
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Consello da Xunta aprobou hoxe o III Plan de Administración e Goberno Dixital 2025 para transformar a forma na que desenvolven os seus servizos apoiándose en dous elementos diferenciais, a xestión do dato e a intelixencia artificial. Cun investimento de 40 millóns de euros o plan establece a folla de ruta para deseñar uns servizos públicos centrados na cidadanía capaces de adiantarse ás súas necesidades, accesibles e confiables.
O Plan enmárcase na primeira liña estratéxica da Estratexia Galicia Dixital 2030 e integra os valores que promove a EGD para dar un paso adiante no servizo público promovendo a axilidade a través da automatización dos procesos; a inclusión, impulsando a universalización dos servizos públicos; a participación, afondando nas posibilidades da xestión intelixente do dato; a proactividade, a proximidade, a personalización dos servizos e o reforzo da seguridade para crear unha contorna confiable para a cidadanía
Identidade dixital
O plan estrutúrase en 7 liñas de traballo que comezan pola posta en marcha da identidade dixital do cidadán. Trátase de implantar unha identificación única de cada persoa que se relaciona coa administración, que inclúe tanto a simplificación da sinatura dixital como o desenvolvemento de servizos avanzados na carpeta cidadá, que cobrará especial importancia como punto no que se concentra toda a información e documentos en formato electrónico da relación da persoa coa administración.
Administración proactiva, personalizada
A segunda liña do Plan céntrase na Administración proactiva e personalizada para o que porá en marcha un modelo de atención omnicanle, especializado e proactivo para a atención co cidadán.
A aplicación da intelixencia Artificial permitirá a creación de asistentes virtuais, tanto dun primeiro nivel de atención para resolver as cuestións máis sinxelas e asistentes virtuais especializados para acompañar aos cidadáns nos ámbitos máis específicos.
Tamén se dotará as oficinas de atención á cidadanía e rexistro para que o persoal das mesmas poida prestar unha atención completa e personalizada, a posta en marcha do funcionario habilitado; facilitar o acceso aos servizos da oficina estendendo os servizos de xestión de citas e a videoatención e habilitar áreas de autoservizo.
Evolucionarase a sede electrónica creando canles especializadas e a canle Galicia Empresa para ofrecer un acompañamento especializado para a tramitación dos proxectos industriais estratéxicos e as iniciativas empresariais prioritarias.
A Xunta no móbil
Unha das iniciativas destacadas para facilitar a accesiblidade aos servizos públicos é o desenvolvemento dunha aplicación de referencia que concentrará os servizos transversais da Xunta nun só punto. A app XuntaEU resposta ao compromiso recollido na EGD 2020 de levar a Xunta no móbil.
XuntaEU permitirá xestionar desde o móbil o acceso á carpeta do cidadán, notificacións electrónicas, queixas suxestións, avisos, ou descargas de certificados persoais, entre outros moitos servizos.
Administración dixitalizada e automatizada
Na terceira liña centrada na consecución dunha administración dixitalizada e automatizada aplicaranse tecnoloxías e automatización robótica de procesos (RPA), afondarase na interoperabilidade, ampliaranse novos servizos da plataforma Pasaxe!. Tamén se avanzará na sinatura dixital en mobilidade para que os empregados públicos poidan facer uso dela desde calquera dispositivo. Ademais, nas oficinas de atención á cidadanía implantarase a sinatura manuscrita dixitalizada, que evitará a impresión e posterior dixitalización dun documento.
Administración Intelixente
A xestión do dato é un dos piares do plan, que contempla o deseño dun plan de xestión corporativa do dato para desenvolver produtos e servizos avanzados, convertendo o dato en coñecemento, aplicando tecnoloxías para a análise do que está a acontecer e facilitar a toma de decisións.
Nesta mesma liña abordarase a mellora continua dos espazos de transparencia, para o que afondará na automatización de información, a ampliación de contidos e a simplificación do acceso aos mesmos como nas canles de participación na planificación da acción pública.
Espazo dixital do emprego público
En liña co establecido na EGD2030 de evolucionar cara un modelo intelixente de posto de traballo do empregado público, crearase unha canle dixital na xestión do emprego público, estenderse o expediente dixital do persoal empregado público, revisarse o modelo de acreditación dixital e consolidarase a actual intranet como un espazo de colaboración e comunicación integrada.
Administración Accesible
A consolidación dunha administración dixital require unha utilización ampla e axeitada por parte da cidadanía. Nesta liña cobra especial importancia o desenvolvemento do Marco Galego de Competencias Dixitais ademais doutras iniciativas como facer fincapé no deseño sinxelo e comprensible dos servizos públicos por parte da cidadanía. Tamén se incidirá na difusión dos servizos públicos dispoñibles e o seu aproveitamento.
Gobernanza e coordinación
Neste plan seguen vixentes instrumentos de coordinación como a comisión de Seguridade e Goberno electrónico, na que están representadas todas as consellerías da Xunta de Galicia. Darase continuidade ao modelo de cooperación interadministrativo tanto a nivel da comunidade como coa Administración Xeral do Estado. Outro instrumento chave nesta liña é o sistema de indicadores de administración que recolle o nivel de uso dos diferentes sistemas da Administración dixital o que permite a avaliación, análise e control das actuacións que se desenvolven. Aliñado co Marco Galego de Competencias Dixitais desenvolveranse os plans de capacitación do empregado público.
O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña compartiu detalles dun proxecto no que está a colaborar e que consiste en crear un robot de baixo custe con Intelixencia Artificial para proporcionar asistencia a persoas con parálise cerebral. Trátase da plataforma LOLA, posta en marcha por un grupo de investigadores/as da Universidade de Alcalá. Este equipo visitou a semana pasada o CITIC para entregar un robot a ASPACE Coruña.
A plataforma desenvolveuse no marco do proxecto AIR4DP (Artificial Intelligence and Robotic Assistive Technology devices for Disabled People), no que colabora o CITIC xunto co grupo GRAM da Universidade de Alcalá e o grupo TAIS da Universidade de Sevilla.
Na dita visita o persoal investigador do grupo GRAM entregou o robot asistencial LOLA a ASPACE Coruña e ofreceu unha formación sobre a súa utilización tanto ao equipo de profesionais de ASPACE como ao do CITIC. Ademais, xunto co investigador Manuel Lagos, o equipo de investigación tivo oportunidade de coñecer as instalacións do CITIC e visitar o Demostrador Tecnolóxico, onde coñeceron varios proxectos de investigación desenvolvidos no centro. Durante estes primeiros días do mes de xullo darán comezo as sesións de intervención con LOLA cun grupo de usuarios/as de ASPACE Coruña, e o CITIC encargarase da avaliación da plataforma robótica como tecnoloxía de apoio na vida de persoas con diversidade funcional.
Máis detalles da plataforma
AIR4DP presenta un proxecto multidisciplinar e investigación transfronteiriza, onde o principal obxectivo consiste no desenvolvemento de solucións robóticas novas baseadas en IA e Visión Artificial con capacidades avanzadas de mobilidade e de interacción humano-robot, elementos destinados a “mellorar a independencia e estimulación de persoas con discapacidade”. O proxecto está dividido en tres subproxectos, un dos cales é MATCH, que ten a finalidade de obter a mellor evidencia sobre o impacto da tecnoloxía asistencial baseada en IA na vida das persoas con diversidade funcional, no cal está implicado o CITIC.
O Concello de Porto do Son, a través da súa Aula CeMIT (pertencente aos Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica impulsados pola axencia autonómica AMTEGA), vai poñer o foco na formación tecnolóxico-dixital durante esta tempada de vacacións. Farao a través dun novo programa de actividades (Informática no verán) para nenos e adultos en todas as parroquias do concello.
Ou sexa, nas parroquias de Porto do Son, Portosín, San Pedro de Muro, Miñortos, Xuño, Goiáns, Caamaño, Nebra, Ribasieira, Noal, Queiruga e Baroña. As persoas que precisen máis información ou formalizar as súas inscricións deberán chamar ao teléfono da Aula CeMIT, o 699 484 053.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, inaugurou hoxe o acto de constitución do Nodo galicIA, a primeira estrutura de colaboración transfronteiriza para o desenvolvemento da Intelixencia Artificial na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
O obxectivo do Nodo presentado hoxe é concentrar a todos os axentes públicos e privados relacionados con esta tecnoloxía e establecer as bases dunha Intelixencia Artificial ética e fiable para Galicia. Terá tamén como obxectivo situar á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como un referente no ecosistema europeo e internacional de Intelixencia Artificial e actuar como un xerador de iniciativas e servizos innovadores desde unha perspectiva ética.
Ao longo da presentación realizada pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, explicáronse os obxectivos deste nodo, así como as principais liñas de actuación. Así, dentro das primeiras actividades acordadas, o Nodo promoverá a presentación dunha candidatura de unidade para que Galicia acolla a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial.
Esta estrutura de colaboración será tamén a encargada de aprobar o marco ético que están a elaborar a Xunta e as tres universidades públicas. Galicia é a primeira Comunidade española en afrontar o desafío de analizar o impacto ético da aplicación das tecnoloxías de IA no seu territorio e este traballo permitirá facer os cambios necesarios para adaptar a lexislación galega a esta nova realidade.
Por outra banda, o Nodo será o encargado de constituír o Comité de Expertos en Intelixencia Artificial, que proporcionará asesoramento e recomendacións independentes sobre as medidas a levar a cabo para garantir un uso ético destas tecnoloxías. Así mesmo, será o encargado de definir o Comité de Avaliación de Iniciativas de GovTech, para a aplicación da Intelixencia Artificial no sector público.
O convenio para a constitución do Nodo foi asinado polo vicepresidente primeiro, Francisco Conde, e polos conselleiros de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; e Sanidade, Julio García Comesaña; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa e polo director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT), Nuno Almeida.
Na súa intervención, o vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, subliñou que esta iniciativa permitirá universalizar o uso da intelixencia artificial no ámbito sanitario, económico e dos servizos públicos. Así mesmo, engadiu que contribuirá a dar a prioridade necesaria a proxectos que aposten pola captación e a retención de talento e o crecemento sustentable do tecido empresarial.
Comisión de seguimento
Xunta, Universidades e GNP-AECT participaron esta mañá na primeira reunión da Comisión de Seguimento do Convenio, que continuou cunha sesión técnica sobre “As visións europea e estatal do futuro das tecnoloxías intelixentes”, clausurada polo conselleiro de Facenda e Administración Pública.
Durante a súa intervención, Miguel Corgos lembrou que o nodo galicIA é o elemento vertebrador da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030, que integra a vontade de camiñar cara a unha Galicia Intelixente, cun investimento público de máis de 330 millóns de euros e que xerará un importante impacto na creación de riqueza.
Así mesmo, incidiu en que este nodo nace co obxectivo de ser o espazo de encontro e de consenso de todas as iniciativas que xurdan ao redor das tecnoloxías intelixentes na Comunidade. Ademais, esta colaboración permitirá a posta en marcha de infraestruturas, servizos, ferramentas e aplicacións que permitan o seu despregue, a capacitación e formación da cidadanía, empresas e administracións públicas nestas tecnoloxías.
Na sesión participaron a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e a eurodeputada e co-presidenta do Intergrupo de Intelixencia Artificial e Dixital do Parlamento Europeo, Pilar del Castillo. O acto contou tamén cun saúdo da secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, Carme Artigas.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), arranca hoxe o Programa Girl Steam en colaboración coa Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) co obxectivo de motivar e favorecer un uso creativo da tecnoloxía así como igualitario entre rapazas e rapaces, derrubando os estereotipos.
As actividades desenvolveranse entre os meses de xullo, agosto e setembro a través da realización de obradoiros de carácter práctico e presencial nas aulas CeMIT de 16 concellos de toda Galicia. Este ano, búscase principalmente o achegamento a aqueles municipios máis pequenos e situados no rural galego. O programa comezou hoxe na aula CeMIT de Cuntis e durante esta primeira semana desenvolveranse xornadas tamén en Tomiño e Celanova ás que lle seguirán Carballedo, Fisterra, Guitiriz, Riotorto, Castrelo de Miño, Leiro, A Cañiza, Santa Comba, Ribadeo, Ortigueira, Betanzos, Arzúa, e adicionalmente este ano tamén celebrarase no Centro GaiásTech na Cidade da cultura.
Cada concello contará con dúas quendas por idade, unha para a rapazada de 8-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-15 anos. O aforo máximo por quenda será de 15 e as sesións dispoñibles poden consultarse a través da páxina web de CeMIT, desde onde se poderá reservar a praza e desde a web de DigiTalent.
Contido dos obradorios
O alumnado participante tomará contacto coa tecnoloxía de forma creativa e inspiradora, con actividades como a creación de circuítos en papel, programación de videoxogos propios con scratch (unha linguaxe de programación creada polo MIT para persoas que se inician neste ámbito) ou a creación de “cómics” interactivos con makey makey (un kit de creación interactivo para experimentar, investigar e ideal para practicar nunha contorna real a programación con Scratch).
Ademais, as nenas e nenos que asistan aos obradoiros terán a posibilidade de realizar outro tipo de proxectos, máis avanzados, que requiren coñecementos e experiencia en programación e involucran o uso de diferentes sensores e actuadores, así como a elaboración de postais pop-up, libros luminosos, papiroflexia interactiva, entre outras actividades.
Empoderar ás rapazas nos eidos STEAM
Amtega e Agasol buscan con este programa visibilizar roles e motivar as vocacións tecnolóxicas entre as nenas e empoderar ás rapazas para que aposten por carreiras STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas) e polas profesións do ámbito TIC.
Esta actividade enmárcase no Convenio de colaboración de carácter anual entre a Amtega e Agasol a nas liñas de acción do Plan DigiTalent da Xunta de Galicia que entre outros obxectivos ten os de estimular o talento precoz no ámbito TIC e fomentar o atractivo vocacional das profesións científico-tecnolóxicas.
Calendario de realización dos obradoiros
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega que conta coa colaboración de 91 concellos e está integrada por 97 centros en 52 comarcas que ten entre os seus obxectivos o de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar ás pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.