
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Segundo as cifras entregadas en maio, España conta con 3.252.130 parados "a menor cifra desde decembro de 2008" e 18.915.668 cotizantes. Con todo, o desemprego entre os menores de 25 anos segue no 34,4%, aínda que hai unha profesión que xa exercen moitos mozos e que case non ten desemprego: a programación. Nun momento do ano no que os estudantes están a decidir o seu futuro tras realizar a selectividade, esta profesión aparece como unha das apostas de futuro máis atractivas.
A economía dixital crece imparable. A creación de novos proxectos fan que esta profesión teña unha das mellores saídas laborais do mercado. Java é unha linguaxe de programación informática de código aberto que existe desde hai máis de 20 anos. É unha das linguaxes de programación máis populares, sen ir máis lonxe todas as aplicacións de Android utilízano. Estímase que está en 15.000 millóns de dispositivos en todo o mundo e o seu alcance chega ata grandes empresas como LinkedIn, Ebay, Wallapop ou Amazon.
"Un novo programador comeza a súa experiencia laboral cun salario dun 26 mil euros no seu primeiro ano de emprego, pero un sénior xa recibe un salario de 42 mil euros anuais de media", afirma Ignacio Cougil uno dos fundadores de JBCNConf, o evento de programadores Java máis importante de España.
Nacho Cougil e Jonathan Vila crearon estas xornadas debido a que non existía un evento que reunise aos programadores de Java e permitíselles aprender doutros, xerar sinerxias e conectar con empresas en busca de talento.
"Moitas empresas veñen buscar talento a JBCNConf porque existe moita calidade en España pero custa moitísimo atopar a xente dispoñible porque xa están a traballar noutros sitios. Hai moita oferta pero como non hai profesionais dispoñibles as empresas teñen que traer talento desde o estranxeiro, os cales veñen encantados porque en Londres cobras máis pero non tes a calidade de vida que hai en España. Esta escaseza de programadores fixo que suban os salarios e se creen máis postos de traballo para programadores", afirma Jonathan Vila.
A Estratexia de Emprendemento e Emprego Novo é unha iniciativa do Ministerio de Emprego e Seguridade Social para mellorar a empregabilidade, facilitar a inserción no ámbito laboral, promover o emprendemento e mellorar a súa situación dentro do mercado de traballo. E no ámbito da formación, o goberno decidiu apostar pola programación en linguaxe Java.
A demanda de enxeñeiros que coñecen Java é unha das máis altas do mercado, e na actualidade non está a ser cuberta. Os mozos participantes recibirán formación na que se inclúen contidos temáticos sobre distintas linguaxes de programación, un módulo de empregabilidade, titorías individuais e a presentación de traballos finais. O goberno busca cubrir a demanda de profesionais cualificados para sectores como as aplicacións móbiles, ciberseguridade, realidade virtual e os videoxogos.
A canteira española de desenvolvedores de Java
Eventos como JBCNConf, o principal evento Java e JVM de Barcelona e un dos maiores a nivel europeo, buscan cubrir este oco no mercado. O evento conta co patrocinador de empresas de desenvolvemento de software nacionais e internacionais, que aproveitan o evento para levar a cabo procesos de selección.
Como destaca Nacho Cougil (Barcelona, 1977), un dos organizadores do evento: "un proceso de selección pode chegar a custar miles de euros a unha empresa. No sector existe moita rotación, ademais de en algúns casos elevados salarios (comparado coa media nacional). En cidades como Madrid e Barcelona existe unha gran canteira de profesionais, e as empresas de desenvolvemento buscan recrutalos ou mesmo trasladarse para aproveitar as vantaxes de España como hub tecnolóxico".
Jonathan Vila (Barcelona, 1972), organizador de JBCNConf, engade: "En eventos así creanse sinerxias e fluxos de información, ademais de realizar novos contactos profesionais. As empresas teñen necesidade de talento, por iso buscan entrevistar o máximo posible de persoas. JBCNConf dálles a oportunidade de compartir coñecementos, atopar sinerxias e detectar o talento dentro da comunidade que se reúne en torno ao ecosistema que hai ao redor desta linguaxe".
A 4ª edición da JBCNConf terá lugar os días 11, 12 de xuño, no Centro Comercial Heron City (Cinemas Cinesa) e o 13 de xuño no Hotel Alimara, en Barcelona. Nesta nova edición aspira a reunir a máis de 500 asistentes de diversas nacionalidades e contará con máis de 70 speakers que participarán nas conferencias sobre Java máis importantes do sur de Europa.
Máis información na Web de JBCNConf 2018.
As novas tecnoloxías e os zombis serán dous dos eixes temáticos da nova edición de PonteVerán (formato PDF), o programa estival de actividades do Concello de Pontevedra, especialmente dirixido á xuventude. A iniciativa foi dada a coñecer a semana pasada polo concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, quen salientou “a calidade, a cantidade a diversidade” da mesma. No que se refire a formatos, haberá accións de lecer alternativo e lúdico-formativas, con especial atención á igualdade, á actividade física e máis ao respecto polo medio ambiente e patrimonio. E, como diciamos ao comezo, haberá novas tecnoloxías e “xente resucitada”. O motivo? A celebración dunha cita terrorífica, Terra de zombies, o 31 de xullo, para mozas e mozos de entre 16 e 35 anos.
Trátase, máis polo miúdo, dun xogo de rol en vivo cuxo obxectivo non é outro que procurar “a diversión en grupo”. Nun primeiro intre, a actividade incluirá unha explicación do xogo (obxectivos, normas de respecto entre compañeiras e compañeiros para logo pasar á caracterización dos participantes e encetar a actividade si mesma).
Segundo explicou Alberto Oubiña acerca das temáticas a tratar, nesta edición, “atendendo a demanda que temos dende hai tempo” incorpóranse á oferta de PonteVerán varios obradoiros e cursos relacionados coas novas tecnoloxías (de informática, de programación, de navegación, de robótica, de holografía e realidade virtual, etc). Isto responde á necesidade de fornecer á mocidade de accións acordes cos seus intereses. Na súa opinión, “cómpre non esquecer que xa temos máis dunha xeración nativa dixital”.
A programación de PonteVerán vai dirixida a nenos/as e mozos/as de 8 a 35 anos. A maior parte das actividades son de balde, xa que “as cuestións económicas non deben ser razón para non participar”, sinala Oubiña. As solicitudes para participar nas actividades de PonteVerán poden facerse a partir do 11 de xuño en: apuntate.pontevedra.gal.
A educación en novas tecnoloxías, por moitos e variados motivos (por exemplo, as TIC abren unha manchea de posibilidades laborais, profesionais, comunicativas creativas e de emprendemento), estase a introducir no noso sistema educativo, aínda que se cadra non tan decontado como sería de desexar. O máis recente avance nesta dirección dunha docencia máis envorcada coas ferramentas dixitais presentouse hoxe oficialmente en Santiago, na Cidade da Cultura, onde o Goberno galego deu a coñecer que os nosos centros educativos de secundaria contarán o curso que vén cun Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxías, o STEMbach. Será, sinalou a Xunta, unha alternativa docente que abranguerá un proxecto final que o alumnado, individualmente ou en grupo, deberá explicar e defender ao remate do segundo ano.
Estes e outros datos foron achegados polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, quen debullou na presentación de hoxe un paquete de iniciativas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) para o próximo curso 2018/19, enmarcadas en Edudixital 2020, no que se integra precisamente o devandito bacharelato tecnolóxico-científico (que será a acción prioritaria). Segundo indicou o conselleiro, o STEMbach é unha opción formativa concibida para Humanidades ou para Ciencias e, ademais, será en si mesma unha ponte co ensino universitario e un adestramento de cara ao que lles agarda aos estudantes ao remate do bacharelato. De feito, o devandito proxecto a defender forma parte deste adestramento.
Este proxecto, semellante ao traballo de fin de grao, será co-dirixido por unha persoa docente pertencente a un departamento universitario ou a un centro de investigación de prestixio do Sistema Universitario de Galicia (SUG). O conselleiro tamén fixo saber que o alumnado cursará algunha materia extracurricular semanal relacionada co ámbito de materias STEM e “cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais”. Esta materia terá unha carga lectiva semanal de 2 ou 3 horas fóra do horario ordinario do alumnado. Así mesmo, os estudantes farán actividades complementarias de formación, organizadas polo centro en colaboración con universidades ou entidades ou organismos investigadores, ou persoas investigadoras de recoñecida competencia; como conferencias, obradoiros ou proxectos. O alumnado recibirá ao remate unha certificación acreditativa da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa.
Outra das novas accións STEM presentadas hoxe é a creación dos Espazos Maker, en palabras do conselleiro “lugares nos propios centros educativos que fomentan a creatividade do alumnado baixo a máxima de aprender facendo”. Estes espazos incluirán equipamento específico e unha achega económica e estarán destinados a alumando, profesorado e mesmo familias para que “poidan desenvolver proxectos mediante a experimentación”. Nesta primeira convocatoria búscase chegar a 10 centros educativos, aos que se fornecerá do equipamento necesario, así como dunha achega individual de 2.000 euros.
Ao devandito cómpre engadir a Semana STEM, que se vai celebrar entre finais de agosto e principios de setembro de 2018, e tamén o primeiro campamento científico-tecnolóxico en inglés: a STEMweek, na que poderán participar 200 alumnos de 3º e 4º de ESO. Estas 200 prazas súmanse ás 450 deste ano da Semana STEM. co cal un total de 650 rapaces e rapazas poderán mellorar os seus coñecementos científico-tecnolóxicos en campamentos fóra do horario lectivo.
O Centro de Innovación Social Dixital A Molinera de Ourense está a acoller estes días (e até o 18 de xuño) unha actividade formativa sobre metodoloxías da nova revolución industrial e tecnolóxica. Trátase do obradoiro Experto en prototipado con ferramentas 4.0: proxectos robóticos, electrónicos e microinformáticos, un curso de extensión universitaria organizado polo Campus de Ourense (co financiamento da Deputación) no que participan 35 persoas adquirindo os recursos precisos para desenvolver todo o proceso de elaboración dun prototipo, desde a súa programación e electrónica ata a súa impresión en 3D.
O curso está dirixido polo catedrático Florentino Fernández-Riverola e polo profesor José Ramón Méndez Reboredo, do Grupo de Investigación SING (Sistemas Informáticos de Nova Xeración) do Departamento de Informática da Universidade de Vigo. Cunha duración de 60 horas impartidas en horario de tarde na Molinera, a formación divídese en tres módulos, un primeiro de electrónica e programación, un segundo de corte con láser e un terceiro de impresión 3D.
Segundo detallan os directores do curso, “o crecente interese polo desenvolvemento de sistemas electrónicos e microinformáticos orientados ao control de calquera proceso ou sistema e nun escenario onde todo dispositivo tende a conectarse a Internet, o uso de sensores e actuadores en combinación con circuítos electrónicos e microinformáticos posibilita o control de calquera sistema”. Ao fío disto, os directores engaden que a materialización de placas de circuíto impreso que integren todos os compoñentes eléctrico/electrónicos, así como o coñecemento de principios básicos de electrónica, “resultan imprescindibles para abordar o deseño, aplicación e posta en marcha de calquera proxecto electrónico”.
Os obxectivos detallados do curso abranguen cuestións como capacitar ao alumnado para o desenvolvemento de circuítos electrónicos, para deseñar e fabricar prototipos electrónicos e programables funcionais e para comprender os fundamentos básicos do deseño de placas de circuíto impreso. Ao longo das sesións, as e os participantes, aprenderán ademais a manexar o instrumental necesario na construción de prototipos que manexan hardware electrónico e iniciaranse no mundo do hardware libre e os microcontroladores utilizando a plataforma Arduino e no manexo dunha ferramenta de deseño vectorial, entre outras temáticas.
O Concello de Cambados, ao abeiro do programa de formación e capacitación Cambados Emprende, vai organizar este 14 de xuño un encontro divulgativo sobre as metodoloxías que podemos pór en práctica para sermos sustentables e eficaces en materia de redes e comunicacións, afinando os recursos para decantarnos sempre polas ofertas e servizos que máis se axusten ás nosas necesidades e economías.
A Charla sobre Consumo Responsable en Telefonía e Internet, organizada pola Concellería de Promoción Económica, será un faladoiro aberto sobre como garantir o emprego máis axeitado das novas tecnoloxías entre emprendedores e veciñanza en xeral.
A cita será en Exposalnés ás 20.30 horas e a asistencia é de balde previa inscrición no correo economia@cambados.es. A intención, segundo informa o Concello, é asesorar aos asistentes a elixir a operadora e o contrato máis axeitados, así como defender os seus dereitos ante posibles problemas ou disconformidades co servizo.