
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) decidiu outorgar o Premio Ada Byron á doutora en Informática Núria Castell Ariño, e á catedrática Karina Gibert Oliveras, ambas da Universidade Politécnica de Cataluña-BarcelonaTech (UPC). Serán entregados no marco da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebra o 1 xullo no Hotel Puerta del Camino.
Núria Castell Ariño (Hospitalet de Llobregat, 1958) licenciouse en Informática nas primeiras promocións en España na Universidade Autónoma de Barcelona (UAB), concretamente en 1981 sendo unha das 13 únicas mulleres de entre os 400 matriculados no inicio da carreira, e doutourouse na UPC en 1989. Segundo explica, ao finalizar o instituto tenteou a posibilidade de estudar matemáticas, pero pola falta de aplicacións e por considerar a docencia como única saída profesional descartou a idea. Vendo o catálogo dos estudos universitarios da UAB en 1976, cando non existía aínda internet, optou por unha formación de cinco anos en informática, previa á creación desta licenciatura. “Me pareció que informática podría ser una forma interesante de aplicar matemáticas y tener diversidad de salidas profesionales y me lancé a un mundo por descubrir” . Os inicios foron de “la única en el equipo”. Núria Castell Ariño lembra como no penúltimo ano de carreira traballou unha media xornada de bolseira como programadora nun centro de cálculo, onde era a única muller. Xa no último ano da carreira traballou a tempo completo como programadora no centro de cálculo dunha importante empresa de seguros. Aquí tamén era a única entre programadores e analistas. “El trato era el de ‘la peque', mujer y jovencita, pero respetando mi trabajo”, recorda. Ao rematar os estudos, incorporouse á universidade e a situación continuaba igual, sendo tamén alí unha das poucas mulleres. Durante uns anos estivo no equipo de investigación dunha empresa traballando en temas de tratamento automático da linguaxe. O equipo era interdisciplinar, de lingüistas e informáticos, e na parte técnica outra vez era a única muller. Anos despois, foi vicedecana de Relacións Internacionais (2004-2010) e decana (2010-2017) da Facultade de Informática da UPC. É tamén a cofundadora do Centro de Investigación en Tecnologías y Aplicaciones del Lenguaje y el Habla (TALP) e posteriormente do Centro de Investigación de Ciencia de Datos Inteligente e Inteligencia Artificial (IDEAI). O seu ámbito de investigación é o procesamento automático da linguaxe natural. Publicou artigos en congresos, revistas e libros relacionados con esta temática, así como sobre a enxeñaría do software e outros temas referentes á educación universitaria. Coorganizou diversos congresos científicos e participou en proxectos de investigación nacionais e europeos, sendo a investigadora responsable nalgúns deles. Participou activamente no deseño e innovación de programas educativos, non só a nivel UPC, senón tamén no marco de proxectos internacionais. O máis recente foi o proxecto europeo “eHealth Eurocampus” orientado á formación combinada en TIC e saúde. Actualmente segue colaborando en programas de formación continua coa UPC School e codirixe un proxecto de investigación sobre a internacionalización dun centro docente universitario. Por outra banda, Núria Castell Ariño participa activamente en temas de igualdade de xénero e especialmente en accións, locais e internacionais, para incrementar a presenza de mulleres no ámbito das Tecnoloxías da información e as Comunicacións (TIC). Formou parte do deseño de varios plans de igualdade da UPC, como membro da súa comisión de igualdade e liderando proxectos internos como o +noiesTIC (+chicasTIC). Neste ámbito, colaborou no proxecto europeo H2020 Gender Equality en Engineering through Communication and Commitment (GEECCO), cuxos resultados foron merecedores de diversos premios. Participa en programas de mentorías dirixidas a alumnado de primaria, especialmente ás nenas, para incrementar as vocacións polas disciplinas STEM (programa Inspira STEAM –creado pola Universidade de Deusto– e programa aquíSTEAM da UPC). Actualmente, é asesora de temas de xénero nalgúns proxectos europeos.
Son moitas as actividades que realizou e realiza actualmente para fomentar a presenza feminina e dar visibilidade ás mulleres no campo tecnolóxico. Incentivou accións de visibilización, tales como a promoción de Doutoras Honoris Causa pola UPC (Barbara Liskov e Margaret Hamilton); participou en proxectos como o Inspiring Girls ou o Noies, les TIC són nostres; participou en xurados de premios; dirixiu en 2019 o programa Dona i Tecnologia: un tàndem de futur; e creou e participou en comisións de xénero (donesCOEINF, Mujeres en Informática do CCII, Intercolegial catalana).
Baixo o seu primeiro mandato como decana e co apoio das axudas económicas de Google, nace e desprégase o proxecto Girls4Bits na FIB que se desenvolve entre 2010 e 2015. O seu obxecto foi loitar contra os tópicos e estereotipos negativos e ofrecer unha visión distinta da informática. Como resultado, xeráronse contidos dixitais para visualizar o traballo realizado polas enxeñeiras en informática, e a visión que teñen algunhas estudantes ou recentes tituladas da formación e profesión. Produciuse unha serie de seis vídeos con testemuñas de estudantes e profesionais, creouse un portal web para reunir a información para a promoción dos estudos do Grao de Enxeñaría Informática e actualizouse e mellorouse a exposición Pioneras de la Informática y las Telecomunicaciones.
Nesta liña, Castell Ariño fomentou accións para incrementar a presenza feminina, como a mentorización de programas en escolas de primaria (Inspira STEM e Aquí STEAM); e organizou actividades no campus da UPC ao redor de datas especiais como o 11 de febreiro –Día internacional da Muller e a Nena na Ciencia–, o Día da Muller o 8 de marzo e o Girls in ICT day no mes de abril. A nivel internacional, a enxeñeira organizou o ACM-WE womENcourage 2017, congreso do que forma parte do seu comité directivo desde 2018 e actualmente preside; tamén organizou en 2018 BGCW; participou en proxectos europeos de temas de xénero como o GEECCO (Igualdade de Xénero na Enxeñaría a través da Comunicación e o Compromiso); e é asesora experta en xénero no WiPLASH (plasticidade sen fíos para arquitecturas informáticas heteroxéneas masivas). Núria é cofundadora da comisión de xénero do Colegio Oficial de Ingeniería Informática de Cataluña (COEINF) do 2018 á actualidade e forma parte do comité de expertas da comisión de xénero da Intercolegial de Colegios Profesionales de Cataluña (2021-actualidade). Tamén é cofundadora de Mujeres en Ingeniería Informática (2021- actualidade), a comisión de xénero do Consejo de Colegios en Ingeniería Informática (CCII). Desde 2018 forma parte do Steering Committee do womENcourage, organizado anualmente polo Capítulo de Mujeres de ACM en Europa (ACM-WE), onde a día de hoxe é a presidenta do seu comité. Foi embaixadora do WiDS 2022 de Stanford, celebrado en Barcelona o pasado 20 de abril. Castell Ariño recibiu varios premios por motivos diversos (calidade docente, traxectoria persoal ou tema de xénero). Os máis recentes son a mención honorífica do premio Creu Casas Mujeres para cambiar el mundo do Institut d'Estudis Catalans (IEC) en 2020; o premio UPC ao Compromiso Social no ámbito da igualdade de xénero en 2020 (individual) e en 2021 (colectivo); o premio á Personalidade Destacada de LaNit 2021, outorgado por Telecos.cat e Colexio Oficial de Enxeñaría en Informática de Cataluña (COEINF); e a Mención M. Encarna Sanahuja Yll da Generalitat en 2021 polo proxecto de inclusión na práctica docente da perspectiva de xénero.
Karina Gibert Oliveras, natural de Figueres (Girona), é catedrática en Intelixencia Artificial e Ciencia de Datos da Universidade Politécnica de Cataluña-BarcelonaTech (UPC). É licenciada e co doutoramento en Informática coas especialidades de Estatística Computacional e Intelixencia Artificial (IA), sendo cofundadora e directora desde febreiro de 2021 do centro de Investigación en Intelligent Data Science and Artificial Intelligence (IDEAI-UPC). Actualmente, tamén é a vicedecana de presidencia para Igualdade e Ética do Colexio Oficial de Enxeñaría Informática de Cataluña (COEINF), e anteriormente foi vicedecana de Big Data, Data Science e IA do COEINF.
É experta da Estrategia Catalana de IA (Catalonia.AI) desde 2018. É membro do Consello Asesor do Observatorio de Ética na Inteligencia Artificial de Cataluña desde 2020, da Axencia da Transparencia da Área Metropolitana de Barcelona desde 2021, e do comité de ética de CIDAI, ademais de asesora da Comisión Europea en ética da Intelixencia Artificial desde 2019, experta do Senado en Intelixencia Artificial e Ética en 2021, e directora do proxecto ciutadanIA.cat, un curso de divulgación sobre IA para toda a cidadanía. A maiores, Karina Gibert é membro do comité de ética dos datos do departamento de Presidencia da Generalitat de Cataluña.
En temas de xénero, é fundadora da Comisión donesCOEINF para a brecha de xénero en Enxeñaría Informática desde 2018, membros da donesIAcat da Asociación Catalana de Inteligencia Artificial (ACIA) desde 2019, y desde 2021 de Mujeres en Ingeniería Informática do Consejo de Colegios de Ingeniería Informática de España (CCII), e doutras comisións de xénero. Neste 2022 é embaixadora da Iniciativa Mujeres en la Ciencia de Datos (WiDS-Barcelona 2022 de Stanford), posto que tamén ocupou en 2021. É editora da revista Environmental Modeling and Software do JCR, Elsevier, membro electo do board da Int'l Environmental Modelling and Software Society (iEMS), membro do Comité Computational Statistics and Data Mining for Knowledge Discovery da Asociación Internacional de Computación Estatística (IASC), e foi consultora do departamento de Saúde Mental da OMS para a conceptualización de sistemas de Saúde Mental en países LAMIC. Foi a investigadora principal no proxecto INSESS-COVID19 para descubrir o impacto da COViD-19 na vulnerabilidade social (finalista aos Premios Europeos en Servizos Sociais en 2021). Moi activa en investigación e produción científica, con máis de trinta anos de experiencia no uso social da tecnoloxía en ámbitos como saúde, benestar, medio ambiente e sostibilidade, publicou máis de 450 publicacións científicas, 44 en JCR, 25 en QI. Liderou tamén o desenvolvemento da plataforma tecnolóxica critvirtual.com en favor das mulleres afganas.
En canto aos recoñecementos, Karina Gibert recibiu unha mención de honra no Premio Creu Casas nas edicións de 2021 e 2022; o premio Mulleres Para Cambiar o Mundo do Institut d'Estudis Catalans; o Premio donaTIC 2018 na categoría académica/investigadora; o primeiro premio HackingBullipedia 2013, relacionado co famoso chef Ferrán Adrià, co proxecto GENESIS Soporte de decisións intelixentes para a creatividade a través da análise evolutiva; e o Premio ao mellor proxecto europeo de e-Health da UE ao proxecto K4Care en 2010 polos altos estándares de calidade alcanzados. Tamén foi finalista dos European Social Services Awards 2021 polo proxecto INSESS-COVID19 e dos Premios AMETIC 2021 polo proxecto Top Secret Rosies de xeración de talento feminino.
A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, inaugurou hoxe o curso monográfico A intelixencia artificial na Administración, que reunirá durante dous días en Santiago a destacados xuristas, investigadores e empregados públicos para analizar a implantación dos sistema de IA no ámbito público.
Na inauguración, Sonia Rodríguez-Campos estivo acompañada polo director do curso, o catedrático de Dereito Mercantil da Universidade Complutense de Madrid e avogado, Carlos Lema Devesa, e o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Pablo de Olavide de Sevilla, Eduardo Gamero Casado.
A directora do organismo fixo especial fincapé na transcendencia da IA, que permitirá axilizar os procesos da Administración pública e mellorar a calidade na prestación dos servizos públicos. “A intelixencia artificial está chamada a transformar a Administración tal e como a coñecemos”. E engadiu que “temos a oportunidade de implantar novos sistemas que melloren a vida da cidadanía, que impulsen a nosa competitividade e permitan unha rápida recuperación trala pandemia”, afirmou.
Ademais, a directora da Escola destacou a importancia da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2021-2030, a cal prevé que esta tecnoloxía mellorará o modelo de relación das administracións cos cidadás e permitirá convertir o gran volume de datos que manexa o sector público nun activo para optimar os servizos públicos prestados e mellorar a fiabilidade na toma de decisións.
Por último, Sonia Rodríguez-Campos sinalou que o uso da intelixencia artificial tamén supón riscos significativos, que poderían ser incompatibles cos dereitos fundamentais dos cidadáns. “Refírome á opacidade, aos riscos na toma de decisións, á imprevisibilidade ou ao comportamento parcial dos sistemas”. Neste sentido, lembrou que se está a tramitar unha proposta da Comisión Europea de Regulamento sobre IA, que prevé o establecemento dun marco xurídico sólido e flexible.
Trala súa intervención, o curso contou coa participación dos catedráticos de Dereito Administrativo da Universidade Pablo de Olavide de Sevilla, Eduardo Gamero Casado, e da Universidade de Oviedo, Alejandro Huergo Lora.
Xa pola tarde, o profesor de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo, Pablo Fernández Carballo-Calero, tratará no seu relatorio sobre a relación entre a intelixencia artificial e o dereito á propiedade intelectual, e a interventora do Concello de Chiclana (Cádiz), Eva María Mota Sánchez, expoñerá as claves da intelixencia artificial e o control da Administración local: auditoría algorítmica.
Programa do venres 10
A segunda xornada do curso arrincará o venres coa intervención do catedrático de Dereito Mercantil da Universidade Complutense, Carlos Lama Devesa, e a investigadora da Universidade de Vigo, Sara Louredo Casado, que falarán da intelixencia artificial e o dereito de propiedade industrial.
A continuación, o catedrático de Ciencia Política e da Administración da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona, Carles Ramió Matas, participará co relatorio sobre a intelixencia artificial na Administración Pública.
O ex-presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Becarría, clausurará o curso ás 13.00 h. cunha intervención sobre a intelixencia artificial, o Dereito e a Administración.
A Xunta analizará a aplicación da Intelixencia artificial na Administración pública nunha xornada monográfica que reunirá durante dous días na sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a destacados xuristas, investigadores e empregados públicos. A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos inaugurará o xoves 9 o curso monográfico, que será clausurado o venres 10 polo ex-presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría.
A intelixencia artificial na Administración afondará nas vantaxes da aplicación da intelixencia artificial nas Administracións públicas, para lograr unha maior eficiencia, eficacia e axilidade na súa xestión. A implantación dos sistemas de IA no ámbito público, facéndoos compatibles co respecto aos dereitos fundamentais dos cidadáns ou a seguridade na aplicación das novas tecnoloxías serán outros asuntos que se abordarán.
Estudiarase tamén a proposta da Comisión Europea de Regulamento da IA, que prevé o establecemento dunha normativa sólida e flexible na UE, que permita facer compatible a rápida evolución da tecnoloxía coa xestión de riscos, sen prexudicar a innovación ou incrementar os custes da introdución de solucións de intelixencia artificial no mercado.
Programa do xoves 9
Tras o acto inaugural, que se celebrará ás 12.00 h., intervirá o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Pablo de Olavide de Sevilla, Eduardo Gamero Casado, que falará sobre o marco xurídico da intelixencia artificial como soporte á toma de decisións do sector público. A continuación, o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Oviedo, Alejandro Huergo Lora falará sobre o control e a impugnación das decisións administrativas baseadas na intelixencia artificial.
Xa pola tarde, o profesor de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo, Pablo Fernández Carballo-Calero, abordará a relación entre a intelixencia artificial e o dereito á propiedade intelectual, e a interventora do Concello de Chiclana (Cádiz), Eva María Mota Sánchez, expoñerá as claves da intelixencia artificial e o control da Administración local: auditoría algorítmica.
No mes de maio, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense acolleu a primeira edición de MakerCamp, unha iniciativa organizada no marco do proxecto Interreg Emprende Makers que permite a 25 rapazas e rapaces achegarse dun xeito lúdico e práctico á programación, deseño e impresión 3D, videoxogos e robótica. A idea é fomentar que este colectivo, ademais de consumidores de tecnoloxía, sexan no futuro creadores dela.
A actividade está organizada polo Concello de Ourense, a través da área de Formación Ocupacional, Desenvolvemento Local e Promoción Económica, líder do proxecto Emprende Makers, e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus, membro tamén do proxecto. Emprende Makers, explica Francisco Javier Rodríguez, director da ESEI, “busca fomentar o emprendemento en adultos pero tamén que as novas xeracións se acheguen a este mundo de oportunidades tecnolóxicas”. As rapazas e rapaces, apunta, xa son nativos dixitais e elementos como tabletas e robots forman parte do seu ocio. “O que queremos é que se acheguen tamén á programación desde pequenos”, afirma o reponsable académico. De feito, arredor da metade das e dos participantes neste primeiro campamento son nenas, facendo fincapé Francisco Javier Rodríguez na importancia de rachar a fenda de xénero no eido TIC. No MakerCamp rapazas e rapaces de entre 8 e 11 anos levan a cabo actividades baseadas na experimentación e no descubrimento relacionadas co mundo maker e as novas tecnoloxías: constrúen, programan e controlan robots pensados para o ámbito educativo; deseñan e imprimen as súas primeiras creacións en 3D; mergúllanse en mundos de Realidade Virtual e aprenden a programar os seus primeiros videoxogos con linguaxes básicas visuais. “Ademais de pór aos nenos e nenas en contacto con estas tecnoloxías, o obxectivo destes talleres é fomentar neles a visión de inventores, de creadores, non só de consumidores de tecnoloxía”, sinala Pablo Novoa, docente da actividade. Nunha “contorna superestimulante” para elas e eles, engade, “teñen a percepción de que están xogando cando en realidade están aprendendo a programar, pensamento computacional e, segundo a idade, conceptos de electrónica, realidade virtual ou impresión 3D”. Ademais desta edición, a iniciativa volverá a repetirse o 27, 28 e 29 de xuño e o 30 de xuño, 1 e 2 de xullo, contando cunha media de 25 participantes en cada campamento.
O proxecto Emprende Makers foi aprobado na segunda convocatoria do programa Interreg V A España-Portugal (Poctep) 2014-2020 e está co-financiado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Liderado polo Concello de Ourense, ten como entidades beneficiarias, na parte galega, á Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, á Deputación de Ourense e á Universidade de Vigo, e por parte lusa ás cámaras municipais de Paredes de Coura, Melgaço e Vila Nova de Famalicão e á Universidade do Minho.
O Hipersector TIC galego, integrado polo sector TIC e o sector de contidos pechou o ano 2021 con 25.930 traballadores, o que supón un incremento do 6,3% no último ano, o maior aumento desde 2016 e pon de manifesto a fortaleza e capacidade tractora do sector. Son datos recollidos no estudo “Galicia dixital. O Hipersector TiC en Galicia”, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Por sectores, o tecnolóxico conta con 20.740 traballadores, aumentando nun 7,2% no último ano. Pola súa banda, o sector contidos crece tamén (2,8%) recuperando parte do que perdera en períodos anteriores e sitúase nos 5.190 traballadores.
O Hipersector TIC aumenta o seu peso na economía galega
O valor engadido bruto (VEB) do Hipersector TIC galego aumentou un 10,5% no último ano e supera os 1.950 millóns de euros.
É preciso salientar que este incremento produciuse tanto no sector TIC como no sector Contidos. O VEB do sector TIC supera os 1.700 millóns de euros, cun crecemento do 11% no último ano. No caso do sector Contidos supera os 246 millóns de euros, cun incremento do 7,2%
A demografía empresarial é outra manifestación do fortalecemento do Hipersector TIC. Ao final do ano 2020, Galicia contaba cun total de 3.919 empresas que desenvolvían actividades no Hipersector TIC, consolidándose así, no quinto lugar do ranking nacional, cun crecemento do 2,3% no último ano.
Durante o 2020 prodúcese un incremento no número de empresas do Hipersector TIC en todas as provincias sendo A Coruña e Pontevedra as que concentran a maior parte.
Exportacións
O Hipersector TIC exportou máis de 88 millóns de euros no ano 2020. Máis da metade (53,4%) das exportacións proceden do subsector “Fabricación de equipos de telecomunicacións”. No sector contidos, as exportacións por valor de máis de 8 millóns de euros, experimentaron un crecemento do 37,1%.
Ás importacións aumentaron nun 8,1%, con respecto aos datos do ano pasado, acadando case os 147 millóns de euros. No plano das importacións o 69,5% corresponden a “Fabricación de produtos electrónicos de consumo” e a “Fabricación de Equipos de Telecomunicacións”.
Distribución territorial do emprego e evolución da fenda de xénero
A nivel laboral destacan A Coruña e Pontevedra como as provincias que concentran unha gran parte do emprego xerado polo Hipersector TIC, cunha porcentaxe total do 87,9% de traballadores. Atendendo unicamente ao sector TIC, o incremento do emprego en ambas provincias aproxímase ao 10%. No sector contidos hai un incremento xeneralizado do emprego nas 4 provincias galegas.
Por primeira vez desde 2016, o emprego feminino destaca cun forte crecemento do 6,9% por riba do masculino. Non obstante, as mulleres só representan un terzo do emprego do Hipersector TIC.
A innovación e a I+D no tecido empresarial galego
Os últimos datos recollidos na enquisa de innovación e I+D do INE mostran que 1.587 empresas galegas de 10 ou máis empregados realizaron algunha actividade innovadora no período 2018-2020, que representan o 22,5% das empresas galegas de 10 ou máis empregados. O número de traballadores en I+D a xornada completa en Galicia sitúase preto das 10.800 persoas.
O 8,4% das entidades galegas de 10 ou máis empregados compraron nova tecnoloxía, esta porcentaxe supera o valor estatal (7,2%). Galicia consolídase como a sexta Comunidade Autónoma en número de empresas con actividades innovadoras.
A pesar dos datos comentados, existen diversos factores que dificultan a innovación das empresas, entre os que destacan a existencia doutras prioridades na propia empresa (46,2%) e a consideración do elevado custo (24,3%).
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal.