main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

18/07/202208:53
Rede de nodos.
Santiago de Compostela

A Xunta recibe as ofertas de 3 empresas para a redacción do proxecto do Centro de Ciberseguridade de Galicia, en San Cibrao das Viñas, que suporá un investimento de 4,2 M€

  • O novo centro contribuirá ao fortalecemento da ciberseguridade na administración pública, na cidadanía e nas empresas
  • A Xunta prevé adxudicar en outono o contrato e dispoñer na próxima primavera do proxecto e iniciar a continuación a contratación e inicio das obras, co obxectivo de poñelo en marcha a mediados do 2025
  • Este centro será froito da colaboración entre a Consellería de Facenda, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, impulsora deste proxecto, e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que acometerá as obras de edificación

A Xunta recibiu 3 ofertas de empresas para a redacción do proxecto e dirección das obras do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, en San Cibrao das Viñas, cuxa execución suporá un investimento de 4,2 M€.

Mediante este contrato, a Xunta impulsa un novo centro, que  ten como metas contribuír ao fortalecemento da ciberseguridade na contorna da administración pública, da cidadanía e das empresas; apoiar a innovación no sector produtivo mediante o logro da excelencia na investigación; así como o desenvolvemento de talento especializado en ciberseguridade.

A Xunta prevé adxudicar en outono este contrato para a redacción do proxecto construtivo, licitado por preto de 220.000 €, para telo rematado na próxima primavera para iniciar a continuación a contratación e inicio das obras, co fin de polo en marcha a mediados do 2025.

Este novo centro será froito da colaboración entre a Consellería de Facenda, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, impulsora deste proxecto, e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que acometerá as obras de edificación.

Esta intervención será financiada con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, do programa Next Generation UE.

2.000 m² de superficie construída

O Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia construirase na parcela 3E da Tecnópole, en San Cibrao das Viñas, que conta con algo máis de 3.000 m².

O edificio, con máis de 2.000 m² de superficie construída, albergará os espazos de monitorización e xestión de ciberseguridade, áreas de traballo e concienciación, zonas de uso externo e locais de emprendemento e de alugamento para empresas privadas.

Os traballos completaranse cunha área para o estacionamento, prevendo habilitar arredor de 40 prazas de aparcadoiro.

Punto de encontro

O Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia converterase nun punto de encontro entre a innovación en ciberseguridade e as necesidades e retos da sociedade. Coa posta en marcha deste edificio, a Comunidade dá un paso importante no camiño dunha Galicia intelixente que aposta polo crecemento da economía galega baseado nas tecnoloxías, cara a unha Galicia mellor.

O centro traballará en colaboración coas deputacións provinciais, coas entidades locais, a través da Fegamp, coas universidades galegas e centros tecnolóxicos e de innovación e co tecido empresarial do sector. A vocación deste centro é estar á disposición de toda a sociedade.

A Consellería de Facenda está a traballar xa no deseño da nova Estratexia Galega de Ciberseguridade, de cara á adaptación ao novo Esquema Nacional de Seguridade. De feito, reforzar a ciberseguridade das infraestruturas e servizos da administración electrónica é unha liña de actuación incluída no Plan estratéxico de Galicia 2022-2030.

15/07/202216:26
Presentación do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia.
Santiago de Compostela

A Xunta ten en execución 30M€ no polo de tecnoloxías cuánticas de Galicia, que aspira a multiplicar por cinco este investimento a través dos fondos europeos

  • Conde apunta que o primeiro paso que a Xunta xa deu no marco desta iniciativa foi o de adquirir, cun investimento de 13,9M€, un computador cuántico para o Cesga que vai ser un dos máis potentes do sur de Europa
  • Tamén se creará un grupo de investigación en computación cuántica; catro laboratorios experimentais; despregarase a primeira liña de comunicación cuántica entre Santiago e Vigo; e levarase esta tecnoloxía ao sector aeroespacial galego a través do Polo Aeroespacial de Galicia
  • O obxectivo é que Galicia sexa un referente europeo e internacional en computación e comunicación cuántica de cara ao 2030, tanto a nivel académico e de investigación, como empresarial e comercial

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, presentou hoxe o Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, que xa ten en execución 30M€ e aspira a multiplicar por cinco este investimento, ata os 150M€, se obtén fondos europeos.

Conde apuntou que o primeiro paso que a Xunta xa deu no marco desta iniciativa foi o de adquirir, cun investimento de 13,9M€, un computador cuántico para o Cesga que vai ser un dos máis potentes do sur de Europa. Este fito, dixo, marcará un punto de inflexión para a transición dixital en Galicia e posiciona o Cesga como locomotora e socio tecnolóxico fundamental do ecosistema galego de I+D+i neste ámbito.

Neste contexto, os seguintes pasos a dar van ser crear un grupo de investigación en computación cuántica; catro laboratorios experimentais; despregar a primeira liña de comunicación cuántica entre Santiago e Vigo; e levar esta tecnoloxía ao sector aeronáutico galego a través do Polo Aeroespacial de Galicia, para afondar en sistemas de comunicación seguros para vehículos aéreos non tripulados ou para a xestión do tráfico aéreo.

Conde explicou que o Polo de Tecnoloxías Cuánticas nace en clave de colaboración porque o deseño de toda esta estratexia fíxose previa consulta a máis dunha trintena de axentes do sistema galego de I+D+i; partindo do propio Cesga, as tres universidades, os centros tecnolóxicos máis o CSIC, o Clúster TIC, empresas e colexios profesionais, e contou, tamén, coas achegas do Centro de Supercomputación de Barcelona que hoxe en día é un referente en toda Europa.

O obxectivo, dixo, é que Galicia sexa un referente europeo e internacional en computación e comunicación cuántica de cara ao 2030, tanto a nivel académico e de investigación, como empresarial e comercial. Para iso, o Polo de Tecnoloxías Cuánticas vaise apoiar en catro piares: a Universidade, que ha de atraer o talento e formar aos profesionais do futuro; os  centros de I+D+i, encabezados polo Cesga, que xerarán novo coñecemento así como novos produtos e servizos baseados en tecnoloxías cuánticas; as empresas e a economía, cos que se traballará para impulsar a innovación e a utilización destas tecnoloxías; e a sociedade, para darlle a coñecer a utilidade desta tecnoloxía e os beneficios alcanzados por investir nela.

Conde concluíu destacando, tamén, a disposición da Xunta a colaborar co Goberno central, como así o está a facer, no marco do Plan complementario de I+D+i en comunicación cuántica. Segundo recoñeceu, Galicia é consciente da relevancia que a comunicación cuántica ten nesta era dixital para resolver as crecentes demandas científico-técnicas de sectores que van desde a medicina ata a loxística, pasando polas telecomunicacións, as finanzas e a propia industria.

15/07/202208:38
Guía ciberseguridade.
Santiago de Compostela

INCIBE e Policía Nacional publican unha guía para impulsar as habilidades dixitais dos usuarios de máis de 60 anos

  • Está dirixida ao a público senior, pero é de utilidade para calquera usuario que necesite adquirir ou reforzar as súas competencias en materia de ciberseguridade.

O Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial, publicou a guía "A ciberseguridade ao alcance de todos", en colaboración coa Policía Nacional, co obxectivo de impulsar e potenciar as habilidades dixitais dos usuarios maiores de 60 anos.

O documento, que se enmarca na campaña "Experiencia Senior" e será de utilidade para todos os públicos, utiliza unha linguaxe próxima e emprega contidos visuais que facilitan a súa comprensión. Así, proporciónanse as pautas básicas que calquera cidadán debe seguir para protexer os seus dispositivos persoais e garantir así a súa seguridade e privacidade cando navegue por Internet.

Esta guía describe a importancia de previr os riscos aos que se pode enfrontar calquera usuario da internet, e proporciona as ferramentas necesarias e as capacidades de ciberseguridade para minimizalos. Ademais, incide en que a ciberseguridade non require de grandes coñecementos informáticos, nin equipos tecnolóxicos avanzados e, a través dun contido didáctico, repasa diferentes habilidades básicas para usar a Rede de forma segura.

A guía desagrégase en sete grandes apartados: "Os teus dispositivos e a súa seguridade", "Protexe as túas contas e a túa información", "Acceder a Internet e navegar de forma segura", "Descobre e evita os principais tipos de fraude", "Gozando das redes sociais e as comunicacións por Internet sen riscos", "Checklist de seguridade" e "Recursos para ampliar".

Para máis información, pódese descargar o documento completo na páxina web da Oficina de Seguridade do Internauta de INCIBE.

Ademais, desde INCIBE lémbrase que, ante calquera dúbida, os usuarios poden chamar ao 017 ou contactar a través das canles de chat de WhatsApp ou Telegram da túa Axuda en Ciberseguridade, onde expertos na materia resolverán calquera problema, de maneira gratuíta e confidencial.

14/07/202220:03
Infografía bono dixital.
Santiago de Compostela

A Xunta pon en marcha a convocatoria dos bonos dixitais para facilitar a contratación de banda larga a persoas vulnerables

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou na rolda de prensa do Consello que o Goberno galego autorizou hoxe a convocatoria dos bonos dixitais para facilitar a contratación de internet a persoas vulnerables, un servizo que na sociedade actual calificou de “esencial para a vida diaria” ao ser clave na inserción laboral ou na educación. 

Rueda explicou que esta liña de bonos vai contar “cun orzamento de máis de 1,3 millóns de euros” e busca “facilitar que máis de 5.700 familias vulnerables” poidan contratar servizos de internet de banda larga. Esta axuda forma parte dos fondos que o Goberno de España transfire a Galicia no marco do compoñente 15 Galicia do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea.
 
A iniciativa, enmarcada no programa estatal Único Bono Social, permitirá a persoas ou familias vulnerables contratar ou mellorar a conexión á banda larga fixa cunha velocidade mínima de 30Mbps, cunha minoración mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida durante un período de ata 12 meses, cun máximo de ata os 240 euros. 

O Consello da Xunta aprobou hoxe a resolución para iniciar o proceso de inscrición das entidades colaboradoras, dirixido a operadores de telecomunicación e empresas que ofrezan servizos de internet. Unha vez que se publique no DOG a lista de entidades colaboradoras poderanse solicitar os bonos. 

Con esta convocatoria a Xunta xa ten en marcha tres das catro medidas predefinidas polo Goberno de España para a mellora da conectividade no territorio no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, a través do cal Galicia recibirá 19,1 millóns de euros para: reforzar a conectividade en áreas empresariais e centros loxísticos; a mellora da conectividade en centros públicos; axudas para o reforzo da conectividade en áreas de concentración empresariais e centros loxísticos de Galicia e a mellora das infraestruturas de telecomunicacións nos edificios. Esta última liña de axudas convocarase nas vindeiras semanas. 

En total, o Estado destinará ás comunidades un 9 % dos máis de 4.000 millóns de euros do plan. O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital reserva, polo tanto, o 91 % dos fondos para resolver os problemas de conectividade fixa e sen fíos en todos os territorios e cumprir cos obxectivos que marca Europa. Entre eses obxectivos está o de que o 100 % da poboación teña acceso á banda larga de polo menos 100 Mbps.

14/07/202212:24
Participantes na XGN R Encounter.
Silleda

Os seareiros da informática volven darse cita na XGN R Encounter do 7 ao 9 de outubro

A edición 2022 da histórica party informática galega XGN R Encounter celebrarase do 7 ao 9 de outubro, volvendo reunir a profesionais e seareiros da informática e as novas tecnoloxías nunha cita que alcanza xa a súa 22ª edición. O encontro, o maior de Galicia das súas características (unha xuntanza da mocidade para compartiren experiencias e coñecementos arredor das ferramentas dixitais) artellarase nas súas zonas habituais nos dous pavillóns principais da Feira Internacional de Galicia Abanca: a Intranet, orientada a inscritos, permitíndolles desfrutar dun posto con dereito a acampar e a participar en actividades exclusivas, e a Extranet, que ofrecerá un completo programa de propostas tanto para inscritos como para quen visite o recinto.

Segundo informa a organización, o evento desenvolverase de novo “no seu formato completo”, recuperando a súa área de acceso libre no recinto logo das celebracións online de 2020 e presencial (para inscritos en 2021).

A Feira Internacional de Galicia Abanca de Silleda irá deseñando nas vindeiras semanas esta edición, que é a sexta coa operadora galega R como colaboradora e patrocinadora oficial e que de novo conta co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, impulsora da party. “XGN é unha cita que seguirá incorporando melloras na súa aposta por converterse na segunda lanparty de España”, sinalan dende as entidades organizadoras, poñendo o foco nos seus vencellos coa rede de Encounters do Grupo Euskaltel, á que R pertence a través da súa Fundación e que inclúe desde hai máis de 25 anos as parties de Euskadi: Euskal Encounter, Gipuzkoa Encounter e Araba Encounter.

Propostas formativas e de lecer

Aprendizaxe, intercambio de experiencias e diversión serán os eixos dunha cita que contará cun amplo programa tanto para rexistrados como para as persoas que acudan á Extranet. A organización salientou “as interesantes novidades que pretenden sorprender como en cada edición aos participantes”, cun programa ateigado de competicións, obradoiros, conferencias, actividades de Realidade Virtual (RV) e tamén de xogos diversos.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS