, entre abril e xuño do ano 2017, a facturación por vendas en liña subiu un 23,4% internanual até acadar os 7.338,1 millóns de euros. Estas cifras, que figuran nos datos sobre ecommerce achegados pola CNMC, obrigan ás empresas a facérense a seguinte pregunta: hai que permitir que a competencia se adiante ou cómpre que aproveitemos a oportunidade de negocio que nos brinda as novas tecnoloxías e canles da información?
Durante o desenvolvemento do obradoiro, o alicerce temático será a plataforma de software libre Prestashop Cartium. O contido do curso inclúe o seguinte: instalación e posta en marcha da aplicación, administración dos clientes e dos empregados, manipulación do catálogo de produtos, xestión dos pedidos e dos pagos, análises estatísticas dos datos e outras ferramentas.
Respecto da metodoloxía a seguir, é un obradoiro de natureza práctica baseado en software libre e de código aberto, impartíndose integramente de maneira virtual a través dun espazo dixital habilitado para tal efecto. Inclúe vídeo-titorías das temáticas devanditas e convídase ao alumnado a revisar os materiais fornecidos e completar as tarefas semanais para comprobar cal é o grao de aproveitamento dos módulos. No curso, con independencia de que se dirixa sobre todo a emprendedores, PEME e autónomas/es, poderá participar calquera persoa interesada na temática do mesmo. A duración da actividade é de 50 horas. Desenvolverase entre o 13 de abril e o 23 de maio deste mesmo ano.
A Deputación de Lugo e a Fundación TIC, integrada na entidade provincial, están a achegar hoxe a súa colaboración co Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo. E fano sumándose aos actos organizados por Raiolas Lugo e levando a cabo actividades concretas como o revestimento con cores azuis das fachadas do Pazo de San Marcos e do Fogar de Santa María, unha intervención que simboliza, en palabras da Deputación, “a sensibilidade do organismo provincial coas persoas e familias afectadas polo autismo”.
Asemade, a Fundación TIC está a achegar os seus equipos humanos e tecnolóxicos para gravar as actividades desenvolvidas na Praza Maior. Por exemplo a lectura do manifesto a cargo de Jorge Vilaboa, usuario de Raiolas. A Fundación TIC gravará todo o evento para difundilo por toda a provincia e nas redes sociais co fin de sensibilizar e concienciar á cidadanía.
As actividades comezaron ás 10.30, coa inauguración na sede provincial dunha mostra de fotografías feitas polos integrantes da dita asociación. Pola tarde, na Praza Maior, está previsto o desenvolvemento dun photocall, unha mesa informativa, un certame de debuxo, un obradoiro de decoración de galletas e un taller de concienciación. Ademais, ás 19.00 horas entregaranse os premios do dito certame e escenificarase o derrube simbólico dunha barreira, símbolo dos atrancos que separan ás persoas autistas das oportunidades das que gozan os restantes cidadáns. A Fundación TIC, como dixemos, creará contidos dixitais a partir do acontecido hoxe no centro neurálxico de Lugo.
A Asociación Educativa AtlanTICs, nacida en 2016 co obxectivo de fomentar o uso seguro e responsable da tecnoloxía, ten desenvolvido distintos cursos, charlas e obradoiros a prol da alfabetización dixital, a promoción da mediación parental e a concienciación sobre as normas de comportamento propias da cidadanía dixital, á que o vindeiro 12 de abril sumarase a emisión do magazine radiofónico Internet de tu Color Favorito, que poderá escoitarse a través de CUAC FM.
O novo espazo sonoro desenvolverase os xoves de 19:00 a 20:00 horas, incluíndo faladoiros, debates, entrevistas, novas de actualidade, axenda de eventos... coa intención de achegar aos seus oíntes ferramentas e consellos para poder enfrontase aos cambios que supón a sociedade dixital actual.Internet de tu Color Favorito é un proxecto dos irmáns Cami e Santi Rey, acompañados por La Gata-Cristi, quen buscarán dar vida a un espazo ameno, divertido e desenfadado, e aínda que a emisión do programa estea ligada á plataforma da emisora comunitaria da Coruña, cómpre lembrar que pode seguirse dende todo o mundo a través da Internet, e os seus programas goza de especial difusión a través do formato podcast.
Esta semana, os días 5 e 6 de abril, celébrase na Universidade da Coruña (o CITIC e a Facultade de Informática) un interesante achegamento colectivo (da man de diferentes investigadoras/es dos campus) á realidade actual e vindeira da protección tecnolóxica e da información, dende a óptica dos achados locais. O Ciclo CyberCoruña Actualidade Europea en Ciberseguridade vén da man da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación da UDC (OTRI), o Centro de Investigación TIC (CITIC), a Facultade de Informática da Coruña e a Xunta.
As xornadas, segundo informan as entidades organizadoras, buscan reunir a todos os actores do sector e “dar a coñecer a aposta da Universidade da Coruña a prol dunha formación e investigación aplicada en ciberseguridade”, unha cuestión que adquire cada vez máis relevancia e xera, ao mesmo tempo, importantes oportunidades laborais e empresariais. As entidades impulsoras dos encontros, para facernos unha idea da dimensión dos temas a tratar, tamén lembran que “o sector da ciberseguridade resulta unha oportunidade de mercado non só en Europa senón a nivel global, onde se prevé que en 2018 móvanse ao redor duns 100 billóns de dólares de negocio”.
Seguindo este fío, as xornadas CyberCoruña diríxense a ofrecer unha visión múltiple da ciberseguridade a nivel europeo, en canto a formación, investigación e recursos humanos altamente cualificados, así como as oportunidades de desenvolvemento e innovación nos programas europeos máis competitivos. As xornadas están orientadas, por unha banda (sesión da tarde) aos actores industriais e do sector público, así como aos investigadores e formadores. Por outra banda, na sesión da mañá, o foro ficará aberto para que se incorporen aos perfís devanditos os alumnos e investigadores interesados no sector, ben porque “ven unha oportunidade de formarse nun ámbito de futuro prometedor, ben porque realizan investigación no ámbito ciber e teñen intención de proxectarse a nivel europeo”.