main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

18/08/202212:51
Mans tecleando sobre un portátil cuns candados sombreimpresos.
Santiago de Compostela

A Xunta e a Fundación GoodJob colaboran na inclusión laboral de persoas con discapacidade no ámbito da ciberseguridade

  • A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia apoiará o Programa #include a través do nodo galego de ciberseguridade CIBER.GAL
  • O convenio que acaba de asinarse permitirá acometer accións destinadas á detección e creación de postos de traballo nas empresas que colaboran co nodo
  • A Xunta colaborará na realización e difusión de actividades formativas que permitan ás persoas con algunha discapacidade obter, entre outros, os certificados de profesionalidade
  • A Axencia autonómica facilitará a interlocución entre a Fundación e os diferentes departamentos da Xunta

A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acaba de asinar un convenio coa Fundación GoodJob para favorecer a inclusión sociolaboral de persoas con discapacidade e facilitar a resposta á alta demanda de profesionais da ciberseguridade en empresas e institucións.

A Axencia autonómica proporcionará apoio institucional, a través do nodo galego de ciberseguridade CIBER.GAL, nas actividades relacionadas co Programa #include da Fundación. Así mesmo, facilitará a participación de GoodJob nos espazos e eventos organizados polo nodo que se consideren adecuados para a consecución dos obxectivos do convenio, que permitirá a realización de accións destinadas á detección e creación de postos de traballo para persoas con discapacidade nas empresas que colaboran con CIBER.GAL.

O acordo tamén fomenta a realización e difusión de actividades formativas en materia de ciberseguridade que melloren as posibilidades de obter emprego das persoas con algunha discapacidade. Entre elas, a Axencia colaborará nas actividades de GoodJob destinadas á obtención dos certificados de profesionalidade, ademais doutras formacións adaptadas.

A fundación GoodJob é unha entidade sen ánimo de lucro enfocada á inserción laboral de persoas con discapacidade, preferentemente no mercado ordinario de emprego. Ten en marcha accións concretas relacionadas coas tecnoloxías como o Programa de Empregabilidade en Ciberseguridade para Persoas con Discapacidade (IMPACT#include).

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia facilitará a interlocución entre GoodJob e os distintos departamentos da Administración Xeral da Comunidade Autónoma no ámbito das actuacións do convenio.

17/08/202213:16
Mans tecleando nun portátil.
Santiago de Compostela

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria dos bonos dixitais para facilitar a contratación de banda longa a persoas vulnerables

  • Ábrese así o proceso de inscrición das entidades colaboradoras, dirixido a operadores de telecomunicación e empresas que ofrezan servizos de internet, que terán de prazo ata o 19 de setembro para presentar a súa solicitude
  • Unha vez que se publique no DOG o listado definitivo de entidades colaboradoras, poderán solicitarse os bonos, que permitirán ao beneficiario unha redución mensual de ata 20 euros no custe do servizo
  • A iniciativa, enmarcada no Programa estatal ÚNICO-Bono Social, conta cun orzamento de 1,3 millóns de euros
  • Os bonos permitirán contratar ou mellorar a conexión a banda longa fixa cunha velocidade mínima de 30Mbps durante un ano a máis de 5.700 persoas
  • Con esta, a Xunta xa ten en marcha tres das catro medidas predefinidas polo Goberno de España no marco do compoñente 15 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea para a mellora da conectividade
  • Nas vindeiras semanas convocarase a liña de axudas á mellora das infraestruturas de telecomunicacións nos edificios

Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para iniciar o proceso de inscrición das entidades colaboradoras da iniciativa dos bonos dixitais, dirixido a operadores de telecomunicación e empresas que ofrezan servizos de internet, que terán de prazo ata o 19 de setembro para presentar a súa solicitude. Unha vez que se publique no DOG o listado de entidades colaboradoras poderán solicitarse os bonos.

Os bonos dixitais facilitarán a contratación de servizos de internet a persoas vulnerables. Conta cun orzamento de 1,3 millóns de euros, que forman parte dos fondos que o Goberno de España transfire a Galicia no marco do compoñente 15 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea.

A iniciativa, enmarcada no programa estatal ÚNICO Bono Social, permitirá a persoas ou familias vulnerables contratar ou mellorar a conexión á banda longa fixa cunha velocidade mínima de 30Mbps, cunha minoración mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida durante un período de ata 12 meses cun máximo de 240 euros. A previsión é acadar os 5.774 beneficiarios. As axudas están dirixidas a fogares que non conten con conexión fixa de 30 ou máis Mbps a internet e cuxa renda anual (per capita) sexa inferior ao 125% do IPREM en caso de non ter menores ou 175% en caso de telos. Son, fundamentalmente, beneficiarios de Risga, do Ingreso Mínimo Vital así como outras familias con poucos recursos ou en risco de exclusión social.

Con esta, a Xunta xa ten en marcha tres das catro medidas predefinidas polo Goberno: a liña de mellora da conectividade en centros públicos; as axudas para o reforzo da conectividade en áreas de concentración empresariais e centros loxísticos de Galicia; e os bonos dixitais para facilitar a contratación de internet a persoas vulnerables. A última medida, destinada á mellora das infraestruturas de telecomunicacións nos edificios, porase en marcha nas vindeiras semanas.

En total o Estado destinará ás comunidades un 9% dos máis de 4.000 millóns de euros do Plan. O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital resérvase, polo tanto, o 91% dos fondos para resolver os problemas de conectividade fixa e sen fíos en todos os territorios e cumprir cos obxectivos que marca Europa. Entre eses obxectivos está o de que o 100% das poboación teña acceso a banda longa de alomenos 100 Mbps.

11/08/202208:57
Mans tecleando.
Rendondela

Redondela recibirá o outono cunha manchea de cursos gratuítos de capacitación tecnolóxica

Concellería de Novas Tecnoloxías de Redondela que xestiona Olga García Ballesteros desenvolverá durante os meses de setembro e outubro unha serie de accións formativas nas aulas CeMIT de Chapela e Redondela, en horarios de mañá e tarde, destinadas a favorecer a capacitación dixital da veciñanza. Estes cursos son totalmente gratuítos aínda que con prazas limitadas que serán asignadas por orde de inscrición. Serán 16 prazas por curso para Redondela e 12 para Chapela.

As formacións serán as seguintes:

Cursos informática 2022 en Redondela

Cursos en Redondela Setembro-Outubro mañás

  • Alfabetización dixital Windows 10 e Internet – 24hs. – 01/09 ao 27/10 Horario: 9.30 a 11.00hs – Martes e Xoves. 
  • Mecanografía co ordenador – 16hs. – 01/09 ao 27/10 Horarios: 11.00 a 12.00hs. - Martes e Xoves.
  • Tarefas de oficina con Writer e Calc – 24hs. – 01/09 ao 27/10 Horario: 12.00 a 13.30hs. – Martes e Xoves
  • Aula Aberta: seminarios de subvencións co Concello, trámites na sede electrónica e obradoiro de informática para adultos (dúbidas, consultas de cidadáns e asociacións), un venres en Redondela e o outro en Chapela. Horario: Venres de 9.30 a 13.30hs.

Cursos en Redondela Setembro/Outubro tardes

  • Photopea – editor de fotografía online – 24hs. – 01/09 ao 27/10 Horario: 16.30 a 18.00hs – Martes e Xoves.
  • Trámites en liña coa administración e sinatura electrónica. – 24hs. – 01/09 ao 27/10 Horario: 18.00 a 19.30hs. – Martes e Xoves.
  • Ciberseguridade para usuarios – 16hs. – 01/09 ao 27/10 Horarios: 19.30 a 20.30hs. - Martes e Xoves. 
  • Aula Aberta: seminarios de subvencións co Concello, trámites na sede electrónica e obradoiro de informática para adultos (dúbidas, consultas de cidadáns e asociacións), un venres en Redondela e outro en Chapela. Horarios: Venres de 16.30 a 20.30hs.

Cursos Informática 2022 – Chapela

Cursos en Chapela Setembro-Outubro mañás

  • Aplicacións Google– 24hs. – 05/09 ao 31/10 Horario: 9.45 a 11.15hs. - Luns e Mércores.
  • Internet e correo electrónico – 16hs. – 05/09 ao 31/10 Horario: 11.15 a 12.15hs. – Luns e Mércores.
  • Drive ofimática na nube – 24hs. – 05/09 ao 31/10 Horario: 12.15 a 13.45hs. Luns e Mércores. 
  • Aula Aberta: seminarios de subvencións co Concello, trámites na sede electrónica e obradoiro de informática para adultos (dúbidas, consultas de cidadáns e asociacións), un venres en Redondela e o outro en Chapela. Horario: Venres de 9.30 a 13.30hs

Cursos en Chapela Setembro/Outubro tardes

  • Alfabetización Linux, Internet e Writer – 24hs. – 05/09 ao 31/10 Horario: 16.30 a 18.00hs. - Luns e Mércores.
  • Creación de vídeos con Filmora – 16hs. – 05/09 ao 31/10 Horario: 18.00 a 19.00hs. – Luns e Mércores.
  • Photopea – editor de fotografía online – 24hs. – 05/09 ao 31/10 Horario: 19.00 a 20.30hs. – Luns e Mércores. 
  • Aula Aberta: seminarios de subvencións co Concello, trámites na sede electrónica e obradoiro de informática para adultos (dúbidas, consultas de cidadáns e asociacións), un venres en Redondela e o outro en Chapela. Horario: Venres de 9.30 a 20.30hs.
10/08/202208:12
Cartel da iniciativa.
Ribadeo

Ribadeo fomenta as vocacións tecnolóxicas entre a rapazada cun obradoiro en agosto

O Concello de Ribadeo organiza este verán uns obradoiros tecnolóxicos para fomentar carreiras e vocacións tecnolóxicas baixo o título STEAM, derrubando estereotipos. Impartiranse na Aula CeMIT de 10:30 a 13:30 horas. Serán os días 23 e 24 de agosto para a rapazada de 8 a 11 anos.

Neles as crianzas aprenderán a programar de xeito moi sinxelo e creativo. Verán conceptos sobre Intelixencia Artificial e sobre robótica e deseñarán tamén circuítos en papel, “todo baixo unha metodoloxía activa e unha aprendizaxe práctica con profesionais do sector”. Desde o Concello apuntan que "é unha boa maneira de introducir á rapazada, desde moi cativos, na outra cara da tecnoloxía". A inscrición é gratuíta para todos e todas e as prazas son limitadas. O prazo de inscricións atópase aberto e pódense apuntar no teléfono 982120732 ou no correo electrónico da Aula CeMIT de Ribadeo.

05/08/202208:44
Infografía da plataforma de Mobilidade 4.0.
Santiago de Compostela

A Xunta porá en marcha a plataforma de Mobilidade 4.0 para avanzar cara un modelo de transporte dixital e sostible

  • Desenvolverá un planificador multimodal, que integrará toda a oferta de transporte público da comunidade autónoma
  • O viaxeiro poderá acceder a esta información a través dunha nova web e app que lle permitirán a planificación de viaxes, información en tempo real ou a xestión de pagos e bonificacións
  • Posibilitará novos métodos de pago no transporte público como o pago con móbil, con tarxeta bancaria ou coa nova tarxeta de mobilidade de Galicia (TMG) sen contacto
  • Enmárcase no Plan de Transporte Público de Galicia que, entre outros obxectivos, busca facilitar a accesibilidade ao transporte público para reforzalo como alternativa fronte ao vehículo particular

A Xunta porá en marcha a Plataforma de Mobilidade 4.0 para impulsar unha transformación dixital dende o punto de vista do usuario, que lle ofreza novos servizos, e avanzar cara un transporte público dixital e sostible. O Consello do Goberno galego aprobou hoxe o contrato que permitirá o deseño, desenvolvemento, implantación, soporte, mantemento e operación desta plataforma por un valor estimado de 9,4 millóns de euros, contemplando as posibles modificacións e prórrogas.

A nova plataforma finánciase con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, concretamente no marco dos compoñentes 1 e 6. Esta iniciativa está enmarcada no Plan de Transporte Público de Galicia que, entre outros obxectivos, busca facilitar a intermodalidade e a accesibilidade ao transporte público para reforzalo como alternativa fronte ao vehículo particular e en liña con establecido no Plan Estratéxico de Galicia 21-30, eixe “E2. Galicia verde e sostible”, e no eixe 5 da estratexia Galicia Dixital 2030, Conectividade dixital do territorio” e o programa 14: Transporte e mobilidade Dixital e sostible.

Web e app como puntos de acceso e xestións das viaxes

A plataforma galega de Mobilidade 4.0 irá acompañada do desenvolvemento dun portal web e unha aplicación móbil que disporá, entre outras funcionalidades, dun planificador multimodal, que integrará nun punto único toda a oferta de transporte e mobilidade da comunidade autónoma baixo unha visión MaaS (Mobilidade como Servizo). Este novo portal irá incorporando a información de todos os modos de transporte alternativos ao vehículo privado, ofrecerá información en tempo real e permitirá empregarse como un sistema de rexistro, de pago e de reserva de servizos válido. A nova plataforma integrarase co sistema de Axuda á explotación de la mobilidade de Galicia (SAEGAL).

Novo paradigma de pago

Outro dos obxectivos desta iniciativa é introducir un novo paradigma de pagos denominado pago baseado en conta (Account Base Ticketing - ABT) que supón un cambio do modelo actual “pague e viaxe” a un modelo “viaxe e xa pagará”.  Deste xeito o viaxeiro poderá elixir o pago mediante móbil, tarxeta bancaria ou una nova Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG) sen contactos. Para isto, os soportes físicos actuais (tarxeta TMG) converteranse en meros “tokens” de identificación do pasaxeiro no autobús, simplificando a acción que realizan as máquinas canceladoras. Estas só deberán identificar ao viaxeiro, onde se sube e onde se baixa. Cando as máquinas envíen esta información ao sistema central, será este último quen realice o cálculo do prezo da viaxe tendo en conta o perfil do usuario e os descontos aos que teña dereito e procederá ao cobro da viaxe no moedeiro virtual do usuario (modo prepago) ou no medio de pago definido por o usuario (modo postpago). O contrato contempla a expedición de 120.000 novas tarxetas.

Máis de 15 millóns de viaxeiros en 2022

No primeiro semestre deste ano o transporte público regular por estrada deu servizo a 15 millóns de viaxeiros. En 2021 realizáronse máis de 14,4 millóns de viaxes, a través das 127 concesións de transporte público, e superáronse os 57 millóns de quilómetros de servizo ao ano a través de 3.470 liñas, 53.000 paradas e 2,3 millóns de servizos de transporte ao ano. Estas cifras, aínda condicionadas pola emerxencia sanitaria derivada da pandemia, dan conta da importancia e demanda deste servizo que é previsible que se vexan incrementadas de xeito significativo.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS