
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Concello de Ferrol iniciou esta semana, na sala interactiva da Casa da Muller, un obradoiro destinado a desvelar ás profesionais e emprendedoras como ampliar a carteira de clientes e os espazos de venda botando man das novas tecnoloxías. O obradoiro Quero vender online é un curso formativo de 35 horas para o que se ofertaron, de balde, 15 prazas. Segundo informa o Concello, a demanda foi tan alta, e tan boa a acollida, que houbo que organizar as inscritas en dous grupos de traballo para “dar resposta ao alto número de peticións”.
As clases impártense os mércores e os sábados de 10 a 14h. Este obradoiro organizado desde a Área de Muller vai dirixido a mulleres empadroadas no Concello de Ferrol que teñan tenda física e queiran aprender a vender por Internet, e para mulleres que tendo ideas de produtos non teñan o coñecemento nin as ferramentas para construír a súa tenda en liña.
A organización do curso explica que ao abeiro do mesmo vaise traballar coas diversas redes sociais que poden utilizarse como ferramentas de venda de produtos, e amosaranse diversos programas como Virtual Composer para o deseño e maquetado de webs de tendas en liña ou o manexo da plataforma WooComerce (plataforma de tenda dixital de Wordpress)
O Instituto Tecnolóxico Galego está a levar o talento da nosa terra ao que sería o proxecto europeo máis relevante da actualidade en materia de almacenamento e xestión smart da enerxía renovable, o proxecto AGERAR. Os demais socios son a Universidade de Sevilla (coordinador); INTA, Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial; a Axencia Andaluza de Enerxía; a Axencia Rexional de Enerxía e Medioambiente do Algarve; a Universidade do Algarve; a Universidade de Évora e o INEGI, o Instituto de ciencia e innovación en enxeñaría mecánica e industrial. O programa de investigación comezou en maio do 2017 e en outubro de 2019 presentaranse os resultados.
Segundo ser fixo saber nunha xuntanza dos responsables das entidades participantes no proxecto, AGERAR ten como obxectivo principal promover a eficiencia enerxética e os criterios de sustentabilidade en microrredes comerciais e residenciais, mellorando a xestión de enerxías renovables grazas aos almacenamentos smart e á utilización de Tecnoloxías de Información e Comunicación, as TIC.
No acto estiveron presentes Beatriz Mato, conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio; Carlos Calvo, director de ITG; Miguel Ángel Ridao, investigador do Grupo de Automática e Robótica Industrial da Universidade de Sevilla (coordinador do proxecto) e Santiago Rodríguez, director da área de enerxía de ITG. Segundo explicou Carlos Calvo, “os socios do proxecto poremos en común o coñecemento e as instalacións experimentais, o que permitirá desenvolver accións específicas de I+D que ofrecerán información fiable aos entes rexionais responsables das políticas enerxéticas”. A partir de aquí, posibilitarase a creación de plans concretos para acadar máis eficiencia, máis sustentabilidade nos edificios, máis e mellor aproveitamento das renovables e mellores sistemas de almacenamento. Pola súa banda, Ridao destacou que “en outubro de 2019 verán a luz os resultados deste proxecto de cooperación internacional, clave para o fomento no uso de microrredes de electricidade con fontes limpas e sustentables, que permitirá mellorar a súa xestión grazas a innovadores sistemas de almacenamento de enerxía e ao emprego de Tecnoloxías de Información e Comunicación avanzadas con algoritmos de control avanzado”.
Até 31 persoas están a participar estes días no curso Ensinar ciencias con robótica, programación e produción de contidos multimedia para o encerado dixital, inserido no programa de cursos de Extensión Universitaria da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra para este verán. A actividade formativa, que se desenvolve dende comezos de xuño na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, capacita aos docentes para converterse en creadores reais de tecnoloxías e enxeños intelixentes e, tamén, en educadoras/es adestradas/os en innovación e colaboración. Trátase, de feito, dunha actividade que alenta o espírito maker (argalleiro) que todas e todos levamos dentro, pero aplicado ao día a día das clases.
Dirixido polos docentes María Álvarez Lires e Uxío Pérez e impartido por Xabier Álvarez Lires e María Lorenzo, este taller busca achegar ao alumnado dos graos de Educación Infantil e Educación Primaria a novos recursos para ensinar ciencias. Tecnoloxías que van do deseño de actividades para o encerado dixital a aprender a programar xoguetes tecnocientíficos como os sets de robótica educativa Lego We-Do e Lego e-Lab, o robot emocional Aisoy, o robot Sphero (novidade nesta quinta edición do curso, un enxeño que permite ao alumnado traballar con elementos programables desde dispositivos móbiles), ou o kit Go Robot Mouse (outra novidade), un recurso de iniciación concibido para crianzas de Educación Infantil.
Unha das pedras de toque do obradoiro está a ser a elaboración de maquetas con temáticas relacionadas coa contorna próxima dos participantes e que estes deben deseñar empregando materiais reciclados. Nestas maquetas, o alumnado ten que integrar algúns dos robots e xoguetes interactivos abordados nas diferentes sesións co propósito de favorecer así unha reflexión “sobre como podería usalos na clase para o que o alumnado aprenda”, como explica o responsable do obradoiro, Xabier Álvarez. Deste xeito entre os proxectos finais que esta semana se presentan figura tanto unha recreación da ponte de Rande baixo a que pasa un barco impulsado por unha batería que se carga con enerxía solar, como unha granxa dotada dun tractor ou unha recreación da Illa das Esculturas completada cun muíño que tamén move a enerxía solar.
11 empresas ourensás que participaron no programa "Yo me prep@ro", recolleron esta mañá o diploma "Estamos prep@rados" por dar oportunidades laborais a persoas con síndrome de Down e, desta forma, recoñécese o seu apoio na inserción laboral do colectivo. O acto, organizado por Down Ourense e a Fundación Vodafone España, tivo lugar esta mañá na Confederación de Empresarios de Ourense.
Estas empresas ofreceron aos alumnos a oportunidade de realizar prácticas formativas nas súas instalacións, ou mesmo entrar a formar parte dos seus cadros de persoal: Fundación San Rosendo, Pérez Rumabo, Domino´s Pizza, Refigal, Rodríguez López Auto, Feuvert, Primux, Ferrovial, Campsa. E é que a pesar de contar coa formación adecuada, tan só o 5% das persoas con síndrome de Down do noso país puido demostrar a súa valía laboral; por iso, para o colectivo é indispensable contar co apoio e a colaboración do tecido empresarial local.
Durante o acto, que foi presidido polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, tamén se fixo entrega dun diploma aos 8 mozos con síndrome de Down que participaron e superaron o programa. Con este certificado, ambas as entidades acreditan que os mozos adquiriron as destrezas en TIC´s que lles permitirán formar parte do mercado laboral ordinario: manexar programas ofimáticos, usar diversas aplicacións móbiles ou navegar por Internet e mandar correos, entre outras habilidades.
Tanto os mozos como os empresarios compartiron as súas experiencias, destacando as vantaxes que ofrece para as empresas contar con persoas con discapacidade intelectual entre os seus traballadores xa que, ademais de realizar as súas tarefas con meticulosidade e moita organización, melloran o clima laboral e transmiten alegría e optimismo aos seus compañeiros. Así, animaron a outras empresas a que aposten por políticas inclusivas que ofrezan oportunidades laborais a traballadores con esta discapacidade intelectual.
No acto interviñeron a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz; a concelleira de Asuntos Sociais do Concello de Ourense, Sofía Godoy; a vicepresidenta da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), Marisol Novoa; o responsable de Administracións Públicas de Vodafone España en Galicia, Severino Castroman; e Sonia González, membro da Xunta Directiva de Down Ourense
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense destacou a importancia deste tipo de programas formativos en Novas Tecnoloxías para favorecer o acceso ao emprego, do que dixo que "debe de ser a ferramenta esencial para que unha persoa sexa un membro activo da sociedade".
A concelleira de Asuntos Sociais tamén se pronunciou respecto diso: "Grazas á segunda edición de programas como este, 16 alumnos puideron romper os medos ás novas tecnoloxías. Agradecemos a colaboración da Fundación Vodafone España e de Down España, xa que programas como estes son os que permiten a inclusión sociolaboral das persoas con discapacidade intelectual".
Pola súa banda, a vicepresidenta da CEO tamén agradeceu ás entidades involucradas no desenvolvemento do programa o "poñer ferramentas para romper barreiras, cremos que isto é fundamental para que o colectivo poida incluírse na sociedade e salvar, así, a fenda dixital existente".
O responsable de Administracións Públicas de Vodafone España en Galicia aproveitou a ocasión para dar os parabéns aos alumnos que "son os verdadeiros protagonistas, eles demóstrannos que se pode avanzar". Tamén animou a outras empresas a que participen neste programa.
Durante a súa intervención, a representante da Xunta Directiva de Down Ourense agradeceu á Fundación Vodafone España "o proporcionar oportunidades como estas que permiten que persoas con síndrome de Down e discapacidade Intelectual se formen en novas tecnoloxías, tan indispensables no mundo actual".
Ao termo, Eva Fraga, alumna do programa "Yo me prep@ro", contou a súa experiencia persoal como auxiliar de comedor nunha residencia de anciáns e aproveitou para facer un chamamento ás empresas para que dean oportunidades a persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual.
Tamén interviñeron o director de Recursos Humanos da Fundación San Rosendo, Daniel Novoa, que falou da súa experiencia coa contratación de Verónica Pardellas, da que dixo que foi "un claro exemplo de éxito laboral". Pola súa banda, a directora da Residencia Divino Mestre e Grupo Caldaria, Mónica Pereira, relatou a súa experiencia con outra das participantes, Andrea Igrexas, que aos poucos se fixo un oco na empresa "adaptouse moi rapidamente ao programa, ao centro e ao resto dos seus compañeiros. Estamos moi agradecidos a Andrea en todas as súas vertentes
O programa "Yo me prep@ro".
O obxectivo do programa "Yo me prep@ro", que celebra a súa cuarta edición, é proporcionar ás persoas con discapacidade intelectual as ferramentas e estratexias necesarias en aspectos clave como o uso adecuado das TIC: programas informáticos, navegación por Internet, acceso a redes bancarias informatizadas ou aplicacións móbiles. Todo co obxectivo de axudarlles a salvar a fenda dixital que os pode condicionar á hora de atopar un posto de traballo normalizado, mellorar a súa autonomía e levar unha vida o máis plena e independente posible.
Nesta edición recibiron formación en novas tecnoloxías 8 usuarios de Down Ourense que adquiriron as competencias necesarias para poder desempeñar un posto de traballo coa normalidade e eficacia de calquera empregado. Estes alumnos de Ourense sumaranse a outros en diversas provincias, alcanzando un total de 960 mozos que recibirán esta formación en toda España.
Na súa formación contan co apoio de catro novos vídeo-tutoriais que a través dunha linguaxe sinxela e accesible, reforzarán os coñecementos ofrecidos no proxecto, e permitirán a calquera usuario comprender como se obtén e para que serve o DNI electrónico, descargar apps para Smartphone ou manexar con soltura aplicacións como WhatsApp.
Tras o éxito de anteriores edicións o proxecto afronta este cuarto ano a nivel nacional con renovado impulso, pois superou as expectativas tanto no número de prácticas conseguidas como na cifra de contratacións alcanzadas: sumados aos contratos laborais para alumnos conseguidos nos anos previos, "Yo me prep@ro" conseguiría durante os seus catro anos de execución un total de 319 insercións laborais en empresas ordinarias de todo o país.
A sabedoría popular teno claro, un científico de datos (un data scientist) é "un estatístico que traballa en San Francisco". E é que, desde hai uns anos, esta profesión está de moda grazas, en parte, ao mundo startupil. Pero a ciencia de datos vai moito máis alá e está a se converter nunha das profesións máis prometedoras de hoxe en día.
A febre dos datos fixo que empecemos a escoitar falar desta disciplina por todos lados. Pero, non podemos deixar de preguntarnos se é unha moda pasaxeira ou os científicos de datos viñeron para quedar. Repasamos que é exactamente iso de data science, as súas oportunidades laborais e as posibilidades que existen para formarse.