
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, destacou hoxe a importancia de “fixar talento” en Galicia en torno á ciberseguridade e da colaboración entre sector público, privado, universidades e centros tecnolóxicos para reforzar un tecido local con capacidades neste ámbito. A responsable autonómica inaugurou esta mañá a III edición da Xornada de Ciberseguridade en Galicia, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
Expertos de primeiro nivel debaten esta mañá en Santiago sobre os retos da seguridade e a privacidade na Rede tras a recente entrada en vigor, o pasado 25 de maio, do novo Regulamento Europeo de Protección de Datos. A directora da Amtega sinalou que este novo regulamento establece una normativa común e incidiu na necesidade de facilitarlle as empresas e administracións máis pequenas a adaptación ao mesmo e que a seguridade non se converta nunha barreira para que as pemes poidan incorporarse á economía dixital e as entidades locais á transformación dixital.
En canto á adaptación da Administración autonómica ao novo RXPD, lembrou que é imprescindible a cooperación de diferentes perfiles xa que a ciberseguridade conxuga aspectos tecnolóxicos pero tamén xurídicos e a súa xestión require de colaboración e da suma de esforzos e que se identifique como prioritaria ao máis alto nivel.
Pereira destacou que a Xunta vén de adaptar a súa Política de Seguridade ao novo regulamento e que xa ten á disposición da cidadanía a figura dos delegados de protección de datos. En paralelo estanse a abordar outros cambios como a análise de riscos.
Finalmente, a directora da Axencia pública destacou a recente integración de Galicia na plataforma nacional de ciberseguridade CSIRT.es, que implica a consolidación do Centro de resposta ante incidentes de seguridade da Xunta e a validación dos seus procedementos en materia de seguridade. Este avance permitirá mellorar nas capacidades de coordinación con outras organizacións similares a nivel nacional co obxectivo final de acadar unha mellor protección do datos que xestiona a Amtega.
Este recoñecemento é froito do labor conxunto dos profesionais TIC da Administración e a colaboración coas empresas do sector TIC, na maioría galegas.
A plataforma CSIRT.es está integrada polo Centro Criptolóxico Nacional (dependente do CNI), o CERT de seguridade e Industria (dependente do INCIBE), o Centro Nacional de Protección de Infraestruturas e Ciberseguridade, Mando Conjunto de Ciberdefensa, a Policía Nacional, organismos estatais relevantes, corporacións privadas, empresas tecnolóxicas de seguridade e as Comunidades Autónomas máis avanzadas na materia: Cataluña, Valencia, Andalucía e agora Galicia.
Onte proseguiron no Fórum Carballo as sesións da terceira entrega das Xornadas Empresariais de Bergantiños, organizadas pola consultora Eurogabinete coa colaboración do Concello de Carballo, o ICEX e a Asociación Castaño y Nogal. A xeira deste 30 de maio, desenvolvida baixo o epígrafe Adaptarse para competir con éxito cando todo cambia, foi a derradeira desta terceira edición e xirou en parte arredor das cousas que poden facer as novas tecnoloxías e os procesos de dixitalización para sermos mellores e máis competitivos. Asemade, púxose no foco no importante factor de empregabilidade que achegan as TIC. Segundo se fixo saber, no mercado español hai 350.000 postos de traballo que están sen cubrir aínda “por falta de formación dixital”.
A tarde comezou cun relatorio a cargo de Sergio Prieto López, director territorial de Comercio do Galicia (ICEX), quen, baixo o título Internacionalización da empresa española no mercado global. Experiencias e recomendacións, debullou a misión, visión e valores do ICEX, facendo fincapé no seu equipo humano (máis de 600 profesionais traballando moi preto das empresas con presenza nos 5 continentes a través dunha ampla rede de oficinas económicas e comerciais) e nunha das súas principais razóns de ser: cooperar coas cámaras de comercio e organizacións empresariais e ofrecer solucións para a consolidación ou implantación das empresas no estranxeiro. Tamén explicou como elaborar unha estratexia alén da nosa terra e como se pode empezar a exportar, para o que o ICEX proporciona ferramentas de axuda en liña e de promoción.
A segunda parte foi abordada desde Santiago de Chile por Rafael Coloma Ojeda, conselleiro económico comercial xefe da Embaixada de España do devandito país, quen falou dos requisitos e recomendacións para realizarmos operacións comerciais con Chile, recordando que “a globalización non debe facernos esquecer que cada mercado ten as súas características locais ás que debemos adaptarnos”.
A substitución xeracional na empresa familiar foi un dos temas sobre o que versou o relatorio do notario coruñés Isidoro Antonio Calvo Vidal, doutor en Dereito e membro do Grupo de Expertos do Consello da Unión Europea para a interconexión dos rexistros testamentarios, que fixo fincapé, non só na necesidade “de facermos testamento dos nosos bens”, senón tamén na conveniencia de planificar axeitadamente a sucesión xeracional na empresa, explicando as diferentes vantaxes fiscais que supón delimitar o patrimonio persoal e societario.
A continuación foi a quenda do vogal asesor da Oficina Económica de Presidencia do Goberno, Antonio Martínez-Ligero Sánchez, quen indicou que “a política de estabilidade orzamentaria e de reformas, sumada ao esforzo de empresarios e traballadores, deu á situación un xiro de 180 graos”. Agora, dixo, “a nosa economía reorientouse aos mercados internacionais e non precisa endebedarse para medrar”, engadindo “que a transformación dixital é unha auténtica revolución tecnolóxica que nos obriga a manobrar decontado para poder aproveitar as oportunidades que ofrece”.
O acto de clausura correu a cargo de Antonio Alvarez González, avogado consultor de PEME e director das Xornadas Empresariais, quen lembrou o importante que é innovar e asumir procesos de dixitalización para competir no mercado actual. En termos máis concretos, recordou que un terzo das empresas que se constitúen non chegan ao quinto ano de vida, e só o 10% sobreviven aos 10 anos. Asemade, informou que en España hai 350.000 postos de traballo que están sen cubrir por falta de formación dixital.
Para rematar, Evencio Rodríguez Ferrero, alcalde de Carballo, clausurou cunha breve intervención as terceiras xornadas, agradecendo a Eurogabinete o seu esforzo na preparación e participación nestes encontros e destacando “a categoría técnica dos relatores”, emprazando a todos os asistentes a unha cuarta entrega do evento, novamente na vila bergantiñá.
A semana pasada, o 24, celebrouse na Cidade da Cultura a edición 16 dun dos nosos eventos máis referenciais en materia de novas tecnoloxías para as empresas, o evento GaliciaTIC baixo o epígrafe Tecnoloxías, capacidades e infraestruturas para a transformación dixital. O foro, que xuntou máis de 200 profesionais, veu da da man da asociación Ineo e de Inetec, e contou coa colaboración do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG), que organizou unha competición de enxeñaría.
Nela, varios equipos tiveron que resolver un proxecto de aplicación dos conceptos de Smart Cities (Cidades Intelixentes) a un entorno rural, concretamente ao concello de Chantada. O xurado constituído en representación do COETG por Ricardo Fernández, César Mariñas, Víctor Pita e Javier Fernández Fraga, valorou moi positivamente o traballo realizado polos equipos participantes e determinou outorgar o premio ex aequo aos grupos correspondentes ás entidades Gradiant e R. Os gañadores foron Alberto Marín, Pablo Rodríguez e Sara Cela por parte do centro tecnolóxico galego e David Centeno, Martín Álvarez e Fernando Gallego por parte da operadora galega de telecomunicacións. O premio consistirá na asistencia á Noite Galega das Telecomunicacións que se celebra este 1 de xuño.
A Fundación TIC da Deputación de Lugo segue adiante co seu labor tecnolóxico-formativo para os maiores da provincia. Segundo vén de informar a fundación, estes días está a impartir en Ribeira de Piquín un dos doce cursos que integran o seu programa de alfabetización tecnolóxica para o rural deste segundo trimestre de 2018. O vicepresidente provincial, Argelio Fernández Queipo, acompañado polo alcalde, Roberto Fernández Rico, mantivo hoxe un encontro cos 15 participantes na actividade. Nela, por certo, os participantes teñen a oportunidade de iniciárense no mundo de Internet.
Fernández Queipo salientou “o éxito que están a ter estes cursos formativos, tal e como constatamos nos tres que xa levamos impartidos en Navia de Suarna, Foz e Xermade”. Segundo fixo saber, o alto nivel de participación bota por terra a falsa crenza do desinterese das persoas de idade polos recursos dixitais e, de feito, “demostra o interese que hai por parte dos maiores sobre a utilidade das novas tecnoloxías como ferramenta para mellorar a súa calidade de vida”. Fernández Queipo tamén anunciou que a vindeira semana o eixe de actividades da Fundación TIC desprazarase até Baleira. O cursos na provincia son sobre o uso do móbil e Internet, as materias máis demandadas polos usuarios do InLugo da TIC.
Amais de todo o devandito, Argelio Fernández engadiu que “dende o Goberno da Deputación traballamos polo noso rural e promovemos iniciativas que melloran a calidade de vida dos nosos veciños co obxectivo, entre outros, de facer fronte ao despoboamento”. Na súa opinión, as novas tecnoloxías representan “un papel moi importante, polo que seguiremos promovendo o seu uso entre os nosos maiores para facilitar o seu día a día e o contacto cos seus familiares e amigos”. Neste senso, avanzou que “a nosa intención é achegar estes cursos a toda a provincia en vindeiras edicións”.
Máis de mil prazas
Este segundo trimestre de 2018, a Fundación TIC ofrece 1.085 prazas nos 81 cursos que imparte, tanto na sede da entidade como na provincia. A cifra, segundo destaca a Deputación, supón un incremento do 60% con respecto á tempada anterior. A entidade que preside Darío Campos tamén está a facer un especial esforzo para dar resposta á alta demanda que suscitan este tipo de actividades formativas TIC. “Isto reflíctese no rápido que se cobren as prazas dispoñibles unha vez que se abren os prazos”, explica a Deputación.
A esclerose múltiple é unha enfermidade que afecta a vida das persoas que a sofren de moitas maneiras, algunhas delas pasan desapercibidas ou son descoñecidas para a maior parte da sociedade.
Para concienciar sobre estes efectos "invisibles" na vida das persoas con esclerose múltiple, unha compañía canadense desenvolveu un programa de realidade virtual que trata de educar á sociedade sobre o impacto que esta enfermidade ten na vida das persoas que a padecen.
O obxectivo desta compañía, denominada EMD Serono e que é filial da alemá Merck KGaA, é facilitar unha mellor comprensión desta enfermidade dexenerativa rompendo as barreiras de aspectos que non son visibles pero que afectan en grande medida a vida dos pacientes.
Trátase dunha experiencia de realidade virtual duns 10 minutos que explora o cerebro dunha persoa con esclerose múltiple e que simula cinco dos síntomas máis frecuentes que afectan á vista e ao oído, máis aló dos efectos sobre a mobilidade.
Con esta interesante iniciativa sumámonos á celebración este mércores do Día Mundial da Esclerose Múltiple.