main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

03/06/202207:47
Robot Santi.
Vigo

5G solidario capaz de lograr un Camiño de Santiago moito máis accesible

  • Un robot permite que persoas con mobilidade reducida ‘tele-camiñen’ ata Compostela

Chámase Santi e será os ollos e as pernas de Elisa, unha persoa con mobilidade reducida que, grazas a este robot, terá a posibilidade de completar o Camiño de Santiago ‘tele-camiñando’, gozando do que el vexa ao seu paso por terras galegas e sendo unha peregrina máis. O Grupo de Tecnoloxías da Información do centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo é unha das entidades colaboradoras nunha iniciativa solidaria posta en marcha pola empresa Cisco na que máis de 400 empregadas e empregados da firma, procedentes de 21 países, completarán o último tramo do camiño recadando fondos para a Asociación Española contra o Cancro, AECC, e outras entidades e dixitalizando rutas para que sexan máis accesibles e sostibles.

“Santi é a nosa achega a este proxecto solidario. É un robot que se pode controlar sobre 5G, de forma que unha persoa con problemas de mobilidade ‘camiñe remotamente’ cos seus compañeiros e compañeiras”, explica Felipe Gil, profesor na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador do grupo GTI. Grazas a Santi, Elisa vai ter a oportunidade de entrar na praza do Obradoiro ‘tele-camiñando’ cos seus compañeiros de Cisco. “Ely non se pode desprazar desde Italia a facer o camiño, polo que se conectará a través da plataforma Webex de Cisco e desde ela verá o que ve o robot e poderao controlar, todo a través dunha conexión 5G ofrecida por Telefónica”, explica Gil.

Demostración en directo o 10 de xuño desde a praza do Obradoiro

Os empregados de Cisco España e outros 20 países máis camiñarán desde diversos puntos de saída ata Santiago de Compostela, completando as últimas etapas do camiño francés ou portugués do 6 ao 10 de xuño, cando terá lugar unha demostración en directo do funcionamento do sistema desde a praza do Obradoiro. A innovación tecnolóxica chegará nesta última etapa da man de Santi. Cando os camiñantes cheguen a Santiago, o venres 10, farano acompañados por este robot, modelo Go1 da empresa Unitree, equipado con cámaras de visión 360 e que está conectado á rede 5G de Telefónica, dotada cun grande ancho de banda de subida e un tempo de resposta inmediato, capacidades esenciais para habilitar o telecontrol baseado na tecnoloxía de Cisco, a Universidade de Vigo e Makenai.

Contribución viguesa ao proxecto

Desde o Grupo de Tecnoloxía da Información de atlanTTic encargáronse da parte técnica de integrar un robot cuadrúpede –bautizado como Santi porque el será os ollos e as pernas para camiñar ata Santiago- co sistema de videoconferencia de Cisco. “O obxectivo era conseguir que a persoa que non pode completar o camiño porque ten problemas de mobilidade poida ver o que ve o robot e controlalo remotamente e, para logralo, empregamos o sistema Webex, ao que lle engadimos unha especie de mando que permite controlar o robot”, explica Gil, ao que engade que tamén tiveron que desenvolver un software específico que permite tanto o envío de vídeo como o control remoto, “así como facer a integración de Webex”.

Exemplo de “utilidade inmediata” do traballo en laboratorio

Esta non é a primeira vez que o grupo GTI participa nunha iniciativa de corte social relacionada co Camiño de Santiago, fixérano xa con  PictoXacobeo, unha aplicación para Android deseñada especificamente para facilitar a interacción dos peregrinos con necesidades comunicativas especiais (trastornos da fala, comprensión lectora e escritora, dificultades da linguaxe, etc.), pero é a primeira vez que se unen a esta iniciativa de Cisco, na que estes 400 camiñantes aproveitarán os seus pasos e pedaladas para dixitalizar rutas e facelas máis accesibles ao tempo que se recadan fondos contra o cancro.

“As diferentes iniciativas solidarias nas que colaboramos son unha forma de conseguir que o traballo que realizamos no laboratorio teña unha utilidade inmediata”, apunta Felipe Gil, quen se refire a este caso concreto como “un pequeno gran de area nunha iniciativa que, por un lado, busca mellorar a accesibilidade do Camiño, e polo outro, a concienciación e a recadación de fondos contra o cancro”.

02/06/202218:03
Mans tecleando en dous portátiles.
Santiago de Compostela

Rueda salienta o avance no desenvolvemento do Polo de Tecnoloxías Cuánticas a través da colaboración co Cesga e as tres universidades

  • Contará con 9,6 millóns de euros para impulsar a mellora da confidencialidade e a seguridade das comunicacións, un reto compartido con Madrid, Cataluña, País Vasco, Castela e León e o CSIC
  • O Polo de Tecnoloxías Cuánticas, que aspira a situar Galicia como referente neste campo en 2030, suma investimentos por valor de máis de 30 M€ coas premisas de impulsar a tecnoloxía europea e o negocio internacional
  • A Xunta agarda que o Goberno central conceda fondos europeos Next Generation a esta iniciativa e así elevar a mobilización público-privada ata os 154M €

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello da Xunta acordou hoxe autorizar a subscrición dos convenios entre a Axencia Galega da Innovación (Gain), o Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (Cesga) e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para poñer en marcha o programa de comunicación cuántica e, deste xeito, seguir avanzando no Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia.

Cun orzamento de 9,6 millóns de euros -dos que 6,2 proceden do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e 3,4 de fondos propios-, o obxectivo é mellorar a confidencialidade e seguridade das comunicacións a través de sete liñas de traballo. En concreto, Galicia colaborará con Madrid, Cataluña, País Vasco, Castela e León e o CSIC, para “deseñar xuntos unha rede de comunicación de alta seguridade e novos sistemas e protocolos de comunicación que nun futuro crearán a internet cuántica”, salientou Rueda.

Así, segundo explicou o presidente da Xunta, entre as actuacións previstas destaca “a creación dun enlace de comunicacións cuánticas por fibra óptica entre a Universidade de Vigo e o Cesga”, en Santiago de Compostela, o que permitirá establecer comunicacións plenamente seguras entre ambas as dúas institucións. Tamén servirá para demostrar as posibilidades da tecnoloxía ás empresas e como banco de probas.

Por outra parte, desenvolverase unha estación óptica en Vigo para realizar comunicacións cuánticas vía satélite. Ademais, en colaboración co Polo Aeroespacial de Galicia, desenvolveranse sistemas para enlaces de comunicacións cuánticas con vehículos aéreos non tripulados.

Galicia traballa para desenvolver un Polo de Tecnoloxías Cuánticas que ten como obxectivo situar Galicia nun referente neste campo no 2030 coas premisas de impulsar a tecnoloxía europea -para garantir a soberanía tecnolóxica de Europa- e o negocio internacional que favorecerá a súa sustentabilidade económica a medio prazo. Preténdese mellorar o coñecemento, o avance da tecnoloxía e a consolidación económica apoiándose no mundo académico, nos centros de I+D+i e no tecido empresarial .

Enmarcado na nova Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia, aspira a contar con 154M € de investimento público-privado, para o que será necesario contar con fondos europeos NextGeneration, tendo en conta que se trata dun dos proxectos prioritarios para Galicia que foi trasladado ao Goberno central.

Actualmente, entre outras iniciativas, o Polo de Tecnoloxías Cuánticas ten comprometidos 30 millóns de euros. Aos convenios anunciados hoxe, súmanse 15 millóns de euros do acordo da Xunta de Galicia co Cesga para o despregamento dunha infraestrutura baseada en tecnoloxías cuánticas da información que impulse a investigación e experimentación en Galicia; os programas Quantum (500.000 euros), talentQ de formación (1,5M €) e NESAQ (280.000 euros); así como os investimentos no supercomputador Finisterrae III, apoiado polo Goberno galego e o CSIC.

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación aposta polas tecnoloxías cuánticas como elemento tecnolóxico disruptivo que permitirá posicionar o ecosistema galego de I+D na vangarda e acelerar o desenvolvemento económico e a recuperación. As tecnoloxías cuánticas teñen innumerables aplicacións en sectores vitais para Galicia como a medicina, o ambiente, a biotecnoloxía, a aeronáutica, a automoción, a loxística ou as telecomunicacións, entre outras. Agárdase que o seu impacto sexa maior que o logrado pola computación clásica no último século.

02/06/202217:58
Participantes na Maker Faire 2022.
Santiago de Compostela

A Xunta destaca que Maker Faire Galicia demostra que é o talento o que fai posible a innovación

  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na entrega de premios desta iniciativa que se celebra na Cidade da Cultura e que inclúe máis de 60 proxectos e máis de 80 charlas e talleres, tanto en liña como en formato presencial
  • Apunta a necesidade de apostar polo capital humano e polo coñecemento, e neste ámbito Galicia prevé mobilizar 220 millóns de euros nos vindeiros dous anos para programas de impulso ao talento

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe na entrega de premios de Maker Faire Galicia, que se celebra na Cidade da Cultura e que inclúe máis de 60 proxectos, arredor de 200 creadores e máis de 80 charlas e talleres, tanto en liña como en formato presencial.

Na súa intervención, Conde destacou que esta iniciativa demostra que é o talento o que fai posible a innovación, e iso implica unha aposta polo capital humano e polo coñecemento. A este respecto, Galicia prevé, no marco da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), mobilizar 220 millóns de euros nos vindeiros dous anos para programas de impulso ao talento.

O primeiro premio da xornada dedicada á industria na Maker Faire Galicia correspondeu ao proxecto Agrodomo Intelixente, que se basea na construción dun domo que permite cultivar hortalizas de forma autónoma e independente. O proxecto foi liderado polos aprendices e instrutores dos semilleiros de investigación do SENA, Centro de Deseño Tecnolóxico Industrial de Valle del Cauca (Colombia).

02/06/202214:19
Cartel da iniciativa.
Rianxo

O Concello de Rianxo achega un obradoiro de apoderamento dixital para as mulleres

O Concello de Rianxo vai organizar este mes de xuño unha actividade formativa que pon o foco nas mulleres e que asume o desafío de derrubar os muros de inclusión dixital que separan a algúns sectores da poboación feminina das vantaxes e posibilidades (persoais, profesionais, empresariais, de autonomía e de apoderamento) das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC. O obradoiro formativo Cara a independencia dixital celebrase do 13 ao 22 de xuño no Auditorio Municipal en horario de 10:00 a 12:30h.

O Concello explicou que as prazas (limitadas) asignaranse por orde de inscrición (a través dos teléfonos 981 972 731 604 024 012 e do correo igualdade@concelloderianxo.gal) e que é preciso dispoñer de conta de correo electrónico e teléfono intelixente. O curso vén da man da Concellaría de Benestar Social, Igualdade e Diversidade de Rianxo. 

Os contidos que se desenvolverán son os seguintes: 

  1. Como me preparo para facer trámites de xeito dixital. 
  2. Que é un certificado dixital e outros sistemas de acceso á sede electrónica. 
  3. Trámites coa Seguridade Social e SEPE. 
  4. Trámites coa Xunta de Galicia (sede electrónica) 
  5. Trámites co Concello de Rianxo 
  6. Trámites coa Axencia Tributaria 
  7. Redes sociais e seguridade.
30/05/202217:37
Inauguración do Foro APD de Tecnoloxía e Negocio.
Santiago de Compostela

Mar Pereira sinala que a tecnoloxía debe estar presente na estratexia empresarial para poder competir no mercado dixital

  • A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participou hoxe no I Foro APD de Tecnoloxía e Negocio
  • A responsable autonómica sinalou que non se pode impulsar a tecnoloxía sen estratexia nin desenvolver unha estratexia sen tecnoloxía

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia recalcou hoxe a importancia de integrar a tecnoloxía na estratexia empresarial e nas organizacións así como a implicación da dirección no seu impulso, xa que é desde onde se produce o cambio que ten como panca a dixitalización. Mar Pereira participou esta mañá en Santiago na inauguración do Foro APD de Tecnoloxía e Negocio, no que se abordaron os retos das organizacións e a súa adaptación á tecnoloxía do dato, a Intelixencia Artificial ou o Blockchain.

A responsable da axencia autonómica recordou que España conta con más de 20.000 millóns de euros dos Fondos Europeos Next Generation e que seu departamento está a executar 37 proxectos por importe de 200 millóns de euros destes fondos. Neste sentido Mar Pereira lembrou que Galicia conta con tres estratexias no ámbito da dixitalización, a Estratexia Galicia Dixital 2030 que mobilizará 4.000 millóns de euros; a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, que mobilizará máis de 330 millóns de euros públicos da Xunta de Galicia no período 2021-2030; e o Marco Galego de Competencias Dixitais que ten como obxectivo que o 70% dos galegos teñan competencias dixitais básicas no 2025.

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica destacou a importancia de coordinar a xestión dos fondos desde a cooperación entre administracións e co sector privado para configurar un contexto rexional dixital no que impulsemos a conectividade, a ciberseguridade, as competencias dixitais e a especialización tecnolóxica. En canto ao tecido empresarial sinalou que son fundamentais as axudas e o acompañamento para que as empresas adopten tecnoloxías de alto impacto como a Intelixencia Artificial, a tecnoloxía do dato ou o Blockchain.

Finalmente, Mar Pereira sinalou que é preciso perder o medo a competir nun mercado dixital e que para iso é chave contar cunha estratexia, a implicación da dirección, a capacitación do empregado e axudas para especialización en tecnoloxía.

 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS