main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

24/07/201816:42
Centro de Referencia en Realidade Virtual de Laval, en Francia.
Laval

A Xunta destaca a súa aposta pola industria 4.0 e a dixitalización nunha visita ao Centro de Referencia en Realidade Virtual de Laval, en Francia

  • As directoras da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e da Axencia Galega de Innovación (Gain) e o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) coñeceron hoxe as instalacións que a empresa EON Reality implantou en Laval
  • Trátase dunha compañía posicionada no ámbito internacional en transferencia de coñecemento baseado en realidade virtual e aumentada á industria e á educación
  • Destacaron o encontro como punto de partida para avaliar formas de colaboración e posibles investimentos en Galicia

As directoras da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, xunto co director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Juan Cividanes, visitaron esta mañá o Centro Interactivo Dixital da empresa EON en Laval (Francia), onde ratificaron a aposta da Xunta pola implementación da Industria 4.0 e da dixitalización no tecido produtivo galego.
 

Este centro, creado en 2014, está orientado a potenciar a transferencia de coñecemento e facer crecer a economía dixital da rexión, así como desenvolver aplicacións dirixidas a satisfacer necesidades rexionais e formar a profesionais no ámbito da realidade virtual e aumentada, a través da VR Innovation Academy, no contexto da iniciativa Laval Cidade da Realidade Virtual.

 

EON Reality é a empresa impulsora destas instalacións que conta con 24 centros arredor do mundo e está posicionada no ámbito internacional en transferencia de coñecemento baseado en realidade virtual e aumentada á industria e á educación. A visita dos tres directores da Xunta enmárcase, polo tanto, na aposta da Administración Autonómica pola dixitalización dos procesos produtivos no marco da Axenda Industria 4.0, que ten entre os seus retos a redución de custos de fabricación, a personalización dos produtos, a apertura de novas oportunidades de negocio e unha maior produtividade e competitividade do tecido empresarial de Galicia. En definitiva, busca o crecemento económico para a Comunidade galega.

 

Neste senso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), está a poñer en marcha varias ferramentas para apoiar a dixitalización do tecido empresarial galego como é o impulso á creación de Hubs de Innovación Dixital, unha nova estrutura de colaboración entre todos os axentes do sistema de innovación para avanzar na incorporación das TIC e das tecnoloxías facilitadoras clave co obxectivo de aumentar a competitividade das empresas e dos sectores estratéxicos para Galicia.

 

Tamén destaca o programa Fábrica Intelixente que apoia proxectos de I+D+i de empresas co fin de atraer proxectos industriais cara Galicia, impulsar a Industria 4.0 e crear emprego de calidade. Ademais, a través do CIS Galicia, Gain ofrece servizos tecnolóxicos de realidade virtual e aumentada aos sectores que o demanden.

 

Durante a visita, o director do Igape salientou o encontro como punto de partida para avaliar formas de colaboración e posibles investimentos en Galicia no eido no que o Interactive Digital Centrer Hub desenvolve a súa actividade, a realidade virtual aplicada á industria. Así mesmo, salientou a relevancia da creación e a transferencia de novos coñecementos como motores do crecemento económico e do impulso da competitividade das empresas. 
 

Nese sentido, Cividanes lembrou que o Goberno galego aprobou recentemente a Lei de implantación empresarial para facilitar a atracción de investimentos en Galicia, especialmente aqueles que teñen como obxecto o desenvolvemento de iniciativas de innovación, dixitalización e incorporación da Industria 4.0 no tecido empresarial galego. Neste ámbito, a Xunta ven impulsando a Axenda Industria 4.0, que xa beneficiou a máis de 4200 empresas, promovendo investimentos 4.0 e a incorporación de solucións tecnolóxicas destinadas a facilitar a necesaria transformación dixital do tecido produtivo.
 

Desde a Amtega, pola súa banda, no marco da Axenda Dixital de Galicia 2020 estase a apostar pola consolidación dun ecosistema tecnolóxico galego robusto, con especial atención ás novas tendencias disruptivas como a realidade virtual ou a realidade aumentada e a súas posibles aplicacións a áreas como a educación ou os contidos dixitais, a través de iniciativas como Abalar ou o Plan DICO Mindset. 
 

Ademais, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), consciente de que estas tendencias tecnolóxicas precisan de novos perfís dixitais, lanzou o Plan DigiTalent en colaboración co sector tecnolóxico para impulsar o talento dixital entre os máis novos, ofrecer capacitación dixital continua aos profesionais en activo e formación específica para que os directivos poidan liderar a transformación dixital da súa empresa.

24/07/201814:41
Portátil e rato enriba dunha mesa.
Santiago de Compostela

A porcentaxe de fogares galegos con internet sitúase no 84% e supera a media estatal por primeira vez

  • A contratación de internet creceu un 20% entre 2014 e 2017, eliminando a fenda dixital co Estado e reducindo a menos dun punto a diferencia con Europa
  • O uso de Internet incrementouse preto de 12 puntos nos concellos galegos de menos de 5.000 habitantes nos dous últimos anos
  • Máis do 63% dos galegos de 55 a 64 anos acceden a internet, un 15% máis que o ano anterior e un 42% máis que en 2014
  • O 32% dos fogares galegos contan cunha velocidade de Internet contratada superior aos 30 Mbps, o que supón un incremento do 13% no último ano
  • Preto do 32% da poboación galega comprou a través de Internet nos tres últimos meses, aumentando 3 puntos porcentuais no último ano
  • Dous de cada tres internautas galegos interactou coas Administracións Públicas a través de Internet para o envío de formularios cubertos, superando a media estatal e europea

O 84,1% dos fogares galegos contan con Internet, 5,4 puntos porcentuais máis que ao ano anterior. Este incremento sitúa a Galicia, por primeira vez, por riba da media estatal e reduce a menos dun punto a diferencia coa media europea. Así se desprende dos resultados do “Diagnóstico sobre a Sociedade da Información nos fogares galegos”, que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Amtega.

Segundo o informe, o crecemento da contratación de internet no período 2014 – 2017 foi dun 20%. Cómpre destacar tamén a evolución da calidade de conexión á Internet, cun crecemento de máis do 13% na contratación de servizos de máis de 30 Mbps de velocidade.

Ademais, no último ano rexistrouse un crecemento destacado en indicadores chave para a evolución da sociedade da información en Galicia, como unha maior contratación en concellos de menos de 5.000 habitantes, e o incremento no uso de internet entre os maiores de 55 anos.

 

Usos de Internet

Respecto á utilización de Internet, a porcentaxe de usuarios de Internet nos últimos tres meses incrementouse en Galicia 4,4 puntos nun ano e sitúase no 78,4%. Entre os galegos que utilizaron Internet nos últimos tres meses, un 83% fano a diario e un 14,1% todas as semanas.

O uso de Internet continúa a incrementarse en todos os tipos de hábitat analizados, estando especialmente estendido nos concellos de máis de 50.000 habitantes, onde supera amplamente a media galega e acada unha porcentaxe do 85,5%, por riba da media estatal e europea. Non obstante, cabe salientar, especialmente, o incremento de 11,9 puntos porcentuais no uso de Internet nos concellos galegos de menos de 5.000 entre 2015 e 2017.

As compras a través da Rede continúan en ascenso, acadando ao 31,8% da poboación galega que adquiriu algún ben ou servizo a través de Internet nos tres últimos meses e aumentando 3 puntos porcentuais no último ano.

Galicia volve ser líder no uso dos servizos da administración electrónica respecto aos ámbitos nacional e europeo, de xeito que o 67,4% dos galegos que utilizaron Internet no último ano buscaron información de trámites administrativos a través de Internet, e o 66,1% ten utilizado as posibilidades da administración electrónica para enviar formularios cubertos.

 

Efecto das variables socioeconómicas sobre os indicadores TIC

A idade do usuario, o nivel de ingresos do fogar ou a convivencia con nenos con idades entre os 3 e os 16 anos, son as variables que afectan de maneira máis directa aos distintos indicadores TIC analizados.

Practicamente a totalidade de mozos galegos menores de 35 anos conectáronse a Internet nos últimos tres meses, dato que incluso supera a porcentaxe estatal. Cómpre destacar o significativo aumento no uso de internet no colectivo de persoas de 55 a 64 anos de idade, un 15% respecto ao último ano e máis dun 42% desde 2014. O 63,7% dos galegos deste tramo de idade empregan internet.

Ademais, o estudo indica que estudantes, ocupados e con nivel formativo superior á etapa secundaria son os colectivos que máis empregaron a rede nos últimos tres meses.

A estrutura do fogar é outro dos factores que inciden na evolución das TIC. Así, a contratación de Internet é superior nos fogares que contan con nenos en idade escolar obrigatoria sitúase no 97,5% superando á media autonómica en 13,4 puntos porcentuais.

Outro dos indicadores determinantes na análise dos indicadores TIC é o volume total de ingresos do fogar, de modo que a medida que estes aumentan, a porcentaxe de calquera dos indicadores analizados tamén se incrementa gradualmente.

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal

24/07/201808:42
Seguridade
Santiago de Compostela

O Clúster TIC achéganos á ciberseguridade 4.0 da Industria 4.0

O Curso CiberTIC Galicia, Ciberseguridade para a Industria 4.0 conta co co-financiamento do IGAPE e inclúe unha serie de módulos formativos de 50 horas que buscan introducir aos nosos profesionais nos principais aspectos relacionados coa ciberseguridade.

O Clúster TIC vainos achegar nos meses vindeiros á formación máis avanzada e eficaz en materia de protección en liña, pero non unha protección en liña senón unha metodoloxía anti-risco moi envorcada coa nova revolución produtiva: os xeitos de producir máis automática, intelixente, eficiente e sustentábelmente cos que, queirámolo ou non, teremos que convivir (e producir). O Curso CiberTIC Galicia, Ciberseguridade para a Industria 4.0 conta co co-financiamento do IGAPE e inclúe unha serie de módulos formativos de 50 horas que buscan introducir aos nosos profesionais nos principais aspectos relacionados coa ciberseguridade.
Entre os temas que se abordarán nas sesións inclúese a protección de datos persoais ou a propiedade intelectual, sendo este último un tema que, segundo lembra o Clúster TIC, “afecta especialmente ás entidades empresariais”. A plataforma empresarial tamén fai que saber os módulos incluídos permitirán aos asistentes “recoñecer as ameazas e posíbeis ataques que poden dirixirse aos sistemas telemáticos dunha entidade”. Tamén aprenderán “a xestionar a seguridade dos datos na Rede ou recoñecer os perigos agochados nos dispositivos móbiles ou en mobilidade”. Ao remate do percorrido formativo, as persoas participantes estarán en disposición de “facer fronte ao crecente número de ameazas” e de encarar, coas mellores ferramentas, a defensa do ben máis prezado para as corporacións de calquera índole: a información.
A programación desenvolverase as tardes dos martes e xoves de setembro e outubro en formato teórico e práctico en horario de tarde. As sesións teóricas levaranse a cabo en Santiago de Compostela e os módulos prácticos nas instalacións do Centro Tecnolóxico Gradiant en Vigo. O alumnado deberá acudir co seu equipo informático ás sesións de laboratorio.

23/07/201809:53
App móbil Transporte Público de Galicia
Santiago de Compostela

O Plan de transporte metropolitano da Coruña estrea unha aplicación móbil con información en tempo real sobre o traxecto dos autobuses

Trátase dunha nova versión da aplicación do Transporte Público de Galicia, dispoñible para IOS e Android, que ofrece datos sobre paradas e horarios dos buses en tempo real e realizar búsquedas

  • Trátase dunha nova versión da aplicación do Transporte Público de Galicia, dispoñible para IOS e Android, que ofrece datos sobre paradas e horarios dos buses en tempo real e realizar búsquedas
  • A previsión é estendela de xeito progresivo por toda Galicia e incorporar tamén o pago desde o móbil
  • Con esta iniciativa o Goberno galego continúa a apostar pola mellora do transporte público na Coruña, reforzado pola posta en marcha do plan de acceso dos autobuses interurbanos ao centro da cidade
  • Desde novembro, rexistráronse case 860.000 viaxes de autobús empregando as novas paradas do núcleo urbano
  • Desde a implantación da súa primeira fase, no pasado mes de novembro, rexistráronse incrementos medios do 5% no número de viaxeiros do transporte inteurbano

Os usuarios do Plan de accesibilidade do transporte metropolitano ao centro da Coruña xa poden acceder ás paradas e ao horario dos autobuses en tempo real, grazas á actualización da aplicación do Transporte Público de Galicia da Xunta, publicada hoxe. A Consellería de Infraestruturas e Vivenda e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) prevén ampliar esta nova funcionalidade a outras zonas de Galicia de xeito progresivo e nun futuro que sexa posible, ademais, realizar o pago desde o móbil.

A nova versión da aplicación, dispoñible para os sistemas operativos iOS e Android  permite realizar buscas por liñas (por concello e empresa) e por paradas (por concello, dirección, paradas próximas e por nome).  

Unha vez que o usuario accede á liña do seu interese, a app móstralle os horarios de saída, os horarios de paso por parada e a representación gráfica da liña sobre o mapa. Se accede á parada poderá informarse dos próximos servizos que pasan esa parada con información en tempo real e a representación gráfica da parada sobre o mapa. 

Con esta nova iniciativa, a Xunta de Galicia continúa a avanzar na súa aposta polo transporte público, que na área da Coruña se viu notablemente mellorada grazas á activación, o pasado mes novembro, do Plan de accesibilidade dos autobuses ao centro urbano da cidade.

Esa iniciativa, que se foi desenvolvendo por fases e cuxo despregamento culminou o pasado 28 de maio, consiste en facilitar que os autobuses realicen paradas no centro urbano,a demais de na estación de autobuses, eliminando a necesidade de transbordos e reducindo, con carácter xeral, os tempos de viaxe. Nese sentido, consitúe unha eficaz ferramenta de fomento do uso do transporte público.

De feito, este Plan de accesibilidade está a rexistrar unha moi boa acollida entre os usuarios do transporte interurbano, rexistrando preto de 860.000 viaxes con orixe ou destino nas novas paradas. Desde a implantación da súa primeira fase, no pasado mes de novembro, rexistráronse incrementos medios do 5% no número de viaxeiros do transporte inteurbano.

Seguimento das bonificacións 

A aplicación do Transporte Público de Galicia púxose en marcha en setembro do ano pasado, ofrecendo aos usuarios do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia con dereito a bonificacións sociais ou coa tarxeta  Xente Nova, ver o resumo de reembolsos realizados e recibir notificacións das súas recargas nos seus dispositivos móbiles.

O seu uso é sinxelo e, unha vez instalada no dispositivo móbil, só hai que rexistrase e xa se poden incorporar á aplicación as diferentes tarxetas das que sexa usuario. A app mostra en orde cronolóxica os reembolsos pendentes de cobro por tarxeta e a data límite para cóbralos. Ademais, o usuario recibirá notificacións das novas recargas e da  súa caducidade. A aplicación tamén permite facer suxestións a través dun formulario no que trasladar calquera proposta, recomendación ou mellora por parte dos usuarios.
Tamén esta dispoñible o portal do transporte público de Galicia (bus.gal), onde os usuarios do transporte poden consultar os horarios dos servicios de transporte público regular por estrada en Galicia e dos servizos baixo demanda a través do buscador do portal.

Plan Tecnolóxico do Transporte

Estas iniciativas enmárcanse no Plan tecnolóxico do Transporte da Xunta de Galicia que, entre outros obxectivos, busca potenciar o uso do transporte con novos servizos de información para os cidadáns con sistemas que permitan tanto novos modelos de pago, como de transporte como o transporte a demanda.

23/07/201809:25
XI edición do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre
Santiago de Compostela

A Amtega convoca a XI edición do premio ao mellor proxecto universitario con licenza libre

O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o 2 de outubro de 2018

  • O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o 2 de outubro de 2018
  • Pode presentarse calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado nalgunha das convocatorias do ano académico 2017-2018

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) convoca a XI edición do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre co obxectivo de achegar aos universitarios galegos ao software libre e ás posibilidades de emprego que lles pode abrir a publicación ou colaboración con proxectos libres.

O premio está dotado con 2.250 euros, repartidos nun primeiro premio de 1.500€ e nun segundo de 750 euros, grazas á achega do Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG), e do Grupo de programadores e usuarios de Linux (GPUL), respectivamente. Ambas entidades son patrocinadoras do premio no marco do convenios de colaboración asinados coa Amtega para a realización de actividades de promoción do Software Libre en Galicia.

Requisitos e prazos

Pode optar ao premio calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado cunha nota mínima de 5, nalgunha das convocatorias do ano académico 2017-2018. O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o 02 de outubro.

Os requisitos que deben cumprir estes traballos son: ter sido realizados cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e ter publicado o software desenvolvido durante o proxecto cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative. Así mesmo, tamén poden participar proxectos que fagan uso de Hardware Libre.

Toda a información sobre como participar está dispoñible na páxina do premio dentro do portal mancomún. https://www.mancomun.gal/premiopfc Ademais, para calquera consulta pode contactarse coa organización do premio, tanto a través da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega como da Oficina de Software Libre do CIXUG.

Plan de Software Libre da Xunta

Esta iniciativa enmárcase no Plan de Acción de Software Libre 2018 da Xunta de Galicia, dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega e en particular no estudantado universitario.

Este premio, que vai pola súa XI edición, ten a súa orixe no ano 2007 da man da empresa galega Igalia, quen ao detectar a carencia de profesionais cunha alta especialización neste área decidiu poñer o seu gran de area para reducir esa falla poñendo en marcha este premio. Dende o curso 2011-2012 este premio é convocado e organizado pola Amtega como parte do seu Plan de Acción en materia de Software Libre, para o que conta coa colaboración e apoio dos distintos axentes do ecosistema do software libre galego.

Con esta iniciativa a Xunta desexa continuar poñendo en valor o traballo que realizan os universitarios galegos durante o seu Traballo Fin de Grao ou Mestrado, promovendo o emprego e difusión do Software Libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS