main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

21/06/201809:00
Participantes no curso.
Monforte

A Fundación TIC adestra nas posibilidades dos móbiles aos maiores de Monforte

Seguimos a dar conta das accións formativas no rural, adestrando tecnoloxicamente á poboación de idade, da Fundación TIC da Deputación de Lugo. Se onte falabamos do obradoiro celebrado na Mariña, hoxe é a quenda de achegarnos a Monforte, onde se desenvolve o curso Manexo básico de móbil-smartphone que organiza a devandita entidade da Deputación. No obradoiro fixeron acto de presenza (hoxe) o deputado Miguel Angel Sotuela Vega e o alcalde de Monforte, José Tomé Roca.

Sotuela Vega salientou que “este é un dos varios e exitosos cursos que dende a Fundación TIC de Lugo levamos a cabo por toda a provincia e que pretendemos que continúe a ser desta mesma maneira”. 

O dito curso de Monforte diríxese a familiarizar aos asistentes co uso dos ditos dispositivos e a introducilos nas súas principais vantaxes de comunicación e de busca de información e coñecemento en xeral. 

O obradoiro insírese no programa de alfabetización tecnolóxica da Fundación TIC para o rural deste segundo trimestre de 2018. Os días pasados as actividades chegaron a concellos como Navia de Suarna, Foz, Xermade, Ribeira de Piquín, Baleira e Fonsagrada, amais da comarca da Mariña. En todas as citas estase a conseguir un alto nivel de participación, o que demostra, en palabras da Deputación, “o interese que hai por parte dos maiores sobre a utilidade das novas tecnoloxías como ferramenta para mellorar a súa calidade de vida”. 

O cursos na provincia son sobre o uso do móbil e Internet, as materias máis demandadas polos usuarios do InLugo da TIC. 

En total, este segundo trimestre achéganse 1.085 prazas nas 81 accións formativas que imparte a entidade, tanto na sede de seu como na provincia. Segundo explica o Goberno provincial, esta cifra supón un incremento do 60% con respecto á tempada anterior.

21/06/201808:56
Certificado de Down España para Primux.
Ourense

Primux, recoñecida por Down España polo seu labor inclusivo

A firma galega Primux, amais de ser unha fabricante tecnolóxica referencial, é unha empresa comprometida socialmente. Proba diso son novidades como a aplicación de seu para permitir o uso de smartphones entre persoas con problemas de visión ou, máis recentemente, o recoñecemento recibido por Down España que certifica a Primux como empresa comprometida coa inserción laboral de persoas con síndrome de Down

O certificado Estamos preparados foille concedido durante un acto celebrado na Confederación de Empresarios de Ourense, no que se salientou o apoio da empresa (cuxo centro de I+D atópase na Tecnópole) á inserción laboral do colectivo.

O programa no que se inclúe a participación de Primux, Yo me prep@ro, promovido localmente por Down Ourense e a Fundación Vodafone España, trata de concienciar sobre a inclusión laboral das persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual. O obxectivo do programa, que celebra a súa cuarta edición, é proporcionar aos ditos colectivos as ferramentas e estratexias necesarias en aspectos clave como o uso axeitado das TIC: programas informáticos, navegación por Internet, acceso a redes bancarias informatizadas ou aplicacións móbiles. Todo co obxectivo de “axudarlles a salvar a fenda dixital que lles pode condicionar á hora de atopar un posto de traballo normalizado, mellorar a súa autonomía e levar unha vida o máis plena e independente posible”.

21/06/201808:53
Imaxe de Google Home nun fogar.
Santiago de Compostela

Benvido, Google Home

  • Pasou bastante tempo, pero xa podemos dicir que Google Home aterrou en España, despois de que a compañía anunciase esta semana o lanzamento deste asistente por voz deseñado para axudar nos seus fogares a todas as persoas grazas á súa tecnoloxía de intelixencia artificial.

 

Este asistente por voz é especialmente útil para persoas con discapacidade xa que facilita a interacción tanto coa información de Google como con outros dispositivos que se poden conectar a este sistema.

Así, persoas con dificultades para o movemento ou con perda de visión poderán utilizar este asistente mediante a voz, superando barreiras que xeralmente sofren con outros dispositivos, especialmente coa masificación das pantallas táctiles.

O sistema actívase ao pronunciar as palabras "Ok, Google", e é capaz de comprender o que o usuario lle pide para recibir información ou para interactuar con dispositivos e electrodomésticos que estean conectados ao sistema.

Google Home incorpora un sistema de altofalante e de micrófonos de longa distancia para facilitar o seu uso en calquera parte do fogar.

Ademais, Google Home chega a España co seu irmán pequeno, a versión Mini, e con Google Wifi, que axuda a levar o sinal de Internet a todo o fogar con servizos intelixentes.

Unha gran noticia que este sistema aterrase en España xa que se postula como un dos grandes protagonistas dos fogares conectados, que supoñerán unha gran revolución para millóns de persoas con discapacidade.

21/06/201808:43
Logo 5G.
Santiago de Compostela

A Amtega e a AETG organizan o primeiro foro galego sobre os retos e oportunidades do 5G

  • O 27 de xuño operadores, fabricantes, clientes do ámbito empresarial, administracións públicas e entidades con iniciativas de 5G debaterán na Cidade da Cultura o potencial e o impacto desta tecnoloxía

O vindeiro 27 de xuño Santiago acollerá o foro “Oportunidades e retos das redes 5G”, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (AETG). Trátase do primeiro foro de debate en Galicia sobre o marco no que se desenvolverán as redes 5G, o impacto que terán na sociedade galega, os retos para a súa implantación e o potencial do hipersector TIC galego para situarse neste contexto tecnolóxico emerxente.

O encontro busca ofrecer os puntos de vista, inquietudes e expectativas de todos os axentes implicados polo que está estruturado en diferentes bloques para dar voz a operadores, fabricantes, clientes, administracións públicas e entidades que están a traballar xa en iniciativas de 5G. Os interesados en asistir pódense inscribir na xornada a través do correo cdtic@xunta.gal.

 

Tecnoloxía 5G e marco estratéxico
Como punto de partida o primeiro bloque do encontro será un relatorio sobre que son as redes 5G da man de José Carlos López Ardao, profesor da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo. 

O segundo bloque abordará o marco estratéxico ante o 5G co relatorio dun representante da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital. A continuación terá lugar unha mesa redonda na que diferentes representantes de entidades e grandes empresas de diferentes ámbitos, como o Sergas ou PSA, abordarán as posibles aplicacións, as oportunidades e os beneficios que esperan do desenvolvemento das redes 5G en Galicia.

 

Operadores e fabricantes
O terceiro bloque centrarase nas perspectivas das redes 5G desde a visión dos operadores e os fabricantes. Didier Clavero, head of Data Core Vodafone; Tomás Alonso, director de Enxeñería de Produto de Orange; Javier Gutiérrez, director de Estratexia e Desenvolvemento de Rede e Infraestruturas de TI de Telefónica; e Norberto Ojinaga, director de Rede de R, exporán o papel que desempeñarán as 5G na economía e a sociedade e as perspectivas e problemáticas que ven sobre o seu despregamento.

A mesa redonda dos fabricantes achegará a súa visión do futuro das redes 5G e as posibilidades de uso coa participación de Iván Rejón. Head of Strategy, Gov’t & Industry Relations, Marketing & Communications de Ericsson: Álvaro Sánchez. Head of Telefónica Account at Nokia; e José Nicolás Domínguez-Staedke, Strategy & Business Development at Colmena.

 

Entidades con iniciativas baseadas en 5G
O cuarto e último bloque servirá para expoñer iniciativas específicas de uso do 5G da man de entidades que están xa desenvolver solucións concretas. Nesta mesa participan Francisco Sánchez Pons, director de ITS e Electrónica en CTAG; Yudani Riobó, Innovation Manager at Quobis; Luis Pérez Freire, director General de Gradiant e Héctor Estévez, Director General de Centum Research & Technology

As redes 5G están a dar os seus primeiros pasos e espérase que nos próximos anos o seu despregamento sexa xa unha realidade e pasen a converterse nunha infraestrutura básica para a transformación dixital, xunto con outras tendencias como o big data, a intelixencia artificial ou a internet das cousas. 

A celebración deste foro enmárcase nas iniciativas promovidas pola Axenda Dixital de Galicia 2020, que ten como obxectivo prioritario contribuír a transformación dixital da Comunidade.

20/06/201812:24
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

MEET AND CODE 2018: Eventos sobre programación e tecnoloxía dixital para nenas, nenos e mozos de toda Europa no marco da EU Code Week

  • Máis de 250.000 euros de fondos destinados a Entidades Sen Fins de Lucro en máis de 20 países.

 

No MEET AND CODE do 2017, realizáronse ao redor duns 600 eventos en 280 cidades, con case 30.000 participantes. No 2018, este acontecemento entra no seu segundo ano, como parte da Semana Europea da Programación da UE (EU Code Week), que se celebrará do 6 ao 21 de Outubro.

MEET AND CODE quere mostrar, unha vez máis, que a contorna dixital e a programación pode ser divertida para os máis novos. As Entidades Sen Fins de Lucro de 22 países poderán presentar as súas ideas de evento para optar a unha subvención que os faga realidade. Grazas ao apoio de SAPIT-Portal Stifter-helfen, TechSoup Europa e Proxecto Doo, xestionado por ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, como representante en España.

 

Participa ata o 15 de setembro

As ideas de eventos pódense presentar na web www.meet-and-code.org antes do 15 de setembro do 2018, previo rexistro da entidade. Cada idea de evento será avaliada e aquelas clasificadas como elexibles recibirán unha subvención de ata 500 € para executar as actividades popostas na idea de evento, podendo participar calquera Entidade Sen Fins de Lucro.

Entre outros requisitos, os eventos deben estar orientados a nenas, nenos e mozos, entre os 8 a 24 anos de idade. E o obxectivo dos eventos debe ser, por unha banda, presentar o mundo da tecnoloxía dixital e a programación aos mozos e, doutra banda, mostrar como os mozos poden dar vida e forma ao mundo a través da programación.

MEET AND CODE lévase a cabo en: Austria, Bosnia e Herzegovina, Bulgaria, Croacia, República Checa, Inglaterra, Francia, Alemaña, Hungría, Irlanda, Italia, Kazajstán, Macedonia, Polonia, Rumania, Rusia, Serbia, Eslovaquia, Eslovenia, España, Suíza e Ucraína.

 

Novo: Premio MEET AND CODE para as mellores ideas de eventos

Este ano, MEET AND CODE busca, en todos os países participantes, as ideas de eventos máis creativas e as implementacións máis orixinais. O novo Premio MEET AND CODE preséntase en tres categorías: Kick and Code (Tema do Ano), Innovation (Innovación) e Diversity (Diversidade). En cada categoría serán premiados 5 eventos. Pode atopar máis información sobre o premio en: www.meet-and-code.org.

 

Quen está detrás do MEET AND CODE

Detrás desta iniciativa está a organización alemá Haus das Stiftens gGmbH co seu portal de TI Stifter-helfen, os respectivos socios locais da rede TechSoup Europa e como representante en España o Proxecto Dono, xestionado por ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade. MEET AND CODE é posible grazas á promoción e financiamento de SAP.

Máis información: Proxecto Dono.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS