
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre mañá martes o prazo de inscrición para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX). Así se recolle na convocatoria publicada hoxe no DOG con 180 prazas para o curso de teleformación preparatorio que comezará o día 03 de setembro e rematará o 25 de novembro, previo ao exame presencial que terá lugar na última semana dese mes de novembro unha vez rematado o curso.
Para acceder a esta actividade formativa os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como usuario da rede CeMIT. A inscrición realizarase a través de internet na web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), durante os cinco días hábiles a partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG.
Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional das 180 persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas provisionalmente deberán aboar unha taxa de 10,20 euros correspondente aos dereitos de exame –ou presentar a documentación xustificativa da súa exención-, sendo excluídos aqueles aspirantes que non formalicen a súa matriculación.
O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.
Plan Formativo Ofimático de Galicia
Durante as 12 semanas de duración deste curso as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade e baseado na suite Libreoffice de oficina libre e código aberto:
Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados libremente na plataforma de teleformación da rede CeMIT (https://cemit.xunta.es/ema), baixo a modalidade de autoformación.
Próximas convocatorias de exames presenciais
Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2018, que terá a súa continuación cunha nova edición de exames presenciais libres para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios – ben pola súa experiencia no manexo destas aplicacións, pola formación adquirida por outras vías ou que opten pola modalidade autoformativa-, prevista para o segundo semestre deste ano (no mes de outubro).
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 6.000 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (1.750 en cursos de teleformación titorizada e 4.364 en probas presenciais de acceso libre) e máis de 2.800 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Amtega despois de superar as probas presenciais realizadas nas aulas da rede CeMIT.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria abre mañá e ata o 15 de xullo o prazo para matricularse no programa formativo Medrando Xuntas, que organiza a Secretaría Xeral de Emprego para apoiar o talento feminino na economía social. A iniciativa conta con dous itinerarios, un dirixido a mulleres con responsabilidades de goberno e de xestión nas entidades de economía social e outro cuxas destinatarias son socias e/ou traballadoras.
Deste xeito, Medrando Xuntas. Directivas ofrece unha formación integral desde a perspectiva de xénero, co fin de potenciar as capacidades directivas das mulleres participantes como factor clave no seu posterior desenvolvemento profesional. Trátase dun curso executivo de 80 horas de duración, das cales 65 son presenciais e as restantes a distancia. Terá lugar entre o 7 de outubro e o 1 de decembro de 2018, na sede da Escola Galega de Administración Pública en Santiago de Compostela.
O programa conta cun cadro docente especializado nas diferentes áreas temáticas do curso, que abarcan cuestións vinculadas á xestión das organizacións de economía social (como a xestión operativa, de proxectos, a innovación, a transformación dixital, a responsabilidade social e a xestión do xénero e a diversidade) e habilidades directivas como o liderado participativo, o desenvolvemento e marca persoal, comunicación e oratoria e reunións eficientes de traballo.
Por outra banda, Medrando Xuntas. Socias e Traballadoras inclúe formación específica enfocada para empoderar as mulleres pertencentes ás organizacións de economía social en contornas urbanas e rurais. Será un curso de 20 horas de duración que terán lugar na sede da Fundación CEL en Lugo, entre os meses de outubro e novembro de 2018. Esta acción súmase ás xa realizados o pasado ano na Coruña, Vigo e Ourense.
O programa formativo segue a mesma estrutura que o de directivas, cunha parte centrada en xestión das organizacións de economía social e outra en habilidades directivas.
A segunda edición de Medrando Xuntas incorporará este ano como novidade un foro participativo coas alumnas de ambas as dúas promocións. Será un espazo de conversa sobre os retos, desafíos e oportunidades que as mulleres teñen no mundo da economía social e as ferramentas e estratexias que se están a desenvolver para contribuír á construción de modelos de negocio de éxito, a través da creación dunha nova economía máis xusta, solidaria e xerativa.
Toda a información relativa á iniciativa pode consultarse na web de Eusumo, www.eusumo.gal/ As prazas para participar no programa formativo son limitadas. A inscrición pode realizarse a través do formulario que pode atoparse na web de Eusumo para o curso de directivas e para o de socias e traballadoras; no correo electrónico medrandoxuntas.emprego@xunta.gal; ou no teléfono 605 545 606.
"Conectados pola Accesibilidade" é unha comunidade de persoas, entidades e organizacións que serve de punto de encontro para conseguir, a través do uso de solucións e ferramentas TIC ser un referente para os procesos de Transformación Dixital nas contornas de vida das persoas con discapacidade que favorezan a súa plena inclusión e participación na nosa Sociedade.
Por elo, desde a Comunidade impúlsase a nova convocatoria dos Proxectos de Transformación Dixital, co obxectivo de apoiar novas iniciativas baseadas na innovación tecnolóxica aplicada ás persoas con discapacidade. O fin desta convocatoria, aberta ata o 15 de xullo, é aumentar a participación social e a visibilidade destes colectivos.
Na convocatoria poderán participar todas as entidades e federacións do ámbito da discapacidade que estean acollidas ao réxime fiscal especial previsto para este tipo de organizacións. Os proxectos deben presentarse conxuntamente en colaboración de dúas ou máis entidades e consistirán en poñer en práctica distintos escenarios de uso de novas solucións tecnolóxicas, tecnoloxía xa existente, ou que leve pequenas adaptacións da mesma. Ademais da innovación, valorarase entre outros criterios, a escalabilidade e sustentabilidade da solución.
A convocatoria conta cun orzamento total de 225.000€, no que cada candidatura pode recibir ata 15.000€, sendo seleccionadas ata un máximo de 15 proxectos.
Para presentar unha candidatura, será necesario cumprimentar o formulario on-line correspondente na web de Fundación Vodafone España, onde tamén se pode atopar toda a información sobre a convocatoria.
Desde hai ano Orange e a Confederación Autismo España levan colaborando para poñer en marcha accións de divulgación, formación e distintos proxectos para favorecer ás persoas con trastorno do espectro autista (TEA). Agora, decidiron asinar un convenio marco de colaboración e poñer en marcha unha campaña que fomente o coñecemento social deste trastorno e promova a aceptación das persoas con TEA.
A campaña chámase #JuntoalAutismo e desenvolverase durante dous meses a través de seis vídeos nos que, a través de situacións cotiás, calquera persoa pódese poñer no lugar dunha persoa con TEA e reflexionar sobre o seu día a día.
Ademais, dentro da campaña, Orange e a confederación puxeron en marcha unha web, www.juntoalautismo.org, na que estarán dispoñibles os vídeos xunto a distinto material e información sobre este trastorno.
Na campaña participa tamén a Fundación Atresmedia, que tamén produciu e emitiu un anuncio televisivo nos seus medios para axudar na difusión desta iniciativa.
Hai uns anos puxéronse de moda as series de televisión sobre hospitais ou centros de saúde nas que en maior ou menor medida a ficción superaba á realidade, o que pode supoñer un prexuízo ás persoas cunha enfermidade crónica ou unha discapacidade que recibían información incompleta ou errónea sobre as súas patoloxías.
Con todo, a serie de RTVE "Centro Médico" quere converterse en todo o contrario, e para iso optou por utilizar a tecnoloxía para conectar coa súa audiencia e ofrecer consellos e respostas a preguntas que os usuarios poden ter sobre a súa enfermidade, discapacidade ou patoloxía.
Así, RTVE lanzou a aplicación Centro Médico na que ofrece estes consellos e información elaboradores por médicos, de maneira que se garante a súa rigorosidade, evitando que a ficción sexa un obstáculo para os usuarios.
Nesta app, os usuarios poderán atopar vídeos, consellos, respostas e curiosidades sobre as enfermidades e patoloxías que se tratan na serie, converténdose así nunha fonte fiable de información para os pacientes.