
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar na súa web o Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia, un directorio de axentes tecnolóxicos galegos con experiencia, coñecemento e competencias dixitais.
Con esta iniciativa potenciarase o mercado TIC galego, empresas e entidades tecnolóxicas que ofertan produtos, servizos e capacidades dixitais, como as empresas do resto de sectores económicos que demandan tecnoloxías no seu proceso de transformación dixital. O mapa tamén impulsará o propio ecosistema tecnolóxico, favorecendo o coñecemento e as relacións dentro do sector, e vai constituír un escaparate tecnolóxico de Galicia de cara ao exterior.
Trátase, pois, dun ambicioso proxecto que conta con datos de máis de 250 destas empresas que xa se poden consultar no directorio e que foron recollidos grazas ao traballo de recompilación de información levado a cabo polo Clúster TIC de Galicia. En concreto, inclúense na actualidade datos de 262 entidades que deron de alta 354 produtos, 811 servizos e 63 tecnoloxías, cifras que se verán aumentadas nas novas versións do Mapa de Capacidades, que irán engadindo novas funcionalidades e melloras. Ademais, calquera empresa que o desexe pode darse de alta neste directorio, o que posibilitará a consulta dunha completa radiografía da oferta tecnolóxica existente en Galicia, especialmente nas tecnoloxías disruptivas.
O Mapa permite localizar empresas, produtos, servizos, tecnoloxías e capacidades a través dun completo buscador, no que se poden aplicar múltiples filtros, que devolve as entidades tanto en forma de lista coma xeorreferenciadas no mapa. Outra das súas vantaxes é a posibilidade de acceso desde calquera dispositivo, a través da web do GaiásTech.
O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia súmase así aos servizos que o GaiásTech ten xa en marcha para as empresas e a cidadanía co obxectivo de fomentar a transformación dixital e amosar as tecnoloxías disruptivas.
GaiásTech
O GaiásTech é unha iniciativa da Xunta de Galicia para lograr a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. Así, a través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.
A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) desenvolverá, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o Programa STEAM, que, a través dos obradoiros de verán, procura motivar e favorcer un uso creativo da tecnoloxía así como igualitario entre rapazas e rapaces, derrubando estereotipos.
As xornadas celebraranse nos meses de xullo, agosto e setembro a través de obradoiros de carácter práctico e presencial en 16 concellos de toda Galicia. Este ano a organización busca achegar a formación principalmente a mozos e mozas de municipios máis pequenos e situados no rural galego. O programa comeza o 4 de xullo en Cuntis e nesa primeira semana de xullo tamén haberá obradoiros en Tomiño e Celanova.
En cada concello faranse dúas quendas por idades, unha para a rapazada de 8-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-15 anos. A capacidade máxima por quenda será de 15 persoas nas aulas CeMIT e no centro GaiasTech da Xunta de Galicia. Os lugares definitivos e as datas de celebración dos obradoiros do Programa STEAM estarán dispoñibles na web CeMIT, desde onde se poderá reservar praza, e na web DigiTalent. Agasol apoiará a difusión da información sobre as xornadas nas súas redes sociais para animar á inscrición da rapazada.
Contido dos obradoiros
O alumnado participante tomará contacto coa tecnoloxía de forma inspiradora e creativa, con actividades como a creación de circuítos en papel, programación de videoxogos propios con scratch (unha linguaxe de programación creada polo MIT para persoas que se inician neste ámbito) ou a creación de “cómics” interactivos con makey makey (un kit de creación interactivo para experimentar, investigar e ideal para practicar nunha contorna real a programación con Scratch).
Ademais, as nenas e nenos que asistan aos obradoiros terán a posibilidade de realizar outro tipo de proxectos, máis avanzados, que requiren coñecementos e experiencia en programación e involucran o uso de diferentes sensores e actuadores, así como a elaboración de postais pop-up, libros luminosos, papiroflexia interactiva, entre outras actividades.
Empoderar ás rapazas nos eidos STEAM
Con Girl STEAM, Agasol e a Amtega buscan visibilizar roles e motivar as vocacións tecnolóxicas entre as nenas e empoderar ás rapazas para que aposten por carreiras STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas) e polas profesións do ámbito TIC.
Calendario
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, destacou hoxe que Galicia foi “un excelente campo de probas do 5G” e destacou como obxectivos que as operadoras avancen no despregamento territorial desta tecnoloxía e que os casos de uso que foron un éxito se implanten como solucións reais nos diferentes ámbitos produtivos.
Mar Pereira fixo estas manifestación no acto no que Orange presentou en Santiago de Compostela os resultados dos 13 casos de uso que desenvolveu en Galicia no marco do seu proxecto do Plan Nacional 5G. A nosa comunidade foi o escenario de dous proxectos do Plan Nacional e un proxecto propio do Plan Galicia 5G. En total, desenvolvéronse 30 probas de uso de esta tecnoloxía en aspectos como a asistencia médica en calquera lugar, a loita contra os incendios, a banca en áreas rurais, a educación, o deporte, o turismo, o agro... Estas probas implicaron un investimento de máis de 22 millóns de euros e mobilizaron cerca de 40 entidades públicas e privadas.
Este posicionamento de Galicia como rexión de referencia cara ao despregamento desta tecnoloxía fixo que Galicia acollera a primeira experiencia mundial de roaming en 5G e Vigo e A Coruña están entre as primeiras cidades de Europa en dispoñer desta tecnoloxía.
A directora da Amtega indicou que, na última década, “os resultados das políticas de transformación dixital permitiron a Galicia avanzar na converxencia coas rexións máis avanzadas de Europa”. Estes resultados permiten agora “afrontar unha nova etapa e falar do desenvolvemento en Galicia do 5G, da Intelixencia Artificial, dos servicios na nube, da robótica e a automatización de procesos...”. Os proxectos pilotos de 5G mostran a importancia de aplicar estas tecnoloxías dende unha fase temperá do seu desenvolvemento. Segundo manifestou Mar Pereira, Galicia pode facelo “ao dispoñer dun sector tecnolóxico maduro e unha sociedade cada vez máis preparada”.
O uso das tecnoloxías disruptivas, como o Internet das Cousas ou a Intelixencia Artificial, por parte das empresas de Galicia supera a media estatal, segundo destaca o informe “Galicia Dixital. Tecnoloxías disruptivas nas empresas”. Este traballo vén de ser publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Trátase do primeiro estudo que analiza e revisa a situación actual das principais tecnoloxías disruptivas no tecido empresarial galego, con especial foco no sector TIC. O obxectivo principal desta análise é identificar o grao de adopción da Intelixencia Artificial, aprendizaxe automático a través do Big Data, Chatbots, Cloud computing, etc.
Este informe está enmarcado dentro dos obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030), que inclúe entre os seus obxectivos, o impulso ás capacidades e infraestruturas dixitais en tecnoloxías disruptivas.
Intelixencia Artificial
As tendencias tecnolóxicas prevén un crecemento significativo da Intelixencia Artificial coa creación de ecosisistemas nos que, grazas aos datos compilados de dispositivos, que actúan como sensores, o mundo virtual interactúe con obxectos físicos. A súas aplicacións son múltiples: sanidade, educación, agricultura, transporte, fabricación, enerxía.
No 2021, o 7,6% das microempresas galegas utilizan Intelixencia Artificial, superando en 4 puntos porcentuais a media estatal (3,5%). No caso das empresas de 10 ou máis persoas empregadas, a porcentaxe sitúase no 10,2%, superando tamén a media estatal (8,3%).
Máis do 21% das empresas TIC galegas utiliza ou incorpora aos seus produtos ou servizos Intelixencia artificial. O 16,6% das empresas TIC emprega a realidade virtual e o 13,8% a Impresión 3D.
A avaliación destes indicadores realízase a partir dos datos da Enquisa a Empresas TIC que realiza o propio OSIMGA e dos indicadores da Enquisa sobre o uso de TIC e comercio electrónico nas empresas do INE, no marco do convenio de colaboración entre Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o Instituto Galego de Estatística (IGE) e o Instituto Nacional de Estatística (INE).
Internet das Cousas (IoT)
O Internet das Cousas (IoT) configúrase como unha tendencia tecnolóxica para acelerar o desenvolvemento e implantación de solucións que dean resposta aos novos retos da sociedade, permitindo conectar elementos físicos cotiás a Internet. Deste xeito, estes dispositivos interconectados poden ser monitorizados ou controlados a través de internet ou servir como instrumentos para recollida de información. Pode aplicarse a dispositivos comúns de control de enerxía, seguridade e mobilidade ou a elementos para atención e control da saúde, da produción, da calidade e a trazabilidade de produtos e procesos.
O 26,4% das empresas galegas de 10 ou máis persoas empregadas con sede e/ou actividade en Galicia emprega dispositivos interconectados que poden ser monitorizados ou controlados remotamente a través de Internet (o Internet das cousas). Nas microempresas o uso desta tecnoloxía acada o 9,1% e supera a media estatal (8,1%).
No caso das empresas TIC galegas, o IoT é a tecnoloxía disruptiva con máis presenza neste sector empresarial (34,2%). Entre as empresas TIC que empregan IoT, os sensores, etiquetas RFID ou IP, cámaras para a mellora do servizo (54,2%) e os medidores, lámpadas, e termóstatos intelixentes (50,2%) son os sistemas ou dispositivos máis frecuentes.
Big Data
O Big Data é outra das tecnoloxías disruptivas analizadas neste informe que está a impulsar e xerar profundos cambios sociais e económicos así como novas oportunidades e modelos de negocio.
No 2021 increméntase a porcentaxe de empresas galegas que analizan Big Data. O maior incremento rexístrase entre as empresas galegas de 10 ou máis asalariados/as, onde a análise de Big Data sitúase no 13,8%, 2,7 puntos máis que a media estatal.
Esta porcentaxe elévase ata o 22,5% entre as empresas TIC galegas. Ademais, entre as empresas TIC que utilizaron Big Data, o 34,4% utilizou o método de aprendizaxe automática ou machine learning.
Cloud Computing, Intelixencia de Negocio, Chatbots e robótica
O Cloud Computing é unha das tecnoloxías disruptivas que máis rapidamente se incorporou á xestión empresarial. No 2021 a compra de servizos de Cloud Computing aumentou nun 66,6% nas empresas de 0 a 9 persoas asalariadas, e acadou o 12,3%, o que supera a media estatal (10,2%). No caso das grandes empresas, unha de cada tres comprou este servizo e o seu crecemento foi do 8,5%.
Cabe salientar que, entre o sector TIC galego, o 28,7% utiliza ou incorpora aos seus produtos ou servizos Bussiness Inteligence e o 24,2% emprega Chatbots, experimentando este último indicador un crecemento relativo do 44,9% pasando do 16,7% que acadou no 2020 ao 24,2% no 2021. A utilización de Robótica nas empresas TIC galegas aínda é incipiente. Só o 8,8% das mesmas utiliza robots, das cales o 62,9% utiliza robots industriais.
Os resultados detallados do informe “Galicia dixital. Tecnoloxías disruptivas nas empresas de Galicia” poden ser consultados en www.osimga.gal.
As entidades adheridas ao Nodo de Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, dispoñen de novos recursos para reforzar a ciberseguridade no ámbito industrial. Así se recolle no acordo asinado esta semana entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Centro de Ciberseguridade industrial (CCI) que pon ao disposición do Nodo a súa plataforma RECIN, que facilita a incorporación de requisitos de ciberseguridade en proxectos industriais.
As entidades vinculadas ao nodo poderán empregar a plataforma do CCI en ata tres proxectos sen custe algún.
Grupo de traballo específico para o tecido empresarial
A ciberseguridade no tecido empresarial é crucial e con este acordo súmanse recursos para a liña de traballo que se desenvolve desde Ciber.gal para concienciar, previr e mellorar a ciberseguridade nas empresas galegas.
O camiño cara á dixitalización da industria xera grandes oportunidades, pero sen ir da man dunha aposta pola ciberseguridade pode xogar en contra. Así o reflicten os últimos datos oficiais que sinalan que no primeiro trimestre de 2022 rexistráronse en Galicia 6.345 estafas cometidas a través de medios telemáticos. Unha tendencia que vai á alza, xa que os delitos cometidos por esta vía nos tres primeiros meses do ano creceron un 50% respecto aos rexistrados no mesmo período en 2021.
De aí que o Nodo CIBER.gal faga fincapé na identificación, deseño e execución de iniciativas de valor para o tecido empresarial neste campo grazas á colaboración dos axentes vinculados ao seu ecosistema.
Así, en xuño de 2021 constituíuse un grupo de traballo específico nesta liña, englobando actividades destinadas a distintos perfís profesionais, sectores e tipos de empresa. Liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, tamén participan neste grupo de traballo o Incibe, a Fegamp, as catro Deputacións e conta coa colaboración dunha vintena de empresas. Este grupo realizou nos primeiros seis meses de 2022 preto dunha vintena de actividades, entre xornadas, obradoiros e relatorios tanto presenciais como online nas catro provincias galegas. Este acordo de colaboración co CCI é unha iniciativa máis do grupo de traballo para fortalecer o nivel de ciberseguridade da industria galega.
Nodo Ciber.gal
A Xunta de Galicia lidera dende a súa creación en 2020 o nodo Ciber.gal, que aglutina a preto de 40 entidades que unen as súas forzas e recursos para identificar, deseñar e executar accións en materia de ciberseguridade. Trátase da primeira estrutura de colaboración público-privada na materia en España. Ciber.gal ten como obxectivo dar resposta á cidadanía, empresas e sector público en materia de ciberseguridade así como o fomento do talento e a innovación neste eixo.
Ademais, a Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, mantén convenios de colaboración coas dúas entidades públicas encargadas de velar pola ciberseguridade en España: o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), que depende do Ministerio de Defensa; e o Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), que depende do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.
Centro de Excelencia de Ciberseguridade
Entre as medidas para impulsar a ciberseguridade en Galicia, este ano a Xunta iniciará a construción do Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia (CECIGA) que implicará un investimento para a súa posta en marcha duns 4,2 millóns de euros. O CECIGA ten como obxectivo desenvolver a ciberseguridade como motor de transformación económica e social.
Terá como misión contribuír ao fortalecemento e potenciación da seguridade na Administración pública, as empresas e a cidadanía, así como apoiar a innovación no sector produtivo mediante o logro da excelencia na investigación e o desenvolvemento de talento especializado en ciberseguridade. Potenciará, así mesmo, as relacións institucionais e a promoción do nodo Ciber.gal en España e Europa.
Na actualidade, a Xunta traballa na definición da nova Estratexia Galega de Ciberseguridade 2022-2027, que se presentará este ano e que reforzará as liñas actuais de traballo e recollerá as accións e medidas precisas para executar os compromisos de gobernanza e cumprimento normativo do novo Esquema Nacional de Seguridade.