
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Balidea presentou este xoves 16 de maio na súa sede de Santiago os detalles dun dos grandes proxectos tecnolóxicos galegos deste ano, arredor do que xuntaron forzas a dita empresa TIC de Compostela e máis a francesa Axym. Trátase do desenvolvemento dun asistente virtual robotizado para mellorar a atención sociosanitaria das persoas maiores e que se poderá implementar a través de móbil, tableta ou robot. “Esta iniciativa”, explicaron nas xornadas de arrinque do proxecto, nas que participaron todos os socios, “propón unha solución a un dos grandes desafíos das vindeiras décadas: o avellentamento da poboación, co consecuente medre das súas necesidades en materia de coidados e atención, así como o aumento das doenzas crónicas, da dependencia e da soidade”. O proxecto dispón do selo europeo para o financiamento a través do Programa Eurostars e enmárcase na chamada Medicina KM 0.
GiDi
Co desenvolvemento do robot asistencial que propoñen estas dúas compañías, bautizado como GiDi, búscase atopar solucións que melloren a eficiencia na prestación de servizos sanitarios tendo en conta a dimensión social na prestación do servizo. Segundo salientou Balidea, o proxecto encádrase nun dos grandes piares da súa actividade: traballar para as persoas, e facelo empregando Intelixencia Artificial (IA) e tecnoloxías da linguaxe de comunicación por voz, neste caso para facer un seguimento continuo dos pacientes desde as súas casas. “Grazas á posibilidade de dar asistencia simultánea a través de GiDi, as capacidades dos sistemas de atención sanitarias vense melloradas, sen esquecer que se incrementa e mellora tamén a atención personalizada”. O proxecto dispón do selo europeo para o financiamento a través do Programa Eurostars.
Nova estratexia para o coidado da saúde das persoas maiores
Balidea explicou que está a comprobarse que o incremento da poboación maior de 65 anos non vai acompañado do aumento proporcional do número de persoas coidadoras. Así, reflectiu a empresa compostelá, segundo o informe sobre o envellecemento de 2021 da Comisión Europea, prevese que a taxa de dependencia demográfica deste colectivo aumente de xeito significativo nas vindeiras décadas dentro da UE. Do 29% en 2010 pasouse ao 34% en 2019 e prevese que siga medrando ata o 59% en 2070. Isto supón pasar dunhas catro persoas en idade de traballar por cada persoa de 65 anos ou máis en 2010 a menos de dúas en 2070. “Os sistemas de saúde en Europa enfróntanse ao desafío combinado de dispoñer de recursos limitados e unha demanda crecente impulsada polo aumento de casos de enfermidades crónicas. Esta situación crea unha necesidade urxente de repensar a forma en que se prestan os servizos de saúde.
Necesítanse novas estratexias para o coidado da saúde das persoas maiores, para mellorar a eficiencia e aumentar a xeración de coñecemento a partir do proceso”, apuntou a empresa tecnolóxica, engadindo que “para abordar estes problemas, Balidea e AXYN van desenvolver GiDi, un robot de asistencia médica e social que axudará aos nosos maiores para permanecer nos seus fogares o maior tempo posible e facilitará a xestión dos servizos de atención primaria e emerxencias, evitando a súa saturación e atendendo tamén a dimensión social dos pacientes”.
Segundo informaron, este robot é “unha resposta chave ao illamento social das persoas maiores, representando un compañeiro dixital capaz de comunicarse con elas, que lles permitirá resolver dúbidas de forma autónoma ou levar a cabo consellos de forma dixital”. O sistema, de feito, será capaz de xerar avisos e alertas tanto a familiares como aos servizos médicos a través dun sistema interoperable e seguro.
Ata o próximo 1 de xullo incluído a Xunta mantén aberto o prazo para que os centros que o desexen se incorporen o próximo curso 2022-23 ao Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMBach, así como para a continuidade dos que actualmente xa participan nel, tal e como pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.
Esta iniciativa, que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades puxo en marcha por primeira vez no curso 2018-19, enmárcase na Estratexia Educación Dixital, Edudixital 2030, que contempla un conxunto de accións de impacto no ámbito educativo dirixidas ao desenvolvemento de competencias STEM a través de contidos curriculares asociados ao pensamento computacional e ás tecnoloxías inmersivas (como a realidade virtual e aumentada e a intelixencia artificial). Ademais búscase fomentar a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria e tendo en conta a perspectiva de xénero.
O STEMBach contribúe a afondar no traballo das competencias matemática e básica en ciencia e tecnoloxía mediante os elementos e os procedementos da investigación e do método científico, dun xeito rigoroso, ordenado e crítico. Facilita tamén a adquisición de competencias transversais, como a creatividade, o sentido da iniciativa e o emprendemento, a resolución de problemas, o traballo en equipo, o pensamento crítico e a cidadanía global; así como a mellora das destrezas comunicativas e expresivas, con énfase na comunicación e divulgación científica, nas competencias dixitais e na incorporación da intelixencia artificial.
Proxecto de investigación
O STEMBach ten unha duración de dous cursos académicos e pode incorporarse a el o alumnado de calquera das modalidades de Bacharelato. Os participantes desenvolverán un proxecto de investigación, no segundo curso do Bacharelato, relacionado con calquera ámbito de coñecemento das materias cursadas na etapa, que estará co-dirixido por un docente pertencente a un departamento universitario ou entidade de investigación de Galicia e do que o alumno realizará unha defensa do traballo en sesión pública.
Así mesmo, estes estudantes cursarán unha materia de afondamento relacionada co ámbito STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría ou matemáticas) extracurricular, en 1º e 2º de Bacharelato, que poderá basearse nalgunha das materias relacionadas con este ámbito ou ter un enfoque interdisciplinar, con orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais, e que terá unha carga lectiva semanal de dúas ou tres horas fóra do horario ordinario do alumnado.
Xunto a investigadores recoñecidos
A maiores, este alumnado realizará actividades complementarias de formación, organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou persoas investigadoras de recoñecida competencia, como conferencias, obradoiros ou proxectos.
Ao remate dos dous anos do proxecto, e logo da avaliación positiva tanto da materia de afondamento STEM extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, os alumnos recibirán unha credencial da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa, que tamén se fará constar no seu historial académico.
Desde que se deseñou hai catro cursos, nestes momentos está implantado nun total de 43 centros educativos (cinco deles de nova incorporación este ano) e con 658 alumnos matriculados (o 55,62 % deles mulleres).
O Concello de Ribeira presentou este 14 de xuño as novas actividades formativas que ofrece esta tempada de verán a Aula CeMIT local, todas elas co nexo común de axudar á rapazada a dixitalizarse e mellorar o seu currículo en materia tecnolóxica. A concelleira de Innovación Tecnolóxica, Juana Brión, acompañada do axente TIC, Manuel Bello, deron a coñecer estas novas accións formativas gratuítas, que ademais de celebrarse na súa sede en Cubeliños viaxarán tamén ás parroquias de Aguiño e Olveira no ánimo de seguir descentralizando por parte do Concello este tipo de actividades.
As inscricións darán comezo ás 9 da mañá de mañá mércores 15 e estarán abertas ata o 25 de xuño. Pódense formalizar na propia aula ou ben a través da páxina web da mesma.
Tocante ao programa, no mes de xullo, haberá cursos de mecanografía-Write para nenos e nenas de 8 a 15 anos e inicio ao programación con Scratch para nenos de 12 a 15. En agosto haberá cursos de informática básica (para nenos de 8 a 12) e de deseño con Canva (de 12 a 15). E no que se refire ás parroquias, os cursos que se desenvolverán en xullo e agosto serán de informática básica e internet, estando dirixidos a nenos de 8 a 12 anos. En Aguiño terán lugar na Aula Multimedia xunto á sede da Confraría, e en Olveira na Casa de Cultura de Bretal. Cómpre ter un mínimo de catro persoas para poder celebralos. Así mesmo, a concelleira e o axente TIC informaron de que tanto os martes como os xoves de verán en horario de 9 a 10 horas a Aula CeMIT permanecerá aberta para todas aquelas persoas que desexen utilizar os seus ordenadores para realizar xestións e outras tarefas.
Partiron de Portomarín o martes e hoxe Santi e Elisa chegaron xuntos á praza do Obradoiro. Santi é un robot cuadrúpede do Grupo de Tecnoloxías da Información do centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo e, nesta particular peregrinación, foi tamén os ollos e os pés de Elisa, unha empregada da empresa Cisco con mobilidade reducida que, grazas a este robot, tivo a posibilidade de realizar, desde Italia, varios tramos do Camiño de Santiago ‘tele-camiñando’, unha experiencia a que se referiu como “tremendamente satisfactoria” e da quedou “moi contenta”, tal e como lles trasladou aos enxeñeiros da UVigo implicados neste proxecto: Alberto Estévez, Rubén Pérez, Javier González Castaño e Felipe Gil.
A iniciativa formou parte dun reto solidario impulsado por Cisco na que máis de 400 empregadas e empregados da firma procedentes de 20 países, incluíndo á propia Elisa, completaron o último tramo do camiño recadando fondos para diferentes causas, entre elas, a loita contra o cancro.
Felipe Gil: “Cumpríronse todas as nosas expectativas”
Santi e Elisa percorreron xuntos dous tramos do Camiño: a saída desde Portomarín e a chegada á praza do Obradoiro, onde, seguindo as instrucións dos enxeñeiros da UVigo, non dubidou en bailar o tema Terra das Tanxugueiras. “Cumpríronse todas as nosas expectativas de funcionamento do sistema, non deu problemas nin en terreos pedregosos, nin en terra, nin tampouco en asfalto”, explica o profesor Felipe Gil, quen salientou que “as cousas foron, incluso, mellor do agardado”.
Equipado cunha cámara de visión 360, adaptada polo grupo GTI da UVigo, e conectado á rede 5G de Telefónica, que achega a velocidade e latencia necesarias para responder en tempo real, Santi puido seguir as ordes de Elisa a través de la plataforma de colaboración Cisco Webex e dunha interfaz tipo ’joystick’ deseñada especificamente por Makenai.
De cara a posibles perfeccionamentos do funcionamento de Santi, desde a UVigo intentarán seguir mellorando o sistema de visionado e tratarase tamén de que a persoa que o ten en remoto poida empregar unhas gafas de realidade virtual, “de maneira que sexa aínda máis inmersivo e se incremente tamén a sensación de realidade”.
Cento corenta persoas asistiron onte e hoxe ao curso monográfico A intelixencia artificial na Administración, celebrado na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), na que participaron importantes expertos na materia para ofrecer unha visión das oportunidades e riscos que ofrece esta nova tecnoloxía dentro do sector público e facer fincapé na súa regulación legal.
A conferencia de clausura foi impartida por José Manuel Romay Beccaría, expresidente do Consello de Estado, o cal resaltou que a innovación e o coñecemento son imprescindibles para o desenvolvemento da humanidade. Nesta liña, incidiu en que os sistemas de intelixencia artificial constitúen un motor de cambio vertixinoso, polo que o dereito ten a obriga de regular esta tecnoloxía disruptiva para garantir o respecto dos dereitos da cidadanía.
Este curso monográfico, de dez horas de duración, reuniu en Santiago de Compostela a xuristas, investigadores e empregados públicos, que debateron ao redor das diferentes vertentes que ofrece a intelixencia artificial dentro do sector público. Así, os catedráticos de Dereito Administrativo Eduardo Gamero e Alejandro Huergo abordaron o complexo marco xurídico da intelixencia artificial na toma de decisións e defenderon a supervisión humana e a auditoría como sistemas de protección dos dereitos fundamentais. Esta tese tamén foi apoiada por Eva María Mota, interventora da Administración local, que reflexionou sobre as oportunidades que ofrecen as solucións automatizadas no control das entidades locais.
Doutra banda, durante o curso, o catedrático de Dereito Mercantil Carlos Lema, o profesor Pablo Fernández e a investigadora Sara Louredo analizaron polo miúdo as consecuencias que terán os procesos automatizados sobre a creación de obras e invencións e as súas repercusións no dereito á propiedade intelectual e á propiedade industrial.
Finalmente, este monográfico, tamén incluíu o relatorio do catedrático de Ciencia Política e da Administración Carles Ramió, que definiu a irrupción da IA no sector público como unha "revolución silenciosa" e defendeu un rol activo da Administración ante esta nova realidade, con valores e ética pública.