
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
É moi importante que grandes compañías aposten pola inclusión social a través da tecnoloxía, pero tamén o é que o fagan individuos, emprendedores e pequenas empresas que, aínda que poidan ter un alcance máis limitado, teñen unha maior capacidade de influír nas súas comunidades.
Así, Microsoft e a Fundación Esplai quixeron recoñecer un destes exemplos nos que se aposta por mellorar a inclusión de persoas en situacións de dificultade, como as persoas con discapacidade ou maiores.
En concreto, estas dúas entidades entregaron o galardón ao "Traballo pola E-inclusion" ao profesor de instituto Eduardo San Rufo, de Calahorra (A Rioxa), en recoñecemento á súa dedicación para a posta en marcha de iniciativas de inclusión social a través da capacitación dixital.
Eduardo San Rufo desenvolve as súas iniciativas de inclusión social a través da Asociación Indismatic, da que é promotor.
Este premio é froito da relación que desde hai case 20 anos manteñen Fundación Esplai e Microsoft unindo tecnoloxía e voluntariado para reducir a exclusión social.
O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) falla os premios da “X Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”. Son nove distincións anuais que corresponden a diversas categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.
O Colexio profesional premiou na categoría e-Inclusión ao proxecto Digitalizadas (https://www.digitalizadas.org/) polos valores que fomenta ao desenvolver competencias tecnolóxicas que permiten a mulleres, especialmente da contorna rural, aumentar a súa influencia persoal e profesional en Internet. Os obxectivos son reducir a brecha de xénero, promover a inserción social e laboral das mulleres, protexer os seus dereitos e seguridade no eido dixital, e xerar unha rede de dixitalizadoras, é dicir, unha comunidade de mulleres con maior interese no uso da tecnoloxía para fomentar o emprendemento e o autoemprego, que aportan experiencias e referentes empresariais locais femininos. O programa foi posto en marcha pola Fundación Cibervoluntarios, Fundación Mujeres e Google.org, coa colaboración do Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad.
Na categoría de iniciativa Emprendedora a distinción recaeu na aceleradora Vía Galicia, por dar soporte e asistencia na súa fase inicial a emprendedores e empresas, aportando capital semente, formación, infraestruturas e asesoramento intensivo. Vía Galicia é un ecosistema para emprendedores, situado en Nigrán e promovido pola Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia. Esta aceleradora cre nas persoas e nas ideas e axuda a facer realidade un proxecto baixo un modelo de negocio rendible e sostible. Busca emprendedores con proxectos innovadores, acelerables, investibles e relevantes. Ata a data, Vía Galicia avaliou máis de 1.000 ideas de negocio, conta con 68 empresas aceleradas e 157 proxectos impulsados, cunha xeración de 338 postos de traballo.
No premio iniciativa Empresarial, o CPEIG recoñeceu o labor de ISMS Forum por incentivar o fomento da seguridade da información a través da promoción do desenvolvemento, coñecemento e cultura da Seguridade da Información en España e actuar en beneficio de toda a comunidade implicada no sector. A Asociación Española para el Fomento de la Seguridad de la Información (ISMS Forum Spain) é unha organización sen ánimo de lucro fundada en 2007 e creada cunha vocación plural e aberta, que se configura como un foro especializado de debate para empresas, organizacións públicas e privadas, investigadores e profesionais onde colaborar, compartir experiencias e coñecer os últimos avances e desenvolvementos en materia de seguridade da información. ISMS Forum Spain ten xa a máis de 160 empresas asociadas e máis de 900 profesionais asociados polo que é a maior rede activa de organizacións e expertos comprometidos coa seguridade da información en España.
Miriam Pena, unha das maiores autoridades mundiais en Erlang
O premio Ada Byron, dirixido a mulleres enxeñeiras en informática, recaeu este ano en Miriam Pena. O CPEIG valorou a súa meteórica progresión profesional, seleccionada pola plataforma Women 2.0 como unha das doce enxeñeiras máis importantes en Silicon Valle en 2018. A enxeñeira, natural de Bueu, traballa actualmente na compañía de software publicitario AdRoll en San Francisco (EEUU), onde desempeña a función de staff engineer -–enxeñeira de plantilla–, un dos postos máis relevantes dentro dunha compañía tecnolóxica onde se encarga de deseñar e implementar partes críticas da infraestrutura de ofertas en tempo real. AdRoll desenvolve solucións que conseguen que as persoas volvan a unha páxina de Internet publicando anuncios personalizados nos dispositivos, a web e as redes sociais. Titulada por la Facultade de Informática de la Universidade da Coruña, Miriam Pena conta con máis de 10 anos de experiencia en sistemas escalables, de alto rendemento e concorrencia (execución de múltiples tarefas interactivas). Antes de traballar en AdRoll prestou consultoría especializada en Erlang –unha linguaxe de programación deseñado por Ericsson– en Suecia, España, Exipto e Estados Unidos para proxectos que van desde automóbiles ata redes sociais e telecomunicacións, polo que esta enxeñeira é considerada unha das maiores autoridades mundiais en Erlang.
O CPEIG quere, mediante a concesión do Ada Byron, visibilizar a participación feminina en todos os niveis da tecnoloxía: como usuarias, como emprendedoras, como xeradoras de innovación, investigadoras e líderes “dun sector que ten a responsabilidade e o compromiso de ir á cabeza na saída da actual crise económica”. Segundo o Colexio, as mulleres teñen que ocupar un lugar central na Sociedade da Información e do Coñecemento, posto que “só así se poderá garantir unha tecnoloxía e unha sociedade verdadeiramente igualitarias”. O premio Ada Byron recibe o nome da escritora e matemática británica (1815-1852) que describiu a máquina analítica de Charles Babbage e está considerada como a primeira programadora. Deduciu e preveu a capacidade dos ordenadores para ir máis alá dos simples cálculos numéricos.
Na categoría de iniciativa da Administración, o Colexio distinguiu ao Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE), unha entidade de referencia para o desenvolvemento da ciberseguridade e da confianza dixital dos cidadáns, con especial interese nos menores, e tamén nas empresas, sobre todo en sectores estratéxicos. Esta sociedade estatal, dependente do Ministerio de Energía, Turismo y Agenda Digital a través da Secretaría de Estado de Sociedad de la Información y la Agenda Digital, desenvolve ademais unha parte importante do seu traballo en colaboración coas Fuerzas y Cuerpos de Seguridad del Estado.
O CPEIG distingue a misión de INCIBE, destinada a reforzar a ciberseguridade, a confianza e a protección da información e a privacidade nos servizos da sociedade da información, aportando valor a cidadáns, empresas, Administracións, rede académica e de investigación española, sector das tecnoloxías da información e as comunicacións e sectores estratéxicos en xeral.
No premio Traxectoria Profesional, o colectivo recoñece o percorrido profesional de Lucía Ardao. Licenciada en Informática e Máster en Telemática pola Universidade da Coruña, programa de Alta Dirección AMP da IE Business School e programa Executiva da Xunta de Galicia son algúns dos méritos académicos de Ardao.
Desde o inicio da súa carreira profesional en 1996, a súa traxectoria está vinculada a empresas do sector das Tecnoloxías da Información e as Telecomunicacións, desde spin-offs a empresas de software e consultoras, ocupando distintos postos de dirección rexional e corporativa de unidades de negocio e operacións en empresas como Denodo Technologies, Softgal ou Tecnocom. Actualmente é responsable do Negocio de TI de Indra en Galicia.
Indra é líder mundial no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas integrais en campos como defensa e seguridade, transporte e tráfico, enerxía e industria, telecomunicacións e media, servizos financeiros, procesos electorais, e Administracións Públicas e sanidade e de transformación dixital a través de Minsait. No exercicio 2017, Indra tivo uns ingresos de 3.011 millóns de euros, 40.000 empregados, presenza local en 46 países e operacións comerciais en máis de 140 países.
En relación ao premio Colexiado de Honra, o CPEIG decidiu conceder esta distinción especial ao presidente do Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería en Informática (CCII), Juan Pablo Peñarrubia. Anteriormente presidente do colexio valenciano, compaxina o seu labor colexial coa xefatura do departamento de Innovación na Deputación de Valencia. O Colexio galego ofrécese esta gran distinción por se un “traballador infatigable en busca da regulación da enxeñaría en informática e a defensa da profesión en todo o seu alcance”.
Nesta décima edición de A Noite, o CPEIG creou unha nova categoría, o premio 10º Aniversario de A Noite, distinción de agradecemento a empresas pola súa constancia no apoio ao longo destes dez anos de A Noite: Telefónica, Plexus, HP, Bahía e Xunta de Galicia.
Finalmente, o CPEIG convocou o Premio Proxecto Fin de Carreira e Máster en Enxeñaría Informática. O galardón, que ten unha dotación económica de 1.000 euros para o traballo gañador –mentres que o resto de distincións recibirán unha estatuíña–, quere ser un estímulo para os estudantes e recentemente titulados en Enxeñaría en Informática ou Máster en Enxeñaría Informática. O premio recaeu en José Joaquim de Moura Ramos polo seu proxecto “Reconstrución 3D da árbore arterio-venosa da retina a partir de imaxes OCT” como traballo fin de máster na Universidade da Coruña. Ademais, os tres finalistas beneficiaranse dun ano de colexiación gratuíta. Mediante a organización deste premio, o ente colexial busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes.
X Noite e cea de gala no Hotel Monumento San Francisco
O CPEIG celebrará o acto de entrega destes galardóns o vindeiro 15 de xuño na “X Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”, nunha cea de gala no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela a partir das 20:00 horas.
Está previsto que preto de 400 convidados asistan ao evento TIC referente de Galicia, entre representantes do empresariado, da Administración Pública, do ámbito universitario e profesionais. A Noite é xa unha gala consolidada onde o CPEIG pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.
O CPEIG constituíuse en decembro de 2007 como corporación de dereito público e de carácter profesional con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos. Cunha estrutura interna democrática e independente das administracións públicas, o Colexio agrupa obrigatoriamente a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática ou Licenciatura en Informática, desenvolven actividades propias da profesión en Galicia. Na actualidade, o CPEIG suma máis de 350 colexiados e colexiadas.
Máis información en http://www.anoite.gal/
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, avogou por “afondar na coordinación socio-sanitaria, na unión de esforzos de profesionais e administracións e por aproveitar as novas tecnoloxías para continuar mellorando a atención ás persoas maiores, as cales constitúen un eixe prioritario para a Xunta de Galicia”. Así o dixo no marco da inauguración do XXX Congreso Internacional de Xeriatría e Xerontoloxía que nas xornadas do 1 e o 2 de xuño reuniu na sede da Afundación en Vigo a uns 150 profesionais e expertos na temática do envellecemento e a atención integral aos maiores.
Na súa intervención, Rey Varela recoñeceu o labor dos profesionais relacionados coa atención, tanto médica como social, das persoas de idade avanzada, posto que “son unha peza fundamental para garantir o benestar dos nosos maiores cos que traballan cada día”. Nesta liña, apuntou que a Xunta comparte con estes profesionais os obxectivos de previr situacións de dependencia e promover o envellecemento activo e saudable.
Ao respecto, destacou que o Goberno galego está traballando de maneira transversal na promoción do envellecemento activo a través dunha estratexia que responde a catro eixos fundamentais: o emprego; a participación na sociedade; a vida independente, activa e segura; e a non discriminación e a igualdade de oportunidades. Así mesmo, referiuse á consolidación do sistema autonómico de atención á dependencia coa posta en marcha de novos servizos e programas e coa ampliación do número de beneficiarios no mesmo.
De feito, na actualidade son máis de 56.000 as persoas con dependencia recoñecida que reciben algunha prestación, o que sitúa a Galicia cunha ratio de cobertura do 82,2% -sete puntos por riba da media nacional-.
Por último, o titular de Política Social reiterou o firme compromiso da Xunta en continuar avanzando na mellora da calidade de vida dos maiores, en especial daqueles que viven sos ou que teñen a súa autonomía persoal limitada, fixándose como meta a de chegar aos 60.000 dependentes atendidos ao remate da presente lexislatura.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai organizar no evento Mundos Digitales un obradoiro xuvenil para introducir á rapazada no deseño de contidos creativos. Trátase do tallerCreación de personaxes. Do deseño 2D ao modelado 3D, que será impartido polos creadores de produtos tan salientables e exitosos como a longametraxe de animación Tadeo Jones. Mundos Digitales, para quen non o saiba, celébrase os días 5 e 6 de xullo na Coruña, en PALEXCO. Será, unha vez máis, unha cita ineludible para todos os profesionais e seareiros da animación e dos efectos visuais, non só galegos e españois, senón tamén de toda a contorna internacional.
O obradoiro que vén de presentar o CPEIG celebrarase en colaboración coa axencia AMTEGA, ao abeiro do programa TechKids. Segundo informan as dúas entidades, grazas a esta actividade formativa e divulgativa, os máis pequenos aprenderán a crear un personaxe desde o seu deseño na fase de concept art até o seu modelado en 3D. Ademais, “coñecerán os trucos precisos para enfrontarse aos puntos clave do proceso, como son a anatomía, dimensións, proporcións, sensacións que debe transmitir, así como a ambientación e historia do personaxe”.
O taller, de seis horas de duración, está destinado a rapazas e rapaces de 14 a 18 anos. Para participar, deben enviar un debuxo dun monstro e un neno ou nena. Os 15 mellores deseños serán seleccionados para tomar parte activa no obradoiro, que é de balde. Segundo informa o CPEIG, aceptaranse deseños de personaxes realizados con calquera técnica artística e materiais (lapis de cores, rotuladores, pastel, témperas, colaxe, etc.) e en calquera formato ou soporte (papel, cartón, dixital, etc.).
O prazo de presentación de deseños finaliza o vindeiro 14 de xuño. O xurado (composto por un representante do CPEIG, un membro de AMTEGA e un representante de Mundos Dixitais) valorará a creatividade, estilo, imaxinación, personalidade e expresión. Os finalistas daranse a coñecer a partir do 18 xuño 2018. Para máis información, cómpre visitar a web do certame coruñés, máis polo miúdo o apartado de actividades.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou esta mañá que a aplicación de técnicas de Big Data permitirá pasar “dun modelo de Administración reactiva, que actúa baixo a demanda dos cidadáns a unha Administración proactiva, que se adianta ás súas necesidades en base á información que dispón deles”. A responsable autonómica inaugurou esta mañá o Foro sobre Big Data, organizado por El Correo Gallego en Santiago de Compostela.
A máxima responsable da política tecnolóxica da Xunta afirmou que o seguinte paso no proceso de dixitalización da Administración será o aproveitamento da capacidade de análise que ofrece o Big Data que “levará un tempo” xa que “queda camiño por percorrer”. Pereira destaca a Xunta estase a avanzar na integración de técnicas de Big Data no ámbito da saúde e do turismo.
Así mesmo, a directora da Amtega fixo fincapé na importancia de contemplar a aplicación de solucións de Big Data baixo os principios de proporcionalidade e privacidade. Tras a entrada en vigor do Real Decreto de Protección de Datos –recordou Pereira– son os cidadáns os que deciden que queren saber deles e con que fins.
Por outra banda, a directora da Axencia autonómica destacou a capacidade do sector tecnolóxico galego e animou aos empresarios a localizar talento e retos na Comunidade para favorecer a consolidación dun tecido tecnolóxico forte, un obxectivo compartido pola Administración autonómica e recollido na súa Axenda Dixital de Galicia 2020.
Tendencias tecnolóxicas e aplicacións noutros sectores
O Foro de El Correo Gallego reunía a empresas do sector tecnolóxico con diferentes liñas de actuación no eido do Big Data e a empresas doutros sectores e representantes do sector público que están a aplicar solucións de análise de datos nos seus negocios ou iniciativas. O relatorio inaugural recaeu en Andrés García-Rodeja, director do CEIN-Analytics de DXC Tecnology en Santiago de Compostela.
Tras esta intervención, a primeira das mesas abordou as novidades en torno ao Big Data e as novas solucións que están desenvolver empresas como Torusware, representada polo seu director xeral e cofundador, Guillermo López; PUE, de cuxos proxectos falou o seu business director, Roberto López; Bahía Software, cuxo director de Negocio en Saúde, José Ramón Varela, expuxo as principais liñas de actuación; Plexus, representada pola manager directora Data Tecnologies, Granada Giménez; e Televés, de cuxas iniciativas falou o seu director de I+D+i, Sebastián Pantoja. A mesa estivo moderada polo profesor do Máster de Big Data da USC, Eduardo Sánchez Vila.
Na segunda mesa da mañá expuxéronse diferentes aplicacións do Big Data no sector público e empresarial coa intervención do subdirector xeral de Sistemas da Información do Sergas, Benigno Rosón; o director xeral de Información, Procesos e Operacións de Abanca, José Manuel Valiño; e o director técnico de Martín Códax, Miguel Tubío. O profesor de Dereito Constitucional e director do Centro de Estudos de Seguridade da USC, José Julio Fernández, foi o encargado de moderar a mesa.