
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Aula CeMIT do Concello de Sada acollerá verios cursos formativos de tecnoloxías durante os meses de outubro e setembro, actividades que teñen arestora aberta a inscrición. Trátase de dous obradoiros centrados no Tratamento de Textos Write Avanzado e na Folla de Cálculo Calc Básico. O segundo deles celebrarase entre o 17 de setembro e o 8 de outubro, na Aula CeMIT de Sada. Será de nivel medio e achegará 10 prazas e 10 horas de contidos. O temario inclúe unha introdución ás follas de cálculo; aos formatos de celas, filas e columnas (cor, tipo de datos, bordos, dimensións etc.); e aos filtros e ordenación dos datos, entre outros contidos.
O curso de tratamento de textos Write avanzado desenvolverase entre o 17 de setembro e o 8 de outubro, con 10 prazas e 20 horas de contidos. Inclúe os seguintes contidos: configurar páxina, cabeceira e rodapé, como crear notas ao rodapé, crear seccións determinadas do documento, traballos con textos en columnas, traballar con documentos grandes, tabulacións, construción de modelos, táboas, personalización de barra de ferramentas, viñetas en numeración, caixas de texto, quebras manuais e de páxina e inserción de campos predefinidos. Entre o 2 e o 31 de outubro celebrase unha nova edición do curso de tratamento de textos Write avanzado.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da Rede Eusumo, está a impulsar un curso en liña co fin de ofertar ás entidades de economía social un “kit” dixital de ferramentas útiles para o seu funcionamento. A acción formativa ten carácter gratuíto e está dirixido a todo o público en xeral, especialmente ás persoas desempregadas e as traballadoras ou socias de entidades de economía social de Galicia.
A actividade terá unha duración de 40 horas e se estenderán desde o 8 de ata o día 31 do mesmo mes. O obxectivo pasa por ofertar aos participantes, de forma sinxela e simple, información sobre as principais ferramentas para facilitar a xestión das entidades de economía social, o traballo colaborativo e a organización interna.
Esta iniciativa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén as inscricións abertas para todas aquelas persoas interesadas ata o próximo 7 de agosto a través do formulario na seguinte ligazón: FORMULARIO INSCRICIÓN KIT DIXITAL.
O programa aborda ferramentas dixitais en case todos os ámbitos da entidade, dividindo os contidos en cinco módulos principais. O alumnado comezará por coñecer aquelas ferramentas útiles para a organización empresarial interna, desde a optimización de arquivos ata a automatización de procesos.
Gran parte da formación céntrase en recursos para a comunicación cara o exterior: venda en liña, redes sociais, deseño de elementos corporativos e xeración de vídeos. Ademais, os contidos tamén inclúen un apartado especial dedicado á comunicación entre entidades, a través de videochamadas e reunións virtuais, para favorecer e impulsar a rede de entidades de economía social en Galicia.
A Xunta segue co seu apoio por un modelo de economía social, pois tamén se están a desenvolver outras actividades dirixidas a este tipo de entidades, como a formación en contabilidade básica.
Un total de 30 empresas e autónomos do rural galego resultaron beneficiarias das axudas para a conexión a redes de banda larga ultrarrápida de máis de 100 megas.
Esta é a terceira convocatoria destas axudas que estaba dotada con case 880.000 euros, para subvencionar ata o 100% dos custos para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000 euros por proxecto.
En total, nas tres convocatorias, se concederon máis de 1,4 millóns de euros a 121 empresas e autónomos, que suman máis de 1.500 traballadores en zonas rurais que estaban afastadas deste tipo de redes.
Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Outras actuacións para a extensión de redes ultrarrápidas en áreas empresariais
No marco do Plan de Banda Larga 2020 púxose en marcha, en xullo de 2016, unha primeira actuación para conectar 81 polígonos industriais das catro provincias galegas a redes de ata 350 Mbps, que non contaban con cobertura de redes ultrarrápidas nin previsión de dispoñer deste servizo.
Deste xeito, actualmente hai un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, que dispoñen de acceso a redes de máis de 100 Mbps.
Medida complementaria ás estatais
Esta liña de axudas destinada a dotar dun servizo de banda larga ultrarrápida a empresas illadas do rural complementa outras actuacións que o Goberno do Estado ten marcha a través do Programa ÚNICO con máis de 4.000 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRPT), dos que o Ministerio xestionará o 91% e Galicia recibirá o 0,4% para desenvolver un conxunto de actuacións predefinidas polo Goberno do Estado.
A Xunta xa ten en marcha tres destas catro medidas predefinidas polo Goberno: a liña de mellora da conectividade en centros públicos; as axudas para o reforzo da conectividade en áreas de concentración empresariais e centros loxísticos de Galicia; os bonos dixitais para facilitar a contratación de internet a persoas vulnerables, que se convocará nas vindeiras semana. A última medida, destinada a mellora das infraestruturas de telecomunicacións nos edificios, porase en marcha no mes de setembro.
A Comisión de Seguimento do nodo galicIA -nodo galego de Intelixencia Artificial- reuniuse esta semana para avanzar na elaboración dun documento que avale a candidatura galega para acoller a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA). Os responsables do Nodo agardan que na próxima semana, o Goberno de España inicie o proceso para a selección da sede desta axencia de nova creación de acordo co Real Decreto de descentralización de entidades pertencentes ao sector público institucional estatal.
Na reunión participaron, por parte da Xunta de Galicia, representantes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e das consellerías de Facenda e Administración Pública; Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; e Sanidade. Asistiron tamén representantes das tres universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia e da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal (GNP-AETC).
Os asistentes destacaron a boa posición de Galicia para acoller a AESIA en aspectos diferenciais como o de apostar por un espazo de colaboración transfronteirizo no marco da Eurorexión, contar cunha lingua propia e dispoñer dun ecosistema dixital dinámico e en crecemento, que actúa como denominador común da transformación dixital da economía e da sociedade galega.
No encontro púxose de manifesto que os parámetros sociodemográficos de Galicia, sitúan a esta Comunidade como rexión prioritaria no marco dos obxectivos políticos do proceso de descentralización impulsado polo Goberno de España para a vertebración do territorio. Neste sentido, a descentralización administrativa da prioridade aos territorios nos que é preciso atraer talento novo e favorecer o crecemento demográfico. A porcentaxe de persoas maiores de 65 anos en Galicia é dun 26,09%, o que sitúa á nosa Comunidade entre as tres máis envellecidas de España, onde a media é do 20,09%. Por outra banda, Galicia concentra 30.000 das 60.000 entidades de poboación de toda España e o índice de dispersión é dun 16,5%, fronte ao menos do 4% da media española.
Os asistentes destacaron tamén o feito de que Galicia non acolla a sede de ningunha axencia estatal, outro dos aspectos que serán tidos en conta para as novas asignacións.
En canto ao proceso de especialización de Galicia, o documento destaca as iniciativas da Comunidade en canto á transformación dixital a través da Estratexia Galicia Dixital e Estratexia Galega de Intelixencia Artificial (EGIA) ou a posta en marcha do Marco Galego de Competencias Dixitais. Galicia está, neste sentido, nunha posición de vangarda, ao ter afrontado retos como o estudo sobre o marco ético e normativo para as tecnoloxías intelixentes ou o proxecto Nós para situar á lingua galega nas linguaxes e contornas dixitais.
O documento destaca a xeración de coñecemento en Galicia en torno á Intelixencia Artificial a través de centros singulares de investigación, así como o carácter robusto do ecosistema TIC. Galicia conta con dous ‘hubs’ de innovación que suman as capacidades de máis de 4.200 empresas e entidades que empregan a 120.000 persoas, o que representa o 10% do emprego de Galicia. O sector tecnolóxico conta na nosa Comunidade con 2.961 empresas que xeran un volume de negocio de 2.908 millóns de euros. Ademais, o sector creou 1.397 postos de traballo en 2021, un 7,2% más que o ano anterior, e o maior incremento dos últimos cinco anos ata acadar a cifra de 20.740 empregados.
A Comisión de Seguimento do Nodo GalicIA comprometeuse a avanzar nas vindeiras semanas na proposta de valor da candidatura galega agardando que a convocatoria para a presentación das candidaturas, incluíndo os criterios específicos que se terán en conta e que se publicarán en breve, tal como foi comunicado dende o Ministerio de Economía e Transformación Dixital co obxectivo de tela ultimada en setembro.
O 48,9% das empresas tecnolóxicas de Galicia con 10 ou máis persoas empregadas realizaron actividades innovadoras no período 2018-2020, segundo os datos da enquisa de innovación e I+D realizada polo Instituto Nacional de Estadística. No conxunto do tecido empresarial, a porcentaxe de empresas innovadoras foi dun 22,5%.
Entre as empresas do Hipersector TIC que realizaron innovacións, no 89,1% dos casos eran innovacións tecnolóxicas de produto e o 91,5% innovacións tecnolóxicas de proceso.
O gasto en innovación en Galicia do Hipersector TIC ascendeu neste período a máis de 118 millóns de euros, dos cales o 71,7% está destinado a I+D interna.
Ademais, o 34,7% das empresas do Hipersector TIC innovadoras declaran que as súas actividades innovadoras tiveron impacto na cifra de negocios, das cales, o 9,6% son innovacións no mercado e o 25,1% só para a propia empresa.
Estes datos foron recollidos nos estudos “Galicia dixital. O Hipersector TIC en Galicia” e "Galicia Dixital: O sector TIC de Galicia", publicados polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Produtos comercializables
En 2021 o 70% das empresas tecnolóxicas galegas que realizaron actividades de I+D+i obtivo resultados comercializables, o que supón un incremento do 2,5% respecto ao ano anterior.
Por actividade, as empresas que realizaron máis actividades de I+D+i son as pertencentes ao subsector das Manufactureiras TIC cun 50%, seguidas das empresas dedicadas a “Actividades informáticas” cun 36%.
Produtos e servizos novos ou mellorados
Tamén se incrementa a porcentaxe de empresas do sector TIC galego que nos tres últimos anos introduciron produtos novos ou mellorados no mercado, pasando dun 28% a un 34,4%. O aumento esténdese aos servizo novos ou mellorados producidos polas tecnolóxicas galegas, dun 38,4% a un 42,8%.
Persoal I+D nas empresas galegas
No 2021 segue predominando a presenza masculina nas tarefas de I+D+i das empresas tecnolóxicas, xa que existen catro homes por cada muller nese departamento. As mulleres representan o 19% dos empregados en I+D+i fronte a un 81% de homes.
Pódense consultar os informes dos que proceden estes datos na páxina web do Osimga.