main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

06/07/201812:23
Voluntario formando a adolescentes nas TIC.
Madrid

Fundación Telefónica recibe o Premio á Transformación Dixital da Asociación Española de Fundacións (AEF)

  • O xurado dos Premios da Asociación Española de Fundacións (AEF) distinguiu a Fundación Telefónica na categoría de "Transformación Dixital" (novidade nesta terceira edición).
  • Con este galardón, a AEF recoñece "o seu decidido impulso para facer das transformacións tecnolóxicas un instrumento ao servizo da sociedade dixital, que responda as esixencias da igualdade de oportunidades e á difusión do coñecemento para todos e ao servizo de todos".

 

Os Premios da AEF recoñecen ás fundacións españolas que mellor representan os valores do sector no cumprimento dos fins de interese xeral. As outras tres fundacións recoñecidas foron: a Fundación Magdalena Moriche na categoría de "Iniciativa Filantrópica", a Fundación Biodiversidade do Ministerio da Transición Ecolóxica na categoría de "Colaboración" e a Fundación Adsis, na categoría de "Innovación Social".

O xurado foi o encargado de analizar e deliberar sobre as propostas recibidas. Formárono Antonio Garrigues, presidente da Fundación Garrigues, Avogados e Asesores Tributarios; Ana María Llopis, fundadora e conselleira delegada de Global ideas4all SL.; Rafael Matesanz, fundador da Organización Nacional de Transplantes e Premio Príncipe de Asturias; Teresa Perales, nadadora paralímpica; Araceli Pereda, presidenta da Asociación Hispania NostraBieito Rubido, director do diario ABC; e Eva Saiz, subdirectora do diario El País.

Con relación á orixe dos Premios, o presidente da AEF, Javier Nadal, afirmou: "En 2016 puxemos en marcha os Premios AEF co fin de impulsar valores que marcasen o desenvolvemento da actividade das fundacións e, desta maneira, propiciar a eficacia no cumprimento dos fins de interese xeral, así como aumentar o seu impacto na vida dos cidadáns". A este respecto, continúa Nadal: "Sentímonos moi orgullosos dos premiados, pero tamén de todas as fundacións que presentaron proxectos de altísima calidade e ás que convidamos a seguir participando en próximas edicións".

entrega dos premios realizarase no marco de Demos 2018: Foro de Fundacións e Sociedade Civil, un encontro que celebra a súa segunda edición o 26 de novembro nas sedes de MediaLab-Prado e Caixaforum Madrid. Os galardóns consistirán nun diploma e un símbolo artístico.

A Fundación Telefónica puxo en marcha en 2017 a estratexia global de Transformación Dixital co obxectivo de combinar intelixentemente a tecnoloxía dispoñible coa súa experiencia en acción social. Deste xeito, é posible conseguir un maior impacto social nos proxectos, ademais dunha maior eficiencia operativa e un incremento do beneficio e a capacidade de acción. Esta área estratéxica transversal envolve a toda a institución cun dobre alcance: un interno, en canto a transformación dos perfís, os procesos, as ferramentas de traballo que se utilizan, os sistemas e o ADN como organización; e, doutra banda, mirando cara a fóra, a través dos proxectos que achega á sociedade. Á súa vez, está estratexia está a aplicarse a todos os proxectos nas catro liñas de intervención onde actúa a Fundación Telefónica: educativos, de empregabilidade, de voluntariado corporativo e de arte e cultura dixital.

Grazas á Transformación Dixital, Fundación Telefónica está a evolucionar como organización cara a unha organización áxil, que realiza proxectos innovadores con persoas innovadoras, onde a tecnoloxía mellora a capacidade de achegar valor social, que toma decisións baseadas en datos e que aproveita as ferramentas tecnolóxicas para maximizar a eficiencia de procesos. O seu plan estratéxico baséase en tres alicerces principais: unha unidade de tecnoloxía e sistemas; unha unidade de innovación e dixitalización; e unha última de big data e analítica avanzada aplicada a todos os programas. Con estes tres alicerces e un forte compoñente de dixitalización, tanto de proxectos como de procesos e as persoas, conseguiuse este triplo impacto de máis eficiencia, máis impacto social e mellor posicionamento.

06/07/201809:04
Mans sobre o teclado dun portátil.
Santiago de Compostela

A cobertura de internet ultrarrápida estará presente no 96% dos concellos galegos no 2020

  • O Plan de Banda Larga da Xunta e as iniciativas estatais incrementarán do 71% ao 96% a porcentaxe de concellos con núcleos que teñan acceso a redes de alta velocidade
  • O Estado adxudicará este ano novas axudas por importe de máis de 18 millóns de euros para estender fibra óptica na Comunidade
     

As actuacións en macha do Plan de Banda Larga da Xunta e do Estado garanten que máis de 330.000 galegos de 258 concellos, que carecen de acceso a redes ultrarrápidas, teñan cobertura de 100Mbps de velocidade no 2020. En total os plans autonómicos e estatais supoñen un investimento público de 35,2 millóns de euros para incentivar a extensión de fibra óptica en núcleos dun total de 258 concellos galegos que non dispoñen desta tecnoloxía nin previsión de contar con ela.

Ambas medias garanten que en 2020 o 96% dos concellos galegos teñan núcleos con acceso a redes de máis de 30 Mbps, fronte ao 71% de hoxe en día. Esta porcentaxe incrementarase coas novas convocatorias do Estado, a última foi publicada en abril por un importe de 18,5 millóns de euros, e prevese que se resolva este ano.

Así o sinalou onte a directora da Amtega, Mar Pereira, durante a súa comparecencia na Comisión 3ª do Parlamento galego.

 

Oito anos mellorando a conectividade

A directora da Amtega lembrou o esforzo da Administración autonómica nos últimos oito anos para mellorar o acceso a internet en Galicia. En 2010 a prioridade era que toda Galicia tivese acceso a internet. Naquel momento só un 71% dos galegos dispoñía de cobertura. Conscientes desta situación e da gran importancia que as redes móbiles teñen nunha comunidade tan dispersa como Galicia, púxose en marcha Plan de Banda Larga de Galicia cun investimento público-privado de 230 millóns de euros, 75 dos cales os achegou a Administración autonómica.

Un dos obxectivos dese plan foi dotar de cobertura de 3 G a máis de 11.000 núcleos, que xunto cos despregamentos de tecnoloxías ASDL e Wimax conseguiron que a día de hoxe máis do 98% da poboación teña acceso a internet básico.

A extensión de redes 3 G do Plan foi a medida que máis contribuíu a incrementar a cobertura en Galicia. Esta tecnoloxía ofrece unhas velocidades de acceso á rede desde polo menos 2 Mbps ata os 21 Mbps e proporciona cobertura de telefonía móbil.

Ademais, o Plan esixe aos operadores que recibiron subvencións públicas para despregar infraestruturas, a prestación deste servizo durante 10 anos, garantindo a súa continuidade alí onde a demanda sexa baixa, e co compromiso de evolucionar a tecnoloxía

Respecto da fibra, o Plan foi pioneiro en Europa en impulsar desde a Administración pública a extensión de redes NGA`s. Concretamente esta medida do Plan posibilitou o acceso a redes de máis de 100 Mbps a case 200 núcleos de máis de 500 habitantes, fóra de ámbito urbano.

 

Plan de Banda Larga 2020: un maior ancho de banda para todos

Esta última actuación contribuíu a que a día de hoxe o 63% dos galegos teña acceso a redes de 30 Mbps en diante a través de redes fixas. Agora o reto é incrementar esta porcentaxe, un obxectivo marcado por Europa.

Para conseguilo a Xunta puxo en marcha un novo Plan de Banda Larga horizonte 2020. As primeiras medidas do Plan dirixíronse a mellorar a conectividade no tecido empresarial coa extensión de fibra en polígonos e unha liña de axudas a empresas illadas. Este ano púxose en marcha outra medida para chegar a núcleos de poboación que xunto coas actuacións do Estado permitirán incrementar ata o 74% a porcentaxe de galegos con acceso a redes de máis de 30 Mbps. Unha porcentaxe que se incrementará con outras convocatorias estatais.

 

Outras medidas

Por outra banda, o Estado ten pendente aprobar unha Orde ministerial polo que vai establecer obrigacións complementarias de cobertura de 30 Mbps aos operadores beneficiarios do primeiro dividendo dixital (Banda 800 Mhz). Isto vai obrigar a que os 3 operadores de LTE-800 (4 G móbil) conxuntamente dean cobertura de 30 Mbps ao 85% dos habitantes residentes en núcleos de menos de 5.000 habitantes de Galicia, antes do 1 de xaneiro de 2020.

Desde Galicia instouse a través dunha PNL, asinada por unanimidade no Parlamento galego, a que obrigasen aos operadores beneficiarios do primeiro dividendo dixital (Banda 800 Mhz) a cubrir o 90% dos habitantes residentes en núcleos de menos de 5.000 habitantes de Galicia (non só a nivel Estatal) e finalmente o Estado na proposta de orde puxo a obrigación de cubrir o 85% nas CCAA.

06/07/201808:48
Momento do curso.
Lugo

A Fundación TIC mostra no Campus Xuvenciencia como elaborar vídeos para YouTube

Fundación TIC da Deputación de Lugo segue a poñer ao alcance da mocidade os seus recursos e experiencia en contidos dixitais. Diso precisamente trata o obradoiro de novas tecnoloxías que, ao abeiro do Campus de Verán Xuvenciencia Lugo 2018, desenvolveuse na cidade da Muralla. Para dar conta do curso e xuntarse cos participantes (130 alumnas e alumnos da ESO e Bacharelato), a actividade formativa recibiu onte a visita da deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, acompañada pola coordinadora do sexto Campus de Verán Xuvenciencia Lugo, Mercedes Novo Rodríguez. O obradoiro sobre contidos audiovisuais Como elaborar vídeos para Youtubecelebrouse nas instalacións da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC. 

López Izquierdo salientou que “a Deputación de Lugo colabora coa Universidade de Santiago co plan de choque que facilita o financiamento deste Campus de Verán, ademais da colaboración da Fundación TIC, que gravará todo o evento e as distintas actividades dun programa moi diverso que hai para este ano”. Segundo fixo saber, “esta é unha oportunidade única para que o alumnado coñeza en vivo e en directo, con prácticas e obradoiros todo o relacionado coas titulacións científico-técnicas ou científicio-sociais do Campus Terra de Lugo”.

Un equipo de profesionais e bolseiros da TIC ofrecerá tamén apoio técnico e asesoramento ao alumnado para realizar os vídeos de presentación dos seus proxectos finais. A achega da Fundación TIC complementarase con reportaxes e un vídeo coa recompilación dos momentos máis salientables de Xuvenciencia, que se proxectará o día da clausura.

05/07/201820:32
Alberto Núñez Feijóo.
Oleiros

Feijóo destaca a apertura hoxe mesmo do prazo para participar no programa das unidades formativas en empresas

  • O titular da Xunta presidiu esta tarde a entrega do XI Premio Liderado Empresarial da Confederación de Empresarios da Coruña
  • Afirma que se trata dun programa co que se financia a formación á carta nos centros de traballo, é dicir, formación para traballadores ou desempregados adaptada ás necesidades de cada empresa, derivadas do novo contexto dixital
  • Asevera que con estas unidades a Xunta e empresas están a impulsar un modelo de colaboración público-privada para identificar conxuntamente cal é o emprego que vén
  • Anima aos emprendedores a dar o salto dixital, diversificar as súas liñas de negocio e apostar pola innovación para estar presentes nun mercado cada vez máis global e en continua evolución
  • Resalta que Galicia segue reducindo o paro, a un ritmo do 10,33% entre xuño de 2017 e xuño de 2018, o maior descenso desde 1999; creando emprego e ampliando o mellor ciclo exportador da súa historia
  • Felicita ao galardoado José González Fuentes, cuxa traxectoria profesional á fronte do Grupo Luckia, ten demostrado esa capacidade para anticiparse ao cambio e interpretalo como unha oportunidade

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou a apertura hoxe mesmo do prazo para participar no programa das unidades formativas en empresas, “o programa de formación co que financiamos a formación á carta nos centros de traballo, é dicir, a formación para traballadores en activo ou desempregados adaptada ás necesidades de cada empresa”.

Durante o acto de entrega do XI Premio Liderado Empresarial da Confederación de Empresarios da Coruña, Feijóo aseverou que con estas unidades a Xunta e as empresas están a impulsar un modelo de colaboración público-privada para identificar conxuntamente cal é o emprego que vén, para que a industria galega dispoña de man de obra cualificada sen que se produza unha fenda xeracional pola irrupción das novas tecnoloxías.

Así mesmo, referiuse á innovación, á formación e á internacionalización como a fórmula da competitividade para adaptarse á Industria 4.0. E animou aos emprendedores a dar o salto dixital, diversificar as súas liñas de negocio e apostar pola innovación para estar presentes nun mercado cada vez máis global e en continua evolución.

Baixo este obxectivo, lembrou o compromiso do Goberno galego co impulso dun modelo económico que pase pola eliminación das trabas innecesarias aos emprendedores.

Nesta liña, salientou que Galicia segue reducindo o paro, a un ritmo do 10,33% entre xuño de 2017 e xuño de 2018, o maior descenso desde 1999; segue creando emprego, con máis de 26.600 afiliados á Seguridade Social por riba do ano pasado; e segue ampliando o mellor ciclo exportador da súa historia. E a economía galega segue medrando no seu conxunto e, por décimo trimestre consecutivo, faino a unha taxa igual ou superior ao 3% (no primeiro trimestre deste ano, un 3,1%).

Así mesmo, nos primeiros cinco meses do ano, a Comunidade galega é a autonomía onde máis medra a produción industrial: un 10,4 %, catro veces máis ca a media española. E o sector servizos consolídase como un dos motores da nosa economía.

Con respecto ao premio, Feijóo afirmou que demostra que a Marca Galicia destaca en sectores moi diversos como proba o galardoado José González Fuentes, cuxa traxectoria profesional á fronte do Grupo Luckia, ten demostrado esa capacidade para anticiparse ao cambio e interpretalo como unha oportunidade.

“O premiado pertence a ese grupo de persoas que fan que as cousas pasen: porque non está falto de iniciativa. Iniciativa para fundar o Grupo Luckia, que neste momento está entre as compañías líderes no sector do xogo en España; e para expandir este grupo, que dá emprego a máis de 2.500 persoas, ata América Latina, Portugal, Croacia ou Malta”, dixo.

05/07/201814:51
Escritorio con un portátil, un smartphone e un bolígrafo.
Pontevedra

SmartPEME organiza este mes de xullo 44 novas accións TIC na provincia de Pontevedra

SmartPEME, a rede de formación e asesoramento TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra, vai ofrecer este mes de xullo (nas súas diferentes sedes) un completo feixe actividades de capacitación tecnolóxica para os profesionais, os traballadores, as PEME e os emprendedores locais. Trátase de 44 novas accións formativas sobre as máis variadas temáticas TIC. Os obradoiros celebraranse nas sedes de SmartPEME en Cambados (Centro Exposalnés), nos viveiros de empresas de Barro, Lalín e A Estrada e nas oficinas de Vigo, Ponteareas, Pontevedra e O Porriño. Por outra banda, o programa desenvolve este ano novas carteiras de servizos co obxectivo de “continuar axudando ás empresas a ser máis competitivas na contorna económica actual”. 

As oficinas de SmartPEME da Deputación de Pontevedra en Vigo, Ponteareas e O Porriño acollerán durante o mes de xullo un total de 18 accións formativas (seis en cada unha delas) para “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”.

Na oficina de Vigo esta semana comezou o curso Aprende e usa a tipografía axeitada para comunicartee o Woocommerce: A solución que buscabas para vender por Internet. O curso Facebook Ads chegará o xoves 12. O seguinte martes 17 de xullo impartirase Imos chamar á porta da túa clientela: Posicionamento SEO. O xoves 19 de xullo será a quenda de Recursos e ferramentas TIC para o teu negocio, ás 19 h. Para rematar, o luns 23 de xullo á mesma hora, terá lugar o curso Como ser eficiente na organización do teu tempo: trello e toggl". 

A oficina de Ponteareas acollerá os obradoiros: Como mellorar a reputación online do teu establecemento turístico, este xoves 5 ás 19:00 horas. A seguinte será Bota as túas propias fotografías para o comercio electrónico, o martes 10 á mesma hora. A ela seguiralle Todo o que necesitas saber sobre Google Apps for Business, o martes 17 ás 18:00 horas. Esa mesma semana, o xoves 19, ás 19:00 horas, impartirase o curso Como facer unha exitosa campaña de publicidade no Google?. A formación Crea unha páxina profesional con WordPress chegará o luns 23 de xullo, nesta ocasión ás 18:00 horas. Xa por último, o martes 31 de xullo, ás 19:00 horas, Google Analitycs: iniciación á analítica será a acción que impartirá o persoal do programa. 

A oficina do Porriño acolle desde esta semana o curso Woocommerce: A solución que buscabas para vender por Internet" e o de Crea unha páxina profesional con Wordpress chegará o martes da semana seguinte, 10 de xullo. A acción Ferramentas de google para a promoción de negocios locais terá lugar o xoves 12 de xullo, ás 19:00 horas. O martes 17, á mesma hora, será a quenda de Como mellorar a reputación online do teu establecemento turístico. O xoves desa mesma semana, tamén ás 19:00 horas, impartirase o curso Crea un Plan de social media para a túa empresa turística". E, por último, o martes 31 de xullo á mesma hora terá lugar Aprende a xestionar o teu negocio con follas de cálculo.

Polo que se refire á oficina de SmartPEME na cidade de Pontevedra, situada no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra (Gran Vía de Montero Ríos, s/n), acolle durante o mes de xullo un total de seis accións formativas para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital. As quendas son as seguintes: Ferramentas de Google para a promoción de negocios locais que comezou o pasado luns e nesta mesma semana, o xoves 5 ás 18:00 horas, será a quenda de Aprende e usa a tipografía axeitada para comunicarte. O seguinte curso, Plataformas de comercialización para vivendas e apartamentos turísticos, impartirase o martes 10 de xullo ás 19:00 horas. A seguinte semana haberá dúas accións, a primeira o martes 17 ás 18:00 horas baixo o nome Crea unha páxina profesional con WordPress e, a seguinte, Optimiza a visibilidade da túa web con Google Search Console o xoves 19 de xullo ás 19:00 horas. Por último, o luns 23 xullo será a quenda deImos chamar á porta da túa clientela: Posicionamento SEO, ás 19:00 horas.

O Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000 acollerá, durante este mes de xullo sete novos obradoiros ao abeiro da rede TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra. A primeira cita do mes comezou este luns co curso A túa páxina web en menos de 90 minutos. Tras este primeiro obradoiro, o xoves 5 de xullo, ás 19:00 horas, impartirase Aprende a xestionar o teu negocio con follas de cálculo. O martes, 10 de xullo, ás 18:00 horas terá lugar Todo o que necesitas saber sobre Google Apps for Business. O xoves desa mesma semana, ás 19:00 horas, celebrarase o curso Xestión da túa empresa: Facturación e ferramentas integradas. Seguindo cos cursos do mes de xullo, o mércores 18 ás 19:00 horas terá lugar, esta vez no viveiro de empresas de A Estrada, Google Analytics: Iniciación á analítica Web. O luns da seguinte semana, 23 de xullo, ás 19:00 horas, celebrarase o cursoComercializa os teus servizos a través das redes sociais e, por último, o xoves desa mesma semana á mesma hora impartirase o obradoiro Facebook Marketing.

Pola súa banda, o Centro ExpoSalnés de Cambados acollerá durante todo o mes de xullo sete novos obradoiros ao abeiro de SmartPEME. As quendas para o mes de xullo son as seguintes: Crea unha páxina profesional con Wordpress. O martes, 10 de xullo, ás 19:00 horas, Aprende a xestionar o teu negocio con follas de cálculo. O xoves desa mesma semana, 12 de xullo, á mesma hora, levarase a cabo Plataformas online para crear o teu e-commerce. O martes 17 de xullo, tamén ás 19:00 horas, será a quenda de Xestión da túa empresa: Facturación e ferramentas integradas. O xoves desa mesma semana, á mesma hora, chega Guía de boas prácticas para redes sociais. A quenda do obradoiro Como mellorar a reputación online do teu establecemento turístico chega o xoves 26 de xullo, tamén ás 19:00 horas. Por último, Como facer unha exitosa campaña de publicidade no Google? chegará o martes 31 de xullo, á hora habitual, as 19:00 horas.

Polo que atinxe ao viveiro de empresas de Barro, situado no polígono, acolle durante este mes de xullo un total de seis accións formativas para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital. A primeira cita do mes tivo celebrouse o pasado martes coa acción Linkedin: a túa rede de networking. Hoxe, 5 de xullo, ás 18:00 horas impártese O que necesitas saber sobre virtualización. O martes da semana que vén, 10 de xullo, ás 18:00 horas terá lugar Que é o IoT (Internet das Cousas). O xoves desa mesma semana, ás 19:00 horas, levarase a cabo Ciberseguridade, protexe a túa privacidade en liña. O obradoiro Introdución aos sistemas embebidos terá lugar o martes 17 de xullo ás 19:00 horas. Por último, Introdución á Realidade Aumentada impartirase o luns 23 de xullo ás 19:00. 

Todas aquelas persoas interesadas en acudir a estes obradoiros, destinados a persoas emprendedoras, autónomas e autónomos e ás PEME da provincia é de inscrición cen por cen de balde, poden apuntarse chamando ao teléfono 886 202 020, escribindo un correo electrónico a info.smartpeme@depo.es ou a través da páxina web www.smartpeme.depo.es.

Novidades deste ano ao abeiro de SmartPEME
A Deputación de Pontevedra lembra que o proxecto SmartPEME comezou en 2018 afrontando unha nova etapa na súa andaina, un novo treito no que o programa verá aumentados os servizos a fornecer, abrindo tres novas grandes liñas como son o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), que estará situado no viveiro de empresas de Barro, SmartPEME Impulsa e TurisTIC, que se irán facendo dispoñibles para as persoas autónomas e empresas a partir dos vindeiros meses.

A través do Centro Provincial de Economía Dixital vaise mostrar ás empresas as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes que a economía dixital ofrece. Para iso, o CPED apoiarase nas instalacións do FabLab que a Deputación de Pontevedra ten instalado no viveiro de Barro.

Doutra banda, SmartPEME Impulsa abrirá novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización, “unindo deste xeito os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos”, explica a Deputación, engadindo que TurisTIC, como indica o seu nome, presentarase como “un punto de apoio tecnolóxico para o o sector turístico”. Trátase dun servizo enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas e que pretende potenciar o sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS