main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

19/06/201809:41
Un mozo con síndrome de Down utiliza un teléfono móbil.
Santiago de Compostela

Traballadores de empresas tecnolóxicas que axudan a persoas con discapacidade

En moitas ocasións non son só as empresas as que poden axudar a persoas con discapacidade, senón que son os propios traballadores os que toman a iniciativa e súmanse a proxectos de voluntariado co obxectivo de destinar parte do seu tempo e os seus coñecementos á inclusión destas persoas.

Un exemplo moi claro deste tipo de proxectos é o dos traballadores de Indra, que durante o mes de maio uníronse á Fundación Xoán XXIII Roncalli para aproveitar os seus coñecementos para desenvolver tecnoloxía que axude a persoas con discapacidade intelectual.

Esta colaboración realizouse a través do programa con.TTigo, que supuxo unha iniciativa de voluntariado inclusivo pioneira e innovadora que persegue buscar solucións tecnolóxicas para mellorar a calidade de vida de persoas con discapacidade.

Así, os voluntarios traballaron durante un mes no deseño de aplicacións dirixidas a tres ámbitos diferentes. Por unha banda, á atención, para facilitar a vida en comunidade e a autonomía no fogar.

Doutra banda, centráronse na formación a través dun curso sobre accesibilidade cognitiva; e, por último, desenvolveron aplicacións centrada na inclusión laboral a través de servizos de produtos ecolóxicos.

As aplicacións desenvolvidas durante estas semanas inclúen unha ferramenta de apoio no fogar, un interface sinxelo para acceder a información a través de códigos QR e unha ferramenta para a trazabilidade de cultivos, a súa manipulación e entrega ao cliente a través do servizo de produtos ecolóxicos.

Sen dúbida, un fantástico exemplo de como os traballadores de empresas tecnolóxicas se involucran no obxectivo de mellorar a calidade de vida de persoas con discapacidade e persoas maiores.

19/06/201809:36
María Rozas.
Santiago de Compostela

Santiago contará cun centro tecnolóxico para impulsar o emprego

O Concello de Santiago anunciou a semana unha importante iniciativa para impulsar “o emprego de calidade”. Trátase do Centro de Excelencia Tecnolóxica de Emprego e Crecemento, un proxecto cun orzamento de 320.000 euros (dos que 256.000 procederían de fondos europeos FEDER e o resto do Concello) e que ten como obxectivo fornecer de maneira continua “servizos que melloren as condicións de empregabilidade das persoas en situación de desemprego”, e fomentar “a creación de postos de traballo estables e de calidade”. Estes datos foron achegados pola concelleira María Rozas, alcaldesa en funcións. 

Segundo fixo saber máis en detalle, ao abeiro do centro quérese crear unha incubadora de procesos colaborativos e do Observatorio da Innovación Social, así como impulsar a execución de teses, traballos fin de grao e traballos fin de máster ligados ás áreas de traballo actuais que mostran meirande potencial de creación de emprego, tanto en cantidade como en calidade. 

Rozas tamén engadiu que o labor do CETEC estará vinculado á Mesa polo Emprego de Santiago, e o obxectivo do Concello é que permita "intensificar a colaboración coas entidades vinculadas ao ámbito laboral, tamén a Universidade de Santiago".

19/06/201809:32
Bosque.
Santiago de Compostela

A Rede Dixital de Vixilancia Forestal da Xunta disporá de dez centros máis e incrementa a súa cobertura ao 54% do territorio

  • A Rede, en fase despregamento, emprega tecnoloxía de visión de altas prestacións
  • O novo sistema posibilitará aos técnicos forestais a monitorización das zonas videovixiladas as 24 horas do día
  • Permite xeoposicionar as imaxes, o que facilitará o seguimento do incendio e a toma de decisións para asignar recursos

 

A Xunta de Galicia está a despregar a Rede de Vixilancia dos espazos forestais como un instrumento de apoio ao labor de detección, prevención e seguimento deste tipo de incendios. O sistema incorpora as melloras ofertadas pola empresa adxudicataria, a galega Itelsis, que incrementou o número de centros de 34 a 44, o que permitirá monitorar o 54% do territorio, fronte ao 48% inicial.

A nova rede estase a despregar aproveitando as infraestruturas de Retegal. Nesta primeira fase instalaranse cámaras en 44 centros de telecomunicacións do operador público, que facilitarán cobertura visual de máis de 1,5 millóns de hectáreas, máis da metade do territorio galego, incluíndo terreos das 73 parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) definidas así no Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA) da Consellería do Medio Rural.

Os obxectivos principais da rede son a vixilancia remota e servir de apoio na extinción de incendios. En caso de detectarse un lume o sistema achegará información visual en directo sobre o avance e as condicións do incendio e permitirá xeoposicionar o punto que se está a visualizar en cada momento. Deste xeito, a rede ofrece un mecanismo de apoio á toma de decisións polas autoridades e persoal técnico competentes para mobilizar e xestionar medios e recursos para os labores de extinción.

A rede, anunciada polo presidente da Xunta no Parlamento como unha das 30 medidas na proposta de acordo forestal, xestionarase a través dunha plataforma tecnolóxica que facilitará a vixilancia remota dos montes desde un centro de control as 24 horas do día e permitirá aos axentes e técnicos forestais o acceso en tempo real ás imaxes, incluso a través de dispositivos móbiles.

 

Investimento e evolución da rede
No desenvolvemento da rede colaboran a Consellería do Medio Rural, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Retegal que articula a posta en marcha e mantemento desta Rede de Vixilancia dos espazos forestais ata 2022 cun investimento de 2.026.000 euros.

Nunha segunda fase, e en base ás necesidades detectadas polos equipos forestais, definirase a ampliación da cobertura da rede. Ademais, a medida que a evolución tecnolóxica ofreza novas solucións, analizarase a posibilidade de incorporar innovacións neste eido que melloren a eficacia do dispositivo ou permitan avanzar na detección temperá de lumes.

19/06/201809:23
Cartel da xornada.
A Coruña

Ábrese a solicitude de invitacións para o vindeiro Coruña Bloggers

O vindeiro día 27 ás 19:00 horas terá lugar a XIX edición de Coruña Bloggers, encontro que cada mes xunta a apaixonados ás tecnoloxías, os blogs, as redes sociais e outras temáticas tanxenciais na Fundación Barrié da Coruña para escoitar un par de relatorios e completar a xornada cunha sesión de networking nun local de hostalaría próximo.

Este evento de carácter solidario (os asistentes deben achegar un mínimo de 1 quilogramo de alimentos non perecedoiros para a Cociña Económica a xeito de billete) precisa de invitación para o control da asistencia, que nesta ocasión será limitada, xa que en vez de desenvolverse as charlas no auditorio, trasládanse a unha sala do cuarto andar do edificio, de xeito que limitan o aforo a 40 persoas.

O primeiro relator deste encontro será Iván Cernadas, blogueiro que falará de SEO e copywriting, ou sexa, que compartirá consellos de redacción de contidos para atraer tráfico e público na Rede.

Collerá o relevo Marta Falcón, que repite en Coruña Bloggers cunha actividade especial, xa que esta deseñadora de servizos vai facer que os presentes desenvolvan unha dinámica práctica en grupos para ver a importancia de pensar fóra da caixa á hora de proxectar os contidos dun blog.

19/06/201809:19
SpeakSee.
Santiago de Compostela

SpeakSee convertirá conversas en grupo a texto incluso en galego

Como ferramenta para a integración social das persoas con eivas auditivas son moi prácticas as tecnoloxías de recoñecemento de voz, pero normalmente só resultan prácticas para comunicacións de un a un, de aí que xurdise SpeakSee, un sistema portátil de micrófonos que poden transcribir conversas a texto con precisión, soportando a varios usuarios á vez, para facilitar que as persoas xordas poidan participar en conversas grupais, como ceas familiares, encontros cos amigos ou xuntanzas de traballo.

Esta solución está baseada nunha aplicación móbil que comunícase cos micrófonos sen fíos que poden pendurarse facilmente na roupa mediante imán, e presenta as conversas que están a ter lugar dun xeito semellante a como sería unha aplicación de mensaxería instantánea, co detalle de que neste peculiar chat cada un dos recadros de texto estará na cor do micrófono que recolle a voz, ou sexa, que será doado distinguir o que di cadaquén por separado, facilitando o seguimento do fío das conversas. Sería algo semellante a gozar de subtítulos do mundo real (e incluso podería aplicarse a chamadas telefónicas).

Para facer posible esta tecnoloxía están a recadar financiamento a través de Indiegogo, onde teñen marcado como obxectivo o mes de febreiro de 2019 para ter este produto listo, que pode reservarse por un prezo de 249 dólares para 1 base e 1 micrófono ou por 379 dólares para unha base con 3 micrófonos (a opción claramente máis recomendable). Pero a compra do hardware non sería o único investimento a realizar, xa que a tecnoloxía de SpeakSee é un servizo de subscrición, que ofrece até 5 horas de balde ao mes, pero que para un uso frecuente precisaría do pagamento de 9,99 dólares/mes.

Os micrófonos de SpeakSee serían dispositivos con batería recargable que funcionarían a unha distancia de até 20 metros da súa base, contando tamén cunha entrada adicional de audio (para poder o micrófono a un teléfono ou a un televisor). A tradución da voz a texto podería verse nunha aplicación móbil e unha das grandes vantaxes deste sistema é que traballan con compañías que aseguran poder recoñecer máis de 120 linguas e variantes, de xeito que, por exemplo, recoñece até 20 variantes do español e, sorprendentemente, tamén aseguran que o sistema funcionará para transcribir de voz a texto o galego.

 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS