
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Rede CeMIT, liderada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), participou esta semana no III Encontro de Dinamizadores de centros de competencias dixitais de toda España que se celebrou en Barcelona no marco do Foro Derechos Digitales baixo a dirección da asociación Somos Dixital e en colaboración coa Plataforma Red Conecta , Fundación Esplai e All Digital.
No encontro os dinamizadores dos centros de competencias dixitais participaron en mesas redondas, debates compartidos con profesionais e expertos, talleres e marketplace onde axentes implicados na defensa dos Dereitos Dixitais e representantes das políticas de transformación dixital expuxeron os avances e metas definidos neste ámbito.
Abordáronse tamén temáticas como a fenda dixital e os colectivos máis afectados para poder propoñer solucións e iniciativas conxuntas, así como, a presentación de proxectos que contribúen a aplicar iniciativas que favorecen os Dereitos Dixitais da cidadanía.
Ademais, entregáronse os Premios Somos Dixital no que a iniciativa impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e Agasol Girl STEAM derrubando estereotipos foi finalista na categoría Inclusión Digital .
Participación da Amtega no Foro Dereitos Dixitais
Durante a sesión de arranque, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia presentou o “Plan de reforma e ampliación da Rede de aulas CeMIT. Cara a plena capacitación dixital da cidadanía galega” na xuntanza de responsables de Redes co obxectivo de compartir experiencias e ideas inspiradoras entre os diferentes representantes das comunidades autónomas e organizacións que forman parte da Asociación Somos Digital.
Ademais a Axencia autonómica foi a encargada de realizar o relatorio inaugural do Taller “Persoas maiores e protección da saúde” onde se deu a coñecer con datos estatísticos o uso que fan as persoas maiores da tecnoloxía así como a súa evolución nos últimos anos. Tamén reflexionouse sobre as barreiras e o gran abano de oportunidades que a tecnoloxía pode ofrecer ás persoas maiores para o que é esencial que exista un acompañamento e se desenvolvan solucións adaptadas a este colectivo para permitirlles desfrutar da sociedade dixital sen vulnerar os seus dereitos e aproveitando os beneficios da sociedade do benestar.
A Rede CeMIT tamén estivo presente neste taller compartindo como exemplo de boas prácticas no impulso do acceso universal e igualitario á contorna dixital o proxecto “Camina en Digital” levado a cabo no marco da celebración do Día de Internet e que contou coa participación de máis de 700 persoas dos centros de competencias dixitais de toda España. Con esta iniciativa, conseguiuse capacitar ás persoas maiores no manexo das ferramentas dixitais para medir pasos e kms. nas súas andainas, así como sacar fotografías e vídeos e subilos ás redes sociais acadando os obxectivos de fomentar o uso da tecnoloxía por parte dos maiores e impulsar hábitos saudables.
No marco deste Foro tamén confluíron outros eventos como a celebración da Asemblea da Plataforma Red Conecta e a Asamblea e Xunta Directiva da All Digital que amplían o seu potencial e posibilitan interrelacións a nivel europeo así como o intercambio enriquecedor de experiencias e o networking entre os seus participantes.
Asociación Somos Digital
A asociación Somos Digital é unha entidade constituída no ano 2008 co fin de agrupar a institucións, entidades e colectivos que traballan na creación, dinamización e mantemento de espazos públicos destinados ao fomento da Sociedade da Información en España mediante a promoción do acceso da cidadanía á tecnoloxía.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica https://cemit.xunta.gal, impulsada pola Amtega, está integrada por 97 aulas, presentes en 91 concellos. Ou seu obxectivo é promover o uso da tecnoloxía e a adquisición de competencias dixitais entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital.
Facilitar e ampliar o uso da Chave365 é un dos obxectivos da Xunta para estender o uso da Administración electrónica entre a cidadanía. Por iso a Administración autonómica modificará a orde que rexe este sistema de claves concertadas para facilitar a identificación por videoconferencia e posibilitar o seu uso por persoas non residentes España.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia publica hoxe no portal de transparencia o proxecto de orde que permitirá estas modificacións e que está aberto a suxestións ata o vindeiro 16 de xuño.
Unha das modificacións do sistema é habilitar a identificación do usuario de Chave365 a través de videoconferencia, evitando a identificación presencial nunha oficina de rexistro ou a través da sede electrónica cun DNI electrónico.
Por outra banda para facilitar o uso de Chave365 por parte de persoas non residentes en España que non dispoñan de NIF o sistema creará un identificador co que poderán acceder.
O Servizo Chave365 entrou en funcionamento no ano 2015 para simplificar a xestión telemática ante as dificultades de uso do certificado electrónico
Para empregar este sistema o usuario só ten que darse de alta no servizo, verificando a súa identidade, ben a través da sede electrónica. ben nunha oficina de rexistro da Xunta, ou, en breve, a través de videoconferencia.
Unha vez verificada a súa identidade, o usuario recibe no seu móbil unha clave de acceso, que emprega xunto co seu NIF, ou un identificador no caso de non residir en España e non dispoñer de NIF. Deste xeito cada vez que queira realizar unha xestión, introduce a clave de acceso, o NIF ou o identificador na sede electrónica e recibirá automaticamente no seu móbil un código de sinatura dun só uso e válido durante 24 horas para realizar o trámite.
Uso da eAdministración
A dia de hoxe 1.428.556 persoas dispoñen de Chave365 rexistrando no 2021 un incremento de máis do 400% respecto ao ano anterior. Ademais o 85% dos galegos e galegas que tiveron que facer xestións coa Xunta en 2021 optaron por realizalas online. Son máis dun 8% respecto ao ano pasado e preto dun 60% respecto a 2019. Así o recolle o sistema de indicadores da Administración Dixital, accesible desde o Portal de Transparencia da Xunta, que reflicte a evolución de uso e implantación dos diferentes servizos dixitais da Administración autonómica.
As notificacións electrónicas, que o usuario pode recibir no móbil en lugar de en papel a través da caixa de correo, incrementáronse máis dun 37% no último ano pasando de 888.000 en 2019 a máis de 1,2 millóns en 2021.
Este consorcio, denominado Govtech4all, pretende abrir o mercado de tecnoloxía do sector público para garantir que os gobernos utilicen as mellores solucións, sen estar condicionados pola necesidade de axustarse mellor aos procesos de adquisición ou pola tendencia a adquirir tecnoloxía “autóctona”.
Segundo explican os promotores da iniciativa, “Govtech4all promoverá novos modelos de innovación do sector público” e permitirá que “os sectores público e privado, os organismos de investigación e as ONG traballen xuntos para aprender uns dos outros, ofrecer proxectos pilotos comúns e elevar o perfil de ‘govtech’ en cada país a un nivel que se poida considerar o da UE”.
O enfoque central do proxecto é a elaboración de entre catro e seis proxectos piloto conxunto nos que se aplique un amplo conxunto de metodoloxías de goberno intelixente. Neste contexto, “as incubadoras, os laboratorios de innovación e os equipos dixitais de ‘Govtech’ deseñarán os desafíos a través dun enfoque de creación conxunta”. Ademais, o consorcio terá tamén como obxectivo o de crear conciencia sobre os gobernos intelixentes, dispoñer dun mapa de situación sobre o desenvolvemento das administracións dixitais e compartir as leccións aprendidas entre os socios e outros actores da UE”.
No Acordo Marco de Asociación participan axencia e empresas de 15 países europeos: España, Bélxica, Portugal, Polonia, Países Baixos, Suecia, Grecia, Letonia, Luxemburgo, Alemaña, Estonia, Dinamarca, Lituania, Francia e Italia. Por parte de España, os asinantes ata este momento son o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, o concello de Madrid, a Lantik (sociedade participa en exclusiva pola Deputación Foral de Biscaia para a transformación dixital) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
O goberno intelixente en Galicia
Galicia conta xa cun proxecto propio de Goberno intelixente (GobTech), do que forma parte un acordo marco por importe de 30 millóns de euros para a contratación por parte da Administración autonómica e entidades públicas de servizos para o impulso de tecnoloxías avanzadas.
A Estratexia Galicia 2030 e a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial establecen a folla de ruta para o desenvolvemento dunha administración dixital avanzada e que utilice todos os recursos dispoñibles das tecnoloxías intelixentes.
A Estratexia promovida pola Xunta para toda a transformación dixital baséase en esquemas de colaboración entre administracións públicas e cos sectores privados reflectida nos nodos. Neste sentido, está en proceso de constitución o Nodo GalicIA, que acollerá a todos os axentes relacionados co desenvolvemento da Intelixencia Artificial baixo criterios éticos.
Este modelo de colaboración funciona xa en convenios como o que a Xunta asinou coas tres universidades do Sistema Universitario Galego para e elaboración de un estudo para a configuración dun marco ético e normativo para o desenvolvemento da Intelixencia Artificial.
Están tamén avanzados os traballos para avaliar e mellorar a eficiencia dos procedementos administrativos con tecnoloxías intelixentes, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. No marco deste convenio estase a desenvolver unha metodoloxía para a análise con técnicas de minería de procesos e a posta en marcha dun asistente virtual avanzado ao servizo da cidadanía.
Candidatura galega para a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial
Un dos resultados deste modelo de colaboración promovido pola Xunta en torno ás tecnoloxías intelixentes é o proceso en marcha para a presentación dunha candidatura galega para acoller a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial. Neste sentido, este fin de semana poñerase en marcha un espazo na web da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia no que se reflectirá o proceso de configuración desta candidatura, así como as diferentes adhesión que se están a recibir dende ámbitos como as universidades, os colexios profesionais, os clústeres e asociacións sectoriais, os centros tecnolóxicos e de investigación. Esta información pode ser consultada en amtega.xunta.gal/AgencIAparaGalicIA
Neste sentido, o Goberno autonómico reiterou que agarda que Galicia poida acoller a Axencia Española para Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) no contexto desta aposta polo desenvolvemento das tecnoloxías intelixentes.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, participa xunto aos máximos responsables en materia de dixitalización de diferentes comunidades autónomas nun encontro de traballo en Estonia. Ao longo de tres xornadas asistirán a diferentes encontros nos que coñecerán de primeira man as iniciativas de dixitalización de Estonia, un país pioneiro en Europa nesta materia que conseguiu configurar un ecosistema dixital, eficiente, seguro e transparente.
Estas xornadas de traballo, que comezaron onte e se prolongarán ata mañá, ofrecerán tamén a oportunidade de establecer liñas de colaboración en materia de innovación e tecnoloxía entre Estonia e as comunidades participantes. Nesta liña a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica avanzou que a Xunta incorporará ao seu novo Plan de Administración e Goberno Intelixente o desenvolvemento da identidade dixital da cidadanía, así como o impulso de mecanismos seguros de compartición de datos e a personalización dos servizos públicos.
O programa do encontro comezou onte cunha xornada centrada no eGoberno, na que explicaron as estratexias de Estonia para conseguir que o 99% dos servizos públicos do país sexan dixitais. A xestión do cambio e a formación en competencias son outra das claves da dixitalización de Estonia, que se abordará neste encontro.
Ademais, os representantes autonómicos coñecerán en detalle o sistema de identificación estonio, o máis avanzado do mundo, que facilita o acceso dixital a todos os servizos electrónicos que ofrece a Administración deste país. O seguinte encontro está centrado na interoperabilidade de datos, no que explicarán o funcionamento da plataforma X-Road, que permite que os diferentes sistemas de toda a Administración estonia se comuniquen entre sí.
Outro dos temas previstos no programa será a ciberseguridade, un aspecto no que Estonia ocupa unha posición de liderado en Europa. Ademais, a delegación de responsables de dixitalización das comunidades autónomas tamén coñecerá iniciativas e big data móbil aplicado ao transporte e o turismo e a iniciativa HK Unicorn Squad, un clube de tecnoloxía para rapazas, no que se forman en enxeñaría, programación, robótica ou multimedia.
A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha a Carpeta Persoal de Saúde, unha plataforma onde a cidadanía pode xestionar datos sobre a súa saúde e compartilos cos profesionais sanitarios.
Deste xeito, as galegas e galegos poderán rexistrar na súa Carpeta Persoal, accesible dende É-saúde, datos introducidos manualmente ou recollidos automaticamente dende dispositivos ou aplicacións que o cidadá emprega para monitorizar a súa saúde, como por exemplo: pulsímetros, básculas, pulseiras de actividade, reloxos intelixentes, etc.
Tamén poderá rexistrar información sobre aspectos clave relacionados coa súa saúde, como poden ser alerxias, antecedentes familiares, tratamentos, etc.
Xunto ao anterior, poderá rexistrar outros documentos como imaxes ou informes e probas diagnósticas que o paciente puidese realizar en diferentes provedores de saúde.
A plataforma permite que a cidadanía decida a información que quere compartir cos profesionais sanitarios e facerlla accesible. O profesional pode acceder dende IANUS ao apartado de historia clínica persoal e consultar a información da Carpeta Persoal de Saúde do paciente que estea a compartir. Ademais, os documentos compartidos polo doente poden ser incorporados polo profesional á historia clínica.
É-saúde renova ademais a súa contorna gráfica adaptándoa aos novos dispositivos móbiles e facéndoa máis sinxela.
Actualmente, 1.412.741 cidadáns acreditáronse en É-saúde a través do acceso seguro da Chave365. Desde É-saúde acceden ao mes unha media de 300.000 cidadáns a consultar os datos da súa historia clínica. Ademais de acceder aos informes de alta, probas de laboratorio ou datos de vacinación, os cidadáns descargaron xa máis de 350.000 probas de imaxe, 60.000 no último trimestre.
Esta canle de comunicación coa cidadanía complétase coa APP SergasMobil, utilizada xa por 1.823.773 cidadáns para levar consigo a súa tarxeta virtual, solicitar unha cita co seu médico ou descargar os seus certificados de vacinación. Desde SergasMobil descargáronse xa máis de 2.600.000 certificados de vacinación.