main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

14/03/201814:25
Inauguración da xornada.
Santiago de Compostela

A Xunta aposta por unha Administración accesible, moderna e innovadora para dar un mellor servizo á cidadanía

  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, inauguraron esta mañá o encontro CIMS GAL 2018, Cidades Innovadoras, Modernas e Seguras.

Ao longo da xornada, diversos expertos abordarán as necesidades dos novos modelos de cidades, tratando temas como a protección de datos, a compra pública de innovación ou a Administración electrónica.

Na mesma liña dos obxectivos deste foro, a Xunta tamén vén apostando nos últimos anos de forma decidida por construír unha Administración autonómica accesible, moderna e innovadora co obxectivo de prestar un mellor servizo á cidadanía e poder resolver as súas demandas e problemas de xeito máis sinxelo e rápido.

Nesta liña, inscríbense accións como a recente aprobación no Consello da Xunta do anteproxecto da Lei de Administración Dixital de Galicia, a renovación da sede electrónica o Portal de Transparencia de Galicia, ou a guía de boas prácticas para favorecer a contratación pública de innovación.

14/03/201814:12
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou hoxe as instalacións de Aimen no Porriño.
O Porriño

A Xunta pon en valor a formación para desempregados adaptada aos perfís profesionais que require a nova era tecnolóxica

  • O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou hoxe as instalacións de Aimen no Porriño e aos alumnos que están realizando os cursos financiados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria relacionados coa especialidade de soldadura
  • Puxo en valor os programas dirixidos especificamente para o sector naval que se imparten tanto en centros homologados como nas propias empresas e que están orientados para desocupados e traballadores en activo
  • Marnotes explicou os plans que se están desenvolvendo para adecuar a cualificación dos traballadores e desempregados ás necesidades reais do tecido produtivo galego

 

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou hoxe as instalacións do centro tecnolóxico Aimen do Porriño, onde coñeceu a formación para desempregados que leva a cabo esta entidade co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria. O director xeral puxo en valor este tipo de cualificación que está adaptada aos perfís profesionais que está requirindo a nova era tecnolóxica e está homologada con certificados de profesionalidade con validez en toda España.

Na actualidade, Aimen está desenvolvendo tres accións formativas que contan co financiamento da Xunta e que suman un total de 2214 horas. Nelas participan 45 alumnos que se están cualificando nas seguintes especialidades vinculadas co naval: organización e control dos ensaios non destrutivos, da familia profesional de Química; soldadura con electrodo revistido e TIG; e soldadura de oxigás e soldadura MIG/MAG. Son cursos que forman parte do Plan de formación específico para o naval que puxo en marcha o Goberno galego o pasado ano e que está dotado con 12 millóns de euros.

Marnotes indicou que a Xunta, a través do desenvolvemento da Axenda 20, a folla de ruta do Goberno galego en materia laboral, busca axeitar a cualificación dos traballadores galegos ás novas necesidades das empresas. En sintonía coa Axenda Industria 4.0, a planificación prevé diferentes posibilidades de formación á carta como é a formación para desempregados que, segundo apuntou, ten como obxectivo ampliar as oportunidades laborais dos seus participantes para que poidan atopar un emprego o antes posible.

Puxo en valor, ademais, a aposta do Goberno galego por orientar esta cualificación cara os sectores estratéxicos e emerxentes de Galicia e ás especialidades vinculadas coa fábrica intelixente. Neste senso, puxo de exemplo ao naval. Para este ámbito, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiou o pasado ano a realización de 57 cursos para desempregados que contaron coa participación de 883 alumnos. Esta iniciativa, que aínda está en marcha (20 cursos xa remataron e o resto acabarán en xuño deste ano) supuxo un investimento de 4,3 millóns de euros. Así mesmo, a Xunta destinou 1,1 millóns de euros á modernización dos centros de formación profesional para o emprego de Vigo e Ferrol, dependentes do departamento autonómico, onde, entre outros, se imparten accións formativas dirixidas ao naval.

O director xeral tamén expuxo a cualificación dirixida a traballadores en activo, que se desenvolve en centros homologados pola Administración autonómica. Neste senso, apuntou que este ano apóiase cun millón de euros a realización de 63 cursos específicos para ocupados do naval en Vigo, Arteixo, Narón e Lugo, accións formativas, centradas en especialidades como soldadura, robótica ou deseño naval, das que se poderán beneficiar un milleiro de persoas. Con estas axudas, a Xunta prevé formar en toda Galicia a máis de 23.000 autónomos e traballadores galegos de sectores estratéxicos e emerxentes. Segundo destacou, é unha iniciativa de formación para ocupados dotada con 13 millóns de euros para desenvolver ao longo deste ano en centros e entidades formativas preto de 1.500 cursos, entre os que se atopan os centrados no naval.

 

Formación á carta en empresas

Tamén destacou as Unidades Formativas na Empresa, tanto para desempregados como ocupados, que constitúen outra das modalidades de formación activas na actualidade. As primeiras convocatorias destes programas xa saíron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG). En conxunto, destínanse 6,35 millóns en 2018 para estas dúas iniciativas, a través das que se cualifica tanto a desempregados con formación á medida na propia empresa –que ten que comprometerse a un mínimo de contratación– como a traballadores de empresas de sectores estratéxicos, entre os que tamén cabe salientar o naval.

Marnotes destacou que, para as unidades dirixidas a desempregados, o prazo de solicitude está aberto ata o día 5 do próximo mes de abril, mentres que para a iniciativa destinada a ocupados para formar a 1.500 traballadores en 500 empresas de sectores estratéxicos rematará o 2 de abril.

14/03/201814:09
Cartel do evento.
Ponteareas

Ponteareas organiza unha charla para nais e pais sobre novas adicións

Concello de Ponteareas quere traballar a prol da formación e a divulgación en materia de uso das TIC entre os menores, poñendo en foco na capacitación das nais, pais e profesorado. Nesta liña insírese a charla Sexo, drogas e moitas apps, que organiza a Concellería de Ensino que dirixe a nacionalista Cristina Fernández.

A charla, dirixida sobre todo a nais e pais, desenvolverase este mércores 14 ás 19:00 horas na sala multiusos do auditorio municipal. A médico de familia Raquel Plana e o enfermeiro Nemesio Boente, ámbolos dous profesionais do Centro de Saúde de Ponteareas, falarán de dependencias, incluídos os hábitos negativos ligados ao uso das novas tecnoloxías da información (móbiles, redes sociais, aplicacións, etc). Tamén se falará de prevención de doenzas de transmisión sexual e da sexualidade na adolescencia.
A Concellería informa de que para facilitar a participación de todas as familias, ofrécese servizo de gardería na entrada principal do auditorio.

14/03/201814:01
Mozas nun laboratorio.
Vigo

O Campus de Pontevedra achega en aberto catro cursos para impulsar as nosas capacidades con tecnoloxías

Vicerreitoría do Campus de Pontevedra (UVigo) vén de presentar os seus cursos de verán: catro actividades formativas que teñen aberto xa o prazo de inscrición e que mostran o nexo común de abrir xanelas ás tecnoloxías do futuro e motivar as capacidades creativas e innovadoras que todas e todos levamos dentro. Os cursos xirarán arredor das seguintes temáticas: a aplicación dos últimos avances da neurociencia no proceso de aprendizaxe, as posibilidades que achega á produción artística a impresión tridimensional, as novas tendencias na prevención e recuperacións de lesións no deporte e as posibilidades que outorga a robótica e o encerado dixital no ensino das ciencias. Con 250 prazas, contando todos os obradoiros, estes estarán novamente abertos á participación de toda a cidadanía. Desenvolveranse no mes de xuño nas facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Belas Artes e nelas combínanse “novas propostas que serven tamén para completar a formación do alumnado do campus, xunto con cursos que tiveron moi boa acollida en anteriores edicións”, como salienta o director da Área de Extensión Cultural do Campus, Manuel Morquecho.

Neurociencia na escola
“As últimas investigacións en neurobioloxía sobre o funcionamento do noso cerebro na aprendizaxe demostran cousas que xa sabíamos pero que non se aplican, como que o aumento da consolidación de novos coñecementos está relacionado coa creatividade, coa curiosidade, co movemento, coa autonomía, é dicir con factores de motivación intrínseca”, salienta a profesora de Ciencias da Educación e do Deporte, Margarita Pino, responsable de Aplicacións da neuroeducación na escola. Entre o 4 e 8 de xuño, investigadores e investigadoras do grupo Gies-10, que coordina esta docente, e da rede Ries abordarán técnicas e estratéxicas para aumentar a motivación do alumnado na aula.

Ciencias con robótica
Nesta facultade desenvolverase tamén, entre o 5 e o 21 de marzo, Ensinar ciencias con robótica, programación e produción de contidos multimedia para encerado dixital, un obradoiro coordinado pola profesora María Álvarez Lires que dá continuidade aos cursos de verán celebrados nos últimos anos, incorporando novos contidos. Nese senso, o manexo do kit Science Learning Resources e o desenvolvemento de novas actividades interactivas para o encerado dixital figuran entre os novos contidos dun taller dirixido a “desenvolver as competencias tecnocientíficas do futuro profesorado”, como sinala outra das responsables desta actividade, a investigadora María Lorenzo.

Deporte e tecnoloxía
Outra das actividades é Estratexias para a prevención e recuperación de lesións na actividade física e o deporte, un curso dirixido polo catedrático Carlos Lago que dá continuidade a seminarios anteriores poñendo o foco novas tendencias na prevención e recuperación de lesións, dar a coñecer as posibilidades laborais que no eido do deporte. De carácter práctico e dirixido tanto a estudantes e profesionais vinculados ao eido do deporte como ao sanitario, o curso que se desenvolverá entre o 4 e o 6 de xuño en Ciencias da Educación e do Deporte reunirá no campus a “profesionais excelentes” formados ou vinculados a esta facultade.

Impresión dixital en 3D
Por último, tamén o 4 de xuño dará comezo, na Facultade de Belas Artes, outra das novidades desta oferta formativa, o curso Facendo físico o intanxible. Introdución á impresión dixital tridimensional, unha actividade que dá continuidade a outros obradoiros sobre impresión 3D que se desenvolven no campus centrándose desta volta “no aspecto creativo desta tecnolóxica e as súas posibles aplicacións no ámbito das artes plásticas e belas artes en xeral”, como sinala o seu responsable, Ignacio Pérez.

14/03/201812:47
Inauguración das xornadas JAI 2018.
Vigo

Abre as súas portas en Vigo a gran feira estatal das tecnoloxías 4.0: as xornadas JAI

Finalmente xa temos abertas as portas das Xornadas de Automatización Industrial (as JAI, polas súas siglas en inglés), con toda probabilidade o evento galego e estatal que máis ten feito por preparar o terreo do que hoxe en día se coñece como Industria 4.0, e tamén un dos máis referenciais á hora de tender pontes entre as empresas do sector (o elemento contratador) e o alumnado (o futuro equipo profesional desas empresas). A sétima edición das JAI, que se celebran até o 16 de marzo na Escola de Enxeñaría Industrial, foi inaugurada esta segunda feira (luns) polo profesor José Ignacio Armesto, polo conselleiro de Economía Francisco Conde e máis polo reitor, Salustiano Mato, quen recentemente expresaba a súa arela de ver como as xornadas “daban o chimpo para converterse na principal feira tecnolóxica deste sector no noroeste español”. Con toda probabilidade esta edición 2018 é a edición do devandito chimpo. Os 700 profesionais, o medio milleiro de estudantes e a vintena de robots que participan xa nas JAI son a mellor proba diso. 

Falarase un pouco de todo, pero sobre todo de novas tecnoloxías para producir mellor, de maneira máis sustentable, eficiente, harmónica e automatizada. Temas como por exemplo a robótica e as súas variantes, a mobilidade, a cooperación na innovación ou a virtualidade dos proceso industriais. A cita celébrase na entrada e nos corredores da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo. En total, o evento dá acubillo a 35 postos nos que empresas, centros tecnolóxicos e institucións amosan os seus retos actuais e vindeiros perante o alumnado do campus, que, segundo informaron os organizadores das xornadas, pode participar no programa de relatorios impartidos por responsables de sectores e empresas como o grupo PSA, Repsol, Navantia o HP, que dependen da automatización nos seus procesos produtivos.

Como dixemos, as JAI 2018 contan coa presenza dunha vintena de robots. No eido da robótica cooperativa e de servizos encádranse Nao, mascota oficial das xornadas, desenvolvido por Macco Robotics; o robot doméstico limpacristais HoBot de Smarttek; Pepper, que chega da man de ABanca ou SanBto, o robot humanoide seleccionado pola firma Pabloski como asistente de ventas para as súas tendas. Pola súa banda, a robótica colaborativa conta con media ducia de representantes, que grazas á inclusión de sentidos análogos ao tacto e á vista dos seres humanos, cooperan coas persoas nos seus postos de traballo. IIwa da firma Kuka, o cobot UR10 de Universal Robots, CR de Fanuc Robotics e o robot bibrazo YuMi de ABB, encádranse neste ámbito. No caso das solucións robotizadas móbiles ou intraloxística, expóñense algúns dos robots móbiles da firma ASTI Robotics, MiR e Adept, así como drons desenvolvidos en Galicia, como o vehículo non tripulado mariño máis grande de Europa, froito da colaboración entre a Universidade e Industrias Ferri, ou o vehículo autónomo prototipo, deseñado polo centro tecnolóxico CTAG en colaboración co grupo PSA. Así mesmo, as xornadas inclúen dous stands dedicados á realidade virtual e aumentada desenvolvida por Siemens e Navantia.

Multinacionais con presenza no mercado estatal
A gran maioría de empresas que participan nesta sétima edición das JAI (dúas ducias de firmas que apoian o evento de xeito directo e ás que se suman outras como entidades colaboradoras) son multinacionais con presenza en España, algunhas delas presentes nas JAI dende a primeira edición, como Phoenix Contact, Rockwell Automation, Schneider Electric e Siemens e outras de recente creación como Universal Robots ou MiR. “A maioría son compañías moi asentadas no tecido industrial” que abandeiran o terreo da automatización e “adoitan estar presentes en feiras tan prestixiosas como a Automática en Münich ou SPS IPC Drives de Nüremberg”, explicou recentemente Armesto, quen fixo fincapé en que, “aínda que sexa de xeito moi modesto, as JAI están a pór a Galicia no mapa de encontros profesionais deste sector e permiten que, tanto os profesionais de aquí como o alumnado, poida coñecer de preto as principais novidades sen necesidade de desprazarse a Madrid ou Barcelona, no mellor dos casos”. Armesto tamén lembrou que no programa de relatorios están presentes compañías doutros sectores que dependen da automatización no seu proceso produtivo. Entre elas, PSA Peugeot Citroën, que presentará as innovacións relacionadas coa industria 4.0 que aplican na factoría viguesa; Repsol, que amosará as novas técnicas do proceso químico que empregan, por exemplo, na refinaría da Coruña; e Navantia, que dará a coñecer o seu proxecto Estaleiro 4.0, no que utilizan técnicas de realidade virtual no deseño dos seus produtos.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS