main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

29/05/201808:54
Presentación do Living Lab en Ourense.
Ourense

A Tecnópole e o CHUO impulsan a eSaúde en Ourense

A Tecnópole de Ourense (Parque Tecnolóxico de Galicia) vai dinamizar o laboratorio vivente (living lab) da área sanitaria da cidade e a súa contorna. Así o fixeron saber os días pasados os responsables do complexo empresarial, engadindo que o laboratorio vivinte abrirá ao remate do verán un proceso de recollida de ideas susceptibles de seren incluídas no traballo asistencial e logo comercializadas. O proxecto de living lab está a ser liderado polo Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). A Tecnópole, ao abeiro desta iniciativa, actuará como ligazón entre as empresas o laboratorio, identificando e dinamizando propostas que poidan incorporarse ao espazo de traballo e innovación. 

living lab liderado polo CHUO é un ecosistema de innovación aberta cun enfoque de co-creación sistemática, co fin último de aumentar a calidade de vida dos pacientes. A súa prioridade é integrar universidades, centros de investigación, empresas e administracións (o SERGAS) para “colaborar en solucións baseadas na innovación e a transferencia de coñecemento enfocadas á atención integral, as infraestruturas, a calidade asistencial e a xestión eficiente dos recursos”.

O seguimento remoto de pacientes, o control de satisfacción, a robótica, os novos materiais ou a impresión 3D son algúns ámbitos nos que xa se está a traballar. Os resultados obtidos serán compartidos no marco das redes de living labs a nivel europeo, o que abre esta xanela de oportunidade das empresas galegas ao ámbito internacional. A colaboración de Tecnópole na iniciativa enmárcase no seu programa de actuacións para promover a internacionalización do tecido empresarial galego a través da súa participación como entidade de referencia de Galactea Plus, o nodo da European Enterprise Network (EEN) no noroeste peninsular.

29/05/201808:49
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Emetel compartirá achados en protección na xornada de ciberseguridade do CPEIG

A firma galega Emetel Sistemas, especializada en servizos avanzados de comunicación e seguridade, mostrará o vindeiro 31 de maio, na terceira edición da Xornada de Ciberseguridade en Galicia que organiza o CPEIG, os seus achados recentes en protección tecnolóxica, entre os que se contan, por exemplo, a marca BE:SEC para a salvagarda dos datos e dos servizos de comunicacións de todo tipo de entidades, organizacións e empresas. Emetel, que como lembraremos foi elixida por IBM en 2014 como empresa referencial no ámbito da ciberseguridade, participará na devandita xornada galega, na sección de empresas, xunto con Microsoft, Symantec ou Google. 

Como sinalamos os días pasados, a terceira edición da Xornada de Ciberseguridade en Galicia conta co patrocinio da propia firma Emetel e a colaboración de ABANCA, Symantec, a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) e o Campus Innova (UDC). A cita será en Santiago, en horario de mañá, na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Con esta actividade, o CPEIG quere “conectar co reto da seguridade e a privacidade, unha das principais preocupacións de cidadáns, empresas e administracións públicas”. 

A xornada será inaugurada ás 10.00 horas por Fernando Suárez, presidente do CPEIG, Roberto Baratta (director de Prevencion Perdida, Continuidade e Seguridade en ABANCA), Manuel Lago (director xeral de Emetel) e Mar Pereira Álvarez (directora da axencia AMTEGA). Logo haberá relatorios sobre administracións públicas e protección TIC a cargo de Alberto Hernández Moreno (director xeral de INCIBE), Jose Luis Piñar (DPO do Consejo General Abogacia Española) e Javier Candau (xefe de Ciberseguridade do Centro Criptográfico Nacional – CCN). A continuación da pausa para café, será a quenda das empresas. Intervirán Rafael Ave, director de Transformación Dixital e Seguridade de Emetel, Julien Blánchez (Google Cloud at Google Inc), Fernando Rubio (Microsoft), Ramsés Gallego (Symantec) e Román Ramírez (co-fundador e co-organizador do evento RootedCON). O peche correrá a cargo de Fernando Suárez e Roberto Baratta.

28/05/201817:00
Persoa autónoma traballando.
Santiago de Compostela

A Xunta abre mañá o prazo de solicitude das axudas para apoiar a igualdade, a conciliación e a RSE nas pemes galegas

  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o programa que inclúe incentivos de ata 12.000€ para promover entre as pemes, micropemes e autónomos a obtención de certificados en RSE, a elaboración e implantación de plans de igualdade e a conciliación con apoios ao teletraballo e para a flexibilidade horaria
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria reforza esta iniciativa incrementando o orzamento nun 61% con respecto a 2017 ata chegar aos 1,3M€ para apoiar a 340 pemes
  • O Goberno galego aposta por que o tecido empresarial implante unha xestión baseada en comportamentos responsables, xa que a competitividade das empresas crecerá se existe un compromiso coa economía verde e a responsabilidade
  • O xoves 31 de maio celébrase en Santiago o I Encontro das empresas participantes na primeira edición do proxecto Responsabilízate promovido pola Xunta para impulsar a RSE no tecido produtivo galego

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o programa de axudas para impulsar en 340 pemes, micropemes e autónomos a igualdade laboral, a conciliación da vida laboral, persoal e familiar e a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) con axudas que poden chegar ata os 12.000 euros por empresa. O Goberno galego, no seu obxectivo de garantir a saúde e benestar dos traballadores e traballadoras, reforza este programa de apoios incrementando o seu orzamento en preto dun 61% con respecto a 2017, ata chegar aos 1,3M€. O prazo de solicitude ábrese mañá e rematará o próximo 28 de xuño.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria busca con esta actuación fomentar a RSE, a igualdade de xénero no ámbito laboral, a corresponsabilidade e a conciliación dos traballadores e traballadoras en equilibrio coas necesidades organizativas da empresa. As compañías que avogan por unha xestión baseada en comportamentos responsables son máis competitivas e desenvolven produtos e servizos de maior valor, o que tamén repercute na cidadanía.

A iniciativa establece tres liñas de axudas. Para a implantación da RSE apoiarase a obtención de certificacións ou de informes de verificación ou validación de códigos de conduta, normas ou estándares neste ámbito financiando o 80% dos custos do proceso de certificación ou verificación, cun máximo de 3.000 euros por empresa.

Así mesmo, apoiarase o proceso para a elaboración e implantación de plans de igualdade co 80% dos custes cun máximo de 3000 euros por compañía. Este ano, como novidade, financiarase o proceso para poñer en marcha este tipo de plans. O pasado ano estas axudas dirixíanse ás compañías que certificaban que dispoñían destes proxectos.

En terceiro lugar, para a conciliación da vida laboral, familiar e persoal, establécense incentivos para o fomento do teletraballo e flexibilidade horaria con axudas de 3000 euros por persoa traballadora beneficiada con límite máximo de 12.000 euros por empresa. Este incentivo incrementarase en 1000 euros para aquelas empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa, polo menos, igual que a masculina.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria tamén dispón de axudas para a adquisición de elementos tecnolóxicos que faciliten o teletraballo, financiándose ata o 80% do investimento co tope de 1500 euros por persoa traballadora beneficiada e co límite máximo de 5000 euros por empresa. A intensidade desta axuda verase incrementada nun 10% para aquelas empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa, cando menos, igual á masculina.

 

I Encontro Responsabilízate

Para o Goberno galego é na actualidade unha prioridade difundir os valores da RSE entre o tecido produtivo, axudando ás empresas a crecer e gañar en competitividade.

Neste ámbito, a Xunta conta con outras ferramentas e programas para a divulgación da RSE como Xeración Responsable, para inculcar entre a mocidade a importancia que ten no día a día a integración de comportamentos socialmente responsables, ou Responsabilízate, de asesoría personalizada ás pemes. Sobre este último proxecto, a Xunta celebra este xoves 31 de maio en Santiago o I Encontro das empresas participantes na primeira edición deste programa.

O obxectivo do acto, que terá lugar ao longo da mañá, no Hotel Puerta del Camino, é presentar os resultados das actividades que se levaron a cabo a través desta iniciativa e difundir algunhas das boas prácticas en materia de RSE recollidas dentro do mesmo. Tratarase dunha xornada participativa e dinámica, tanto en canto un grupo de empresas participantes exporán as súas experiencias e actuacións en materia de RSE.

Así mesmo, contarase coa presenza do director da Fundación Más Familia, Roberto Martínez, que exporá a súa visión sobre a RSE como elemento clave para a competitividade empresarial.

Un total de 127 pemes galegas participaron na primeira fase do programa Responsabilízate a través da cal, co acompañamento dun titor, as empresas puideron diagnosticar o seu estado de avance na RSE e recibiron formación na materia. Un total de 103 pasaron á segunda fase que se centrou na elaboración e implantación do plan de acción da RSE.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca Carús, pechará a xornada expoñendo as diversas iniciativas postas en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar a RSE e fará entrega do certificado de participación ás empresas participantes na primeira edición do proxecto.

Galicia é pioneira a nivel nacional na aposta pola RSE para acadar un verdadeiro emprego estable e de calidade. De feito, foi en 2012 unha das primeiras comunidades en poñer en marcha un plan específico de RSE.

28/05/201812:10
Pantallazo de lectura fácil en Tecnobility.
Santiago de Compostela

Noticias en Lectura Fácil para persoas con discapacidade cognitiva

'Tecnobility' ofrece todas as súas noticias en versión de 'lectura fácil', un método de redacción dos textos que se utiliza para facilitar a comprensión das informacións por parte das persoas con discapacidade cognitiva, segundo deu a coñecer o medio de comunicación 'online'.    

Deste xeito, os visitantes da páxina web atoparán en todas as novas informacións un rectángulo azul debaixo do encabezado da noticia no que se le 'Lectura Fácil'. Así, se se pica no recadro despregarase un novo campo no que aparece un resumo da noticia escrito en Lectura Fácil.    

Para a redacción destes resumos en lectura fácil, o equipo de Tecnobility formouse seguindo as recomendacións de Inclusion Europe, que é a Asociación Europea de Persoas con Discapacidade e as súas Familias.   

O portal de noticias 'Tecnobility' iniciou a súa andaina o 25 de maio de 2017 co foco posto na información global especializada en tecnoloxía co obxectivo de "axudar aos 4 millóns de persoas con discapacidade que hai en España e os case 9 millóns de persoas maiores a acceder á tecnoloxía que poida supoñer unha verdadeira mellora da súa calidade de vida".    

"Se os avances tecnolóxicos e os novos dispositivos e aplicacións son importantes para calquera persoa, os seus beneficios multiplícanse exponencialmente no caso das persoas con discapacidade e as persoas maiores, xa que poden supoñer un cambio radical nas súas condicións de vida e na súa autonomía", argumentaba a compañía.    

'Tecnobility' é un portal de noticias que ofrece información actualizada dunha forma sinxela e accesible. O contido inclúe noticias de actualidade, reportaxes con vídeos, análises de dispositivos e guías de uso para facilitar o acceso das persoas con discapacidade e maiores a todas as utilidades e axudas de accesibilidade.    

A páxina web é accesible para persoas con calquera tipo de discapacidade xa que foi deseñada por Ilunion, que achegou o seu coñecemento e experiencia no desenvolvemento de páxinas accesibles e sustentables, e cumpre cun nivel de conformidade Dobre A en función das pautas WCAG.    

A web está dividida en seccións, sendo as máis relevantes as dedicadas a Discapacidade e a Maiores. Así mesmo, inclúe dúas seccións moi especiais: por unha banda Tecnobility Kids, que está centrada en xoguetes adaptados e dispositivos e aplicacións pensadas para nenos con discapacidade; e, por outro, Tecnobility Life, que é o portal sobre Internet das cousas (IoT), smart cities e domótica.

28/05/201812:02
Presentación do Mestrado en Creación de Videoxogos.
A Coruña

EBF presentou o seu mestrado de videoxogos na Coruña

O pasado sábado aproveitouse a celebración de ExpOtaku no recinto de EXPOCoruña, edificio no que tamén está a sede da European Business Factory (EBF), para presentar oficialmente o Mestrado en Creación de Videoxogos que botará a andar a finais de ano e que durante 500 horas buscará formar aos participantes no proceso de creación de videoxogos dende un enfoque humanístico, ou sexa, que incidirán máis nos labores creativos que na aprendizaxe de ferramentas técnicas.

Para afondar neste mestrado, o seu coordinador, Adrián Suárez Mouriño, autor do libro Sobre Marioque o vindeiro xoves presentarase na libraría Arenas da Coruña, fixo un repaso da súa estrutura e insistiu no feito de que buscan formar un equipo que principalmente teña paixón polos videoxogos e que poida destinar grandes esforzos ao mestrado profesional que non só estará composto por 500 horas de formación, senón que tamén precisará de traballo por parte dos alumnos para conseguir superar os obxectivos establecidos para así poder desenvolver un digno traballo de fin de mestrado.

Suárez convidou aos asistentes a manifestar o seu interese por esta iniciativa formativa, destacando que conta con interesantes bolsas para que os cartos non sexan un grande atranco para conseguir a formación precisa para poder dar o salto profesional ao que xa é o principal sector cultural en volume de negocio.

Este mestrado desenvolverase en xornadas de venres (de 16:00 a 21:00 horas) e sábado (de 9:00 a 14:00 horas), e pese a estar aínda iniciando a súa promoción, xa conta cun bo volume de persoas interesadas en participar no mesmo, dado o atractivo que ten o sector dos videoxogos de cara a unha proxección profesional.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS