
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Durante a xornada Hacker ético, que se desenvolveu onte pola mañá no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), déronse a coñecer os perigos e ferramentas para poder minimizar o dano que poden ocasionar os atacantes non autorizados en sistemas informáticos. Contou coa participación do director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, quen puxo en valor a formación de calidade como a que se imparte no CNTG a través de 46 cursos no primeiro semestre deste ano para cualificar a preto dun milleiro de alumnos e alumnas.
Ademais, o centro leva a cabo 19 xornadas divulgativas, como a de onte de hacking ético. Son seminarios sobre os novos desenvolvementos no mundo das TIC nos que se prevé a asistencia de 500 persoas. En palabras de Marnotes, este seminario reflicte o compromiso da Xunta de dar resposta ás demandas reais de cada sector de actividade, destacando que a ciberseguridade vai ser un dos retos do futuro da sociedade. A xornada contou coa asistencia de Kenneth Peiruza, consultor e formador con 20 anos de experiencia profesional no mundo do hacking ético da administración e a seguridade en sistemas Linux.
A programación deste ano do CNTG céntrase na ciberseguridade. Nas accións formativas que se impartiron sobre esta materia participaron preto de 420 alumnos e alumnas.
A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela clausurou hoxe o seu programa de formación avanzada sobre os obxectos conectados e as súas posibilidades á hora de lanzar novos proxectos de mercado ou ampliar e mellorar proxectos xa existentes. Falamos do programa Constrúe o teu Futuro. Internet das Cousas (IoT) e Emprendemento”, do que tamén se entregaron os diplomas ás/aos participantes. A cita foi no viveiro de empresas que a Cámara ten no Polígono de Costa Vella. A formación, organizada con co-financiamento do Concello de Santiago e da Fundación INCYDE (a través do Fondo Social Europeo) foi clausurada pola concelleira de Desenvolvemento Económico de Santiago, Marta Lois; o secretario xeral da Cámara, Fernando Barros; e o director de Proxectos da Fundación INCYDE, Carlos Silván.
A formación, que se celebrou do 16 de abril ao 25 de maio na incubadora de Costa Vella, destinouse a mozos e mozas menores de 30 anos sen estudos en curso nin ocupación laboral na actualidade, inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, ben sexan emprendedores ou profesionais que desexan iniciarse no desenvolvemento da IoT (Internet of Things), así como os interesados en ampliar e consolidar os seus coñecementos no eido da creatividade dixital.
O programa, no que participaron 19 alumnos e alumnas (10 mulleres e 9 homes), ten por obxecto “mostrar os distintos modelos de negocio baseados e realizados baixo este paradigma, con especial atención aos sectores máis puxantes e considerar as novas solucións que comercializan as novas firmas innovadoras nos ámbitos nacional e internacional”.
Fernado Barros sinalou que na formación explicáronse as tecnoloxías vinculadas á Internet das Cousas e que tipo de requisitos son básicos para construír un modelo de negocio analizando e realizando un estudo de mercado. Tamén deu a coñecer as ferramentas necesarias e distinguiu casos de éxitos das empresas que xa triunfaron no eido IoT. Desenvolvéronse conceptos de información a gran escala, uso de aplicacións móbiles e conceptos de ciberseguridade e benchmarking. Ademais da entrega de diplomas, o alumno Óscar Bonome presentou o seu proxecto Bono Magic 3D.
Falar de coworking é falar de novos xeitos de facer empresa. De aí a un protagonismo especial das novas tecnoloxías e da presenza feminina non hai máis ca un paso. Un exemplo disto é a nova edición (a segunda) do coworking de Barro, que comeza a funcionar este 14 de xuño froito da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial (EOI). Este novo espazo de traballo colaborativo contará coa participación de 20 proxectos emprendedores, unha parte dos cales son iniciativas relacionadas coas novas ferramentas dixitais.
A sede de operacións será o viveiro de empresas de Barro, durante un período de cinco meses. Será de balde e, ademais, abrirá vieiros de acceso a importantes vantaxes formativas. Por exemplo, acceso ao FabLab (Laboratorio de Fabricación Dixital) situado no mesmo espazo. Por certo que boa parte das iniciativas acubilladas están lideradas por mulleres, 13 das 20. Segundo afirmou na presentación do coworking Carmela Silva, presidenta da Deputación, este feito responde a que “as mulleres, nesta provincia, están a converterse en protagonistas do desenvolvemento económico”.
En total, os proxectos que comezan a desenvolverse en Barro centraranse en eidos como a psicoloxía, a publicidade online, a radio, o ensino, a internacionalización, a arqueoloxía, a nutrición e a saúde, o turismo, a avogacía, a selección de persoal, as tecnoloxías ou a fotografía.
Amais do espazo de balde durante case medio ano, a Deputación de Pontevedra ofrece a estas novas emprendedoras e emprendedores acompañamento individualizado e accións formativas especializadas para “garantir o éxito dos seus proxectos”. Máis polo miúdo, a cada proxecto destinarase 40 horas de asesoramento persoal nas que se traballarán “conceptos esenciais para o desenvolvemento da súa idea empresarial”. Ademais, desenvolveranse 60 horas de formación específica a través de obradoiros e sesións formativas grupais para potenciar as competencias en emprendemento e xestión de proxectos (temas como as competencias emprendedoras, a creatividade e innovación aplicada ao mundo empresarial, a metodoloxía Lean StartUp adaptada ao modelo de negocio, como poñer en marcha un plan de mercadotecnia dixital, como atopar e consolidar a viabilidade económica, etc).
Ademais, como dixemos, as persoas participantes terán acceso de balde ao novo FabLab (Laboratorio de Fabricación Dixital), que está situado no mesmo viveiro de Barro, e onde se dispón de equipamento de fabricación dixital (impresoras 3D, escáneres 3D, kits de Arduino, unha fresadora de madeira, soldadores de electrónica, material electrónico diverso, etc.). Nestes laboratorios, segundo informou a Deputación, desenvolveranse “unha completa programación de obradoiros específicos de Arduino e fabricación dixital para promover o coñecemento e uso desta tecnoloxía”. Deste xeito, engadiu a entidade provincial, “calquera emprendedor ou emprendedora que o precise poderá experimentar e prototipar o seu deseño nestas innovadoras instalacións”. Amais, e tamén no marco do FabLab, celebrarase unha jam (ensaio-improvisación colectiva) para a creación de solucións de forma conxunta a un reto que se lles proporá ás persoas que asistan.
Para rematar organizarase unha xornada de demostración (Demo Day) durante o cal se presentarán os proxectos participantes na segunda edición do coworking, a súa evolución e as posibilidades de colaboración cos mesmos.
Para quen non o saiba, aínda a estas alturas, este venres 15 de xuño celébrase en Santiago, no Hotel Monumento San Francisco (a partir das 20.00 horas) o gran acontecemento de confraternidade anual das enxeñeiras e dos enxeñeiros en Informática da nosa terra. Estamos a falar da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, organizada polo CPEIG, á que está previsto que acuda preto de 400 convidadas e convidados, entre representantes do empresariado, das administracións, do ámbito universitario e profesionais. A cita servirá ademais para recoñecer con diversos galardóns o traballo ben feito dos nosos profesionais en materia dixital.
Segundo lembra o colexio, “A Noite é xa unha gala consolidada onde o CPEIG pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolvido por enxeñeiros en Informática ao abeiro da Sociedade da Información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC”.
Novamente podemos consultar todo o relativo ao festexo na web específica anoite.gal.
O mestre de cerimonias será o actor e humorista Carlos Latre, e a previsión é de que a gala comece arredor das 20.00 horas, co cóctel de benvida. De seguido, arredor das 21.00 horas, procederase a entregar os premios que cada ano convoca o CPEIG e que, como dixemos, diríxense a mostrar os esforzos das nosas entidades, asociacións, profesionais e empresas no camiño de impulsar recursos e servizos tecnolóxicos de especial valor para o noso desenvolvemento social e económico (facendo fincapé, tamén, nas iniciativas, nos proxectos e nos persoeiros que máis e mellor tiveran impulsado e mellorado a profesión da Enxeñaría en Informática na nosa terra).
Estes son os galardóns que acompañan a celebración da Noite: Premio Proxecto Fin de Carreira/Master (José Joaquim de Moura Ramos), Premio e-Inclusión (proxecto Digitalizadas), Premio Iniciativa Emprendedora (aceleradora ViaGalicia), Premio Iniciativa Empresarial (ISMS Forum), Premio Ada Byron (Miriam Pena), Premio Iniciativa da Administración (Instituto Nacional de Ciberseguridade, INCIBE), Premio Traxectoria Profesional (Lucía Ardao), Premio 10 Aniversario da Noite (Telefónica, Plexus, HP, Bahía e Xunta de Galicia) e a distinción Colexiado de Honra (Juan Pablo Peñarrubia).
En España, un de cada catro fogares españois vese afectado polo Alzheimer, segundo datos da Fundación Sanitas. En total, máis de 1,2 millóns de persoas en España viven con esta enfermidade. Neste escenario, Sanitas celebrou unha xornada que aposta por continuar innovando en demencia para mellorar a calidade de vida das persoas que viven con esta enfermidade e tamén para explorar novos tratamentos e métodos diagnósticos.
A xornada foi inaugurada Iñaki Ereño, conselleiro delegado de Sanitas, que destacou o compromiso da entidade co coidado das persoas que viven con demencia desde a abordaxe da persoa é o primeiro. É dicir, "poñer o foco nas necesidades da persoa e non na enfermidade". Neste sentido, a empresa aposta polo coidado sen suxeicións, hoxe o 89% dos centros da rede da compañía están acreditados como libres de suxeicións, "menos dun 1% dos nosos residentes usan suxeicións fronte á media española, que se sitúa en máis do 20%", comentou Iñaki Ereño.
Andrew Ketteringham, tesoureiro da Alzheimer"s Disease International (ADI, polas súas siglas en inglés) puxo en relevo a situación desta enfermidade a nivel mundial, segundo datos da organización, cada tres segundos, unha persoa no mundo desenvolve demencia. En termos económicos, en 2018 supón un custo dun billón de dólares en todo o mundo e subirá a dous billóns en 2030. "É moi importante que se desenvolvan plans nacionais contra esta enfermidade. A demencia debe ser unha prioridade de saúde pública. Na actualidade, 32 países teñen vixentes plans gobernamentais e 16, entre os que se atopa España, vanos a instaurar en 2018. O obxectivo que perseguimos é que 146 países teñan aplicadas en 2025 políticas nacionais contra esta enfermidade, é dicir o 75% dos países membros", explicou Andrew Ketteringham, tesoureiro de ADI.
Solucións dixitais para os coidados
A xornada contou coa presenza de Yuri Quintana, PhD de Harvard Medical School, quen falou do seu papel na creación de solucións tecnolóxicas de dixitais para mellorar a calidade de vida de quen vive con demencia e os seus coidadores. "En Boston desenvolvemos unha aplicación para maiores con InfoSAGE (Information Sharing Across Generations) que se integra nos altofalantes intelixentes e a intelixencia artificial de Amazon Alexa. Esta permite que as familias se involucren en maior medida nos tratamentos, respectando a independencia da persoa con demencia", afirmou Quintana.
Sobre este punto, Yuri Quintana subliñou a necesidade dar certo espazo ás persoas maiores. Os pacientes manifestan que queren contar co coidado da súa familia, pero tamén manter o control sobre as decisións sobre o seu coidado.
Juan Monzón, cofundador e conselleiro delegado de Exovite , empresa dedicada á investigación no ámbito da TeleRHB, eHealth e mHealth, puxo de manifesto "como a realidade virtual, entre outras tecnoloxías, axuda a traballar a reminiscencia ao traer de volta recordos positivos grazas á creación de bancos de recordos personalizados. Desta maneira, propón algunhas solucións como as visitas virtuais de Google Street View ou vídeos 360 para facilitar ao paciente o proceso de reminiscencia ou procura dos seus recordos".
Pola súa banda, Pablo Gagliardo, director de Desenvolvemento de Negocio de Rehametrics http://rehametrics.com/, presentou un software de rehabilitación para tratar lesións físicas e cognitivas por dano cerebral, enfermidades neurodexenerativas e envellecemento. O experto explicou como a rehabilitación virtual axuda ao paciente. "Traballamos a motivación a través de técnicas de gamificación, non só nunha contorna clínica senón en calquera contorna asistencial, por suposto, tamén no propio fogar do paciente. Así conseguimos que se complete a totalidade do plan de tratamento pautado polo profesional dunha forma áxil", afirmou.
Javier Mínguez, co-fundador de Bitbrain Technologies, unha empresa aragonesa que naceu como spin-off da Universidade de Zaragoza destacou como a neurotecnoloxía pode ser parte importante en detección e tratamento da deterioración cognitiva. "A través das novas solucións podemos saber se as sesións de rehabilitación van ter resultado ou se o paciente alcanzou o límite de saturación".
Tendencias en innovación médica
A segunda mesa da xornada versou sobre innovación médica. María José Gil, do servizo de Neuroloxía do Hospital Universitario de Torrexón explicou como "o risco de padecer Alzheimer dóbrase cada cinco anos tras cumprir os 65". Advertiu tamén sobre algúns dos factores de risco relacionados co Alzheimer, como as enfermidades cardiovasculares. A doutora incidiu na importancia de "previr a deterioración cognitiva mesmo en idades moi temperás. Ademais é importante facer estudos en pacientes asintomáticos, ao redor dos 45 anos, porque a enfermidade aparece moito antes que os síntomas".
Carmen Terrón, do servizo de Neuroloxía do Hospital Universitario Sanitas A Zarzuela, expuxo a relación entre a ausencia de actividade física e a deterioración cognitiva. "En España, un terzo da poboación non realiza actividade física e este é o factor de risco máis potente de desenvolvemento de Alzheimer na nosa contorna". Segundo a doutora, "os anciáns, de entre 70 e 80 anos, que se mantiveron fisicamente activos nos cinco anos previos poderían ter un 40% menos de posibilidades de desenvolver Alzheimer".
Mª Ascensión Zea Sevilla, da área Neuroloxía da Fundación Cien, centrou a súa exposición nos marcadores para o diagnóstico precoz de enfermidades neurodexenerativas. "O Alzheimer está asociado ao risco cardiovascular e maniféstase 15 anos antes de que aparezan os primeiros síntomas". A través do Proxecto Vallecas, desde a Fundación CIEN realizan un estudo para definir un método de diagnóstico precoz da enfermidade a maiores de 70 anos.
David A. Pérez Martínez, xefe do servizo de Neuroloxía do Hospital Universitario 12 de Outubro, comentou a mellor abordaxe do tratamento da enfermidade desde o ámbito hospitalario en colaboración con outras institucións. Lembrou que "é necesario implementar un sistema ben codificado para interpretar ben os casos dos pacientes e medir os resultados porque potenciará a investigación". O doutor comentou que "a accesibilidade ao sistema e ás consultas é fundamental" para obter os datos necesarios.
Pechou a xornada Domènec Crosas, director xeral de Sanitas Maiores, que puxo o foco no compromiso de Sanitas e de Bupa, o seu grupo matriz, na creación de sociedades inclusivas coas persoas que viven con demencia. "Temos a obrigación de mirar ao futuro e de apostar pola innovación, pero tamén de dar resposta ás necesidades das persoas que hoxe viven con demencia e as súas familias", afirmou Crosas. "Estamos nunha era na que as oportunidades da tecnoloxía no coidado e a atención ás persoas son maiores que nunca. Sexamos valentes, sexamos abertos, e aproveitémolo", concluíu.