
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Xunta de Galicia, a Conferencia de Reitores Rede Crussoe, e a multinacional NTT Data porán en marcha a Cátedra Institucional de Patrimonio Cultural Dixital. Así se recolle nun convenio, aprobado onte polo Consello da Xunta de Galicia, e que proximamente asinarán a Consellería de Cultura, Formación Profesional e Universidades, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Rede Crussoe e NTT Data.
A Administración autonómica achegará 125.000 euros á iniciativa, que contará cun orzamento total de 322.000 euros ata o ano 2025. A Cátedra estará vinculada ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), situado na Cidade da Cultura, e busca fomentar a docencia, a investigación e a difusión dos coñecementos no eido do Patrimonio Cultural Dixital, especialmente o vinculado ao Camiño de Santiago.
Actuacións previstas
Con estes obxectivos, a folla de ruta para o período 2022-2025 prevé o desenvolvemento de diferentes actuacións como a posta en marcha dun Observatorio do Patrimonio Cultural Dixital para monitorizar a situación e evolución neste ámbito a nivel da eurorrexión e a súa área de influencia. A aposta por promover a investigación de vangarda é outra das actuacións previstas para xerar coñecemento específico que permita a cuantificación, medida e valorización do Patrimonio Cultural Dixital.
En canto á formación e difusión, a Cátedra contempla o desenvolvemento de formación a nivel posgrao (máster e doutoramento) no seo da Rede CRUSOE, con carácter interinstitucional e nivel non universitario o deseño de programas específicos para o fomento de vocacións STEM así como iniciativas de formación ocupacional e capacitación profesional en ámbitos non urbanos, con particular atención ao aspecto de igualdade de xénero.
Ademais, impulsarase o emprendemento transdisciplinar en Humanidade e Ciencias Sociais e Tecnoloxía da Información e Comunicación con iniciativas que poñan en valor o patrimonio cultural dixital vinculado ao Camiño ao Camiño de Santiago.
Buscarase a internacionalización con actividades e accións de colaboración, particularmente no ámbito europeo e latinoamericano, facendo foco nas políticas e directrices da Comisión e Parlamento Europeo relacionadas coa transición dixital e o Patrimonio e a súa repercusión noutros sectores como o cultural, educativo, turismo dixital e sustentable, o audiovisual e o hipersector TIC.
Stellae 5.0 e iniciativas de dixitalización
A Cátedra institucional de Patrimonio Cultural Dixital súmase a outras iniciativas que vén impulsando a Xunta de Galicia no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030 para converter á Comunidade nunha das rexións intelixentes europeas de referencia en dixitalización. Unha desas iniciativas é Stellae 5.0 Patrimonio Dixital vinculado ao Camiño de Santiago, no que a Administración autonómica colabora coa Rede CRUSOE para abordar dun modo integral a preservación, difusión, valorización cultural e patrimonial, así como o impulso da transformación dixital da nova economía.
Así Stellae 5.0 súmase a outras actuacións da Xunta neste ámbito como o proxecto Memoria Dixital de Galicia, que se alberga nas instalacións da Cidade da Cultura, para dixitalizar documentos e recursos e impulsar o desenvolvemento de novos servizos e contidos para a industria e o turismo cultural; Galiciana con máis de 330.000 obxectos dixitalizados ou Galicia Nomeada, que difunde xunto coa Real Academia Galega máis de 500.000 topónimos e mantén unha canle aberta de participación cidadá.
A Xunta porá en marcha a Plataforma Galicia Territorio que permitirá monitorizar o territorio, efectuar simulacións sobre o impacto da acción da sociedade sobre o medio e a zona na que se desenvolve e será un elemento estratéxico de apoio ao cumprimento do pacto verde europeo. Este xemelgo dixital do territorio contará cun orzamento de máis de 6 millóns de euros, segundo se recolle no Plan Plataforma Galicia Territorio Intelixente, aprobado onte no Consello da Xunta, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración co Instituto de Estudos do Territorio.
A Plataforma Territorio Intelixente configúrase como un conxunto de servizos cloud que facilitará que o espazo de datos con base cartográfica estea á disposición de múltiples aplicacións en diferentes ámbitos. Constituirá un instrumento de carácter estratéxico para a planificación das políticas públicas, o desenvolvemento de servizos intelixentes para a xestión e conservación do patrimonio natural e cultural así como a prevención de riscos e xestión de alertas.
Para o seu desenvolvemento evolucionarase o sistema de información xeográfica corporativa (SIX), que está en marcha desde 2009, coordinado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET). A nova plataforma permitirá a captura automatizada de datos sobre o territorio, o tratamento de grandes volúmes de información xeoespacial, así como a simulación sobre as tendencias e consecuencias das accións sobre o territorio, con especial interese no relativo ao cambio climático e ao desenvolvemento de accións cara a transición verde. A captación e tratamento intelixente do dato incorporará técnicas de Intelixencia Artificial e Big Data, e integrará proxectos que a Xunta ten en marcha, como as iniciativas Terra para completar as capacidades da plataforma ou a Rede pública de Internet das Cousas, que facilitará a captación de datos con base territorial en ámbitos estratéxicos para Galicia.
A plataforma proporcionará información confiable, actualizada e interoperable para a xestión dos servicios públicos, da seguridade, saúde e benestar sociais, emerxencias; medidas para a adaptación ao cambio climático; solucións sostibles de mobilidade; renovación urbana; desenvolvemento rural e servizos para o turismo e a conservación e difusión do patrimonio.
Servizos intelixentes
A plataforma facilitará o desenvolvemento dunha serie de servizos intelixentes de información territorial para diferentes ámbitos como a mobilidade sostible. Porase en marcha un servizo de rueiro e xeocodificación, que permitirá actualizar as bases de datos de catastro, censo, padrón e a identificación unívoca de inmobles, e edificacións, datos chave para o desenvolvemento do territorio, ou o correo, a actividade comercial ou a xestión de emerxencias.
Este servizo proporcionará soporte a aplicacións para a mobilidade sostible, que permitirán ofrecer información en tempo real para o transporte baixo demanda ou a aplicación de novas tecnoloxías de condución supervisada, semiautónoma ou completamente autónoma.
Tamén está prevista a implantación de servizos intelixentes para a xestión dun territorio máis sostible, verde ou resiliente, desenvolvendo ferramentas para a monitorización do territorio, a planificación forestal, para o fomento, seguimento e protección da biodiversidade; a xestión de explotacións agrarias, indicadores de seguimento do desenvolvemento, económico, social e ambiental ou a xestión de emerxencias.
Ademais a tecnoloxía actual permitirá poñer en macha novos servizos para o fomento do turismo e a dinamización do patrimonio cultural con novas ferramentas para un mellor control da protección do patrimonio e da eficiencia enerxética de edificios ou conxuntos históricos, o mapeo en 3D e a reconstrución tridimensional de bens do patrimonio, e o desenvolvemento de novos contidos que permitan a difusión dos nosos recursos turísticos, así como a súa accesibilidade.
Unha plataforma para o sector público, cidadáns e empresas
Os potenciais usuarios desta información son tanto o sector público e privado, desde a poboación en xeral, as ONGs, pemes, agricultores, colexios profesionais, sectores enerxéticos, empresariais, económicos e inversións. A información da plataforma estará dispoñible a través dun xeoportal desde o que os usuarios poderán buscar, visualizar, consultar e descargar datos, capas, mapas, información xeográfica e analítica.
Para maximizar o aproveitamento das capacidades da plataforma desenvolverase un programa formativo, tanto para os profesionais do sector público como para cidadanía e empresas con talleres e formación continúa organizados de forma sectorial.
Orzamento
O Plan conta cun orzamento de máis de 6,6 millóns de euros para o período 2021-2025 procedentes de Fondos Feder, do Programa europeo para a recuperación dos territorios (REACT EU) e de fondos propios da Comunidade.
O Catálogo do Plan para a Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent, inicia o terceiro trimestre do ano sumando esforzos coas empresas colaboradoras do Pacto Dixital de Galicia e os Colexios e Asociacións do eido tecnolóxico para o fomento do talento dixital ao longo de todas as etapas vitais da cidadanía.
Nesta liña, a Amtega xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) levará a cabo no mes de setembro diferentes iniciativas dirixidas á infancia e adolescencia e á madurez. Enfocada aos E-Líders para a transformación dixital, impartirá de forma online o Curso sobre DFIR (Digital Forensic & Incident Response) e Análise Forense en Redes ao longo do mes de setembro; e dirixida aos máis pequenos e pequenas, volve o VII Scratch Day, iniciativa orientada a divulgar os valores da programación informática de forma lúdica e divertida, incentivando a creatividade e o emprendemento e mellorando a motivación, a autonomía e a capacidade de resolución de problemas.
No terceiro trimestre deste ano dará comezo unha nova edición da Formación en Blockchain da man do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) que un ano máis colabora coa Amtega no impulso da formación especializada dos distintos perfís profesionais do sector tecnolóxico galego. Ademais, coincidindo co comezo do curso escolar o CPEIG porá en marcha a II Edición de Ciberseguranza Kids, unha iniciativa que ten por obxectivo achegar aos máis novos e novas os valores e oportunidades na esfera dixital, pero tamén as normas e límites para un uso seguro da Internet, coa divulgación da ciberseguridade entre os máis pequenos. Como novidade para este curso, impartiranse tres sesións nas instalacións do GaiásTech.
Do mesmo modo, a Amtega e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) levarán a cabo as novas sesións do Programa Girl STEAM nos meses de xullo, agosto e setembro. O obxectivo destes obradoiros formativos é dar maior visibilidade aos roles da muller no sector TIC experimentando dun xeito creativo, práctico e inspirador coa tecnoloxía co fin de motivar as vocacións tecnolóxicas entre as nenas de 8 a 15 anos.
Iniciativas dirixidas á infancia e a adolescencia
No mes de setembro volven os Webinars TransformaTech Sessions na súa modalidade Talento Xove. Esta iniciativa liderada pola Amtega e que conta coa colaboración das entidades que participan no Pacto Dixital, desenvolve unha serie de encontros virtuais para rapaces e rapazas de ata 16 anos e a centros educativos de bacharelato e formación profesional. O programa enfócase en espertar as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos e novas a través de sesións sobre tecnoloxías disruptivas con contidos adaptados e orientados a este público xove. As xornadas están deseñadas dunha forma moi participativa, dinámica e lixeira, e nelas se afonda na temática do Big Data, cada vez máis presente na sociedade e contorna dixital.
Pola súa banda, Telefónica continua coas súas visitas ao Museo Didáctico das Telecomunicacións da Coruña, iniciativa orientada a centros educativos, universidades e outros colectivos interesados. Nestas visitas, os participantes realizan un percorrido pola historia da telefonía e as telecomunicacións dende o pasado ao presente, dende Graham Bell ata a fibra óptica, explorando os equipos e dispositivos que foron dando servizo a través do tempo ata a actualidade e que aínda se atopan operativos. Trátase dunha visita deseñada dunha forma moi dinámica e práctica, na que os asistentes poderán coñecer en primeira persoa o funcionamento de diversos elementos históricos como telégrafos, terminais telefónicos, centrais, cables ou radios.
Do mesmo xeito, co inicio do curso escolar en setembro retomaranse as visitas guiadas polas instalacións do Data Center de Altia dirixidas aos centros educativos que conta con 400m2 de salas técnicas.
Fomento dos novos perfís dixitais
O avance das tecnoloxías dixitais na sociedade, no mercado laboral e na propia estrutura e natureza do traballo, está a cambiar as normas e as condicións ás que estábamos habituados. Os novos estudantes, titulados e profesionais vense obrigados a unha rápida adaptación ás novas demandas deste panorama cada vez máis dixital. Nese senso, continuaranse a desenvolver actuacións e iniciativas que axuden e impulsen ao talento galego na súa incorporación ao mundo laboral.
Así, do 6 ao 8 de xullo celebrouse na Facultade de Informática da Universidade da Coruña (FIC-UDC) as XXVIII Xornadas sobre a Ensinanza Universitaria da Informática (JENUI 2022), nas que participou NTT DATA promovendo o contacto, o intercambio e a discusión de coñecementos e experiencias entre profesores universitarios de informática e grupos de investigación.
Tamén no ámbito universitario, R continúa a impulsar a Cátedra interuniversitaria galega en ciberseguridade, que ten como obxectivo formar a estudantes universitarios e profesionais e divulgar coñecemento sobre a mellora das competencias neste campo. Pola súa banda, DXC brinda asesoramento especializado a alumnos/as en informática no desenvolvemento dos seus proxectos finais e realización de prácticas tuteladas, a través do Observatorio DXC.
Ademais, dende o primeiro trimestre, Altia xunto coa Amtega segue a achegar ao estudantado de Formación Profesional ao mundo laboral, alternando estancias formativas no Instituto e na empresa a través da súa iniciativa Altia FP Dual. Así mesmo, repite un ano máis as súas iniciativas Altia Staging e Altia TechDay, coas que fomenta o talento especializado en tecnoloxías avanzadas entre o alumnado universitario a través de workshops e proxectos de fin de grao e máster.
Atracción de talento no exterior
Por último, enfocado no ámbito do emprego, continua a actividade do Portal Retorna Dixital, un espazo dirixido a recoller ofertas de emprego do sector TIC, ofrecendo oportunidades aos galegos e galegas retornados e aos que aínda seguen fóra, de comezar unha nova carreira profesional neste sector en Galicia.
Toda a información sobre estas iniciativas, así como o resto de actuacións recollidas no catálogo DigiTalent encóntrase dispoñible no espazo web DigiTalent, que ofrece as datas, localizacións e instrucións para participar en constante actualización.
Actividades do terceiro trimestre de 2022 do Plan DigiTalent
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, presidiu hoxe o pleno anual do Observatorio da Sociedade da Información (Osimga), no que deu conta das medidas desenvolvidas neste último ano no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD 2030), impulsada desde esta axencia autonómica. Ademais, no pleno informouse do Plan de Traballo do Osimga para o próximo ano e fíxose balance do realizado en 2021.
Segundo destacou a directora en 2021 as actuacións da EGD 2030 mobilizaron máis de 300 millóns de euros dos que preto de 113 corresponden a capital privado. Estes investimentos permitiron avanzar nos 7 eixos que marca esta folla de ruta para consolidar a transformación dixital na Comunidade.
Balance de actuacións da Estratexia Galicia Dixital 2030
As medidas para avanzar un goberno dixital, máis eficaz e eficiente, permitiron que a día de hoxe ata un 95,5% dos procedementos habilitados na Sede Electrónica da Xunta poidan tramitarse electronicamente, e instrumentos como o Chave365 aproximáronse ao millón e medio de usuarios.
Durante o 2021 botou a andar ademais o III Plan Tecnolóxico da Administración de Xustiza de Galicia – Senda 2025 e aprobáronse a Estratexia Cloud do Sector Público Autonómico para o impulso do uso da tecnoloxía na nube e o Plan 2021-2023 de posto dixital avanzado do persoal empregado público.
Para avanzar de cara a unha sociedade máis dixital e inclusiva aprobáronse o Marco galego de competencias dixitais, xa en vigor desde xaneiro do 2022; e o Plan de Reforma e Ampliación da Rede de aulas CeMIT 2022- 2025, que transformará integralmente os centros da Rede en liña coas últimas tendencias arquitectónicas, tecnolóxicas e pedagóxicas.
No ámbito da saúde e o benestar social destaca a posta en marcha do sistema Passcovid.gal e o lanzamento da aplicación Sergas Móbil, que integra todos os servizos dixitais do Sergas. Ademais, a Comisión Europea seleccionou a plataforma TELEA, sistema de telemonitorización para o contacto entre pacientes e profesionais sanitarios, como modelo de boa práctica; e a aplicación AsisT.gal, que facilita a persoas maiores ou con necesidades especiais un contacto constante a través do móbil coa rede de servizos sociais ou coidadores foi recoñecida na XII edición dos premios SENDA baixo a categoría de iniciativa pública.
Para avanzar cara a un territorio intelixente, verde e resiliente, arrincou o desenvolvemento da Plataforma Galicia Territorio Intelixente, que será o instrumento de referencia para a xestión integral da información da rexión
No que se refire ao impulso da innovación dixital do medio rural e do mar iniciouse o proxecto Agro 4.0, que persegue a creación dunha plataforma de información agraria que actúe como canle de comunicación entre titulares de explotacións e Administración, e completouse o proxecto Lonxas Galegas 4.0, con novos sistemas de comercialización e xestión en funcionamento en 35 lonxas e confrarías.
En relación aos avances en materia de conectividade dixital, finalizouse o despregamento de redes de banda larga ultrarrápida en polígonos industriais e púxose en marcha o proxecto de mellora na cobertura móbil do rural. Ademais, seguíronse a implementar as actuacións recollidas no Plan de Modernización tecnolóxica da mobilidade en Galicia (e-Mobility).
No eido do turismo e a cultura destaca a activación da canle de difusión específica do Camiño de Santiago “¡Buen Camino!”, o lanzamento dunha nova campaña do BonoTurístico #QuedamosEnGalicia, tramitada integramente de xeito dixital, e o impulso á dixitalización dos fondos patrimoniais dispoñibles en Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia.
Para apoiar a transición dixital do tecido produtivo galego anunciouse a posta en marcha do Marketplace Galicia Calidade, que se constituirá como mercado dixital oficial dos produtores galegos, e presentouse o selo Galicia Calidade Alimentaria para produtos agroalimentarios de recoñecida excelencia, que terán un escaparate de difusión inmellorable no futuro marketplace.
Púxose en marcha tamén a oficina virtual para empresas no eido do emprego, que permite a xestorías e empregadores a mecanización da oferta de traballo de forma telemática.
Para apoiar a dixitalización das empresa publicáronse ademais distintas convocatorias de axudas, como o programa Re-Acciona TIC, que deu soporte a máis de 100 entidades no seu proceso de transformación dixital.
No que se refire ao fomento da especialización tecnolóxica do territorio, destaca o arranque da actividade do Centro GaiásTech ademais da constitución da Rede de Nodos de Especialización Tecnolóxica de Galicia, da que forman parte o nodo de 5G, o nodo de ciberseguridade CIBER.gal e o nodo de Intelixencia Artificial.
Durante o 2021 presentouse tamén a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial (EGIA), lanzouse un novo catálogo de actividades do Plan DigiTalent, que conta coa colaboración dos axentes do ecosistema dixital para seguir fomentando vocacións STEAM e facilitando o acceso ao mercado laboral do talento dixital galego.
Cómpre destacar, ademais, a configuración do ecosistema GobTech, que busca implicar ao tecido produtivo na xeración de produtos e servizos tecnolóxicos para o sector público baseados nas tecnoloxías disruptivas.
Compromisos do Osimga en 2021 e novas iniciativas para o 2022
No pleno tamén se deu conta do cumprimento dos compromisos adquiridos en 2021 como a realización de tres novos estudos: “As Competencias Dixitais da Poboación Galega”, “Galicia Dixital: Tecnoloxías Disruptivas nas empresas” e o Informe Rapaciñ@s. Ademais o Observatorio tamén deu continuidade aos Diagnósticos sobre a evolución do equipamento e uso das TIC nos distintos ámbitos de observación e renovouse a cooperación co IGE e o INE para os próximos catro anos a través de dous convenios de colaboración con estas entidades.
En canto ás novidades do Plan de Traballo para 2022 destacan novos informes e liñas de traballo para contribuír a cumprir coas liñas estratéxicas da Estratexia Galicia Dixital 2030.
Así na próxima anualidade elaborarase o informe “Seniors dixitais” para avaliar o grao de acceso aos recursos dixitais e o uso das tecnoloxías por parte da poboación galega de 75 ou máis anos.
Ademais, o Osimga realizará unha actualización do estudo de Competencias Dixitais da cidadanía galega. Este informe ten como obxectivo coñecer a situación e determinar as habilidades dixitais da cidadanía galega, analizándoas segundo os distintos perfís socio-demográficos e adaptándose á metodoloxía renovada por EUROSTAT no último ano, de acordo cos diferentes organismos estatísticos estatais.
Outro dos compromisos para a próxima anualidade é a actualización do estudo “Talento Dixital: Evolución da Traxectoria profesional dos perfís STEM de Galicia”, que permite avaliar de maneira transversal o Eixe de Especialización Tecnolóxica da EGD 2030. Ademais, no próximo ano continuarase coa análise específica das tecnoloxías disruptivas do sector TIC de Galicia.
O nivel de dixitalización dos rapaciñ@s galegos en 2021 é moi alto. O 91,5% dos rapaciñ@s de 5 a 15 anos usaron dispositivos electrónicos no último ano (teléfonos móbiles con capacidade de conexión a internet, ordenador de sobremesa ou portátil, táblet e similares). O crecemento é do 9,3% nos catro últimos anos.
Por idades, cabe salientar que a práctica totalidade (98,9%) dos rapaciñ@s de 10 a 15 anos empregan dispositivos electrónicos fronte ao 81,6% no caso dos máis pequen@s de 5 a 9 anos.
En todos os indicadores de dixitalización, as diferenzas de xénero d@s rapaciñ@s son mínimas ou nulas pero os rapaces tenden a dispoñer antes de acceso a algúns dispositivos.
Son datos recollidos no estudo “Rapaciñ@s dixitais”, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Este informe analiza os usos dixitais e dispositivos electrónicos polos rapaces e rapazas dos 5 aos 15 anos, comparándoos cos doutras idades. Tamén analiza o equipamento do que dispoñen nos seus fogares e centros educativos.
A maioría d@s rapaciñ@s xa navega por internet aos 5 anos
A Comunidade Galega conta cunhas características sociodemográficas particulares que deben considerarse cando se analiza o estado da sociedade dixital e inclusión dixital. Así, a poboación galega caracterízase por un nivel de avellentamento significativo. Menos do 12% da poboación de Galicia é menor de 15 anos, sumando arredor de 310 mil rapaces e rapazas, pero a súa concentración en determinadas áreas nas cidades ou as provincias de A Coruña e Pontevedra é aínda máis acusada que no caso da poboación global.
Neste contexto, máis dun 90% de rapaciñ@s accederon algunha vez a internet e o 88,7% fíxoo nos tres últimos meses, un 2,5% máis ca en 2020. Este indicador acada o 97,9% entre os nenos/as de 10 a 15 anos.
Os rapaces superan en 1,8 puntos porcentuais o uso de internet respecto das rapazas. Prodúcese unha incorporación máis rápida dos rapaces á rede, xa que entre os 5 e 9 anos, os nenos avantaxan ás nenas en 6,3 puntos porcentuais no uso de internet pero dos 10 aos 15 anos, a vantaxe desaparece e mesmo invértese lixeiramente a prol da rapazas (1 punto porcentual).
No que se refire á frecuencia de uso de internet, cabe salientar que o 56,5% de rapaciñ@s de 10 a 15 anos xa navegan a diario varias veces. Se lles sumamos tamén os/as que navegan 5 ou máis días á semana, obsérvase que un 78,5% de rapaciñ@s de 10 a 15 anos navegan 5 días ou máis á semana.
A convivencia con nenos e nenas en idade escolar é determinante no uso da Rede, así o 96,9% destes fogares usaron internet nos últimos tres meses e superan en 10,2 puntos porcentuais aos fogares que non conviven con rapaciñ@s.
O informe tamén indica que en 2021, o 64,6% dos rapaciñ@s usou ordenador nos últimos tres meses e case todos utilizárono para conectarse a internet. O smartphone foi utilizado polo 59,4% dos rapaces e rapazas de 5 a 15 anos e a porcentaxe supera o 75% na franxa de idade de 10 a 15 anos. Outros dispositivos móbiles, na maioría dos casos tablets, con capacidade de conexión a internet foron usados polo 62,6% dos rapaciñ@s.
Riscos no uso de Internet
Ante un uso cotiá, intensivo en cada vez mais temperán do uso das tecnoloxías por parte rapaces e rapazas, a concienciación sobre un uso seguro e responsable das mesmas cobra cada día mais importancia. Un recente informe de Unicef a nivel estatal elaborado e colaboración co Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación, Fomación e Universidades, xunto con este departamento doutras comunidades autónomas, pon de manifesto aspectos como que as as prácticas de sexting son cada vez máis habituais. O 25% recoñece que algún dos seus contactos envioulle algunha vez fotos, imaxes ou vídeos persoais de carácter erótico ou sexual (sexting pasivo) e o 8,4% recoñece envialos eles mesmas (sexting activo). A cifra de presións para o envío deste tipo de material é incluso superior (9,8%).
En contraposición a estes riscos so o 34,9% dos adolescentes sinala que os seus pais lles poñen algún tipo de normas ou límites sobre o uso da internet e/ou as pantallas; só o 28,2% limitan as horas de uso e o 13,7% os contidos aos que poden acceder.
Promover unha boa capacitación dixital de familias, menores e docentes é un dos obxectivos do Marco galego de competencias dixitais. É preciso non só saber usar a tecnoloxía senón coñecer os seus riscos e contar con ferramentas para facer fronte aos mesmos, e que o contexto dixital sexa un entorno saudable de formación, relación e desempeño profesional
Galicia entre as comunidades cos fogares e centros educativos mellor equipados para a educación dixital
O 95,2% dos fogares onde residen nenos/as en idade escolar, dispoñen de ordenadores, superando á media do resto de fogares en 21,6 puntos porcentuais.
A presenza de menores en idade escolar repercute de xeito positivo, non só na dispoñibilidade de ordenadores no fogar, senón tamén en todo o equipamento TIC nos fogares galegos.
A maior diferenza, de 32,6 puntos porcentuais, está na presenza de tablets, netbooks e outros dispositivos portátiles diferentes aos ordenadores e smartphones, seguido dos ordenadores portátiles, cunha diferenza de 23,8 puntos porcentuais. Tamén no caso de altofalantes intelixentes e dispositivos de seguridade con conexión a internet, a presenza nos fogares con rapaciñ@s é case o dobre respecto aos fogares onde non residen nenos/as.
O 99,6% dos fogares con nen@s en idade escolar dispoñen de internet, 7,4 puntos porcentuais máis que o promedio. Galicia ocupa 4º lugar en porcentaxe de centros educativos con velocidade de conexión superior a 100 Mbps. Supera á media do estado en máis de 37 puntos porcentuais.
No curso 2020-21, Galicia situouse no terceiro posto a nivel estatal na ratio de ordenadores por alumno nos centros educativos ao dispoñer dun ordenador por cada 1,7 alumnos, só superada por País Vasco e Estremadura. Galicia supera en 4,4 puntos porcentuais a dispoñibilidade de dispositivos interactivos dixitais, acadando o 70,2% e ocupando así o 6º posto.
O Entorno Virtual de Aprendizaxe (EVA) é un espazo educativo aloxado na web, un conxunto de ferramentas informáticas que posibilitan a interacción didáctica de xeito que o alumno poida desenvolver labores propias da docencia como realizar preguntas, exercicios, ler documentos... Galicia é líder estatal en porcentaxe de centros con EVA, mellorando a media estatal en 22,4 puntos porcentuais.
Os resultados detallados do informe “Rapaciñ@s dixitais” poden ser consultados en www.osimga.gal.