
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Desde o pasado 6 de xullo, as aulas da Rede CeMIT acollen xornadas formativas que permiten recoñecer e previr as estafas en liña e os ciberataques. Trátase dun programa de charlas promovidas pola Amtega que, baixo o título “Vacínate contra os coronabulos: protéxete dos ciberataques”, están preferentemente orientadas ás persoas maiores, aínda que poden apuntarse persoas de todas as idades.
Estas sesións, para as que está aberta a inscrición, realizaranse de xeito presencial durante os meses de xullo, setembro e outubro nas aulas de Boiro, Brión, Abegondo, Leiro, Fisterra, Ponteareas, Cuntis, Oroso, Riotorto e Ribadeo. Todas elas teñen unha hora e media de duración en horarios de mañá ou de tarde.
Durante as xornadas faise un repaso polos mecanismos de desinformación aos que nos vemos sometidos cada día. Desde a análise dun caso real, abórdanse os obxectivos que perseguen estas falsidades, así como os mecanismos necesarios para detectalas. Repásanse tamén as principais estafas ás que nos vemos expostos no mundo en liña e danse a coñecer os mecanismos para previlas.
A primeira das sesións aberta ao público desenvolveuse o pasado 6 de xullo na aula CeMIT de Ortigueira. Tivo un grande éxito tanto de participación como de valoración por parte dos asistentes, que trasladaron o grande interese dos contidos e resaltaron o bo facer do docente á hora de trasladar exemplos para axudar á comprensión e a aclaración de dúbidas en todo momento. Esta sesión celebrouse despois da organizada en liña o pasado 30 de xuño destinada aos axentes TIC das aulas.
As persoas interesadas en seguir calquera das actividades pode facer a súa inscrición a través da web de CeMIT ou poñéndose en contacto coa aula que lle resulte de máis interese.
Calendario de actividades
Aulas participantes
Datas e horarios
Boiro
19 de xullo de 10.30 a 12:00 horas
Brión
21 de xullo de 10.00 a 11.30 horas
Abegondo
13 de setembro de 10:30 a 12:00 horas
Leiro
20 de setembro de 16.00 a 17:30 horas
Fisterra
21 de setembro de 16.30 a 18:00 horas
Ponteareas
27 de setembro de 16:00 a 17.30 horas
Cuntis
28 de setembro de 16.00 a 17:30 horas
Oroso
30 de setembro de 11:00 a 12:30 horas
Riotorto
19 de outubro de 16:00 a 17:30 horas
Ribadeo
20 de outubro de 11.00 a 12.30 horas
A Aula CeMIT do Concello de Boiro acolle unha xornada sobre ciberseguridade nomeada Vacínate contra os coronabulos. O obxectivo é axudar á cidadanía a identificar a información falsa nas redes e poder desbotala. Celebrarase o vindeiro martes 19 de xullo entre as 10.30 e as 12.00 horas. As inscricións están xa abertas.
Ademais do devandito outra das finalidades desta xornada formativa é “dar a coñecer os riscos aos que nos sometemos cando compartimos datos na Rede e tamén abordar aspectos que debemos ter en conta para protexernos cando se realizan determinados trámites en liña”. En definitiva, saber identificar os bulos en Internet e recoñecer os riscos. As prazas son limitadas e requírese inscrición previa, que se pode facer mediante o correo electrónico axentetic@boiro.org, no teléfono 981 84 26 35 ou no 629 769 139.
A Xunta de Galicia en colaboración coa empresa NTT Data Spain SLU vai poñer en marcha a primeira especialización de FP Dual de Galicia e das primeiras de España en Intelixencia Artificial e Big Data, que se impartirá o próximo curso 2022-23 no instituto IES Fernando Wirtz Suárez, na Coruña.
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e mais Sergi Biosca, CEO da compañía en España, asinaron o acordo de colaboración para a implantación deste máster dual, nun acto no que estiveron acompañados de Alberto Borrego, responsable de NTT Data en Galicia, e do director xeral de Formación Profesional, José Luis Mira.
Román Rodríguez salientou que a posta en marcha deste curso dual é “un paso adiante na oferta de FP” e responde á folla de ruta do Goberno galego de apostar por disciplinas “de alta especialización, alto valor engadido e alta empregabilidade” que son clave para o presente e o futuro da sociedade “e cada vez máis solicitadas non só polas empresas tecnolóxicas, senón polas firmas de todos os sectores”.
O conselleiro aproveitou a súa intervención para agradecer a implicación da empresa NTT Data neste proxecto, “unha compañía referente no eido das novas tecnoloxías que ten unha dimensión global con presenza en máis de 50 países e con sedes na Coruña e en Santiago”. “Grazas a empresas coma esta -engadiu- hoxe en Galicia temos unha FP dual plenamente consolidada e afincada no noso tecido produtivo”.
Pola súa banda, Sergi Biosca, CEO de NTT DATA España salientou que “a empresa está comprometida co desenvolvemento de emprego de calidade que contribúa a crear oportunidades para que todas aquelas persoas que queiran medrar profesionalmente poidan traballar aportando valor á sociedade nun marco de flexibilidade e benestar persoal. Ser pioneiros neste tipo de formación coa Xunta é un paso máis para conseguilo”.
800 empresas colaboradoras
A día de hoxe a Consellería conta coa colaboración de 800 empresas para desenvolver a modalidade de formación dual cun itinerario formativo completo que comeza na FP de grao básico e remata nos másteres de FP, estes últimos centrados en áreas de futuro como son a intelixencia artificial, o big data, a ciberseguridade, os drons ou a fabricación aditiva entre outros.
Os centros educativos galegos ofertarán o próximo curso un total de 35 másteres de FP, que suman 700 prazas (160 prazas e nove curso de especialización máis que este curso). No caso concreto da modalidade dual -con taxas de inserción laboral que superan o 96%- tamén se ve significativamente reforzada con 120 novos proxectos e un total de 1.896 prazas, unhas 460 máis.
Competencias en programación e sistemas intelixentes
O máster de FP Dual en Intelixencia artificial e big data disporá de 20 prazas e conta con 600 horas lectivas de formación curricular, 400 delas (o 67%) que se desenvolverán no centro educativo e as 200 restantes (o 33%) na empresa.
Durante a súa realización os alumnos capacitaranse en competencias como a programación e a aplicación de sistemas intelixentes que optimizan a xestión da información e a explotación de datos masivos, sempre respectando o acceso seguro así como os principios éticos e legais establecidos.
No período de formación na empresa os alumnos están dados de alta na Seguridade Social, cotizando e percibindo unha compensación económica pola actividade que realizan.
A Xunta de Galicia construirá un novo Centro de Procesamento de Datos no parque empresarial da Sionlla que garantirá a estabilidade na prestación dos servizos da administración dixital e permitirá afrontar a estratexia para o uso da tecnoloxía ‘Cloud’, segundo o informe presentado hoxe no Consello de Goberno.
A construción do edificio que albergará o novo CPD implicará un investimento de máis de 25 millóns de euros, e está previsto que estea rematado en 2025.
O novo proxecto unificará nunha mesma superficie o CPD, un centro loxístico conectado cos centros de provisión para a óptima xestión do equipamento tecnolóxico do sector público e salas para persoal técnico de administración dos sistemas e infraestruturas do CPD.
O centro loxístico terá unha superficie construída de case 900 m2.
O obxectivo do novo CPD é o de afrontar os retos derivados do aumento das tramitacións administrativas que se fan pola vía telemática, que son xa o 78% do total. A Xunta dispón actualmente dun Centro de Proceso de Datos Integral no Gaiás cunha superficie de 1.275 metros cadrados, que alberga 2.500 servidores cunha capacidade de almacenamento de 13 petabytes. A súa posta en marcha en 2012 supuxo un fito tecnolóxico na Comunidade que permitiu modernizar, racionalizar e homoxeneizar a prestación dos distintos servizos dixitais ós cidadáns.
O CPDI do Gaiás conta cun CPD de respaldo en San Caetano para permitir o mantemento de servizos críticos en caso de incidencias. Sen embargo este CPD de respaldo está ao límite da súa capacidade para albergar novos sistemas tecnolóxicos, carece de posibilidades de ampliación e a maioría das súas infraestruturas eléctricas e de climatización están próximas ao fin da súa vida útil.
O novo Centro proporcionará estabilidade á prestación dos servizos públicos e de administración dixital e evitará caídas de servizos críticos como a sanidade, a educación ou a sede electrónica.
O Centro de Datos da Sionlla será o único dunha administración pública española en cumprir coas maiores esixencias mundiais de seguridade, que certifica o Uptime Institute coa cualificación Tier-4.
As certificacións do Uptime Institute están consideradas o estándar globalmente recoñecido para a fiabilidade e o desempeño xeral dos centros de datos. Actualmente hai máis de 2.012 certificacións emitidas en 109 países, que van dende o primeiro nivel (Tier-1) ata o máis esixente (Tier-4).
No caso da Certificación Tier-4, que é a que terá o novo Data Center da Xunta, a cualificación é de “Centro de datos tolerante aos fallos”, polo que pode soportar os fallos de calquera dos seus compoñentes que inhabilite a subministración eléctrica ou de refrixeración. A dispoñibilidade é dun 99,995% e o tempo de indispoñibilidade para o mantemento ao ano é de 52,56 minutos.
O Centro de Datos da Sionlla terá un PUE (Power Usage Effectiveness) inferior a 1,23. O PUE dá unha medida da cantidade total de enerxía que necesita un centro de proceso de datos en relación coa enerxía que os equipos de TI aloxados no CPD utilizan directamente. Os sistemas de refrixeración, combinados coa enerxía necesaria para alimentar os equipos aloxados no CPD, son dous factores fundamentais que determinan, en gran parte, os custes do consumo enerxético nos centros de datos. A maioría dos centros de datos teñen valores de PUE próximos a 3.0. Coa optimización da infraestrutura, pódense alcanzar valores de ata 1.16 nos CPDs mais eficientes.
O novo edificio contará con placas solares na cuberta, o que permitirá xerar ata un 25% da potencia consumida mediante enerxía limpa, renovable e non contaminante.
O novo CPD ocupará unha superficie de máis de 8.000 metros cadrados no parque empresarial da Sionlla. Ademais de reforzar a Administración dixital, será a infraestrutura central na primeira fase da estratexia para o uso da tecnoloxía ‘Cloud’ no sector público autonómico.
Ao longo deste ano, a Xunta afrontará a posta en marcha da súa ‘Cloud’ privada, implantará un modelo de gobernanza ‘Cloud’ e un modelo de contratación de servizos de ‘Cloud’ pública. A aplicación desta tecnoloxía beneficiará á Administración cun maior aforro de custos, melloras na eficiencia da xestión das infraestruturas de tecnoloxías da información, na compartición de recursos entre os diferentes entes públicos ou na produtividade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe tras a reunión do Consello que Galicia “albergará un dos primeiros computadores cuánticos que haberá no sur de Europa” que se instalará no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e no que se investirán 13,9 millóns de euros. O obxectivo, resaltou, “é afianzar a Galicia coma un referente en tecnoloxía cuántica” cun equipamento que busca ser “un referente nacional e internacional”.
Rueda subliñou que este innovador computador estará aberto “a comunidade investigadora” como as universidades e centros tecnolóxicos e tamén estará dispoñible para sectores empresariais estratéxicos “que cada vez teñen máis necesidade” deste tipo de tecnoloxía. A través da adquisición deste novo computador cuántico, explicou, Galicia segue avanzando no seu Polo de Tecnoloxías Cuánticas, xa que se prevé licitar este contrato este mesmo mes de xullo co obxectivo de formalizalo no outono.
A adquisición ten como elemento central un computador cuántico flexible e integrado con outros elementos de computación para facer desta nova infraestrutura un referente nacional e internacional, aberto á comunidade investigadora -universidades, centros de investigación e centros tecnolóxicos- e aos sectores empresariais estratéxicos. Constará de catro elementos: un computador cuántico, un computador de altas prestacións para o desenvolvemento de software, un emulador de algoritmos cuánticos e un sistema de almacenamento onde aloxar os resultados dos novos algoritmos para a súa análise e validación. O obxectivo é que permita crear algoritmos cuánticos aplicables a necesidades tanto públicas como empresariais.
Tendo en conta que as tecnoloxías cuánticas actuarán como elemento tecnolóxico disruptivo para acelerar o desenvolvemento económico en todos os sectores, o obxectivo desta infraestrutura, en concreto, e do Polo das Tecnoloxías Cuánticas, en xeral, é posicionar a Galicia e mantela nos postos de cabeza neste ámbito. Permitirá facilitar a transición dixital e mellorar a competitividade empresarial grazas ao seu uso, así como atraer talento investigador. De feito, prevese que a computación cuántica supoña un salto tecnolóxico comparable ao que houbo coa chegada da informática.
O Polo conta cunha estimación de investimentos de máis de 150 millóns de euros e xirará arredor da excelencia científica e técnica, o emprego cualificado, a innovación e transferencia tecnolóxica e a aceptación social, ética e sustentable. Ademais, busca a participación de todos os axentes do ecosistema innovador e a coordinación de accións e, nese sentido, aspira a captar fondos europeos Next Generation.
Na actualidade xa se están executando accións que supoñen máis de 30 millóns de euros pois, xunto con esta licitación que forma parte do convenio co Cesga (15 millóns de euros), tamén se suman iniciativas como os convenios coas tres universidades (9,6M€).