main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

10/07/201808:46
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

O CiTIUS achéganos aos retos e posibles límites da intelixencia artificial

A Intelixencia Artificial é un dos ámbitos de investigación que máis marcará o noso desenvolvemento futuro. Porén, que haxa sistemas con capacidade de aprendizaxe e resolución que sexan quen de tomar solucións e decisións en múltiples escenarios, sendo elementos cada vez máis activos en sectores críticos, abre unha manchea de preguntas que até o menos familiarizado de nós con estes ámbitos ten por forza que facerse. Por exemplo: até onde vai chegar esa capacidade de decisión e xestión? Que papel xogaremos nós os humanos nesta presenza crecente das tecnoloxías intelixentes e dos algoritmos na saúde, na publicidade, nas finanzas, na industria ou na Rede? Para dar resposta a estas e outras preguntas, o CiTIUS organiza unha xornada este martes 10.

O encontro de divulgación, que será aberto ao público, desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: O futuro da Intelixencia Artificial, a debate. Segundo informa o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CiTIUS), abordaranse “os límites, desafíos e complexidades que expón o crecente protagonismo da intelixencia artificial no tecido socioeconómico, para fomentar a reflexión e o debate entre os participantes”. 

Segundo engade o centro compostelán achegándonos aos porqués do encontro, “a capacidade das máquinas para resolver problemas da súa contorna de forma razoada e autónoma, imitando o comportamento dos seres humanos, abre un necesario debate sobre o marco legal apropiado para o seu desenvolvemento e funcionamento, así como os seus límites tecnolóxicos e éticos”. 

Neste encontro da USC coincidirán especialistas de universidades, empresas e outras institucións para discutir sobre o impacto e os límites da Intelixencia Artificial. Os debates terán lugar no salón de actos do CiTIUS ao redor de dúas mesas redondas: tras unha sesión de mañá con representantes do sector empresarial, que porán o foco nas aplicacións industriais, a quenda de tarde reunirá a científicos expertos na materia. A entrada será como dixemos de balde , con capacidade limitada.
Entre outros, participará no evento Enric Trillas, presidente honorífico do European Centre for Soft Computing.

10/07/201808:44
RMIT New Academic Street, Melbourne.
Santiago de Compostela

IoT e residuos que pasan a ser recursos, entre as futuras transformacións dos campus universitarios

Campus universitarios nos que as aulas tradicionais son menos relevantes a medida que medra a demanda de lugares de traballo interdisciplinares e flexibles, espazos tranquilos, laboratorios e centros de innovación. Espazos nos que os residuos se converten en recursos e utilízase o IoT para optimizar os residuos. É o escenario que debuxa o informe "Campus of the Future" elaborado pola consultora Arup, que suxire que se debe reconsiderar o deseño e o funcionamento destas instalacións co fin de prepararse para unha nova era de aprendizaxe.

Este informe fala da necesidade de adaptación destas instalacións educativas para garantir a súa viabilidade a medida que diminúen os orzamentos e aumenta a presión para ofrecer experiencias excepcionais.

 

Redefinir o Campus

Os centros de educación superior están a pasar de centrarse unicamente nos mozos antes de comezar a súa carreira profesional a apoiar aos traballadores de máis idade para que actualicen os seus coñecementos, manténdose ao tanto das innovacións tecnolóxicas. O informe sinala, ademais, que aínda que se incrementa a formación online, a aprendizaxe no campus seguirá sendo fundamental na educación superior.

Con todo, con métodos de aprendizaxe máis variados que nunca se están redefinindo os requisitos para os edificios dos campus. O informe destaca unha serie de directrices. Aposta por difuminar os límites entre aprender e vivir ofrecendo unha experiencia holística de vida laboral no campus. A integración de despachos de billetes para as compras online, envíos de comida a domicilio, coidado de nenos ou servizo de lavandería poden facilitar o día a día dos estudantes, aumentando o tempo que dedican a actividades significativas no campus.

 

Converter os residuos en recursos

Cren que hai que contar con edificios flexibles polo seu deseño. Espazos que poidan transformarse de forma regular, en liña cos plans de estudo en constante cambio e os requisitos dos estudantes, departamentos e socios da industria. O informe identifica técnicas avanzadas, como a fabricación dixital e a impresión 3D, que permiten isto, facilitando o deseño de estruturas que se poden construír, deconstruir e logo reconstruír.

O informe destaca ás universidades como contornas ideais para converter os residuos en recursos. Por exemplo, os subproductos como a calor poden ser utilizados por outras instalacións, mentres que solucións como os teitos azuis poden axudar a recoller a auga de choiva. Dado que a diminución do gasto público afecta a moitas instalacións, estas estratexias de deseño serán esenciais para garantir o rendemento financeiro dos campus do futuro.

 

IoT para optimizar recursos

Recomenda utilizar os datos para optimizar as instalacións. Un problema importante para as universidades é o baixo índice de utilización dos espazos e instalacións. Unha rede de Internet of Things (IoT) en todo o campus, con intelixencia artificial e algoritmos de aprendizaxe automática, pode axudar a resolver este problema, permitindo recompilar e asimilar unha ampla gama de datos en tempo real. Isto permitiralles maximizar o consumo de recursos e poñer as súas instalacións a disposición de organizacións privadas ou públicas, utilizando un modelo similar ao de WeWork.

Por último, avoga por ser un catalizador da innovación, polo que a proximidade á comunidade empresarial local pode axudar a fomentar a innovación rexional e proporcionar oportunidades de emprego e aprendizaxe para os estudantes. Para permitir a colaboración externa e interdepartamental, os edificios deberían ter espazos abertos, multifuncionais e adaptables que conviden ao coworking.

10/07/201808:29
Cartel do curso.
Santiago de Compostela

Eusumo adestra en mercadotecnia dixital aos emprendedores e as entidades sociais

Eusumo, rede de colaboración impulsada pola Xunta, vai organizar a partir do 19 de xullo (e até o 10 agosto) un obradoiro de formación a distancia sobre que metodoloxías seguir para sacarlle o máximo proveito ás ferramentas tecnoloxías e online para darlle á nosa empresa un extra de alcance, rendibilidade, comunicación integral, competitividade e produtividade. O curso de teleformación Impulsa o teu negocio co marketing dixital está dirixido a grupos promotores, persoas interesadas en emprender e membros das entidades de economía social. Desenvolverase en formato online ao longo de 20 horas. 

Segundo informan os organizadores o obxectivo é “facilitar novos métodos de mercadotecnia e comunicación ás empresas de economía social, co obxectivo de visualizar dunha forma óptima o seu proxecto e mellorar a comercialización dos seus negocios”. As persoas que queiran inscribirse poden facelo (de balde) até o 18 de xullo, a través do correo eusumo.emprego@xunta.es ou ben no teléfono 981 558 008. Asemade, poden descargar o folleto dixital da actividade formativa a través da web da rede de colaboración. Eusumo, para quen non o saiba, é unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento e o desenvolvemento da economía social. Con ela procúrase o fomento do espírito emprendedor prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social.

09/07/201814:16
Pantallazo da web de acceso ao servizo de videointerpretación.
Santiago de Compostela

A Xunta amplía o sistema de videointerpretación a todos os teléfonos de emerxencias en aras de facilitar a relación das persoas con dificultades auditivas coa Administración pública galega

  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora da Amtega, Mar Pereira, asinaron hoxe un convenio de colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia
  • Todos os teléfonos de emerxencia da Xunta disporán do servizo de videointerpretación, o 112, o 085, o teléfono da Muller, o Social, o do Voluntariado e da Infancia; o da Saúde en liña; e o 065

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora da Amtega, Mar Pereira, asinaron hoxe un convenio de colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) co fin de facilitar a relación das persoas xordas, con dificultades auditivas, ou xordocegas coa Administración pública.

Coa sinatura de hoxe amplíanse o número de servizos aos que se pode acceder a través do sistema de videointepretación, xa que a partir de agora todos os teléfonos de emerxencia da Xunta disporán do servizo de videointerpretación, entre os que se atopan o 112, o teléfono 085 de incendios forestais; o teléfono da Muller, ao Social, do Voluntariado e da Infancia; o da Saúde en liña; e o 065 de apoio á mobilidade persoal.

Ademais de ampliar os servizos, incorporase unha nova vía para acceder a eles xa que ata agora, o sistema de videointerpretación estaba dispoñible de forma presencial a través de terminais ubicados en distintas oficinas públicas e en liña, para o que se precisaba dun ordenador con webcam. Ponse en marcha unha aplicación móbil para o sistema de videointerpretación o que supón tamén un importante avance en accesibilidade.

A Xunta xa contaba cun sistema de videointerpretación para que as persoas xordas puideran acceder ao servizo telefónico de atención á cidadanía (o 012), o 061, e ao teléfono de consultas sanitarias e agora dáse un paso máis a prol da integración plena e da igualdade de oportunidades entre as persoas con dificultades auditivas ademais de garantir a igualdade de acceso de todos e todas aos servizos das administracións. 

Nesta mesma liña, o Goberno galego vén colaborando dende o ano 2009 coa Federación para desenvolver programas para mulleres en situación de especial vulnerabilidade e para facilitar a atención psicolóxica das vítimas de violencia de xénero con discapacidade auditiva.

09/07/201809:26
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Ignacio Lema, visitaron esta mañá o curso de formación especializada “Novas ferramentas para novos materiais”.
Agolada

A Xunta impulsa en Agolada a formación en novas tecnoloxías para artesáns no marco do Corazón da Artesanía

  • A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Ignacio Lema, visitaron esta mañá o curso de formación especializada “Novas ferramentas para novos materiais”
  • Esta actividade, dirixida polo arquitecto e artesán Rubén García-Louzao Araújo, ten por obxectivo iniciar os profesionais da artesanía na impresión 3D e no deseño específico que lles permitirá incorporar esta ferramenta no seu traballo
  • O cociñeiro do Grupo Nove Javier Rodríguez Ponte “Taky” protagoniza hoxe a iniciativa Artesanía no Prato e os grupos De Vacas e Xacarandaina pechan a programación musical desta sétima edición

 

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Ignacio Lema, visitaron esta mañá a última sesión do curso de formación especializada para artesáns “Novas ferramentas para novos materiais”, que se está a celebrar esta fin de semana no conxunto dos Pendellos de Agolada (Pontevedra), no marco do Corazón da Artesanía. VII Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia. A actividade estase a desenvolver desde o pasado venres e está dirixida polo arquitecto e artesán maquetista Rubén García-Louzao Araújo.

O obxectivo do curso é introducir os profesionais de Artesanía de Galicia nas posibilidades que ofrece a impresión en 3D para o seu traballo, así como a formación no deseño específico para utilizar esta ferramenta, os materiais que requiren e un uso básico e mantemento das impresoras. Tradición e novas tecnoloxías danse a man nesta actividade formativa organizada pola Fundación Artesanía de Galicia na que os asistentes aprenderán a realizar unha peza empregando ferramentas como cortadoras láser, impresoras 3D, materiais termodeformables, espumas inxectables ou polímeros.

O VII Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que comezou o pasado venres nos Pendellos de Agolada, remata hoxe cunha xornada na que tamén haberá música e gastronomía. A partir das 13:00 horas, a Praza do Concello acolle a Sesión Vermú Lodeiros, coa actuación do grupo compostelán De Vacas, e, a partir das 19:00 horas, terá lugar a do grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina (A Coruña).

A iniciativa Artesanía no Prato, coa que se busca incorporar as pezas de Artesanía de Galicia como soporte da cociña galega de vangarda, pecharase tamén mañá domingo co showcooking do cociñeiro do Grupo Nove Javier Rodríguez Ponte “Taky”, xefe de cociña do Catering Boketé (A Coruña), que se realizará en dúas sesións ás 13:30 horas e ás 15:00 horas.

Nesta edición do Corazón da Artesanía están a participar un total de 52 artesáns de 26 oficios diferentes, así como 49 expositores de produtos gourmet. Na xornada de hoxe continúan tamén os obradoiros abertos a todo tipo de públicos que se celebran en horario de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 21:30 horas. Hai talleres de cestería, impartido por Dolores Lourón (Lugo); de manipulado de papel, a cargo do obradoiro Mimadriña (Fisterra); de torno cerámico, impartido polos ceramistas Susana González (A Coruña), Antón Román (Gondomar) e Roberto Piñeiro (Vigo); de tapices, dirixido por Marina Seoane; de tecido en baixo lizo, a cargo da Asociación Galega de Artesáns Tradicionais e dirixido por María Xosé Martínez; e de elaboración de calzado con materiais reciclados, impartido polos artesáns José Antonio Carrera (Vigo), Aroa Veiga (Gondomar) e Rebeca Rodríguez (Vigo). Ademais, o obradoiro Como pez en el agua (Santiago de Compostela) encárgase dun taller de pintura sobre tecido especialmente dirixido ao público infantil.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS