main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

20/07/201808:25
Sinatura do convenio
Santiago de Compostela

A Amtega e a CRTVG impulsan a creación de contidos interactivos e a integración das segundas pantallas á oferta da televisión pública

A directora da Axencia pública e o director da Corporación asinaron hoxe un convenio para facilitar o posicionamento da televisión pública autonómica nos novos hábitos de consumo

O Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia, DICO Mindset, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), pon en marcha unha das súas primeiras actuacións, a colaboración coa Compañía de Radio Televisión de Galicia para adaptar as emisións do ente público ás novas demandas de consumo.  

O acordo asinado hoxe pola directora da Amtega, Mar Pereira, e o director da CRTVG, Alfonso Sánchez,  contempla un orzamento total de 2.430.000 euros ata o 2020. A axencia pública autonómica achegará 1.780.000 de euros, cofinanciados nun 80% con Fondos Feder, para facilitar o posicionamento da televisión pública autonómica nos novos hábitos de consumo.

Actuacións

Dentro das actuacións a realizar, está previsto a creación de contidos interactivos innovadores para o ámbito educativo non regrado que se integrarán nunha nova unha canle temática. Con esta actuación quérese estimular o uso de novas canles e medios, en liña coas novas tendencias de consumo de contidos educativos, que se poidan orientar ao progreso e ás preferencias educativas do alumnado, a partir da aplicación das TIC.
 
Ademais, para mellorar a experiencia de usuario incorporaranse as segundas pantallas, así como a creación de contidos específicos baseados en realidade aumentada, realidade virtual etc... para ser consumidos nelas.

Por último, para completar o proxecto, está previsto deseñar modelos para a análise de datos, baseados en técnicas de Big Data, que permitan medir e analizar os comportamentos da audiencia co obxectivo de crear canles multimedia personalizadas.

Compra Pública Innovadora

Estas solucións desenvolveranse a través do sistema de compra pública innovadora. O seguinte paso do procedemento será a publicación nos vindeiros días dunha resolución conxunta da Amtega e a CRTVG coa que se abrirá  o período de consultas preliminares ao mercado.

Durante o mes de setembro está prevista a celebración dun Workshop no que as empresas interesadas en presentar proxectos poderán realizar consultas aos técnicos da Amtega e a CRTVG que lles explicarán as necesidades que buscan satisfacer con estas iniciativas.

Unha vez finalizada esta fase de consulta definiranse os proxectos concretos e abrirase o período de licitacións públicas para obter a solución tecnolóxica que mellor responda as necesidades expostas

Plan DICO Mindset

Estas iniciativas en colaboración coa CRTVG son un dos proxectos tractores impulsados desde e a Administración autonómica no marco do DICO Mindset para dar resposta a demandas concretas e ter, tamén  un efecto de estímulo para o sector.

Esta estratexia define actuacións en tres eixos: o reforzo do  capital humano, o desenvolvemento de proxectos tractores e o fomento da competitividade dixital para configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo, que neste momento aglutina en torno a 900 empresas con preto de 5.400 empregados.

Ademais, está previsto crear un centro de xeración de contidos educativos innovadores e dentro da iniciativa de Memoria Dixital apostarse pola aplicación da innovación tecnolóxica a todo o ciclo de vida de preservación, xestión e promoción do patrimonio cultural galego.

Orzamento do Plan

A execución do Plan obedece a unha filosofía de coordinación e colaboración entre distintas entidades do ámbito público (Amtega, Igape, CRTVG, Agadic, etc.), que se estende tamén aos actores do ámbito privado (Clúster TIC, Clúster Audiovisual, empresas tractoras, etc.). En total, DICO Mindset conta cun investimento de máis de 13 millóns de euros, dos que máis de 1,6 millóns de euros se corresponden con capital privado, no período 2018-2020. 

19/07/201816:28
Obradoiro de Robótica.
Santiago de Compostela

O CPEIG e Amtega organizan este verán máis de 30 xornadas nas aulas CeMIT para fomentar o talento dixital da mocidade galega

  • No marco do programa “Tech Kids” impartiranse talleres sobre robótica, pilotaxe de drons e creación de personaxes para videoxogos
  • Os participantes deberán superar distintos retos, ao tempo que desenvolverán competencias persoais como a creatividade e o interese pola ciencia e tecnoloxía
  • Os interesados en participar poden inscribirse de balde na Aula CeMIT da súa localidade

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizan desde finais de xullo ata setembro un total de 30 xornadas sobre robótica, pilotaxe de drons e creación de personaxes para videoxogos enmarcadas no programa “Tech Kids” para  fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega.

As xornadas celebraranse nas Aulas CeMIT de concellos das catro provincias galegas.  “Tech Kids” contempla a celebración de competicións nos distintos ámbitos do programa: programación, robótica, manexo de drons, creación de personaxes para videoxogos..., para ofrecer aos mozos e mozas unha forma lúdica e divertida de achegarse á tecnoloxía e á enxeñaría en informática.  Nos talleres a mocidade deberá superar distintos retos e desafíos, aprendendo e poñendo en práctica o seu talento dixital e amosando a súa capacidade de resolución de problemas, ao tempo que desenvolverá competencias persoais como a creatividade e o interese pola ciencia e tecnoloxía.

Tamén se fará fincapé no fomento do talento dixital feminino, para que as nenas e rapazas vexan a computación e a enxeñería como algo propio delas e consideren a profesión de enxeñaría en informática como un traballo que as axudará a acadar os seus soños e ambicións. 

 

Desafíos en programación e electrónica
Nas xornadas de retos de programación e robótica (Stem Scape Room), os desafíos para os participantes xirarán ao redor da iniciación á programación con escornabot, printbot ou programación de videoxogos con makey makey. 

O reto da programación con escornabot consistirá en percorrer un circuíto con obstáculos levando dun punto a outro o robot. Os rapaces terán que programar o escornabot para que evite as dificultades e consiga chegar á meta dunha soa peza. A finalidade deste taller é iniciar aos nenos e nenas nos primeiros conceptos da programación, análise, resolución e ordenación.

O reto da programación con printbot consistirá en programar un código que se executará no robot, que terá unha electrónica capaz de seguir unha liña negra sobre un fondo branco. Os máis pequenos aprenderán a programar cunha linguaxe visual o código preciso para que o robot sexa capaz de seguir a liña.

E no reto da programación de videoxogos con makey makey, os cativos usarán esta ferramenta para achegarse á electrónica creando un proxecto no que se simulará o xogo de mesa de operación. Utilizando como linguaxe de programación o scratch, os participantes programarán o seu propio videoxogo de operación. 

 

Piloto de drons, unha das profesións en auxe
Co auxe actual dos drons e o aumento de ofertas de traballo relacionadas con esta tecnoloxía, na que se fan tarefas de mantemento, entregas a domicilio ou traballos audiovisuais con drons, a xornada de iniciación na pilotaxe de drons está destinada a rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos que coñecerán os seus compoñentes, como se montan e como son capaces de voar. Tamén farán unha práctica empregando dous tipos de aeronaves: un overcraft –para entender os controis e movementos– e un dron co que percorrerán un circuíto e mesmo competirán entre eles.

 

Do deseño na fase de Concept Art ata o modelado en 3D
E a última das xornadas, titulada “Deseña a túa personaxe”, estará destinada á creación de personaxes para videoxogos. Os máis pequenos aprenderán a crear un personaxe desde o seu deseño na fase de Concept Art ata o seu modelado en 3D. Ademais, coñecerán os trucos necesarios para enfrontarse aos puntos clave do proceso, como son a anatomía, dimensións, proporcións, sensacións que debe transmitir, así como a ambientación e historia do personaxe.

 

XORNADAS TECH KIDS VERÁN 2018

20 de xullo

Xornada de pilotaxe de drons

Fisterra. Aula de deportes do concello (Rúa Santa Catalina, 1, 15155)  9 a 14 horas

23 de xullo

Xornada de robótica

Arzúa. Aula CeMIT (Edificio de Servicios Múltiples. Rúa de Lugo, 45) 9 a 14 horas

24 de xullo

Xornada de robótica

Bande. Aula CeMIT (Casa do Concello, 1º andar. Rúa San Roque, 2). 9 a 14 horas

27 de xullo

Xornada de robótica

Carballedo. Aula CeMIT (Praza Victor Portomeñe). 9:30 a 14:30 horas

30 de xullo

Xornada de robótica

Beariz. Aula CeMIT (rúa San Pedro, 2). 16 a 21 horas

31 de xullo

Xornada de robótica

Brión. Aula CeMIT (Carballeira de Santa Minia, 2). 9 a 14 horas

13 de agosto

Xornada de robótica

Boiro. Aula CeMIT (Centro Social, 1º andar. Rúa Principal s/n). 9 a 14 horas

14 de agosto

Xornada de robótica

Ortigueira. Aula CeMIT (Antigo Centro de Saúde. Rúa Márquez Cortiñas, s/n). 9 a 14 horas

20 de agosto

Xornada de robótica

Leiro. Aula CeMIT (Rúa Padre Eiján s/n). 16 a 21 horas

23 de agosto

Xornada de robótica

Guitiriz. Aula CeMIT (Rúa do Concello, s/n). 9 a 14 horas

27 de agosto

Xornada de robótica

Tomiño. Aula CeMIT (Campo da feira s/n). 9 a 14 horas

27 de agosto

Xornada de pilotaxe de drons

Padrón. Aula CeMIT (Rúa Mollet del Valles, 4-6). 9 a 14 horas

28 de agosto

Xornada de pilotaxe de drons

Xunqueira de Ambía. Aula CeMIT (Colexio Padre Crespo). 16 a 21 horas

29 de agosto

Xornada de robótica

O Barco de Valdeorras. Aula CeMIT (Casa do Concello. Praza do Concello 2, 2º andar). 9 a 14 horas

29 de agosto

Xornada de pilotaxe de drons

Ribeira. Aula CeMIT (Rúa 1 Cubeliño 20 baixo Ribeira). 9 a 14 horas

30 de agosto

Xornada de pilotaxe de drons

Santa Comba. Aula CeMIT (Centro Multiusos. Rúa Curros Enríquez, s/n). 9 a 14 horas

31 de agosto

Xornada de robótica

A Coruña. Aula CeMIT (Centro Cívico de Eiris, 1º planta. Rúa Terranova de Eirís, 7). 9 a 14 horas

1 de setembro

Xornada de pilotaxe de drons

Cuntis. Aula CeMIT (Casa do Médico. Circunvalación Don Aurelio, 65). 9 a 14 horas

8 de setembro

Xornada de pilotaxe de drons

San Sadurniño. Aula CeMIT (Avda Marques de Figueroa, 11) 9 a 14 horas

10 de setembro

Xornada de pilotaxe de drons

Cerceda. Aula CeMIT (Vila Deportiva Fernando González Laxe, s/n, 1º Andar). 9 a 14 horas

10 de setembro

Xornada de robótica

Abegondo. Aula CeMIT (Casa do Concello. Rúa San Marcos, 1). 9 a 14 horas

11 de setembro

Xornada de pilotaxe de drons

Valga. Aula CeMIT (Ferreirós, 1 Cordeiro). 9 a 14 horas

12 de setembro

Xornada de pilotaxe de drons

Celanova. Aula CeMIT (Parque das Triguerizas s/n). 16 a 21 horas

12 de setembro

Xornada de robótica

Pontedeume. Aula CeMIT (Centro FOREMDES. Av. Ricardo Sánchez, 6). 9 a 14 horas

13 de setembro

Xornada de pilotaxe de drons

Ribadeo. Sala da cultura (Casa Viejo Pancho 12, 27700). 9 a 14 horas

13 de setembro

Xornada de robótica

Pontevedra. Aula CeMIT (Edificio Administrativo da Deputación. Gran Vía de Montero Ríos s/n). 15 a 20 horas

14 de setembro

Xornada de pilotaxe de drons

Vimianzo. Aula CeMIT (Casa da Cultura. Rúa A Braña, s/n). 10 a 15 horas

19/07/201813:36
Inauguración de LibreCon
Santiago de Compostela

Galicia consolídase como potencia en software e tecnoloxías libres

AGASOL representa a 23 empresas, máis do 10% do total español

Con bastante frecuencia dise que Galicia non é unha economía na vangarda tecnolóxica, en comparación con outras zonas de España, de Europa ou do mundo. Porén, esta afirmación non é certa se se bota unha ollada ao sector das tecnoloxías libres e, mais concretamente, ao do software libre, no que segundo nos recorda a Asociación Galega de Software Libre (AGASOL), “a nosa terra rompe os esquemas”. Ademais, paseniño pero sen pausa, insiste a entidade, a sociedade e o tecido produtivo van coñecendo máis en detalle o sector do software libre e as súas posibilidades.
Para facernos unha idea, en España, a industria da programación move máis de 35.000 millóns de euros, segundo BSA | The Software Alliance. Desta cantidade, as tecnoloxías libres representan máis de 1.000 millóns segundo diversas estimacións. Por tanto, é un ámbito económico en auxe, sobre todo pola liberdade que dá a cada país para innovar e non depender de terceiros.
Galicia representa máis do 10% do Estado
Máis de 200 empresas están representadas, no ámbito estatal, pola Federación Nacional de Empresas de Software Libre (ASOLIF). Dela tamén forma parte AGASOL, entidade que vela polos intereses das compañías galegas.
Pero que papel ten Galicia no conxunto estatal? Precisamente é unhas das autonomías máis dinámicas no impulso das tecnoloxías abertas e foi a sede do último LibreCon, o maior evento realizado neste ámbito no sur de Europa. AGASOL representa a 23 empresas, máis do 10% do total español, é dicir, superior ao peso da economía galega no Estado. Estas empresas teñen un negocio moi diversificado, que abrangue máis de 40 actividades distintas, desde a creación de diversos tipos de software de xestión ata a optimización de palabras chave en buscadores, pasando pola análise de bases de datos ou os sistemas de virtualización, entre outros moitos.
Actividade en máis de 20 países
Mesmo algunhas compañías galegas teñen traballado para grandes corporacións estranxeiras en complexos proxectos de millóns de euros. Na actualidade, é cada vez máis frecuente a súa proxección internacional, xa que teñen actividade en máis de 20 países. Entre eles, destacan Estados Unidos, Reino Unido, Sudáfrica, Xapón, Corea, gran parte de Latinoamérica e o centro e norte de Europa.
A internacionalización permite que estas compañías, a maioría delas aínda PEME, teñan unha maior solvencia e menor exposición a mercados concretos, o cal tamén garante a súa capacidade para investir en novos proxectos e seguir medrando.
 Medio milleiro de traballadores de elevada cualificación fan posíbel un sector que medra a bo ritmo cada ano e que só en Galicia xa factura máis de 20 millóns de euros. Porén, AGASOL lembra que hai aspectos que non se poden cuantificar con cartos, pero que son igualmente relevantes. “É o caso do grande labor innovador que desenvolven estas empresas desde a nosa Comunidade Autónoma”, sinala a entidade, poñendo o foco na relevancia “dunha tecnoloxía que as nosas firmas exportan a outros países, levando a marca Galicia por todo o mundo e atraendo talento que supón unha vantaxe competitiva respecto doutros mercados e competidores”.
Un ecosistema que medra
Ademais das empresas, o sector está formado por un conxunto de entidades sen ánimo de lucro que defenden o uso e consolidación do software (e hardware) libre. Unha delas é a propia AGASOL, que a día de hoxe é a única entidade empresarial que representa ao sector na nosa Comunidade. A Xunta de Galicia tamén impulsa Mancomún, que pretende ser o portal de referencia de todas as iniciativas que se desenvolven no sector en Galicia.
En canto ao resto de asociacións, poden diferenciarse atendendo ao ámbito no que se moven: hardware e software. Entre as de hardware destacan Recuncho Maker, Makers.Lugo e BricoLabs. En software, Ghandalf, Trasno, XeoPesca, Comunidade O Zulo, Galpon, MeLisa e GPUL. Recentemente tamén se creou Aberteo, asociación que promove o uso da cultura e tecnoloxías libres.

19/07/201808:36
Obradoiro robótica
A Coruña

O CITIC ofreceu un obradoiro de robótica para nenas e nenos inmigrantes

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña desenvolveu hoxe un obradoiro de robótica para nenas e nenos emigrantes.

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña desenvolveu hoxe un obradoiro de robótica para nenas e nenos emigrantes. E fíxoo a través da súa colaboración coa ONG coruñesa Equus Zebra. Segundo informa o centro, asistiron á actividade unha vintena rapaces con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos. O obradoiro levouse a cabo nas instalacións de Equus Zebra baixo o título Taller de programación visual gráfica con Scratch e Makey Makey e foi impartido polo subdirector do CITIC, Javier Pereira, e demais persoal do centro.
Grazas á iniciativa, os pequenos tiveron a oportunidade de dar conta dalgúns dos avances levados a cabo no ámbito da robótica, amais de ter ao seu alcance a posibilidade de probalos en primeira persoa a través de diferentes xogos.
Segundo informa o centro coruñés, a finalidade do obradoiro foi introducir á rapazada nas ferramentas dixitais, amais de favorecer a integración dos pequenos en risco de exclusión social (botando abaixo muros e salvando fendas) pola vía tecnolóxica. Ademais, o CITIC ten o obxetivo de “consolidarse como un axente clave na cidade de A Coruña” e reafirmar o seu compromiso con iniciativas sociais e culturais, “fomentando ademais a transferencia de coñecemento á sociedade”.
Equus Zebra é unha ONGD (Organización Non Gobernamental para o Desenvolvemento) adicada á integración socio-laboral de persoas en risco de exclusión, sen ánimo de lucro e aconfesional, fundada no ano 2000 en A Coruña.

19/07/201808:32
Sonsoles López
Santiago de Compostela

A Deputación de Lugo xerou empregos TIC nos concellos do rural

A Deputación de Lugo fixo reconto hoxe dos postos de traballo xerados na provincia a través do programa Depuemprego, o plan de impulso laboral da entidade.

A Deputación de Lugo fixo reconto hoxe dos postos de traballo xerados na provincia a través do programa Depuemprego, o plan de impulso laboral da entidade. Segundo fixo saber a deputada de Promoción Económica e Social Sonsoles López Izquierdo, a cifra de traballos creados foi de 308, e o número de Concellos beneficiados resultou ser de 63. Unha parte das novas ocupacións tivo relación directa coas novas tecnoloxías, a xeración de contidos ou a dinamización vía dixital, por exemplo: informáticos, técnicos en informática, operadores de cámara ou técnicos en turismo, entre outros.
Segundo lembrou a deputada, o programa destinouse a administracións locais de municipios de menos de 20.000 habitantes e está dotado con 3,5 millóns de euros. Con este orzamento fináncianse os custos laborais de novos traballadores que reforcen os servizos públicos municipais. Uns servizos, por outra banda, que as pequenas entidades locais teñen que ofrecer á cidadanía.
López Izquierdo salientou que nos últimos tres anos investíronse dende o Executivo provincial, a través desta programación, 6,6 millóns de euros. Con eles, engadiu, “xeráronse 523 novos empregos”, unha cifra que engadida ás cifras presentadas hoxe guinda un investimento superior aos 10 millóns de euros e aos 831 postos de traballo dirixidos a fortalecer e ampliar as prestacións municipais no rural.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS