main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

22/06/202212:08
Mans tecleando nun portátil.
Santiago de Compostela

As asociacións galegas de software libre realizarán este ano máis de 20 actuacións en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

  • Un ano máis promoverán a difusión e o fomento do software e hardware libre a través de encontros, charlas, obradoiros e publicacións
  • Ao abeiro deste acordo Galicia acolle os vindeiros 24 e 25 de xuño o congreso de referencia en software libre a nivel nacional, o congreso esLibre que terá lugar en Vigo
  • Todas estas accións están enmarcadas no Plan de Software Libre que vén realizando a Axencia autonómica con periodicidade anual

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) apoia un ano máis ás asociacións galegas que promocionan e fomentan o emprego de software e hardware libre, a través dun convenio de colaboración. Ao abeiro deste acordo as asociacións realizarán máis de 20 actividades de difusión por toda a comunidade, abertas a toda a cidadanía.

As actuacións deste ano abranguen desde actividades de difusión con charlas, obradoiros, organización de eventos ou colaboracións con outro tipo de asociacións ata a publicación de recursos educativos ou catálogos patrimoniais e culturais.

Dentro do mundo do hardware libre, cada vez máis presente na nosa sociedade, organizaránse talleres de robótica e impresión 3D especialmente dirixidos ás xeracións máis novas, e tamén as súas nais e pais, para que poidan compartir tempo argallando sobre estas novas tecnoloxías. Os movementos maker tamén estarán moi presentes, con Proxectos  sobre o Internet das Cousas (IoT) ou solucións de domótica con hardware e software libre que poden ser replicadas de xeito sinxelo.

Cómpre destacar que este ano, ao abeiro deste convenio, celebrarase en Galicia, na cidade de Vigo os días 24 e 25 de xuño, o congreso esLibre, o encontro nacional de software libre máis relevante nestes momentos que traerá á comunidade a empresas e persoas dende diversos puntos da xeografía española. Ademais, ofrécese unha bolsa de viaxe que permite financiar o desprazamento a persoas de diferentes colectivos, co fin de fomentar a diversidade na participación do mesmo.

Asociacións galegas de software libre

En Galicia existe un importante núcleo de asociacións que teñen por obxectivo a difusión, promoción e fomento do uso do software e tamén o hardware libre. Son coñecidas como as AGUSL (Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre) aínda que hoxe en día evolucionaron e temos en Galicia un ecosistema moi rico con asociacións que tamén se dedican á difusión do hardware libre, con iniciativas baseadas na robótica, a impresión 3D ou ao Internet das cousas (IoT). Estas asociacións, formadas por persoas voluntarias, tenta facer chegar as vantaxes e o espírito de colaboración do software libre a través de diferentes actividades.

Impulso das accións

A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vén colaborando con este ecosistema cun convenio de colaboración de carácter anual, este ano cun importe de 30.000 euros, que lles permite realizar actividades con maior impacto, mentres que a Xunta de Galicia reforza así o seu compromiso de difusión do software libre entre a cidadanía, un dos eixos principais do Plan Anual de Software Libre. O carácter local destas asociacións permite que se fagan actividades de difusión en diversos puntos da xeografía galega, adaptadas ás diferentes realidades e necesidades, facilitando que máis persoas poidan participar das mesmas.

21/06/202216:24
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Os programas #IMPACT, de empregabilidade para persoas con discapacidade no sector da tecnoloxía da Fundación GoodJob, reciben o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino do CPEIG

  • Procuran a inserción laboral en empresas ordinarias dos sectores da ciberseguridade, cloud computing, programación SAP/ABAP, Big Data, Intelixencia Artificial, soporte IT e análise de datos
  • O director da Fundación GoodJob, César López, e o director académico dos programas #IMPACT, Román Ramírez, recollerán a distinción na gala da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 1 de xullo en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia á Fundación GoodJob polos seus programas #IMPACT de empregabilidade, online e de carácter gratuíto, impulsados co obxecto de dar acceso ao mercado de traballo ordinario a persoas con discapacidade no sector da tecnoloxía.

A Fundación GoodJob é unha organización sen ánimo de lucro destinada a mellorar a inserción laboral e fomentar a empregabilidade de persoas con discapacidade, buscando a súa integración no mercado laboral, con autonomía económica da persoa, a mellora da súa autoestima e o sentimento de pertenza á comunidade, co obxecto de garantir a súa igualdade de oportunidades e a plena integración na sociedade. “Pretendemos con los Programas #IMPACT que las personas con discapacidad reciban la capacitación necesaria para acceder a un empleo en el sector tecnológico con una alta demanda de profesionales, con posibilidades de crecimiento laboral y empleo estable” -explica o director da Fundación GoodJob, César López García–.

A pesar dos avances logrados nos últimos anos en materia de inserción por parte de axentes políticos, sociais e empresariais, a Fundación GoobJob sinala que unha de cada catro persoas con discapacidade en idade activa non ten traballo e moitas das que si traballan fano en sectores nicho ou empregos de baixa calidade e retribución. Neste punto, a Fundación GoodJob propón un novo modelo no que se aposta pola integración das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, a través de accións de formación profesional para o emprego, rutas de inserción socio laboral para superar situacións de exclusión, plans de integración laboral xunto ás empresas e con acompañamento por parte da Fundación, proxectos e programas e intermediación laboral.

O Programa IMPACT#include forma a 246 persoas con discapacidade no sector da ciberseguridade nas súas cinco edicións, cunha empregabilidade do 85% e a participación de 35 entidades colaboradoras.

Os programas #IMPACT teñen como obxecto ofrecer un maior abanico de actividades de base tecnolóxica, permitindo unha maior diversidade de roles e postos de traballo; crear máis capacitacións de impacto que permitan o acceso ao emprego nun período máis curto de tempo; aportar emprego con apoio intensivo por parte dun equipo multidisciplinar de profesionais da Fundación GoodJob; e fomentar a participación de profesionais das empresas na capacitación do participantes. 

Dentro do Programa #IMPACT existen varias etapas de acceso dependendo do perfil competencial dos participantes seleccionados. As dúas primeiras fases de entrada son o Programa IMPACT#cero e o Programa IMPACT#dev. As persoas con discapacidade sen ningún coñecemento en tecnoloxía entran primeiro no #cero, para definir a continuación cal é o seu programa destino. O Programa IMPACT#cero pretende que as persoas con discapacidade poidan obter habilidades e os coñecementos necesarios para poder acceder ao mundo dixital e integrarse e beneficiarse dun entorno cada vez máis tecnolóxico. A formación está destinada a 60 participantes por cada unha das dúas edicións que se organizan ao ano en España, cunha duración de catro semanas. Por outra parte, o Programa IMPACT#dev ten o obxecto de formar en contidos de programación básica, cunha formación para 15 participantes por edición e unha duración de catro semanas.

O Programa IMPACT#include dá acceso ao mercado de traballo ordinario a persoas con discapacidade no sector da ciberseguridade, para postos de operacións, seguridade perimetral, intelixencia, hacking, etc. É unha formación destinada a 60 participantes por edición, organizándose dúas por ano en todo o territorio nacional cunha duración de sete semanas. Formáronse 246 participantes nas súas cinco edicións, cunha empregabilidade do 85% e a participación de 35 entidades colaboradoras na integración de todos os participantes. Neste programa aportan gratuitamente tecnoloxías as empresas Cisco, Fortinet, Microsoft e Palo Alto.

O Programa IMPACT#cloud ten como finalidade que os participantes adquiran unha visión clara do que é o cloud computing e comprendan os beneficios e conceptos clave para ter así acceso ao mercado de traballo ordinario no sector tecnolóxico en cloud. O obxectivo é formar a 60 participantes por edición de todo o territorio nacional cunha duración de seis semanas.

O Programa IMPACT#denarius busca a empregabilidade en programación SAP/ABAP no sector tecnolóxico, para poder ocupar postos junior en entidades que desenvolven SAP para diferentes sectores, cunha formación para 15 participantes por edición e duración de catro semanas.

Tamén figura o Programa IMPACT#understand. Ten o obxecto de que os participantes adquiran coñecementos en Big Data e Intelixencia Artificial para desenvolver solucións de análise para todo tipo de sectores, cun curso de seis semanas que na súa primeira edición contará coa participación de 25 persoas.

O Programa IMPACT#data, destinado a persoas con discapacidade que xa cursaron os programas #include ou #cloud, está especializado en análise de datos en ciberseguridade (Elastic), que na súa primeira edición contará con 20 participantes cunha duración de seis semanas. E o Programa IMPACT#redes destínase á formación en soporte IT, cunha formación para 25 participantes por edición e unha duración de seis semanas.

A NOITE, a gala máis importante da informática en Galicia, celebrarase o 1 de xullo no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O director da Fundación GoodJob, César López, e o director académico dos programas #IMPACT, Román Ramírez, recollerán a distinción neste acto, punto de encontro entre as/os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. Os premios da Noite corresponden nesta edición a doce categorías onde o corpo colexial recoñece as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.

20/06/202212:00
Cables de rede de datos conectados.
Santiago de Compostela

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para dotar de conexión ultrarrápida áreas industriais e centros loxísticos

  • O obxectivo desta medida, destinada a operadores, é a cobertura de 68 ámbitos empresariais con redes gigabit
  • Está dotada con 4,3 millóns de euros procedentes dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea para a mellora da conectividade
  • As solicitudes poderán presentarse ata o próximo 21 de xullo a través da sede electrónica da Xunta de Galicia
  • Esta actuación complementará ás xa realizadas pola Xunta que permitiron dotar de cobertura de 350Mbps ao 93% dos polígonos industriais e ás liñas de axudas para empresas illadas e autónomos, cuxa terceira convocatoria se publicou este ano cun importe de 880.000 euros

 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas destinadas a operadores de telecomunicacións para a cobertura de 68 ámbitos empresariais con redes gigabit.

Conta cun orzamento de 4,3 millóns de euros para o período 2022-2023, e os operadores interesados dispoñen de 1 mes de prazo para presentar un ou varios proxectos cunha intensidade de subvención máxima do 80%.

Esta medida enmárcase no investimento C15.I2 do Compoñente 15 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia - Financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Esta é unha das catro medidas predefinidas polo Goberno de España para a mellora da conectividade no territorio, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, a través do cal Galicia recibirá 19,1 millóns de euros para reforzar a conectividade en áreas empresariais e centros loxísticos; á mellora da conectividade en centros públicos; á mellora das infraestruturas de telecomunicacións nos edificios e a axudas de 240 euros a colectivos vulnerables para a contratación de servizos de banda larga durante 1 ano.

Esta medida complementará as actuacións da Xunta neste ámbito, que grazas ao Plan de banda larga 2020 completou a dotación de redes de ata 350Mbps no 93 % da superficie empresarial ocupada e facilitou o acceso a redes ultrarrápidas a empresas illadas e autónomos con tres liñas de axudas, a última lanzada este ano cun importe de 880.000 euros.

En total o Estado destinará ás comunidades un 9% dos máis de 4.000 millóns de euros do plan. O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital resérvase, polo tanto, o 91 % dos fondos para resolver os problemas de conectividade fixa e sen fíos en todos os territorios e cumprir cos obxectivos que marca Europa. Entre eses obxectivos está o de que o 100 % da poboación teña acceso a banda larga de polo menos 100 Mbps.

A pesar das limitacións nas actuacións definidas, a Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, está a dirixirse a todos os concellos da nosa comunidade para colaborar na identificación de centros públicos e áreas empresariais susceptibles de beneficiarse destes fondos.

19/06/202215:54
Persoa maior usando un smartphone.
Santiago de Compostela

A Xunta abre á consulta cidadá para a aplicación que permitirá o acceso aos servizos da administración desde dispositivos móbiles

  • A “Xunta no móbil” é un dos obxectivos da estratexia Galicia Dixital 2030 e do Plan de Administración e Goberno Dixital 2025 para facilitar e estender o uso dos servizos dixitais
  • O portal da Xunta comezará a recibir a partir deste luns as ideas e opinións da cidadanía para desenvolver a App Xunta EU
  • A aplicación concentrará os principais servizos administrativos da Xunta, aos que se accederá dun xeito doado, inmediato, personalizado e adaptado as características dos dispositivos móbiles

Baixo o epígrafe “Eu participo”, a sede electrónica da Xunta de Galicia abre a partir de mañá luns a consulta cidadá para recibir as aportacións da cidadanía para o desenvolvemento da aplicación para dispositivos móbiles que concentrará os principais servizos da Administración dixital.

As persoas que participen nesta consulta poderán valorar a importancia dunha serie de servizos para a súa inclusión na aplicación, e poderán tamén suxerir outras funcionalidades para a nova ferramenta.

Xunta EU será a aplicación móbil de referencia e ofrecerá os servizos da administración dixital dun xeito doado, inmediato, personalizado e adaptado ás características dos dispositivos móbiles. Segundo se destaca dende a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, encargada da creación desta App, para o seu desenvolvemento primarase a accesibilidade e a usabilidade.

Entre os servizos que están previstos que estean incluídos na aplicación atópanse o acceso ás tarxetas acreditativas, como o carné xove ou a de familia numerosa, así como a obtención dos diferentes certificados oficiais.

A cidadanía poderá tamén xestionar desde teléfonos ou tabletas as citas coas oficinas de atención a cidadanía e rexistro, e recibirá todo tipo de avisos como o que advirte da proximidade da caducidade da Chave365.

A nova aplicación incluirá, entre outros aspectos, a xestión dos datos persoais da Carpeta Cidadá, a consulta de expedientes, a consulta das entradas realizadas no rexistro, a consulta de apoderamentos ou a consulta de prestacións dos Servizos Sociais. A aplicación permitirá tamén firmar de xeito electrónico documentos administrativos dende os dispositivos móbiles.

A través do teléfono, as persoas usuarias poderán tamén subscribirse a informacións da Xunta en función dos seus interese, así como trasladar todo tipo de queixas e suxestións.

A “Xunta no móbil” é un dos obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030 e estará incluído no III Plan de Administración e Goberno Dixital 2025 que será aprobado proximamente polo Consello de Goberno.

17/06/202216:07
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

Galicia inviste máis de 50 millóns de euros en acordos marco para avanzar na automatización de procesos e na incorporación de tecnoloxías avanzadas na administración a través de servizos na nube

  • Estes investimentos veranse reforzados co novo Plan de Administración e Goberno dixital 2025, que aprobará proximamente o Goberno galego
  • O novo Plan centrará as súas liñas de acción na xestión intelixente do dato, a proactividade e a accesibilidade na xestión dos servizos públicos
  • Ademais a Xunta está a reforzar as infraestruturas dixitais no territorio coa construción do novo Data Center e o Centro de Excelencia en Ciberseguridade
  • A responsable da Axencia autonómica participou hoxe nunha Mesa redonda organizada pola consultora EY en Madrid na que se abordou “A transición Dixital na Administración Pública”

Galicia inviste preto de 52 millóns de euros en acordos marco para avanzar na automatización de procesos e na incorporación de tecnoloxías avanzadas na administración a través de servizos na nube. Estes investimentos veranse reforzados co novo Plan de Administración e Goberno Dixital 2025, que aprobará proximamente o Goberno galego. Así adiantou hoxe a directora da Axencia para a Modernización de Galicia, Mar Pereira, na súa intervención na mesa redonda “A transición Dixital na Administración Pública”, organizada pola consultora EY en Madrid.

A xestión intelixente do dato e a aplicación de tecnoloxías vinculadas á intelixencia artificial xunto con outras tecnoloxías dispruptivas son os elementos diferenciadores do III Plan de Administración e Goberno Dixital 2025. Enmarcado na primeira liña estratéxica da Estratexia Galicia Dixital 2030 o novo Plan ten entre os seus obxectivos configurar a identidade dixital da cidadanía, consolidar unha Administración proactiva e persoalizada, e accesible que se adiante ás necesidades do cidadán; unha administración automatizada que impulsará unha xestión intelixente do dato para crear servizos innovadores.

A directora da Axencia destacou tamén o reforzo das infraestruturas dixitais do territorio coa construción dun novo Data Center, que permitirá duplicar as capacidades de procesamento e almacenamento de datos actuais e que estará dimensionado para xestionar o incremento de novos servizos dixitais; e a posta en marcha do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, que ten como obxectivo desenvolver a ciberseguridade como motor de transformación económica e social.

A directora da Axencia destacou que Galicia aposta por un modelo híbrido, a través de solucións en infraestruturas propias e de cloud publica. De feito licitarase en breve un acordo marco por 10 millóns de euros que dotará á Xunta de capacidades para avanzar cara a solucións en nube pública.

Lembrou tamén a aposta pola incorporación de tecnoloxías disruptivas no sector público que se concreta noutro acordo marco de 30 millóns de euros, ao que se presentaron  28 empresas, e que para avanzar na automatización licitouse outro acordo marco por 8 millóns de euros, que permitirá a adquisición de ata 50 robots que realizarán as tarefas máis rutinarias da tramitación administrativa. 

Preto de 60 millóns de euros investidos na eAdministración

Galicia iniciará o II Plan de Administración dixital tras unha década que permitiu acadar unha madurez nos procesos internos de dixitalización e un incremento na relación telemática entre os galegos e a administración grazas ás medidas postas en marcha polos dous plans anteriores nos que se investiron 59,9 millóns de euros.

Así no 2021, o 85% dos galegos e galegas que tiveron que facer xestións coa Xunta optaron por realizalas online. Son máis dun 8% respecto ao ano anterior e preto dun 60% respecto a 2019. Así o recolle o sistema de indicadores da Administración Dixital, accesible desde o Portal de Transparencia da Xunta, que reflicte a evolución de uso e implantación dos diferentes servizos dixitais da Administración autonómica. 

As notificacións electrónicas, que o usuario pode recibir no móbil en lugar de en papel a través da caixa de correo, incrementáronse máis dun 37% no último ano pasando de máis de 888.000 en 2019 a máis de 1,2 millóns en 2021. Máis de 1.428.556 de persoas dispoñen de Chave 365 rexistrando no 2021 un incremento de máis do 400% respecto ao ano anterior.

Galicia, no segundo posto da dixitalización administrativa

Neste sentido o esforzo de Galicia viuse reflectido ao situarse a cabeza do ranking estatal no nivel de madurez da dixitalización da Administración. O informe a Administración Dixital en España publicado por EY en 2019 situaba a Galicia no segundo posto no cumprimento das normativas de dixitalización cunha porcentaxe do 94%, só 0,5 décimas por detrás do País Vasco.

O informe destacaba un alto nivel de cumprimento dos requisitos das leis 39 y 40/2015 como asistencia ao cidadán e a empresa, as notificacións, o expediente documento e arquivo electrónico, a identidade dixital e a sinatura electrónica, o portal web e o rexistro electrónico.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS