main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

30/05/201808:22
Cartel do evento.
A Coruña

MOLAB celebrará a súa primeira Game Jam

A asociación estudantil coruñesa Monkey Laboratory (MOLAB) convoca entre os días 8 e 11 de xuño a I MOLAB Gamejam, unha competición de creación de videoxogos durante 72 horas en grupos de até 4 persoas de xeito non presencial (xa que aproveitarase a plataforma en liña Itch.io), cunha temática que desvelarase no día de inicio do evento.

Tras o traballo conxunto, o luns 11 de xuño a partires das 18:00 horas realizarse unha mostra pública dos xogos desenvolvidos, que avaliaranse por parte dun xurado composto por profesionais galegos do sector tecnolóxico e dos videoxogos (Polygon-e, SYBIC, Imaxin Software e Gato Salvaje) xunto co decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da UDC, onde ten lugar esta interesante actividade. O resultado da competición darase a coñecer ás 19:30 horas, galardoándose ao mellor videoxogo, o mellor deseño de xogos, o mellor deseño artístico e o mellor deseño sonoro. Os trofeos entregaranse en persoa, pero tamén poderá seguirse a entrega de premios en directo a través de Twitter e Twitch.Paralelamente, o día 11 de xuño ás 18:00 horas tamén organizarase unha competición de videoxogos clásicos de recreativa nunha máquina construída na propia facultade.

30/05/201808:00
Casas destruidas vistas desde o ceo en Tui.
Tui

A veciñanza de Tui abre campaña na plataforma GoFundMe para reconstruír fogares

Seguen sendo as redes material de primeira liña para a colaboración entre persoas? Sen dúbida si, e non está de máis que recordemos unha vez máis, nestes tempos de anti-ciberseguridade e riscos dixitais diversos por mor dun mal uso das mesmas. Un exemplo de como a solidariedade atopa nas tecnoloxías unha das súas principais valedoras é que está a acontecer estes días en Tui, onde, logo da catástrofe do estoupido do almacén de pirotecnia do pasado 23 de maio, vense de poñer en marcha, da man da propia veciñanza, unha campaña de microcenado para axudar ás familias que se atopan desaloxadas aínda. A iniciativa estase a materializar en GoFundMe, a plataforma tecnolóxico-social de recollida de doazóns e crowdfounding. O obxectivo é recadar 200.000 euros. 

As/os impulsores da campaña informan, acompañando o lanzamento da mesma, que cómpre que teñamos en conta que unha vintena de fogares ficaron totalmente destruído tras a explosión, e que outro centenar tivo danos por mor do estoupido da polvoreira do almacén ilegal de Páramos, propiedade de La Gallega (a explosión, que tivo un radio de alcance de 300 metros, provocou a morte dun matrimonio de orixe magrebí, ademais de deixar a 37 persoas feridas).

Liderando a campaña atópase Andrea Costa Amorín, veciña da localidade afectada, que recorreu á solidariedade dos internautas para que as persoas que foron reacollidas en hoteis poidan “ter unha vivenda nova canto antes”. Os fondos recadados irán destinados á conta oficial que abra o Concello de Tui.

30/05/201807:58
Cartel do programa.
Santiago de Compostela

IBM encabeza a iniciativa "Call for Code" para utilizar tecnoloxías cloud, de datos, intelixencia artificial e blockchain para axudar nos desastres naturais

  • IBM investirá 30 millóns de dólares durante cinco anos nesta iniciativa que busca unir aos desenvolvedores para que co seu traballo axuden a resolver problemas sociais perentorios e tamén participa a Oficina de Dereitos Humanos da ONU e a Cruz Vermella da man da Fundación Linux e o creador David Clark Cause.

 

IBM e un grupo de organizacións presentaron a iniciativa "Call for Code", o maior e máis ambicioso esforzo para unir a desenvolvedores de startups, empresas e universidades para resolver un dos problemas sociais máis relevantes do noso tempo: previr, responder e recuperarse dos desastres naturais. Durante unha charla maxistral na Conferencia VivaTech en París, a presidenta e CEO de IBM, Ginni Rometty, fixo un chamamento á industria tecnolóxica para axudar a construír un futuro mellor. Rometty comprometeu a tecnoloxía de IBM e un investimento de 30 millóns de dólares durante cinco anos nunha iniciativa anual e global denominada "Call for Code". O seu obxectivo é unir aos desenvolvedores de todo o mundo para que utilicen a análise de datos e as tecnoloxías de IA, blockchain, cloud e IoT para abordar diferentes desafíos sociais.

 

"Desde IBM queremos impulsar o poder de tecnoloxías como a IA, blockchain, IoT e cloud para enfrontarnos a algunhas das máis grandes oportunidades e desafíos empresariais", dixo Bob Lord, director de estratexia dixital de IBM. "Agora, con Call for Code, facemos unha chamada a todos os desenvolvedores para que se nos unan e utilicen estas tecnoloxías de vangarda para axudar ás persoas, ás comunidades e á sociedade".

 

A través de "Call for Code", IBM e David Clark Cause uniron esforzos coa Oficina de Dereitos Humanos das Nacións Unidas e a súa aproximación á acción humanitaria baseada nos dereitos humanos, que se enfoca en asegurar a participación dos grupos afectados na súa preparación, resposta e esforzos de recuperación, e en atraer a atención cara ás poboacións máis excluídas e marxinadas.

 

"A tecnoloxía pode ser unha ferramenta poderosa para avanzar nos dereitos humanos e construír sociedades máis equitativas. Call for Code é unha excelente oportunidade para explorar como a tecnoloxía pode xogar un papel na solución dos problemas das poboacións máis vulnerables e daqueles que están en risco de que os seus dereitos humanos sexan violados no contexto das crises humanitarias", apunta Laurent Sauveur, director de relacións externas da Oficina de Dereitos Humanos de Nacións Unidas.

 

Call for Code tamén integra a estratexia da Cruz Vermella América que busca novas vía para dar apoio ás vítimas de desastres, especialmente tendo en conta que 2017 foi un dos peores anos en número de catástrofes, incluíndo lumes, inundacións, terremotos e tormentas.

 

"Responder a desastres nacionais e internacionais de grande escala é un traballo de equipo, e estamos entusiasmados coa idea de aproveitar os coñecementos e puntos de vista da industria tecnolóxica para enfrontarnos aos desafíos globais", afirmou Brad Kieserman, vicepresidente dos Servizos de Desastre da Cruz Vermella América. "Acordos e tecnoloxías como estes permiten responder de maneira máis intelixente, o que é crítico para axudar a aqueles que o necesitan de maneira rápida e eficaz".

 

"Call for Code" convida aos desenvolvedores a crear novas aplicacións que axuden ás persoas e ás comunidades para estar máis preparados ante os desastres naturais. Por exemplo, os desenvolvedores poden crear unha aplicación que use datos do tempo e información da cadea de subministración para alertar ás farmacias da necesidade de que aumenten as súas existencias de medicamentos, auga embotellada ou outros artigos baseándose na predición de mal tempo. Ou construír unha aplicación que prediga cando e onde os desastres poderían ser máis severos, de modo que os equipos de emerxencia poida chegar antes de tempo e nun número adecuado para tratar aos afectados.

 

O investimento de IBM de 30 millóns de dólares durante cinco anos financiará o acceso a ferramentas de desenvolvemento, tecnoloxías, código gratuíto e formación con expertos. O equipo gañador recibirá un premio económico e terán acceso a asesoramento a longo prazo para mover a súa idea de prototipo a unha aplicación para o mundo real. Isto inclúe asesoramento de maneira continuada por parte da Fundación Linux aos desenvolvedores.

 

Ademais, o equipo gañador pode pasar a formar parte dos equipos do programa de Responsabilidade Social Corporativa de IBM - Corporate Service Corps", (CSC) para aplicar a súa solución, coa axuda de expertos de IBM, en beneficio dunha entidade local. Os equipos de IBM CSC son multi-disciplinares e están formados por expertos de IBM  que pasan entre catro e seis semanas en comunidades desatendidas en todo o mundo aplicando tecnoloxía para axudar a resolver os problemas locais.

 

Como participar en Call for Code

  • Os desenvolvedores poden rexistrarse na Web de Call for Code.
  • Os proxectos poden entregarse por persoa -ou equipo de ata 5 persoas- entre o 18 de xuño de 2018 e o 31 de agosto de 2018.
  • Trinta semifinalistas serán seleccionados en setembro de 2018. Un xurado prominente que incluirá a algúns dos tecnólogos máis emblemáticos do mundo elixirá os tres finalistas.
  • O gañador será anunciado en outubro de 2018 durante un concerto en vivo coordinado por David Clark Cause.

Os detalles adicionais e un calendario con todos os eventos presenciais, virtuais e de formación para o Call for Code están dispoñibles na Web de "Call for Code" en IBM e o acceso a esta noticia na Web de IBM sobre o Call for Code.

29/05/201816:10
Mar Pereira asinando o convenio.
Santiago de Compostela

Feijóo avanza que o CETISS impulsará a transformación dixital no ámbito socio sanitario en eidos como o envellecemento activo, a tarxeta social, o fogar dixital ou a alimentación saudable

  • Asevera que este centro, que comezará a súa andaina este verán, concentrará coñecemento e actividades de innovación para afrontar e dar resposta aos retos nestas áreas
  • “Participar na revolución tecnolóxica supón deixar un legado de prosperidade para os que nos han suceder”, afirma
  • Destaca a consolidación da Cidade da Cultura como “polo dixital de Galicia” onde se atopa a sede da Amtega e o Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta; e onde traballan máis de 400 tecnólogos
  • Lembra que Indra xa participou noutros proxectos de relevancia para a Comunidade como a transformación dixital da Sanidade coa Historia clínica electrónica ou a Historia social única

 

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a creación do Centro de Excelencia en Tecnoloxías Innovadoras no Ámbito Socio Sanitario permitirá impulsar a transformación dixital en eidos como o envellecemento activo, a tarxeta social, o fogar dixital ou a alimentación saudable.

Durante a sinatura do convenio entre Indra e a Administración autonómica para a súa posta en marcha, Feijóo aseverou que este centro, que comezará a súa andaina este verán, concentrará coñecemento e actividades de innovación tecnolóxica para afrontar e dar resposta aos retos nestas áreas, coa formación dunha comunidade estable entre empresa, Universidade, institucións sanitarias e centros I+D+i. Ademais, concibirá produtos e solucións que se poidan exportar e terá un centro demostrador de produtos.

Feijóo lembrou que a Xunta iniciou en 2009 unha firme aposta pola tecnoloxía, establecendo unha folla de ruta ata 2020, que permitirá un investimento de ata 3000 millóns de euros entre capital público e privado na transformación dixital da Comunidade. “Participar na revolución tecnolóxica supón deixar un legado de prosperidade para os que nos han suceder”, afirmou.

Unha acción que está enmarcada no Gaiás, onde se atopa a sede da Amtega e o Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta; e onde traballan máis de 400 tecnólogos entre profesionais TIC da Administración e traballadores de empresas tecnolóxicas que colaboran en iniciativas da Axenda dixital de Galicia 2020. O presidente destacou que con este convenio para crear o Centro de excelencia en Tecnoloxías Innovadoras no Ámbito Socio Sanitario, no que traballarán entre 35 e 50 persoas, se suma unha nova iniciativa que consolida a Cidade da Cultura como “polo dixital de Galicia”.Ademais, incidiu en que todas son iniciativas que tratan de mellorar o día a día dos cidadáns e de xerar oportunidades na Comunidade.

Nesta liña, referiuse a modo de exemplo a outras iniciativas da Axenda Dixital 2020: á dixitalización do patrimonio cultural galego; á modernización do sistema de transporte por estrada; ao avance na dixitalización dos servizos sociais como a posta en marcha da Historia social única electrónica, á que xa se adheriron máis de 200 concellos e que xa conta con medio millón de expedientes dixitais; á mellora das infraestruturas de telecomunicacións; ou á aposta pola seguridade e a dispoñibilidade dos servizos, cun plan de seguridade horizonte 2020.

Así mesmo, o presidente da Xunta subliñou que a creación do CETISS é froito do Pacto dixital de Galicia, asinado en 2013 con varias empresas, entre elas Indra, para seguir traballando no ámbito tecnolóxico. Ademais, en virtude deste convenio, Indra colaborará no Plan de talento dixital de Galicia para fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas desde idades temperás con iniciativas como as Bolsas Áncora e Tecnólogos por un día.

Por último, Feijóo resaltou que con esta nova iniciativa, Indra renova o seu compromiso con Galicia. Non en van, xa participou noutros proxectos de relevancia para a Comunidade como a transformación dixital da Sanidade coa Historia clínica electrónica ou a Historia social única.

29/05/201809:00
Concello de Vigo.
Vigo

Vigo organiza cursos de alfabetización dixital durante os meses de xuño e xullo

O Concello de Vigo quere que a recta final da primavera e os comezos do verán veñan acompañados de formación tecnolóxica para a cidadanía. Por esta razón, a oficina municipal de Teis e o edificio municipal do Areal acollerán o desenvolvemento de cursos de alfabetización dixital durante os meses de xuño e xullo. O requisito é estar empadroado e a inscrición se formalizará a través do 010. Haberá obradoiros para introducirnos na Internet, no correo electrónico ou mesmo en eAdministración. 

As persoas interesadas en formarse en informática e internet básicos, no uso e nas vantaxes das redes sociais, no emprego de correo electrónico ou en trámites electrónicos coa administración, poderán participar nos cursos que se desenvolverán no mes de xuño, entre ás 16.30 e ás 19.00 horas na Oficina Municipal de Teis (Camiño Maceira s/n). Aquelas persoas que queiran formarse en mecanografía por ordenador, iniciación á informática ou trámites electrónicos coa administración poderán acceder aos cursos que se impartirán tamén en xuño e en xullo na Aula de formación TIC-CeMIT entre ás 10.00 e ás 12.00 horas.

Segundo informa o Concello, o único requirimento esixido para participarmos nestes obradoiros é estarmos empadroados en Vigo. O Goberno local engade que terán preferencia aquelas persoas que non tiveran realizado o mesmo curso con anterioridade. Para máis información e inscricións cómpre chamar ao 010 de atención cidadá (986 810 260 desde fóra de Vigo ou desde un móbil).

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS