
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Future Cities persegue atopar tres proxectos de mozos emprendedores sociais que fomenten o desenvolvemento inclusivo e sustentable das cidades. Ata o 12 de xuño, a iniciativa ten aberta unha convocatoria para buscar tres proxectos liderados por mozos de entre 18 e 28 anos que estean a impactar directamente na transformación das cidades e na vida das comunidades.
Algúns dos retos para abordar son a redución do impacto ambiental negativo das cidades, promover unha edificación máis sustentable, e garantir o acceso universal á vivenda e servizos adecuados e accesibles, entre outros.
Así mesmo, valoraranse iniciativas que fagan uso da economía colaborativa, fomentar contornas urbanas máis inclusivos, proporcionar emprego de calidade ou proporcionar apoio aos países menos adiantados, para que poidan construír edificios sustentables e resilientes utilizando materiais locais.
Programa de mentoría
Esta iniciativa foi posta en marcha por Ashoka, fundación sen ánimo de lucro centrada na innovación social, e Vía Célere, promotora inmobiliaria especializada no desenvolvemento, investimento e xestión de activos residenciais.
Ambas as entidades desenvolverán un programa de mentoría ao longo de tres meses cos proxectos gañadores. Desta maneira, traballarán con empregados de Vía Célere para levar a cabo as súas iniciativas e fortalecer a súa estratexia de sustentabilidade.
Así mesmo, o programa permitirá dar solución aos seus retos máis perentorios, e reforzar a súa capacidade de crear equipos, liderado e xeración de cambios a gran escala na súa contorna. Ademais do programa, outorgaranse tres bolsas de 1.000 euros a cada un dos proxectos seleccionados.
Para participar, os equipos deberán estar conformados por polo menos dúas persoas de entre 18 e 28 anos, que só poderán presentar unha única candidatura. Ademais, a súa iniciativa emprendedora deberá estar xa posta en marcha.
Nun paso máis en pos da integración, Microsoft confirmou o lanzamento do Xbox Adaptive Controller, un control pensado para os usuarios con discapacidade.
O mesmo pode ser apoiado nunha mesa, as pernas ou no piso, e cumpre as mesmas funcións que un joystick normal. Este dispositivo busca achegar os videoxogos aos mozos discapacitados de todo o mundo e promete ser un éxito de venda.
O control conta con dous botóns principais que se poden tocar cos cóbados, os pés ou as mans.
A diferenza dun convencional, onde se utilizan os dedos e é necesario exercer presión sobre os botóns para que funcione, este non require forza e con só rozar o botón a consola recibe os comandos enviados.
En canto ao tamaño, o novo control é moito máis grande que un joystick normal, para facilitar o seu uso e interpretación.
O Xbox Adaptive Controller foi creado por Microsoft en conxunto con organizacións como AbleGamers, Craig Hospital e a Cerebral Palsy Foundation.
Aínda que non está definida a data de lanzamento, varias organizacións xa puideron testear o dispositivo, o prezo de venda do control adaptado roldaría os US$ 100.
A tecnoloxía está cada vez máis preto e, a través deste tipo de lanzamentos, demostra, unha vez máis, o seu compromiso coa inclusión. Derrubando muros e abrindo camiños para que quen non teñen acceso poidan ter ao mundo a un click de distancia.
Ligazón á noticia na web de: culturageek.com.ar.
Unha das habilidades fundamentais do ser humano para poder moverse con facilidade é a chamada propriocepción, é dicir, a capacidade de saber en que lugar, que posición e que movemento realizan as extremidades sen necesidade de miralas.
Esa capacidade, que facilita a utilización tanto de pés e pernas como de mans e brazos xa que permite automatizar o movemento, pérdese para as persoas con discapacidade que teñen que utilizar unha prótese.
A ausencia de propriocepción é un dos maiores obstáculos aos que se enfrontan os usuarios de próteses no proceso de afacerse a utilizar as extremidades artificiais.
Para tratar de avanzar neste campo o Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT) logrou desenvolver unha novo interface neuronal que permite conectar estas próteses ao sistema nervioso central, de maneira que os usuarios que perderon algunha das súas extremidades son capaces de sentir a posición, localización e movemento das próteses.
Trátase dun avance maiúsculo xa que facilita enormemente ás persoas con discapacidade a utilización destas próteses e permite normalizar o seu uso.
Para logralo, os investigadores do MIT desenvolveron un modelo de prótese que é capaz de recibir ordes de movemento do sistema nervioso central, pero á vez emite información proprioceptiva ao sistema nervioso.
Esta tecnoloxía, que soa a un desenvolvemento do futuro, é unha realidade despois dun profundo ensaio preclínico realizado no MIT, previo á súa utilización por primeira vez por unha persoa.
Agora esta tecnoloxía utilizouse por primeira vez nun ser humano que foi capaz de recibir esta información proprioceptiva e que esperemos que sexa o primeiro de moitos usuarios que se poden beneficiar deste desenvolvemento.
A transformación dixital é un proceso que non vén só. Vén, de feito, acompañado de múltiples e variadas oportunidades profesionais e empresariais. Para mostralas e tamén para meternos nas pel destes novos profesionais, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense acollerá o vindeiro 28 de xuño a celebración da I Xornada Digital Business-Campus de Ourense (DIB´18). A cita, organizada pola escola e a empresa Contact Comunicacion, preséntase como “unha ocasión única para coñecer as claves do novo modelo económico e as oportunidades” que abre a transformación dixital da sociedade actual.
En termos máis concretos, o obxectivo é achegar ao tecido produtivo, aos emprendedores e ao alumnado dos últimos cursos das titulacións do Campus, a unha realidade que se impón e que esixe unha transformación como é o negocio dixital. “Os clientes xa non están diante do escaparate, están en calquera recanto do mundo e hai que saber chegar a eles”, apunta Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, sobre o obxectivo de DIB´18, engadindo que a transformación dixital “é algo totalmente necesario para sobrevivir” e no caso da provincia un reto para algúns dos seus sectores máis destacados, como o agroalimentario ou o comercio.
A xornada, que terá continuidade, foi concibida para abranguer estudantes de diversas titulacións do Campus. Ademais, terá un carácter “moi práctico” e, polo tanto, mostrará conceptos para logo abrir xeiras de traballo con eles. Así se fixo saber na presentación de DIB´18, que tivo lugar este luns na sede da Confederación Empresarial de Ourense. Segundo explicou na rolda cos medios César González, de Contact Comunicacion, a xornada contará con dúas partes diferenciadas, unha máis xeral e outra máis aplicada, e coa participación de “persoas que teñen unha visión da realidade deste novo modelo de negocio”.
A sesión de mañá da I Xornada Digital Business-Campus de Ourense estará destinada a “ofrecer unha perspectiva xeral enfocada a coñecer o novo modelo de negocio dixital, abordándose cuestións como a diferenza entre dixitalización e transformación dixital, a visualización en buscadores e a visibilidade web ou a comunicación e mercadotecnia en ecosistemas sociais. Tamén haberá unha mesa redonda sobre modelos de negocios dixitais con representantes de Imaxin Software, Raiola Networks e Menéame. Xa pola tarde desenvolveranse dúas sesións de carácter práctico, cada unha delas composta por grupos limitados a 20 persoas, unha centrada na visualización en buscadores e impartida por Fernando Muñoz, de Señor Muñoz, e outro sobre optimización de funcionamento para WordPress, con Álvaro Fontela, cofundador de Raiola Networks. As entradas para a xornada, tanto para a súa sesión da mañá como para as da tarde, xa están á venda até o esgotamento de prazas.
SmartPEME, a rede de formación e asesoramento TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra, vai ofrecer este mes de xuño (nas súas diferentes sedes) un completo feixe actividades de capacitación tecnolóxica para os profesionais, os traballadores, as PEME e os emprendedores locais. Segundo informa a entidade provincial, estamos a falar de medio cento de accións formativas sobre as máis variadas temáticas TIC. Os obradoiros celebraranse nas sedes de SmartPEME en Cambados (Centro Exposalnés), nos viveiros de empresas de Barro, Lalín e A Estrada e nas oficinas de Vigo, Ponteareas e O Porriño. Asemade, celebraranse na sede da Deputación en Pontevedra sete obradoiros formativos. Afondarase nas redes sociais e no seu uso empresarial, no novo regulamento da protección de datos, na seguridade informática, no deseño web ou no manexo de programas informáticos, entre outros temas.
Todas aquelas persoas interesadas en acudir a estes obradoiros, destinados a persoas emprendedoras, autónomas e autónomos e ás PEME da provincia é de inscrición cen por cen de balde, poden apuntarse chamando ao teléfono 886 202 020, escribindo un correo electrónico a info.smartpeme@depo.es ou a través da páxina web www.smartpeme.depo.es.
Comezando polos sete cursos da sede da Deputación na cidade do Lérez, as quendas comezan este 5 de xuño co obradoiro Xestiona o teu negocio dende o móbil, ás 19:00 horas (todas as accións de xuño en Pontevedra terán lugar nese mesmo horario). Nesa mesma semana, o día 7, será a quenda de Márketing de contidos: Como xerar unha estratexia efectiva. A seguinte semana haberá dúas accións, a primeira o martes 12 baixo o nome Parte Práctica da Lei de Protección de Datos 2018, RGPD Europeo(que será retransmitida en directo para todas as persoas interesadas que non poidan asistir) e, a seguinte, CRM, o cliente como centro da estratexia de negocio. Módulo I o día 14 de xuño. O seguinte curso, Edición de fotografía para plataformas e-commerce, impartirase o martes 19. Esa mesma semana, o día 21, será a quenda de Pagos co móbil, últimas tendencias. Por último, o martes 26 será a quenda de Crea presentacións profesionais con Prezi.
Polo que se refire á sede de Lalín, dará acollido outras sete accións formativas ao longo deste mes. A primeira cita celébrase este 5 de xuño ás 19 h co curso Crea o teu Propio Logotipo con Canva. Eset xoves de xuño ás 17 h impartirase A túa Información Sempre a Man: Almacenamento na Nube. O martes 12 de xuño ás 19 h desenvólvese Parte Práctica da Lei de Protección de Datos 2018, RGDP Europeo (retransmisión en vivo). O xoves desa mesma semana, á mesma hora, celebrarase o curso Utiliza Instagram para Promover e Vender os teus Produtos. Seguindo cos cursos do mes de xuño, o luns 18 ás 19 h celebrarase Rendabiliza o teu Perfil Profesional en Facebook e o 20 de xuño celebrarase, nesta ocasión no viveiro de empresas da Estrada, o curso Woocommerce II-A Solución para Vender por Internet. Por último, o martes 26 de xuño impartirase o obradoiro Ferramentas de Google para a Promoción de Negocios Locais.
Polo que atinxe á sede de SmartPEME en Barro, celebrará outros sete obradoiros. As quendas comezan este 5 de xuño coa acción Parte práctica da Lei de Protección de Datos 2018, RGPD Europeo (con retransmisión en directo do obradoiro). O día 14 desenvolveranse as dúas partes do obradoiroA mellor imaxe para inmobiliarias, unha estratexia de éxito, impartíndose o módulo I ás 18:30 horas e o módulo II ás 20:00 horas. O martes da seguinte semana tamén se impartirán as dúas partes do curso En que teño que fixarme para facer un modelo 3D?, ás 18:30 celebrarase o primeiro módulo e ás 20:00 o segundo. Por último, Iniciación ao escaneado 3D – Modulo I e Iniciación ao escaneado 3D – Módulo II impartiranse o martes 26 de xuño ás 18:30 horas e 20:00 horas, respectivamente.
Polo que se refire á área de Vigo, serán 20 cursos TIC. As quendas para a oficina de Vigo comezan este 5 de xuño ás 19:00 horas con Emprego de vídeos nas redes sociais: Youtube, Periscope…. A seguinte acción será Edición de fotografía para plataformas e-commerce, o xoves ás 19 h. O curso Parte Práctica da Lei de Protección de Datos 2018, RGPD Europeo (retransmisión en vivo do obradoiro) chegará a Vigo o martes 12 tamén ás 19:00 horas. O xoves desa mesma semana á mesma hora impartirase Como presentar a túa idea de forma efectiva en tan só 5 minutos. O 19 de xuño será a quenda de Promove o teu perfil en Facebook con aplicacións externas, ás 19 h. A acción Plataformas online para crear o teu e-commerce chegará o 21, pero nesta quenda ás 17:00 horas. Para rematar, o 26 ás 19:00 terá lugar o curso Pasarelas de pago para o comercio electrónico. Ademais, o 28 de xuño, enmarcadas no Día do asesorado SmartPEME, terán lugar as seguintes accións: Plataformas de comercialización para vivendas e apartamentos turísticos. Que é e para que serve Arduino ás 10:00 horas,E-commerce. O teu propio canle de venda en liña. A innovación como ferramenta para PEME ás 12:00 horas, Fotografía para e-commerce. Márketing de contidos ás 16:00 horas e, por último, Técnicas de promoción en liña para empresas turísticas. Ferramentas de prototipado rápido ás 17:00 horas.
A oficina de Ponteareas, pola súa banda, dará acollida ás seguintes actividades: Seguridade informática: conceptos básicos, hoxe ás 19:00 horas, Imos chamar á porta da túa clientela: Posicionamento SEO, o día 7 á mesma hora, Parte Práctica da Lei de Protección de Datos 2018, RGPD Europeo (retransmisión en vivo do obradoiro), o día 12, e Fotografía os teus produtos ou servizos para as redes sociais, o día 14 no horario habitual. Pola súa banda, a formación Crea un plan de social media para a túa empresa turística chegará o 19 de xuño, nesta ocasión ás 17:00 horas. A quenda do curso Pasarelas de pago para o comercio electrónico será o día 21 ás 19:00 horas. Xa por último, o 26 de xuño á mesma hora, Rentabiliza o teu perfil profesional en Facebook será a acción que impartirá o persoal do programa.
O programa de xuño da oficina do Porriño, pola súa parte, comeza hoxe ás 19:00 horas co curso Google Analytics: Iniciación á analítica Web. Prosegue con Parte Práctica da Lei de Protección de Datos 2018, RGPD Europeo (retransmisión en vivo do obradoiro), que chegará o 12 de xuño á mesma hora. A acción Como ser eficiente na organización do teu tempo: trello e toggl terá lugar o 14 de xuño, na hora habitual. O 19 será a quenda de Imos chamar á porta da túa clientela: Posicionamento SEO. O xoves desa mesma semana, tamén ás 19:00 horas, impartirase o curso Facebook Ads e, finalmente, Fotografía gastronómica co teu móbil o 26 de xuño á mesma hora.
Por último, o Centro Exposalnés de Cambados dará acubillo a sete accións formativas. Estas comezan hoxe co curso (ás 19 horas) Unifica a Xestión das túas Redes con Hootsuite. O día 7 de xuño, tamén ás 19 horas, chega Como Ser Eficiente na Organización do teu Tempo: Trello e Toggl. O día 12, á mesma hora, realizarase a acción Parte Práctica da Lei de Protección de Datos 2018, RGPD Europeo, a cal contará cunha retransmisión en vivo. O xoves desa mesma semana, o día 14 á mesma hora, será a quenda de Marketing de Contidos: Como Xerar unha Estratexia Efectiva. O 19 de xuño ás 19 horas chega Google Calendar, Moito Máis que unha Axenda. O xoves desa mesma semana, á mesma hora, é a quenda de Crea o teu Propio Logotipo con Canva. Por último, Desenvolve a túa Propia Estratexia de Email Marketing chegará o martes 26 de xuño ás 19 horas.
Novidades deste ano ao abeiro de SmartPEME
A Deputación de Pontevedra lembra que o proxecto SmartPEME comezou en 2018 afrontando unha nova etapa na súa andaina, un novo treito no que o programa verá aumentados os servizos a fornecer, abrindo tres novas grandes liñas como son o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), que estará situado no viveiro de empresas de Barro, SmartPEME Impulsa e TurisTIC, que se irán facendo dispoñibles para as persoas autónomas e empresas a partir dos vindeiros meses.
A través do Centro Provincial de Economía Dixital vaise mostrar ás empresas as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes que a economía dixital ofrece. Para iso, o CPED apoiarase nas instalacións do FabLab que a Deputación de Pontevedra ten instalado no viveiro de Barro.
Doutra banda, SmartPEME Impulsa abrirá novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización, “unindo deste xeito os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos”, explica a Deputación, engadindo que TurisTIC, como indica o seu nome, presentarase como “un punto de apoio tecnolóxico para o o sector turístico”. Trátase dun servizo enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas e que pretende potenciar o sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e (agora tamén) Barro, abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networkingtrimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.