main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

09/07/201809:20
Fernando Prieto.
A Coruña

O videoxogo galego The Waylanders destaca no segundo día de Mundos Digitales

A segunda xornada da XVII edición de Mundos Digitales estivo marcada pola presenza de relatores de talle internacional capaces de recrear todo tipo de escenarios para grandes superproduccións. É o caso da cidade de Verona para a serie de televisión Still Star Crossed. Rafael Solórzano, José Luis Barreiro, Isaac de la Pomba e Óscar Perea, membros do equipo de El Ranchito, explicaron os retos de xerar escenarios dixitais que respondan non só ás necesidades do guión e os personaxes, senón tamén ao respecto e a exactitude histórica. Solórzano explicou que para alcanzar este rigor histórico contaron coa participación dunha arqueóloga e modelado 3D. Pola súa banda, de la Pomba destacou a combinación de elementos dixitais con localizacións reais en cidades españolas como Cáceres ou Salamanca para recrear a cidade de Romeo e Xulieta. Todos destacaron o traballo artesanal que supuxo este proxecto, onde cada elemento dunha escena era posto de maneira practicamente manual.

Precisamente El Ranchito, unha das empresas punteiras do sector e que realizou producións de éxito como Juego de Tronos ou Boardwalk Empire, participa no proxecto MD 2.0, unha experiencia formativa enfocada aos alumnos de destacados centros de formación de animación e efectos visuais. Un ambicioso proxecto que consistirá na rodaxe dunha curtametraxe con actores e actrices profesionais, e no que se replicará o formato de traballo da produtora HBO con grandes compañías de efectos.

No eido dos videoxogos destacou o relatorio de Fernando Prieto Prado, produtor executivo de Gato Salvaje, unha compañía de referencia na produción de videoxogos coñecida polo seu traballo AR-K: La Gran Evasión. Fernando tivo a ocasión de explicar ao auditorio os retos que supuxo o desenvolvemento da súa última creación, The Waylanders, un videoxogo inspirado en lendas galegas celtas e medievais pero cunha difusión internacional. Prieto explicou que empregaron as últimas tecnoloxías como a captura de movemento en tempo real. Sinalou ademais a importancia de contar cun bo equipo humano e como eles mesmos formaron ao seu equipo formado por 40 persoas. Prieto tamén falou de como The Waylanders pasou traspasado as pantallas e converteuse tamén nun xogo de mesa para crear o mercadotecnica adecuado para crear imaxe de marca.

Tras Prieto os asistentes puideron contar co desenvolvedor de videoxogos canadense Mike Laidlaw, quen traballou en proxectos para BioWare como Dragon Age e Mass Effect, e que compartiu cos presentes como é o traballo de creadores en equipo para conseguir a excelencia.

En paralelo tamén tivo lugar a segunda sesión do obradoiro de creación de personaxes organizado en colaboración co CPEIG e a AMTEGA, no que mozos de entre 14 e 18 anos puideron afondar no proceso de deseño 2D e do modelado 3D de personaxes da man dos creadores de producións como os filmes de Tadeo Jones.

Na sesión da tarde o storytellerJayse Hassen, desvelou os detalles da creación de hologramas e interfaces de usuario en películas como Los Juegos del Hambre e Star Wars

Por outra banda, Manuel Ramírez, supervisor de FX en El Ranchito quixo facer fincapé na importancia do departamento de FX para poder adaptar a empresa aos diferentes tipos de proxectos: películas, series, publicidade, etc. 

A segunda xornada desta edición ofreceu ademais un amplo abano de obradoiros, onde os interesados puideron aprender da man de grandes profesionais técnicas animación, fotorrealismo e deseño de personaxes. A feira de emprego acolleu a todos aqueles asistentes que desexan facerse un oco nos estudos de referencia.

09/07/201809:13
Facultade de Matemáticas da USC.
Santiago de Compostela

Científicos e tecnolólogos convocados polo ITMATI tentarán resolver en Santiago cinco retos empresariais

Poden as matemáticas, o cálculo avanzado, resolver os grandes retos científicos e empresariais do noso tempo? Sen dúbida poden, e o mellor de todo é que teñen un gran escenario onde demostralo, as redes, amais dunha materia prima inmellorable da que botar man: o que se coñece como datos a gran escala (Big Data). Para lucir posibilidades do cómputo e capacidade de resolución no ámbito da Industria 4.0, o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), en colaboración coa Rede Española Matemática-Industria (Math-in), organiza a 139ª European Study Group with Industry (139 ESGI)

Nesta xuntanza retarase a empresas de sectores punteiros como o petroquímico, o forestal, o enerxético e o siderúrxico a que formulen problemas industriais que un equipo de científicos e tecnólogos resolverá en cinco días. O encontro arrinca o luns 9 na Facultade de matemáticas e durará ata o día 13.

Entre as empresas que participan este ano figuran as coñecidas Repsol e ArcelorMittal e firmas de tamaño medio de sectores emerxentes como EcoMT e Biomasa Forestal. “Todas reciben asesoramento matemático para resolver necesidades estratéxicas”, explica a directora de ITMATI, Peregrina Quintela. Logo do traballo realizado ao longo das xornadas de ESGI as solucións atopadas serán a semente de proxectos de transferencia tecnolóxica. 

Segundo informa a USC, os equipos de investigadores que se enfrontarán aos cinco retos estarán compostos sobre todo por estudantes de formación superior relacionados coas matemáticas, baixo a coordinación dun investigador senior. 

Os ESGI, para quen non o saiba, son eventos itinerantes que se celebran de cinco a sete veces ao ano en distintas cidades europeas (entre as que se inclúen Oporto, Varsovia, Sofía, Utrecht, Manchester e Dublín) cunha duración dunha semana. En España xa tiveron lugar en Sevilla, Barcelona e Santiago de Compostela, que agora recibe o evento por cuarta vez.

Un dos piares temáticos desta edición compostelá será sen dúbida a Industria 4.0 e as súas diferentes modalidades e vertentes, unhas variantes que nos mergullan nunha transformación que o ITMATI di que non teñen precedentes. De cousas concretas como combinar a dixitalización de todos os procesos das empresas co uso de algoritmos avanzados para permitirlles identificar tendencias e comportamentos; tomar decisións máis sólidas; optimizar procesos; mellorar a calidade dos seus produtos; ou reducir custos, etc, falarase (e moito) no marco da semana ESGI de Santiago. 

Entre as empresas que van estar presentes na actividade atópase a devandita Repsol, que certifica así a súa aposta polo papel das matemáticas como instrumento para desvelar o que permanece invisible. Desafíos que teñen o seus precedentes no descifrado das mensaxes que na Segunda Guerra Mundial enviaba internamente a armada alemá, mensaxes cifradas en orixe coa máquina Enigma e que cando se convertían en intelixibles, grazas á simulación numérica, xa era tarde de máis (xa mudaran as pautas levadas a cabo polo inimigo). Acelerar este tipo de procesos é o que expón Repsol nun dos retos que propón no 139 ESGI.

09/07/201809:10
Presentación da acelereadora.
Pontevedra

A provincia de Pontevedra contará cunha aceleradora de proxectos turístico-tecnolóxicos

A Deputación de Pontevedra vai poñer en marcha unha aceleradora de empresas ao abeiro do proxecto TurisTIC, o programa da entidade provincial para dixitalizar o sector turístico (enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas e na rede de asesoramento SmartPEME para firmas, profesionais e autónomos de todas as comarcas). A palestra empresarial foi dada a coñecer por Carmela Silva, presidenta da Deputación, quen a presentou como “unha iniciativa pioneira para a adaptación do tecido turístico provincial ás novas tecnoloxías da comunicación”. A aceleradora, dixo, estará a disposición de cinco empresas e activarase de “xeito inmediato”

A presidenta da Deputación incidiu en que este proxecto vai dirixido “a persoas emprendedoras, empresarias e empresarios, persoas autónomas e profesionais e PEME da nosa provincia con interese en dar un forte impulso ao seu negocio turístico”. O obxectivo é “promover a innovación e o asentamento do talento e da creatividade na nosa provincia”, subliñou.

A aceleradora vai dispor dun programa de seguimento de cada un dos cinco proxectos; un asesor persoal do sector turístico que fará a monitoraxe e a dinamización; e formación en grupo especializada. 

Todas as actuacións do Programa desenvolveranse despois entre o 16 de xullo e o 19 de outubro. Para Silva o eido turístico da provincia é “dos máis importantes e destacou que hai máis de 10.000 empresas dedicadas a esta actividade, o que representa o 34% do sector en Galicia”. E engadiu: “Pódese dicir que practicamente o 13% das empresas da provincia pertencen ao sector turístico con menos de dez traballadores e traballadoras con pouca aposta polas novas tecnoloxías”. Isto precisamente, esta falta de dixitalización (que frea a competitividade, a produtividade e a eficiencia das empresas), é o que se quere emendar co programa TurisTIC.

09/07/201808:53
Unha persoa maior en cadeira de rodas utiliza unhas lentes de realidade virtual.
Santiago de Compostela

Unha convocatoria para impulsar a tecnoloxía dirixida a persoas con discapacidade

Polo xeral, os primeiros anos dunha startup son moi complicados, pero se encima o proxecto ten un compoñente social o seu futuro é, en moitos casos, aínda máis difícil. Por esta razón, a clave da supervivencia pode pasar por contar con aliados como a fundación Ship2B, que busca apoiar e impulsar a estas novas compañías tecnolóxicas.

A fundación xa colabora con importantes startups sociais que aplican a tecnoloxía para axudar a persoas con discapacidade e persoas maiores, como Blind Explorer, Rois Medical, Qrem ou Able.

Agora, a entidade está a buscar novas compañías sociais que impulsar e nas que investir, para o que abriu unha convocatoria que encara xa a súa recta final. As startups que estean interesadas poden presentar as súas candidaturas ata o 15 de xullo.

Os proxectos que resulten seleccionados terán acceso a asesoramento de profesionais expertos no sector, alianzas con grandes empresas e entidades, e a probabilidade de recibir un investimento inicial de ata 40.000 euros e optar a un total de 400.000 euros en roldas posteriores.

Ademais da convocatoria para startups sociais, denominada Tech4Social, a fundación tamén impulsa proxectos a través de Tech4Climate, centrados no medio ambiente, e Tech4Healthy, dirixidos a compañías de saúde.

Este tipo de axudas poden ser fundamentais para lograr o éxito de proxectos sociais nos que a tecnoloxía se pon ao servizo das necesidades de persoas con discapacidade e persoas maiores.

06/07/201812:29
Portada do capítulo.
Madrid

Bertín Osborne recibe na súa casa á cuadrilla de "On Fologüers" no último capítulo da tempada

  • A serie animada da Fundación ONCE vaise de vacacións lembrando as aventuras vividas con Ágatha Ruiz de la Prada, Isabel Gemio, Vicente Del Bosque ou Kike San Francisco

 

A cuadrilla de "On Fologüers", a serie animada da Fundación ONCE, pecha o último capítulo da tempada cunha visita á casa de Bertín Osborne na que repasarán as aventuras que viviron acompañados de famosos como Ágatha Ruiz de la Prada, Isabel Gemio, Vicente del Bosque ou Kike San Francisco.

 

Baixo o título "A túa serie é a miña", Bertín Osborne recibe a Laura, protagonista da "serie do momento", quen visita a casa do artista disposta a cociñar para toda a cuadrilla de "On Fologüers" que forman con María, Amaia, Dani, Adolfo e Toni.

 

A serie despide esta tempada, na que deron as badaladas e viaxaron a París, Bruxelas e ata á Amazonia peruana-, con Bertín entoando a súa "Boas noites Señora" dedicado aos "On Fologüers". 

 

"Boas noites España, boas noites España, 

isto é on fologueeeers

Grazas polos seus sorrisos grazas polas súas visitas, ata a vista

por nós volvemos, sempre que vostedes queiran

aquí nos teeeeñen

boas noites Espaaaña

vémonos en interneeeet!"

 

Tras o éxito da primeira tempada, estreada en xuño de 2016, a Fundación ONCE volveu a insistir neste formato para visibilizar e tratar de normalizar o día a día das persoas con discapacidade retratadas nunha cuadrilla de amigos que se enfrontan a situacións cotiás e que resolven con moito sentido do humor. 

 

Grazas á súa aposta por normalizar a discapacidade a serie da Fundación ONCE foi recoñecida co Premio Cermi.es na categoría de Comunicación e Imaxe Social da Discapacidade. 

 

Despois de 16 capítulos, emitidos en dúas tempadas, a serie obtivo máis de 35 millóns de impactos en redes sociais desde a súa estrea en xuño de 2016. 

 

"On Fologüers" pódese ver en Flooxer, plataforma audiovisual que apoia a creadores con talento e que conta con 1,5 millóns de visitas ao mes; e nas canles de redes sociais de Antena 3, La Sexta, Onda Cero Radio e Europa FM. Ademais, Renfe está a ofrecer desde o pasado mes de maio diversos capítulos nos tres AVE de longo percorrido.

 

A serie emítese nas canles de redes sociais da Fundación ONCE: 

 

Tamén pode accederse a ela a través da web da Fundación ONCE.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS