
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A ONG Educo e a rede de 46 entidades que forman parte do seu Programa de Acción Social en España lanzan #TrátameBien, unha iniciativa que pretende visibilizar a través das redes sociais diferentes formas de bo trato cara á infancia co obxectivo de conseguir unha sociedade libre de violencia.
Segundo datos do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade o 9% das nenas e 20,5% dos nenos de 11 a 12 anos declaran ser golpeados, pateados, empuxados ou encerrados no seu colexio algunha vez nos dous últimos meses.
Por outra banda, o informe Érase unha Voz... o que opinan nenas e nenos sobre a violencia, publicado en 2016 por Educo, recolle as voces de case 700 nenos e nenas que contan as súas percepcións sobre situacións de violencia, as súas causas e algunhas posibles solucións. Entre outras reflexións, os nenos e as nenas consideran que unha boa solución para a violencia é ensinar aos adultos para tratar ben á infancia.
Ante estas evidencias, a iniciativa #TratámeBien consistirá en compartir desde o día 13 de xuño debuxos, cartas e murais realizados por nenos e nenas en Facebook e Twitter. Así, farán chegar ao mundo dixital mensaxes sobre como lles gustaría que os tratasen ou cartas de agradecemento sobre o bo trato que recibiron nalgunha ocasión.
Os protagonistas da acción son nenos e nenas que participan nas actividades educativas e de lecer dalgunha das 46 entidades de ámbito local de todo o territorio español que traballan coa infancia en risco de exclusión e que forman parte do Programa de Acción Social de Educo.
Máis información na Web de Twitter de Educo.
Con motivo da celebración do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, traémosvos a historia dunha estudante británica que desenvolveu unha luva capaz de traducir os movementos da lingua de signos a texto para facilitar a comunicación con persoas non signantes.
A luva é capaz de rexistrar os movementos dunha persoa signante e traducilos a texto a través dunha pantalla, á vez que rexistra as palabras pronunciadas polo non signante e pásaas tamén a texto para que as poida ler a persoa xorda.
Este proxecto, que se denomina BrightSign, está aínda pendente de recibir o financiamento necesario para comercializar o dispositivo, pero a súa fundadora, Hadeel Ayoub, confía en poder comercializalo antes de que termine o ano, segundo apunta nunha reportaxe publicada na web www.diginomica.com.
Esta luva ten algunhas vantaxes respecto doutros proxectos similares. Por unha banda, é capaz de aprender signos propios, de maneira que vai evolucionando en liña co seu usuario. Por outro, a súa creadora ten o obxectivo de comercializalo a un prezo moi inferior a outras opcións parecidas, situándoo por baixo dos 1.000 euros.
Este tipo de desenvolvementos son os que demostran a capacidade da tecnoloxía para facilitar a vida de persoas con discapacidade, pero atópanse co escollo de lograr o financiamento necesario para a súa comercialización.
O vindeiro 23 de xuño terá lugar en Santiago de Compostela o acto de entrega de premios da III edición do concurso escolar Aprendo Programando, que organiza o CPETIG coa colaboración da Federación Galega de Baloncesto e Alvarellos Editora.
A esta edición concurriron un total de 72 equipos – 57 de ESO e 15 de Primaria- que presentaron os seus traballos programados con Scratch baixo a temática Patrimonio cultural europeo, proposta polo CPETIG para a convocatoria deste ano. Esta alta participación supón un récord sobre as edicións anteriores, chegando case a duplicar o número de equipos inscritos o ano pasado.
Aprendo Programando ten como finalidade achegar ao alumnado de Primaria e ESO a programación, contribuíndo así a integrar dentro do sistema educativo a crecente utilización das novas tecnoloxías xa desde a infancia. Deste xeito, a iniciativa representa para o alumnado de ensino primario e secundario a oportunidade de adquirir habilidades mentais, ligadas ao pensamento computacional, mediante a aprendizaxe da programación a través do Scratch, e buscar a superación tanto a nivel persoal coma colectivo. Esta ferramenta didáctica abre numerosas posibilidades creativas, como desenvolvemento de xogos, historias interactivas, animacións ou programación de robots.
Os premios: un robot educativo, tablets e libros
A entrega de premios será o sábado 23 de xuño ás 12.00 horas en Santiago de Compostela, nun acto que contará coa asistencia do presidente do CPETIG, Marcos Mata; o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín; e o director de Alvarellos Editora, Henrique Alvarellos, como entidades colaboradoras.
Os equipos participantes optan a premios como un mBot, robot educativo; tablets; exemplares do libro titulado 50 anos de Baloncesto en Galicia, editado pola Federación Galega de Baloncesto; e un lote de libros de literatura infantil e xuvenil, editados por Alvarellos.
A Fundación Vodafone vai manter aberto até o 31 de xuño o prazo para presentarmos candidaturas á terceira edición de Connecting For Good Galicia, a iniciativa conxunta da compañía de telecomunicacións e o Goberno autonómico para impulsar, visualizar e premiar proxectos tecnolóxicos con clara vontade de facer o ben, solidarios e sociais. En concreto, valóranse aquelas iniciativas que resolvan algún reto social no ámbito da educación, saúde, participación cidadá, ou calquera dos recolleitos na Axenda Dixital de Galicia 2020. Ademais, terase moi en conta o “enfoque inclusivo” en relación a persoas con diversidades funcionais ou cognitivas e persoas maiores.
Nesta convocatoria, coma nas edicións previas, seleccionaranse un máximo de seis iniciativas de emprendemento, que contarán cun patrocinio de 2.000 euros cada unha, concedido pola Xunta, así como de axudas, outorgadas por Fundación Vodafone, para a contratación de persoas con diversidades para o desenvolvemento das súas respectivas ideas de negocio. Doutra banda, tamén poderán optar á concesión dunha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia ao mellor proxecto para a súa execución e posta en marcha. Ademais, a Fundación Vodafone outorgará o Premio Conectados pola Accesibilidade de 10.000 euros, ao proxecto que mellor incorporase os principios de accesibilidade universal.Os proxectos incorporados ao programa beneficiaranse de sesións de formación e asesoramento e accederán a un conxunto de ferramentas e recursos a través “dun traballo personalizado” e “dunha metodoloxía de aceleración específica baseada na innovación”. Todas as iniciativas disporán dun espazo de traballo na sede de Vodafone Connecting for Good, situada nas dependencias do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, para “facilitar a coordinación e xestión das propostas”. O fallo do Xurado cos proxectos seleccionados notificarase antes do 1 de outubro. A fase de formación dos participantes terá unha duración de seis meses, desde o 15 de outubro de 2018 até o 15 de abril de 2019.Para a valoración dos proxectos, os responsables dos mesmos deberán rexistrar a candidatura na web específica da fundación, www.fundacionvodafone.es/premios. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, comezará o proceso de selección dos participantes que constará de tres fases.
Hai un par de meses formalizouse a Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos, Videoxogo.gal, para potenciar a súa industria dos videoxogos na comunidade galega servindo de ponte entre as empresas do sector para crear sinerxías e dinamizar o seu sector, e onte presentouse esta iniciativa en sociedade nun acto que tivo lugar na Coruña e onde o presidente da asociación, Fernando Prieto (do estudio Gato Salvaje) explicou os obxectivos que se teñen marcado e anunciou que como incentivo para asociarse os integrantes de Videoxogo.gal poderán acceder sen custo adicional á vindeira edición de Mundos Digitales, congreso que desenvolverse en PALEXCO na Coruña entre os días 5 e 7 de xullo.
Durante o acto de presentación, a tesoureira de Videoxogo.gal, Luz Castro (Imaxin Software), tamén instou aos presentes a interesarse pola nova entidade e animarse a xuntar forzas a prol dun sector que precisa dunha maior visibilidade en Galicia. Entre os obxectivos da nova asociación figura tamén a promoción da produción de entretemento dixital como unha actividade relevante e innovadora dentro do lecer, a cultura, a Industria 4.0 e as TIC, o fomento da competitividade e a internacionalización, o desenvolvemento dunha industria ao redor da produción de lecer dixital, a representación do sector en distintos foros e incluso a busca do recoñecemento en Galicia do entretemento dixital como produto cultural.
Videoxogo.gal nace da asociación das empresas Gato Salvaje, Imaxin Software, Ficción Producciones e Datalawyers, esperando aglutinar nos vindeiros meses a moitos outros socios que exerzan a súa actividade en Galicia e como actividade principal teñan a produción, creación e desenvolvemento de software de lecer ou participen a nivel profesional na cadea de valor do sector dos videoxogos ou dos contidos interactivos. A asociación tamén está aberta a estudantes que estean a formarse no sector.