
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Axenda Dixital de Galicia 2020 a aposta por un uso intensivo da colaboración público- privada para impulsar a transformación dixital dos diferentes sectores económicos de Galicia. A directora da Axencia para a Modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou esta mañá que a Administración autonómica avoga por este modelo que axuda, ademais, a que as solucións innovadoras que se aplican teñan percorrido no mercado e axuden a visibilizar as vantaxes da dixitalización.
Durante a inauguración de Galicia TIC 2018, Mar Pereira afirmou que a transformación dixital nos segmentos empresariais de menor tamaño é un camiño de longo percorrido, que precisa dun liderado dentro da propia empresa e tamén de exemplos tanxibles que animen ás pemes a avanzar neste camiño.
Neste sentido, a responsable autonómica destacou os plans da Axenda Dixital galega para modernizar ámbitos clave como o Smart Turismo, orientado a impulsar Galicia como destino turístico intelixente; a Memoria Dixital para mellorar a accesibilidade e a conservación do patrimonio cultural galego; o Primare para promover a modernización dos sectores agrario e da pesca; o Dico Mindset para favorecer innovación e a competitividade non ámbito dos contidos dixitais ou o Plan de Modernización do Transporte por estrada.
Ademais destes Plans, a Axenda Dixital de Galicia 2020 contempla medidas para que as empresas integren a tecnoloxía nas decisións estratéxicas e operativas de negocio con programas específicos como o ReaccionaTIC, do que se beneficiaron 250 empresas en dous anos ou o AceleraTIC para directivos de pemes, no que participaron 50 empresas. AO Centro Demostrador TIC, punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda doutros sectores, desenvolveu máis de 400 actividades divulgativas desde 2015.
Con estas actuacións búscase que as pemes avancen no uso das TIC como un instrumento para posicionarse no mercado e mellorar a súa competitividade. O último informe do Osimga apunta avances da dixitalización empresarial pero constata a fenda entre as empresas grandes e as microempresas. Así mentres o 77,7% das empresas de 10 ou máis empregados dispón de páxina web, esta porcentaxe redúcese ao 26,2% das microempresas galegas. No caso do comercio electrónico, un 20,5% das empresas de 10 ou máis empregados venderon electronicamente os seus produtos ou servizos no último ano mentres que só o 2,4% das microempresas o fixeron.
Patrimonio cultural europeo é a temática proposta este ano para a III edición do concurso escolar Aprendo Programando, que organiza o CPETIG co obxecto de achegar a programación e integrar dentro do sistema educativo a crecente utilización das novas tecnoloxías por parte da infancia e da adolescencia.
O interese dos centros escolares por participar nesta iniciativa vai en aumento cada ano, de tal xeito que nesta edición practicamente se duplica o número de equipos inscritos, pasando dos 39 do pasado ano aos 72 equipos este ano. Deles, 57 son de alumnado de ESO e 15 son equipos de Primaria.
Aprendo Programando representa para o alumnado de Primaria e de ESO a oportunidade de adquirir habilidades mentais, ligadas ao pensamento computacional, mediante a aprendizaxe da programación a través do Scratch, e buscar a superación tanto a nivel persoal coma colectivo. Esta ferramenta didáctica abre numerosas posibilidades creativas, como desenvolvemento de xogos, historias interactivas, animacións ou programación de robots.
Cada centro participante ten que entregar un proxecto programado polo alumnado con Scratch e optar así aos premios do certame, que serán entregados o vindeiro mes de xuño.O CPETIG convoca esta iniciativa comprometido tamén co obxectivo de superar desde a infancia os estereotipos de sexo sobre a programación e potenciar as vocacións femininas pola informática. Neste contexto, amais do concurso Aprendo Programando organiza o Scratch Day, un evento didáctico e lúdico en el ámbito familiar, que este ano chega á súa IV edición.
Desde a súa creación hai pouco máis dunha década, o Scratch transformou a aprendizaxe de escolares moi novos, con máis de 18 millóns de persoas usuarias en todo o mundo e máis de 22 millóns de proxectos compartidos.
O Aeródromo de Rozas acolleu onte o acto de presentación do Mestrado Oficial Interuniversitario en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados, unha contribución formativa que se dirixe a fornecer ao sector de profesionais cualificados para o deseño, fabricación, certificación, operación e mantemento deste tipo de sistemas e tecnoloxías aéreas (UAV, drons e toda a tecnoloxía de control, manexo, seguimento e xestión dos datos que os acompaña). Segundo se fixo saber, o mestrado será impartido o vindeiro curso polas universidades de Vigo e Santiago de Compostela, concretamente pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense e a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo.
O acto contou coa asistencia de Arno Formella, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo; Higinio González, coordinador do mestrado por parte da Universidade de Vigo; Tomás Cuesta, director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría; Mª Luz Gil, coordinadora do mestrado por parte da Universidade de Santiago de Compostela; Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e Neves Seoane, responsable do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas.
Segundo explicaron, o Mestrado en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados é un posgrao oficial de carácter presencial que está estruturado en 60 créditos ECTS e que se imparte ao longo dun curso académico. O posgrao, “de marcada orientación profesional”, arrancará no curso 2018/2019 cun límite de 24 prazas, considerándose o perfil de ingreso recomendado calquera grao en enxeñaría ou física. A actividade formativa contará con dúas especialidades, unha de aplicación na xestión dos recursos da terra, liderada pola Universidade de Santiago de Compostela, e outra de enxeñaría de sistemas aéreos non tripulados, liderada pola Universidade de Vigo. Haberá prácticas obrigatorias de dous meses para todo o alumnado en empresas, centros de investigación e centros tecnolóxicos, sendo xa máis de 30 as entidades que apoian a posta en marcha deste programa oficial de posgrao.
O edificio CINC da Cidade da Cultura acolle este 24 de maio a XVI edición de GaliciaTIC baixo o epígrafe Tecnoloxías, capacidades e infraestruturas para a transformación dixital. O foro, unha xuntanza histórica na nosa historia tecnolóxico-informática, vén da man da asociación Ineo e de Inetec. A previsión é xuntar máis de 200 profesionais nunha xornada na que se sucederán relatorios, debates, mesas temáticas, unha competición de enxeñaría e diversas demostracións de produtos tecnolóxicos galegos. Entre as solucións en exhibición figura un innovador sistema que detecta e fai seguimento das traxectorias dos peóns.
Este sistema, como lembraremos, foi desenvolvido pola firma galega Xesol Innovation, empresa mergullada no ámbito da Internet das cousas (IoT) e especialmente orientada ao desenvolvemento de solucións para coche conectado e autónomo. Esta empresa mostrará nun coche o seu sistema de percepción dinámica da contorna que detecta e monitora o percorrido dos peóns. Ademais, exporá un sistema baseado en visión artificial que detecta fatiga, distracción e somnolencia no condutor.
Por outra banda, a axencia de mercadotecnia virtual DaVinci Factory realizará proxeccións holográficas e exemplos de realidade aumentada.
GaliticiaTIC 2018 dará comezo ás 10.00 horas, cunha sesión de inauguración na que participarán Mar Pereira, directora da axencia autonómica AMTEGA, Carlos Abal, presidente de Ineo, e Miguel Merino, profesor titular da Universidade de Vigo e, dende as súas primeiras edicións, principal impulsor deste evento tecnolóxico.
O evento ten varios obxectivos: por unha banda, analizar as tendencias actuais na transformación dixital e as oportunidades de negocio asociadas a elas para as TIC galegas; e doutra banda, sensibilizar ao resto de sectores sobre as vantaxes que carrexan as novas tecnoloxías e os procesos de dixitalización (aforro de custos, mellora de produtividade, redución de tempos, etc.).
Haberá cinco tipos de actividades diferentes: relatorios, clases maxistrais e mesas de debate (onde expertos do eido dixital como Andrés Martínez, desenvolvedor de programas de Google, ofrecerán a súa visión sobre as ferramentas de meirande futuro, botando luz sobre as capacidades e as infraestruturas existentes para impulsar a transformación dixital), mesas temáticas (con sesións que abordarán temas como a transformación do posto de traballo, a información a gran escala -Big Data- para optimizar e personalizar a oferta turística, a dixitalización nos estaleiros 4.0 ou a mellora dos procesos de negocio con traballadores virtuais, entre outras cuestións), competicións de enxeñaría (da man do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, convocando estudantes e profesionais e incluíndo un reto sobre o desenvolvemento, o proxecto e a planificación dunha Cidade Intelixente para unha poboación mediana de Galicia), demostracións (con showrooms e presentacións en vivo de produtos comercializados por tecnolóxicas galegas) e sesións de networking (con xeiras de traballo en rede entre os asistentes nas pausas do café, do xantar e das zonas comúns de lecer).
Aproveitando a celebración de ExpOtaku en A Coruña, o vindeiro sábado ás 20:00 horas presentarase o Master en Creación de Videojuegos da European Business Factory (EBF), que en contraste con outros mestrados ten unha forte carga humanística para que os alumnos aprendan a pensar o videoxogo (analizando a historia do medio), explorar o seu deseño e desenvolvemento (aprendendo a traballar con Blueprints en Unreal, así como animar e deseñar personaxes e escenarios dende cero) e tamén a coñecer as técnicas de marketing necesarias para publicar e vender a idea dun videoxogo e destacar nun mercado tan competitivo.
O mestrado terá unha duración de 500 horas e desenvolverase os venres de 16:00 a 21:00 horas e os sábados de 9:00 a 14:00 horas, e aínda que non esixe título universitario ou ciclo superior, recomendan vocación artística e paixón polo medio.
O prazo de matrícula para este mestrado está xa aberto, podendo informarse sen compromiso sobre o mesmo até o 7 de xuño, sendo a presentación no recinto de EXPOCoruña unha boa oportunidade para afondar nos contidos e formato deste mestrado profesional.