
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago ofrece no mes de xuño un ciclo de tres cursos de balde que teñen por obxectivo “a formación dos usuarios e das usuarias no eido das novas tecnoloxías”. Segundo informan os responsables do centro, as actividade formativas teñen en común (alén da súa temática compartida, aínda que botando luz sobre diferentes vertentes do dixital) ser actividades formativas de natureza práctica. O obxectivo? Que as/os participantes estean en disposición de aplicar todo o aprendido, punto por punto, na súa vida cotiá.
As sesións formativas desenvolveranse nas salas de traballo en grupo do terceiro andar e a biblioteca porá a disposición de cada un dos participantes un ordenador portátil con conexión a Internet vía Wi-Fi. Segundo explican os organizadores, é requirimento imprescindible que cada quen carrexe aos cursos un teléfono móbil para acceder á rede sen fíos local. Os cursos son os seguintes: Iniciación ao retoque de fotografía dixital con Gimp, Programación de aplicacións para teléfonos móbiles e Xestións por internet: banca online, eAdministración, eSaúde, servizos electrónicos. Serán impartidos por Manuel Alonso Arnejo. voluntario do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia.
O período de inscrición abrirase o 22 de maio e prolongarase ata o 6 de xuño. Requírese inscrición previa na páxina web da biblioteca. No mostrador de Información da biblioteca facilitarase un tríptico informativo a todas as persoas interesadas.
A obra social de Abanca, Afundación e a compañía de emprendimiento social activiza! celebran entre o 6 e o 21 de xuño, o curso 'Envellecemento Activo e Saudable' baixo o lema 'Base conceptual, tendencias e ferramentas prácticas para entender a revolución da lonxevidade'. A formación consta de 16 horas presenciais en cada unha das tres edicións que se pode cursar: A Coruña, o 6 e 7 de xuño; Ourense, o 13 e 14 de xuño; e Vigo o 20 e 21 de xuño.
A metodoloxía, impartida por persoas profesionais de activiza! e Afundación é "participativa e baseada na experiencia", matizan os seus responsables, partindo de formulacións teóricas para, posteriormente, "desenvolver dinámicas e exercicios nos que poñer en práctica os contidos teóricos", engaden, "así como adestrar novas habilidades".
En canto ás persoas destinatarias da formación, explican que estes cursos están dirixidos a profesionais do ámbito socio sanitario que queiran desenvolver a súa carreira profesional no ámbito das persoas maiores e o envellecemento activo; que desexen engadir novas ferramentas ao seu labor ou que, ofrecendo os seus servizos dirixidos ao público senior, teñan intención de dirixirse cara ao devandito público. Tamén para estudantes ou emprendedores que busquen orientar o seu desenvolvemento profesional no mencionado sector do envellecemento activo e saudable.
Para obter máis información podes facelo a través do: Observatorio estatal da discapacidade
O Observatorio Estatal da Discapacidade (OED) é un instrumento técnico que a Administración Xeral do Estado, a través do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade (Dirección Xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade e Real Padroado sobre Discapacidade), e a Junta de Extremadura, a través do Servizo Estremeño de Promoción da Autonomía e Atención á Dependencia, SEPAD, poñen ao servizo das Administracións Públicas, a Universidade e o Terceiro Sector, para a recompilación, sistematización, actualización, xeración e difusión de información relacionada co ámbito da discapacidade.
O OED ten o seu amparo no artigo 73 do Real Decreto Lexislativo 1/2013, de 29 de novembro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social. Configúrase como instrumento de promoción e orientación das políticas públicas de conformidade coa Convención Internacional sobre os dereitos das persoas con discapacidade.
As institucións promotoras do OED son o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade e o Real Padroado sobre Discapacidade, a Comunidade Autónoma de Estremadura a través do Servizo Estremeño de Promoción da Autonomía e Atención á Dependencia (SEPAD), o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade e a Universidade de Estremadura.
O Concello de Xermade (Lugo) organiza un curso de uso básico e configuración de teléfonos móbiles e smartphones dirixido a persoas maiores do municipio. A formación impártese entre o 22 e o 24 de maio en horario de 9 a 11 horas na Biblioteca Pública Municipal da localidade.
A formación é gratuíta e aínda dispón de prazas que se poden formalizar no teléfono do departamento de Servizos Sociais de Xermade: 982501001 ou na planta baixa do propio consistorio.
A iniciativa forma parte do programa de envellecemento activo 'Promoción da Autonomía Persoal das Maiores da provincia' que a Fundación TIC da Deputación de Lugo e o Concello de Xermade están a desenvolver na devandita localidade desde novembro de 2017 a xuño de 2018.
O Hipersector TIC galego concentra un total de 3.410 empresas e dá emprego a 21.973 persoas, a maior cifra de traballadores rexistrada nos últimos cinco anos. Estes datos sitúan a Galicia como a quinta Comunidade en volume de empresas desta área, unicamente superada por Madrid, Cataluña, Andalucía e a Comunidade Valenciana.
Así se recolle no estudo sobre o Hipersector TIC de Galicia, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e que se publica hoxe.
O 75,6% das empresas do Hipersector TIC inscriben a súa actividade no subsector TIC e un 24,4% no subsector de contidos e servizos audiovisuais
O Hipersector TIC galego continúa na liña de crecemento emprendedor xa iniciada no ano 2015, con 520 novas altas de empresas no último ano. Non obstante, o número de baixas incrementouse respecto do ano pasado, aínda que o saldo entre altas e baixas de empresas é positivo, con 90 entidades. O emprendemento foi especialmente significativo no subsector TIC, onde o saldo entre altas e baixas de empresas dá como resultado 140 novas entidades empresariais.
O emprego segue a medrar no Hipersector TIC
O emprego no Hipersector TIC en Galicia experimenta un crecemento sostido dende o ano 2014. No ultimo ano medrou un 3,4% e aproxímase aos 22.000 traballadores, a maior cifra dos 5 últimos anos. No subsector TIC rexistrouse un crecemento do 4,8% mentres que no subsector Contidos diminúe un 1%. `
Crece a porcentaxe de traballadores que cotizan no Réxime Xeral ata o 82,9% dos traballadores cotizan no Réxime Xeral e diminúe a porcentaxe no Réxime Especial de Autónomos, que se sitúa no 17,1%.
O emprego no Hipersector das tecnoloxías da información ten un alto grao de masculinización, algo superior ao ano 2016: o 65,7% dos traballadores son homes fronte a un 34,3% de mulleres. No subsector Contidos, a fenda é máis reducida, pois as mulleres representan o 41,7% dos traballadores/as fronte ao 32,1% do subsector TIC.
Contribución ao PIB e exportacións
O Hipersector TIC contribúe nun 2,1% ao PIB galego, destacando especialmente o subsector TIC, que representa o 1,8% do total desta contribución.
As exportacións de bens do Hipersector TIC en Galicia achegáronse no ano 2016 ata os 76,8 millóns de euros, case 4 millóns de euros máis que no ano 2015 (5,5% de incremento). O forte peso das exportacións do Hipersector débese fundamentalmente ao Subsector TIC, e, en maior medida, ás exportacións de equipos de telecomunicacións (CNAE 26.3) que representa o 59,6% do total das exportacións do Hipersector TIC.
Aposta polo investimento en I+D
Durante o ano 2016, 900 empresas galegas de 10 ou máis traballadores realizaron algún tipo de actividade innovadora. Se se amplía ao período de 2014 a 2016 son un total de 2.053 empresas de 10 ou máis traballadores as que realizaron algunha actividade de I+D, o que representa o 27,5% das empresas galegas. A nivel estatal, Galicia ocupa a sexta posición no ranking de empresas innovadoras no ano 2016.
Atendendo ao tipo de innovación realizada polas empresas, o 12,2% do empresariado galego realizou innovacións tecnolóxicas durante o período 2014-2016, situándose en valores similares á media estatal.
O gasto en innovación tecnolóxica en Galicia incrementouse nun 9,3% no último ano e acada os 504 millóns de euros. Ademais, durante o ano 2016 incrementouse nun 19,2% o número de empregados/ as que traballaban en I+D no tecido empresarial galego. Así, en Galicia traballan 9.367 persoas en I+D a xornada completa, o que supón o 4,5% do total de traballadores/as en I+D de España.
Galicia é a sexta Comunidade Autónoma con maior número de traballadores en I+D a xornada completa, incrementándose respecto ao ano 2015 nun 3,6%.