
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, asinaron hoxe o segundo convenio de colaboración co que o Proxecto Nós de Intelixencia Artificial ao servizo da lingua galega entra na súa segunda fase grazas á nova inxección económica de máis de 600.000 euros. Este novo acordo permitirá que os investigadores avancen co traballo de campo, deseñen prototipos dos recursos, experimenten cos primeiros demostradores e creen bancos de voz a disposición de toda a cidadanía para facilitar que empresas empreguen o galego nas súas tecnoloxías, entre outras accións.
“A Xunta e a Universidade realizamos o ano pasado un traballo frutífero de colaboración que nos permitiu planificar as distintas fases deste proxecto pioneiro. Identificamos liñas estratéxicas a desenvolver nestes anos e tamén as iniciativas que sería preciso levar a cabo. Agora damos un paso máis facendo que o Proxecto Nós entre nunha nova fase na que poderemos comezar a visibilizar os primeiros avances”, expresou Román Rodríguez.
Deste xeito, o primeiro acordo asinado en 2021, dotado con 150.000 euros, permitiu definir tres liñas de traballo centradas na conversación oral e escrita con persoas, na calidade da lingua e xestión da información. Asociadas a elas identificáronse, ademais, oito subproxectos para desenvolver nos próximos anos. O acordo asinado hoxe permitirá levar a cabo os seis de maior impacto que se centrarán na síntese de voz, no recoñecemento da fala, na xeración automática de textos, nos sistemas de diálogo, na tradución automática e na corrección e avaliación lingüística. En paralelo, dará visibilidade ao traballo realizado na elaboración dos corpus lingüísticos e modelos de lingua e tamén se van implementar os prototipos de probas como o recoñecedor automático da fala, entre outros, e algúns deles presentaranse en congresos especializados.
Repositorios abertos con licenza libre
Os investigadores do Instituto da Lingua Galega (ILG) e do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), ambos dependentes da Universidade de Santiago, crearán tamén recursos textuais e de voz que se porán a disposición de todas as entidades interesadas en repositorios abertos con licenza libre. Concretamente, crearase un banco de voces da lingua galega, por medio dunha plataforma áxil e flexible que permitirá rexistrar voces que len texto controlado. A participación neste recurso promocionarase mediante unha campaña de difusión. Ao mesmo tempo se creará un corpus de voz, audio e texto aliñados, de utilidade para o recoñecemento da fala; un corpus de voz a escala web, de utilidade para todos os subproxectos textuais, e outros paralelos galego-castelán e galego-inglés, de utilidade para a tradución automática.
Como expresou Román Rodríguez, estas iniciativas non só serán de utilidade para acadar os obxectivos do Proxecto Nós, senón tamén “para implicar a toda a sociedade galega nun proxecto de país como este, que nos permitirá chegar a onde o mercado non chega e que situará ao galego nas contornas dixitais”, indicou. De feito, ao estar dispoñibles en aberto, poderán servir para xerar modelos de lingua integrables en sistemas e aplicacións de empresas interesadas en utilizar o galego nas súas tecnoloxías. Tanto os demostradores como os corpus lingüísticos non serán produtos finais, pois continuarán a mellorarse en anos sucesivos con novos desenvolvementos e axustes.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia sinalou que o Proxecto Nós é un paso máis no camiño da Intelixencia Artificial, unha tecnoloxía de futuro que suporá o 16% do PIB ata o 2030 e milleiros de empregos. Neste sentido destacou que Galicia foi das primeiras Comunidades en contar cunha Estratexia Galega de Intelixencia Artificial apoiada polo Sistema Universitario Galego, os investigadores e os centros tecnolóxicos e que está a desenvolver un Plan de adopción temperá desta tecnoloxía no sector público. Ademais a implantación da IA debe ir acompañada dun marco ético adecuado para o que a Administración autonómica está a traballar coas tres universidades galegas na elaboración do Estudo do marco ético-normativo e o potencial impacto do uso das tecnoloxías intelixentes.
Por outra banda, Mar Pereira destacou que Galicia estase a postular para acoller a sede da futura Axencia Española de Supervisión da IA para o que xa remitiu a solicitude ao Ministerio e destacou que Galicia estase a posicionar para ter voz propia na Europa dixital.
Salto da calidade no fomento do galego
Este acordo supón seguir dando pasos no Proxecto Nós, que chegará ás tres universidades galegas enmarcado na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e ao que se pretende dedicar un total de 15,5M€, o maior investimento directo na promoción do galego en toda a historia. Con esta renovada colaboración, a Xunta e a USC pretenden acadar unha ampla variedade de recursos lingüísticos en galego de alta calidade que serán publicados en formato dixital baixo licenzas libres e a través de ferramentas con códigos abertos para ser empregados, libres e gratuitamente, en calquera tipo de soporte dixital polas diferentes institucións públicas, polos axentes que conforman o tecido económico empresarial e pola sociedade en xeral.
A Xunta puxo en valor o apoio e o traballo realizado pola Fundación Esplai ás persoas en risco de exclusión dixital. O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou hoxe na clausura e entrega de diplomas do curso de alfabetización dixital dirixido a mulleres marroquíes realizado por esta entidade no centro sociocomunitario de Cangas.
O director xeral sinalou que o Goberno galego destina preto de 140.000 euros a esta fundación a través da orde de axudas de iniciativa social e con cargo á casilla social do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF). A través destas axudas, a Xunta facilita a posta en marcha de programas destinados á formación adaptada, á inclusión sociolaboral ou á alfabetización dixital para persoas en risco de exclusión.
O curso realizado no centro sociocomunitario de Cangas iniciouse o pasado 6 de abril e tivo lugar cada mércores. Entre os contidos impartidos destacan o manexo de teléfonos intelixentes, navegación e comunicación por Internet, realización de xestións telemáticas e comercio online.
A transformación dixital e a innovación tecnolóxica avanzan a un ritmo sen precedentes, mellorando a calidade de vida das persoas e beneficiando transversalmente a todos os sectores da sociedade. Do mesmo xeito, presenta tamén novos desafíos, como a fenda dixital, que xera desigualdades entre aqueles colectivos máis vulnerables que teñen dificultades no acceso ou uso das tecnoloxías dixitais.
Nunha sociedade europea envellecida, o segmento das persoas maiores é cada vez máis numeroso. En España, nove millóns e medio de persoas son maiores, o que supón xa o 20% da poboación, unha porcentaxe que en Galicia é aínda maior e chega ao 25%.
O emprego das tecnoloxías dixitais por parte dos nosos maiores resulta cada vez máis relevante na súa vida diaria, axudándolles a participar de forma efectiva na sociedade, evitar a soidade e envellecer de forma saudable. Pero o proceso de transformación dixital marcha a gran velocidade, e os dispositivos, servizos e tecnoloxías requiren de adaptacións para este colectivo, facilitando así o seu uso e o exercicio dos seus dereitos en igualdade de condicións.
Nun esforzo por visibilizar esta coxuntura, este 2022 o Día de Internet céntrase na Internet e as tecnoloxías dixitais para as persoas maiores e o envellecemento saudable.
Nesta inquedanza compartida, Galicia continúa asumindo o compromiso e afronta o deber de facilitar o acceso e uso das tecnoloxías dixitais por parte destas persoas, e avanzar cara unha cidadanía plenamente integrada na sociedade dixital.
O Goberno galego leva máis de 10 anos apostando polo fortalezemento das políticas tecnolóxicas na nosa Comunidade, inicialmente coa Axenda 2014.gal e posteriormente, coa Axenda Dixital de Galicia 2020, que consolidaron as bases dunha sociedade máis inclusiva dixitalmente. Agora, a Estratexia Galicia Dixital 2030 toma o relevo e constitúe un punto de inflexión neste camiño, cunha nova folla de ruta orientada a non deixar a ninguén atrás no uso das novas tecnoloxías e reducir a así a fenda interxeracional.
Por iso, unha das metas para o ano 2025 é garantir que, cando menos, o 70% das persoas conten con competencias dixitais básicas e mellore ao mesmo tempo a seguridade de toda a cidadanía de Galicia no contexto dixital.
Neste contexto, a Xunta de Galicia súmase ás medidas do Manifesto do Día de Internet e comprométese a velar polo cumplimento deste decálogo para garantir a inclusión dos nosos maiores:
Nesta nova década, Galicia aposta firmemente polo impulso da alfabetización e capacitación dixitais e o aproveitamento do potencial tecnolóxico cun enfoque humanista, inclusivo e accesible, co obxectivo de consolidar un modelo de sociedade igualitaria que acompañe a todos os galegos e galegas no seu envellecemento e avance na súa inclusión e autonomía dixital.
A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia organiza o encontro virtual "Maiores e dixitalización" en conmemoración do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2022, coa participación de PuntoGal e a Cruz Vermella Galicia. Terá lugar o vindeiro 20 de maio ás 11.30 horas e consistirá nun coloquio no que os participantes achegarán a súa visión sobre a situación actual das persoas maiores ante a dixitalización e as tendencias futuras.
Acto organizado pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) enmarcado no plan de accións de difusión de 2022, en virtude do convenio coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), para a posta en marcha de actividades para o fomento da Sociedade da Información durante o ano 2022.
O Concello de Brión, en colaboración coa Fundación Mulleres, convoca nove cursos formativos gratuítos dirixidos a mulleres de 18 a 65 anos: nove actividades formativas que collerán corpo definitivo unha vez que haxa oito mulleres inscritas a través da web municipal, tendo preferencia as mulleres empadroadas en Brión.
Así, o Concello de Brión oferta seis cursos presenciais, de 6 horas cada un, sobre cuestións relacionadas coa busca activa de emprego: competencias dixitais, como preparar unha entrevista de traballo, como elaborar un currículo vitae e unha carta de presentación, manexo da rede social Linkedin, motivación ao emprendemento e educación financeira. Os outros tres cursos son de maior duración e terán lugar en liña: técnicas de busca de emprego (20 horas), procesos de selección (10 horas) e competencias persoais, que se desenvolverán ao longo de varias xornadas formativas. Máis información e inscricións na Casa da Cultura, no 981 50 99 08 (ext 32), empregobrion@gmail.com ou a web municipal (sección actividades-formación).